Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 67 Mércores, 05 de abril de 2000 Páx. 4.703

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E RELACIÓNS LABORAIS

RESOLUCIÓN do 28 de febreiro de 2000, da Delegación Provincial de Ourense, pola que se dispón a inscrición e a publicación, no Diario Oficial de Galicia, do convenio colectivo do persoal laboral do Concello de Verín e a certificación do secretario do Concello de Verín na súa calidade de secretario da comisión negociadora.

Visto o texto do convenio colectivo do persoal laboral do Concello de Verín (código convenio nº 3200692), con entrada nesta delegación provincial o día 27-12-1999, subscrito en representación da parte económica polo alcalde e o concelleiro delegado de persoal e, da parte social polo comité de empresa, o día 1-12-1999, e a certificación do secretario do Concello de Verín na súa calidade de secretario da súa comisión negociadora, e, de conformidade co disposto no artigo 90.2º e 3º, do Real decreto lexislativo 1/1995, do 24 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da Lei do Estatuto dos traballadores, Real decreto 1040/1981, do 22 de maio, sobre rexistro e depósito de convenios colectivos de traballo e Real decreto 2412/1982, do 24 de xullo, sobre traspaso de funcións e servicios da Administración do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia en materia de traballo.

Esta delegación provincial,

ACORDA:

Primeiro.-Ordena-la súa inscrición no libro de rexistro de convenios colectivos de traballo, existente nesta delegación provincial, e notificación ás representacións económica e social da comisión negociadora.

Segundo.-Ordena-lo seu depósito no Servicio de Relacións Laborais, Unidade de Mediación, Arbitraxe e Conciliación desta delegación provincial.

Terceiro.-Dispoñe-la súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Ourense, 28 de febreiro de 2000.

José Lage Lage

Delegado provincial de Ourense

Convenio colectivo do persoal laboral do Concello de Verín

Capítulo I

Ámbito de aplicación

Artigo 1º

As normas que contén o presente convenio aplicaranse a todo o persoal laboral do Concello de Verín.

Artigo 2º

O presente convenio considérase vixente desde o día 1 de xaneiro de 2000 ata o 31 de decembro de 2003.

Artigo 3º

Este convenio colectivo quedará prorrogado automaticamente por sucesivos períodos dun ano no caso de non ser denunciado por ningunha das partes.

Artigo 4º

As partes poderán denuncia-lo convenio colectivo para súa rescisión ou revisión. Esa denuncia farase por escrito, na que unha parte se dirixirá á outra parte e mais á autoridade laboral cunha antelación mínima de 30 días respecto do vencemento inicial ou de calquera das prórrogas.

Artigo 5º

As condicións pactadas neste convenio forman un todo orgánico e indivisible, e para os efectos da súa aplicación práctica serán considerados global e conxuntamente, quedando subordinados a calquera disposición xeral de rango superior que puidera ter efecto máis favorable para o persoal laboral no Concello de Verín.

Artigo 6º

Quedan reservadas á negociación colectiva todas aquelas cuestións que directa ou indirectamente afecten as condicións de traballo do persoal deste concello, particularmente as retribucións, calendario de vacacións, réxime disciplinario, xestión dos servicios e método de traballo, seguridade e saúde laboral, e dereitos sindicais e de participación.

Capítulo II

Comisión de control

Artigo 7º

Despois da súa aprobación, no prazo máximo de 60 días, constituirase unha comisión de contro, para o seguimento do convenio, composta polo alcalde ou persoa en quen delegue, e concelleiro delegado de persoal e dous delegados do persoal laboral.

1. Esta comisión estará presidida polo alcalde -ou persoa en quen delegue a dita presidencia- e reunirase, en sesión ordinaria, polo menos unha vez cada tres meses, e por petición de dous membros,

dentro das setenta e dúas horas seguintes á citación, que irá acompañada de motivación.

2. As súas funcións serán emitir directamente acordos referidos a:

a) Interpreta-lo convenio, co fin de resolve-las consultas que as partes lles formulen.

b) Vixilancia do cumprimento do convenio.

c) Mediar nos conflictos colectivos entre as partes, cando o pida calquera das partes.

d) Arbitraxe dos conflictos colectivos, cando as partes así o soliciten por escrito. O resultado da arbitraxe será vinculante para ámbalas dúas partes.

e) Cantas outras actividades tendan á eficacia práctica dos acordos aquí pactados.

3. As funcións desta comisión non impedirán, en ningún caso, o libre exercicio da xurisdicción administrativa ou contenciosa prevista na lexislación vixente.

Capítulo III

A organización do traballo

Artigo 8º

A organización práctica do traballo será competencia do alcalde ou do delegado de persoal, se as competencias estiveran delegadas. Candos e deriven especiais repercusións nas condicións de traballo do persoal laboral, negociarase cos representantes legais destes.

Artigo 9º

Farase unha clasificación profesional que terá por obxecto a definición e unificación das diferentes categorías profesionais.

Todo/a traballador/a que preste servicios durante 10 anos como oficial de segunda ou peón, pasará, tralo informe favorable dos responsables de persoal e dos representantes dos/das traballadores/as, á categoría profesional de oficial de primeira ou peón especializado, respectivamente coas melloras económicas correspondentes.

Artigo 10º

A realización de traballos de superior categoría responderá a necesidades especiais e transitorias, e durarán o mínimo tempo posible.

1. A adscrición dun traballador ou traballadora a un posto de superior categoría farase por decreto da Alcaldía, con comunicación ós representantes legais dos traballadores, o que implicará automaticamente o aboamento das retribucións complementarias que lle correspondan ó posto, se a ocupación supera os 5 días. O tempo máximo no que un traballador pode estar nesa situación ininterrompidamente é de 12 meses; transcorridos estes, ocupará o dito posto outro traballador, se procedese.

Artigo 11º

Ningún traballador ou traballadora poderá realizar labores de categoría inmediatamente inferior á súa durante un período superior a 15 días, tendo en conta, ademais, o establecido no artigo 39 do Estatuto dos traballadores. Transcorrido o período citado, non poderá volver ó posto de categoría inferior ata que transcorra un ano.

Artigo 12º

Trala aprobación do presente acordo, formarase esa escala auxiliar, definindo as funcións que terá que realiza-lo persoal adscrito a eses postos. Á escala auxiliar adscribirase o persoal que teña minguadas as súas facultades e fora considerado así por servicios médicos competentes. Especial atención merecerán neste punto os maiores de 60 anos. O traballador pasará á escala auxiliar nos seguintes casos: por incapacidade no exercicio das súas funcións habituais e voluntariamente ó cumpri-los 60 anos.

Artigo 13º

Tódolos/as traballadores/as que pasen á escala auxiliar conservarán o total das retribucións básicas que viñan percibindo.

Artigo 14º

No caso de que un traballador presente incapacidade manifesta para o exercicio das súas funcións, poderá solicita-la súa xubilación por invalidez ou ben o Concello de Verín poderá tramitala de oficio, sen prexuízo de situacións de segunda actividade. Neste caso o concello farase cargo da diferencia que exista entre a súa pensión e o que viña cobrando. Esta cantidade será fixa, non terá ningunha revalorización e aboarase ata que o traballador ou traballadora reúna os requisitos para a xubilación forzosa. No caso de que lles deneguen a xubilación os organismos competentes, o traballador ou traballadora poderá solicita-la xubilación voluntaria, producíndose os mesmos efectos económicos cós sinalados anteriormente. Para evita-la fraude, os/as traballadores/as que se queiran acoller a estes dereitos pasarán as probas e exames que o concello coide convenientes con cargo ó propio concello.

Artigo 15º

A traballadora en período de xestación terá dereito a que, se o posto de traballo que exerce lle é prexudicial para o seu estado, se lle encomenden funcións acordes coas súas circunstancias.

Capítulo IV

Ingreso, promoción e provisión dos postos

Artigo 16º

O concello fixará a súa oferta de emprego público dentro do mes seguinte á aprobación do orzamento municipal.

O ingreso no Concello de Verín farase por calquera dos sistemas establecidos na lexislación vixente.

Artigo 17º

Os representantes legais dos/das traballadores/as designarán a un vocal nos tribunais de selección, que actuará con voz e voto, e deberá ser de igual ou superior categoría á praza convocada.

Artigo 18º

O concello comprométese a reserva-la porcentaxe máxima que a lexislación funcionarial en vigor prevé para a promoción interna. O sistema de promoción será o de concurso-oposición, no que a fase de concurso será valorada no 45% da puntuación total. Nestes casos non se esixirán os coñecementos previamente acreditados en probas anteriores de ingreso ou noutras posibles promocións internas. Os representantes legais dos traballadores participarán de xeito semellante ó que se sinala no artigo 17º.

Artigo 19º

O sistema de provisión de postos de traballo será o seguinte:

a) O concurso-oposición será o sistema normal de provisión. Os baremos destes concursos serán aprobados polo órgano competente, e deberán conter: méritos académicos, antigüidade, méritos profesionais.

b) Mediante libre designación. Con este sistema poderanse prove-los postos de traballo vinculados dun xeito directo á Alcaldía.

Capítulo V

Vacacións, permisos, licencias e excedencias

Artigo 20º

As vacacións anuais retribuídas terán unha duración de 30 días, que se poderán desfrutar, se o servicio así o permite, en dous períodos de 15 días ininterrompidamente, sendo un deles nos meses de xuño a setembro, ambos incluídos, e empezando o 1 ou 16 de cada mes. Se por necesidades do servicio o/a traballador/a non puidera goza-las súas vacacións nos meses sinalados, terá dereito a fixalas á súa elección, respectando as datas e períodos sinalados anteriormente, salvo en casos de forza maior.

Artigo 21º

O plan de vacacións elaborarase antes do día 1 de abril, para a súa negociación cos representantes dos/das traballadores/as, trala súa petición.

Artigo 22º

Concederanse permisos ou licenicas polas seguintes causas xustificadas:

1. Por nacemento ou adopción de fillos, catro días.

2. Por matrimonio vinte días ininterrompidos, e cinco por separación ou divorcio.

3. Por morte ou enfermidade grave dun familiar de primeiro grao de consanguinidade, catro días, se o suceso se produce na mesma localidade, ou 5 se é en distinta localidade. Se o parentesco é de

segundo grao, terase dereito a dous días menos dos sinalados anteriormente.

4. Por traslado de domicilio, dous días.

22.5. O/a traballador/a cun fillo menor de nove meses terá dereito a unha hora de ausencia ó traballo. Este período de tempo poderá dividirse en dúas fraccións ou substituírse por unha reducción de xornada de media hora.

6. Os traballadores/as que por garda legal teñan ó seu cargo algún menor de seis anos ou un diminuído físico, psíquico ou sensorial terán dereito a unha reducción de xornada dun tercio ou a metade, coa deducción proporcional de retribucións. Tamén poderán acollerse os/as traballadores/as que teñan ó seu cargo familiares de primeiro grao que, por razóns de enfermidade, precisen asistencia continuada.

7. Para concorrer a exames ou a probas de avaliación en centros oficiais, o día da súa realización e o necesario para concorrer a este. Acreditarase a participación co correspondente xustificante.

8. Durante o tempo que duren os congresos ou reunións de carácter profesional, social, ou sindical, coa debida xustificación e ata un máximo de oito días ó ano en función das necesidades do servicio.

9. Por asuntos propios, sen xustificación, nove días ó ano, salvagardando as necesidades do servicio.

10. Para o cumprimento dun deber público de carácter inescusable, o tempo imprescindible.

11. Tralo aviso e posterior xustificación, o/a traballador/a terá dereito ó tempo necesario para asistir á consulta médica.

12. Establécese un permiso de sete días, por unha soa vez, ó/á traballador/a que cumpra unha década neste mesmo ano. Non se poderán acumular as vacacións anuais.

13. As traballadoras, por razóns de parto, terán dereito a cento corenta e cinco días, para distribuír ó seu criterio, antes ou despois do parto. Se os dous proxenitores traballan, o traballador poderá dispor de catro semanas para deducir das anteriores.

14. No caso de enviuvar, o/a traballador/a que teña fillos menores de seis anos ou diminuídos que non desempeñen ningunha actividade retribuída, terán dereito a un mes de licencia retribuída.

Artigo 23º

No relativo a permisos non retribuídos, estes concederanse, por un período de ata dous meses ó ano, por petición do/da traballador/a e coa conformidade do responsable do servicio, conservando durante ese tempo tódolos dereitos laborais, agás os de percepción do salario e o aboamento da antigüidade.

Artigo 24º

As excedencias regularanse de acordo coa lexislación funcionarial en vigor.

Capítulo VI

Xornada e descanso

Artigo 25º

A xornada laboral será de trinta e sete horas e media semanais e desenvolverase preferentemente, e sempre que as necesidades do servicio o permitan, de luns a venres, en horario que se convirá; excluiranse aqueles servicios que teñan xa establecidas diferentes quendas de traballo, que as manterán.

Artigo 26º

O/a traballador/a terá dereito a gozar dun descanso de vinte minutos durante a súa xornada diaria, que se computará para tódolos efectos como tempo de traballo efectivo. O descanso entre xornada e xornada será como mínimo de doce horas e o descanso semanal ininterrompido será como mínimo de corenta e oito horas, gozándoo preferentemente entre o sábado e o domingo.

Os días 24 e 31 de decembro consideraranse como non laborables ó igual que as festas fixadas no calendario laboral.

Capítulo VII

Réxime retributivo

Artigo 27º

As retribucións do persoal acollido ó presente convenio están constituídas polo salario base e os complementos salariais, de posto, calidade ou cantidade de traballo. Cotizarase mensualmente e por 30 días.

Artigo 28º.-Salario base

É a retribución anual percibida mensualmente pola realización da súa xornada ordinaria en función do seu nivel ou grupo de titulación. A súa contía determinarase en funcióin do recollido na Lei de orzamentos do Estado.

Artigo 29º.-Antigüidade.

Retribúe a vinculación do traballador ou traballadora fixo ó concello, evidenciada polo tempo de servicio. Este complemento aboarase a razón de 3.250 ptas. por trienio cumprido.

1. Os trienios comezarán a aplicarse a partir do día un do mes seguinte a aquel no que se cumpran.

2. A acumulación dos incrementos de trienios non poderá exceder do 10% do salario base do nivel A suxeito a este convenio.

Artigo 30º.-Plus especial dedicación.

Este plus non consolidable percibirano aqueles traballadores que polas características do seu posto de traballo, teñan complexidade ou coordinación, maior dedicación e un difícil cómputo horario e poidan esixir flexibilidade.

Artigo 31º

A alcaldía poderá determina-las compensacións pertinentes en función do traballo desenvolvido e a súa productividade.

Artigo 32º

Establécese a prohibición, como norma xeral, de realizar traballos extraordinarios fóra da xornada normal de traballo, agás dos que sexan necesarios e cun tope máximo equivalente a sesenta horas anuais. Só se retribuirán aqueles traballos extraordinarios que foran previamente autorizados pola alcaldía ou polo delegado de persoal. Son unha excepción á regra anterior os traballos necesarios para previr ou reparar sinistros e outros danos extraordinarios e urxentes. Nese caso xustificaranse despois de realizados, nun prazo non superior ós cinco días hábiles. Cando exista a necesidade de realizar traballos extraordinarios, repartiranse, se é posible, de xeito equitativo entre o colectivo afectado. Mensualmente os representantes dos/das traballadores/as serán informados de todo o que concirne ás gratificacións. O importe por cada hora extraordinaria será o 110% do valor da hora normal do salario base do nivel correspondente. Se tales traballos se realizan en horario nocturno ou festivo as

cantidades sinaladas incrementaranse nun 25%.

Artigo 33º

A revisión salarial fixarase de xeito que o incremento das retribucións dos traballadores sexa o establecido polas normas específicas de rango superior que afectan a función pública.

Capítulo VIII

Dereitos sociais

Artigo 34º

Complementaranse as prestacións da Seguridade Social por IT ou accidente laboral ata o 100% da retribución do traballador ou traballadora.

Os ditos traballadores ou traballadoras percibirán esa porcentaxe ata a súa incorporación ó traballo ou adquisición da condición de pensionista. Terán a obriga de someterse ós controis médicos que coide convenientes a corporación e facilita-las visitas médicas.

Artigo 35º

O concello formalizará un seguro de cobertura para as posibles responsabilidades civís e para a defensa xurídica de tódolos/as traballadores/as afectados por este convenio, para os actos que realicen por razón do seu traballo. Este seguro será concertado cunha casa especializada e na determinación deste será oída a comisión de control, sempre e cando non houbera neglixencia ou mala fe.

Artigo 36º

O concello asumirá ó seu cargo a defensa do/da traballador/a que, como consecuencia do exercicio das súas funcións, sexa obxecto de actuacións xudiciais, asumindo os custos e gastos que se deriven, incluídas as fianzas, salvo nos casos en que se recoñeza na sentencia dolo, culpa, neglixencia grave ou mala fe do/da traballador/a. O tempo que o/a traballador/a precise por mor das actuacións xudiciais

derivadas das súas funcións será considerado para tódolos efectos como tempo de traballo efectivo.

Artigo 37º

Por petición do/da interesado/a, o concello concederalles ós seus traballadores/as anticipos de ata catro mensualidades, cun tope máximo de 500.000 pesetas. A devolución efectuarase mediante deduccións mensuais en nómina, sen xerar xuros ningúns. O prazo para a devolución será fixado polo/a interesado/a dentro dos seguintes máximos: 6 meses, para os anticipos de 1 mensualidade; 12 meses para os de 2 mensualidades; 18 meses para os de 3; 24 meses, para os de 4 mensualidades. Todo isto enténdese en función de que o/a afectado/a teña contrato en vigor durante os tempos que se fixan, das posibilidades orzamentarias e tralo preceptivo informe da intervención municipal. Entre a cancelación dun anticipo e a solicitude do seguinte pasará un mínimo de 6 meses.

Artigo 38º

Establécese unha axuda por nupcialidade de 25.000 pesetas, e por natalidade de 30.000 pesetas a cada traballador/a que acredite o nacemento ou a adopción legal dun novo fillo ou filla. No supostos de que os pais traballen para este concello, só un deles terá dereito a esta axuda.

Artigo 39º.-Establécese unha axuda por defunción do traballador ou traballadora en servicio na contía de 150.000 pesetas, que se pagará no momento da presentación da solicitude. Se o traballador ou traballadora falecese en accidente de traballo, os gastos do enterro serán por conta do concello ata un máximo de 200.000 pesetas.

Artigo 40º

Establécese unha axuda para os/as traballadores/as que cursen estudios regrados en centros de ensino oficial consistente no 70% do custo da matrícula. No caso de disciplinas repetidas non asistirá tal dereito. Esta axuda é incompatible con calquera outra que teña a mesma finalidade. Así mesmo, establécese unha axuda de escolaridade que percibirá o/a traballador/a en servicio activo e por cada fillo/a matriculado/a, cos seguintes criterios: presentación do certificado de estar matriculado en:

-Preescolar, ensino infantil ou primario: 15.000 pesetas.

-Ensino secundario e COU: 15.000 pesetas.

-Acceso á universidade para maiores de 25 anos: 25.000 pesetas.

-Universidade: 40.000 pesetas.

Destas asignacións, que se farán anualmente, non se beneficiarán alumnos/as repetidores/as.

Artigo 41º

Coa finalidade de complementa-las prestacións sanitarias, establécese o seguinte baremo de subvencións para os/as traballadores/as da corporación

e familiares que estean recoñecidos ó seu cargo na súa cartilla sanitaria:

a) Próteses dentarias:

-Prótese dental completa: 40.000 pesetas.

-Prótese dental superior ou inferior: 20.000 pesetas.

-Prótese dental de cada peza: 4.000 pesetas.

b) Próteses de visión:

-Lentes normais ou lentes de contacto: 10.000 pesetas.

-Lentes bifocais: 12.000 pesetas.

A duración mínima duns lentes establécese en 3 anos, salvo rotura en accidente laboral, ou cambio de graduación, debidamente acreditado.

c) Próteses auditivas: ó 50% do orzamento.

d) Próteses ortopédicas:

-Sobreplantas: 5.000 pesetas.

-Xustillos, colaríns, cadeiras de rodas, muletas, etec, o 75% do orzamento.

Nos supostos en que existan subvencións por conta da Seguridade Social ou semellantes, debendo presentar certificación negativa, serán complementadas ata acada-los importes do presente baremo.

Para percibir estas prestacións será necesario presenta-la prescrición facultativa oficial, así como o xustificante de pagamento.

Artigo 42º

O/a traballador/a que teña o cónxuxe ou fillo/a en situación de incapacidade absoluta para traballar recibirá mensualmente a cantidade de 10.000 pesetas por membro incapacitado, agás que este/a reciba pensión: nese caso recibirá 15.000 pesetas anuais.

Artigo 43º

Poderán acceder a estas axudas tódolos traballadores e traballadoras que teñan máis dun ano ininterrompido de contrato laboral.

Artigo 44º

Establécese un seguro colectivo que abranguerá as seguintes continxencias e cos seguintes valores:

Falecemento: 5.000.000 de pesetas.

Falecemento por accidente laboral: 7.000.000 de pesetas.

In. permanente absoluta para calquera traballo: 7.000.000 de pesetas.

O presente contrato de seguro colectivo deberá facerse un prazo non superior a tres meses desde a publicación do presente acordo.

Artigo 45º

Os/as traballadores/as do Concello de Verín terán dereito a percibir unha prima de xubilación voluntaria anticipada, de acordo coa seguinte escala:

-60 anos cumpridos: 2.000.000 de pesetas.

-61 anos cumpridos: 1.600.000 pesetas.

-62 anos cumpridos: 1.200.000 pesetas.

-63 anos cumpridos: 800.000 pesetas.

-Ó cumpri-los 64 anos: 400.000 pesetas.

Artigo 46º

O concello garantirá, en calquera caso, o quebranto de moeda, sempre que non exista dolo, culpa grave ou mala fe do traballador ou traballadora.

Capítulo IX

Seguridade e saúde laboral

Artigo 47º

Créase un comité de saúde laboral de carácter paritario composto por dous representantes do grupo de goberno e dous traballadores -que deberán ser delegados de prevención-, actuando como presidente o concelleiro de réxime interior ou persoa na que delegue.

Artigo 48º

As funcións do comité de seguridade e saúde laboral serán:

a) Promover e fomenta-la cooperación dos traballadores na execución da normativa sobre riscos laborais.

b) Coñecer e recibir información dos riscos profesionais.

c) Realización de campañas de mentalización e prevención de accidentes laborais.

d) Participar na elaboración, posta en práctica e avaliación dos plans e programas de prevención de riscos.

Artigo 49º

O concello, con carácter xeral, faralles ós/ás traballadores/as un recoñecemento médico anual, de carácter voluntario, do que lles dará os resultados. Este recoñecemento realizarase preferentemente na xornada laboral. Ademais deste recoñecemento, os maiores de 50 anos poderán solicita-la realización dun exame cardiovascular.

Artigo 50º

O concello proporcionará un uniforme de traballo en concordancia co posto ou función que se realice. Só terán dereito a uniforme os postos de traballo que existan un vestiario especial.

Artigo 51º

Cada centro de traballo contará, imperativamente, cos medios necesarios de primeiros auxilios, en perfectas condicións de funcionamento en todo momento.

Capítulo X

Dereitos sindicais

Artigo 52º

A corporación e os representantes legais dos/das traballadores/as comprométense a desenvolve-las condicións que permitan a liberdade sindical.

Artigo 53º

A representación do persoal desenvolverase de conformidade coa Lei 9/1987 e a Lei orgánica de liberdade sindical e coas demais disposicións que desenvolvan a materia.

Artigo 54º

É competencia dos representantes do persoal a defensa dos intereses xerais e específicos dos/das traballadores/as e, en particular, a negociación das súas condicións salariais, sociais e sindicais. Os representantes dos/das traballadores/as deberán ser informados de:

a) As actuacións que afecten o persoal funcionario e vaian ser tratados na comisión informativa de persoal. Enviaráselles orde do día e acordos acadados; poderase permitírlle-la presencia ós representantes legais dos/das funcionarios/as, para que expresen as súas opinións se fora necesario, pero non estarán presentes na deliberación e votación.

b) Daráselles audiencia en materia de sancións e expedientes disciplinarios.

c) Serán informados da aplicación de pluses, gratificacións, honras e distincións.

d) Serán informados dos contratos laborais de conformidade coa lexislación laboral vixente.

Artigo 55º

Os representantes dos/das traballadores/as deberán ser consultados preceptivamente en relación cos cambios de horarios e quenda, salvo modificación transitoria, así como na reestructuración do cadro de persoal e reorganización deste.

Artigo 56º

Recoñécese o dereito á folga, de conformidade coa Constitución e a normativa que a desenvolve.

Artigo 57º

Os representantes legais dos/das traballadores/as non poderán ser discriminados na súa promoción profesional ou económica. Ningún pode ser sancionado ou trasladado durante o exercicio das súas funcións nin dentro do ano seguinte ó seu mandato, por motivos sindicais. Os delegados sindicais disporán de 25 horas mensuais para a realización das súas actividades, coas seguintes especificacións:

a) Quedan fóra do cómputo as empregadas na negociación colectiva ou as empregadas por proposta da Administración.

b) A comunicación das horas de uso sindical realizarase con 24 horas de antelación, perante o servicio de réxime interior e no propio servicio. No caso de que non poida facerse, respectaranse as necesidades do servicio, pasando posteriormente notificación a réxime interior.

c) Tamén, coa antelación que lles sexa posible, os membros da comisión negociadora comunicarán nos seus departamentos as ditas ausencias.

Artigo 58º

Os representantes dos/das traballadores/as obríganse expresamente a:

a) Cumprir e respecta-lo pactado e negociado coa corporación.

b) Desenvolver labores de estudio e asistencia sindical.

c) Notificarlle á corporación calquera cambio de membros que se produza no seu seo.

Artigo 59º

Calquera conflicto colectivo que se suscite no ámbito deste acordo requirirá, para a súa consideración de licitude, o previo coñecemento da comisión de control. No caso de que non se chegue a unha solución, a comisión poderá determina-las condicións e persoas ás que se lles someterá a arbitraxe a cuestión ou cuestións motivo de controversia. Igualmente, poderase acudir a todas aquelas vías legais que sexan de aplicación.

Capítulo XI

Formación profesional

Artigo 60º

Os/as traballadores/as poderán acceder á realización de calquera curso relacionado co seu posto de traballo, logo de autorización do responsable e en función do orzamento dispoñible, respectándose o principio de igualdade de oportunidades. A asistencia ós cursos terase en conta para a promoción profesional, sempre e cando se expida certificación que demostre o aproveitamento das materias impartidas.

Artigo 61º

Anualmente, a comisión de control elaborará un programa destinado á formación permanente dos traballadores e traballadoras.

Como medida para a promoción entre os/as traballadores/as afectados/as por este convenio da instrucción básica, todo o persoal laboral que non dispoña do título de graduado escolar poderá asistir ós cursos que se imparten en centros oficiais, sendo por conta do Concello de Verín os gastos de matrícula e material escolar.

Capítulo XII

Réxime disciplinario

Artigo 62º

Para os efectos oportunos laborais, enténdese por falta, toda acción ou omisión que supoña unha creba dos dereitos de calquera índole, impostos polas disposicións laborais vixentes, e en particular polas que figuran no presente convenio colectivo.

Artigo 63º

Toda falta cometida por un traballador ou traballadora, clasificarase atendendo a súa importancia, transcendencia e intención en leve, grave ou moi grave.

Artigo 64º

As faltas cualifícanse en leves, graves e moi graves.

1. Faltas leves:

A demora inxustificada na execución do traballo que hai que realizar.

Dunha a tres faltas de puntualidade de máis de cinco minutos e menos de dez na asistencia ó traballo, sen a debida xustificación, cometidas durante un mes.

Non comunicarlle ó departamento de réxime interior os cambios de residencia ou domicilio.

Pequenos descoidos na conservación do material, moblaxe ou pertenzas da corporación.

A falta de aseo persoal.

Non atende-lo público ou os compañeiros de traballo ou corrección e dilixencia debidas.

Non notificar con carácter previo ou, de se-lo caso, dentro das 24 horas seguintes á falta, a razón da ausencia ó traballo, a non ser que se probe a imposibilidade de efectualo.

Non enviar no tempo oportuno a baixa correspondente.

2. Faltas graves:

Máis de tres faltas non xustificadas de puntualidade de máis de dez minutos e menos de vintecinco, na asistencia ó traballo, cometidas nun período de trinta días.

Faltar ó traballo sen a debida autorización ou causa xustificada.

A desobediencia ou incumprimento das funcións encomendadas polos superiores en calquera materia de traballo, incluída a resistencia e obstrucción a novos métodos de traballo ou modernización que introduza o concello.

A omisión da comunicación ó departamento de réxime interior das alteracións ou datos familiares con repercusión económica.

A neglixencia no traballo que afecte á súa boa marcha ou atraso deliberado das actuacións que lles son propias.

A reiteración ou reincidencia de dous faltas leves, aínda que sexan de distinta natureza, excluídas as de puntualidade, dentro dun período de tres meses.

Enfrontamento físico no lugar de traballo.

As derivadas dos supostos previstos nos números anteriores que produzan alteración, prexuízos ou menoscabo do servicio; ou se é o caso, accidentes ou deterioración das instalacións.

3. Faltas moi graves:

Embriaguez habitual ou toxicomanía que repercuta no desenvolvemento do traballo.

Reincidir en falta grave.

Aceptar calquera remuneración, comisión ou vantaxe de empresas, persoas ou organismos en relación coa súa actividade e desempeño do traballo.

O furto e mailo roubo.

O acoso sexual.

Máis de cinco faltas de puntualidade superiores a trinta minutos no período de dous meses.

A fraude, deslealdade ou abuso de confianza nas xestións encomendadas e mais no trato cos compañeiros e compañeiras de traballo ou con calquera outra persoa ó servicio do concello.

Facer desaparecer, inutilizar, estragar ou causar deterioración voluntaria ou neglixentemente en materiais, edificios, pertenzas, moblaxe e documentación do Concello de Verín, e dos seus traballadores e traballadoras.

Artigo 65º.-Sancións.

1. Faltas leves. Amoestación por escrito ou verbal; suspensión de emprego e soldo de ata dous días.

2. Faltas graves. Suspensión de emprego e soldo ata trinta días.

3. Faltas moi graves suspensión de emprego e soldo ata noventa días; despedimento.

Artigo 66º.-Procedemento sancionador.

O exercicio das facultades disciplinarias da corporación axustarase ás disposicións do Estatuto dos traballadores.

Artigo 67º

Correspóndelle á Alcaldía, ou persoa en quen delegue, a aplicación das sancións disciplinarias, así como as medidas correctoras.

Artigo 68º

Con carácter previo á imposición de calquera sanción grave ou moi grave, comunicaráselle por escrito ó traballador ou traballadora, o cargo que se formule, con expresión dos feitos que o motivan e das normas polas que a infracción se presume. No prazo de tres días hábiles, contados desde o seguinte ó da notificación, o traballador poderá efectua-las alegacións conducentes á súa defensa.

Artigo 69º

Practicadas as probas que se coiden pertinentes, de oficio ou por instancia do traballador ou traballadora, formularase proposta de resolución que se lle comunicará a este e que será sometida ó informe do comité de empresa, que o deberá emitir no prazo de tres días hábiles a partir do seguinte ó da recepción da correspondente solicitude.

Artigo 70º

Transcorrido o dito prazo, dictarase a resolución que proceda, que se lle notificará ó interesado ou interesada e se lle comunicará á representación legal dos traballadores.

Artigo 71º.-Cancelación de faltas.

As notas desfavorables por faltas cometidas quedarán canceladas: ós tres meses as leves, ós seis meses as graves e ós doce meses as moi graves.

Disposición adicional

Primeira.-No relativo á composición do comité de saúde laboral, no que ós delegados de prevención se refire, un deles deberá ser funcionario e outro do persoal laboral.

Nº expediente: Sec-199900026.

Comisión negociadora convenio colectivo persoal laboral.

Data: 2-2-2000.

Francisco Cacharro Gosende, secretario do concello de Verín.

Certifico:

Que as partes concertantes do convenio colectivo do persoal laboral do Concello de Verín para o período 2000-2003, ratificado polo Pleno do Concello en sesión extraordinaria do 15-12-1999, foron as seguintes:

Dunha parte, o concello, representado por Juan Manuel Jiménez Morán, como alcalde e xefe superior do persoal, e Adolfo Rolán Fernández, concelleiro delegado de persoal. Como se indicou, o convenio negociado ratificouno o Pleno do Concello na sesión extraordinaria do 15-12-1999.

Pola parte social, o convenio foi negociado e asinado polos membros do comité de empresa do concello, lexitimados en virtude do artigo 87.1º da lei reguladora do Estatuto dos traballadores, integrado o dito comité de empresa tralas eleccións a representantes de persoal do concello que tiveron lugar no ano 1999, polos seguintes traballadores do concello:

Luis Pérez González, Antonio García Feijóo, Sonia Conde Sánchez, Lucía Afonso Fernández e Álvaro Ferreira Diéguez. Nas actas da comisión negociadora que se remitiron a esa delegación provincial faise consta-la candidatura sindical pola que se elixiron no seu día como membros do comité de empresa.

Faise constar igualmente que existe un erro de transcrición do segundo apelido dun dos membros do comité de empresa, Antonio García Feijóo, que figura como Antonio García Seijo, erroneamente.

Para que conste e para os efectos oportunos, expido a presente certificación, co visto e prace do alcalde, en Verín, na data que se indicou ó comezo.

Visto e prace

O alcalde