Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 67 Mércores, 05 de abril de 2000 Páx. 4.685

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DA PRESIDENCIA E ADMINISTRACIÓN PÚBLICA

ORDE do 20 de marzo de 2000 pola que se anuncia a concesión de axudas económicas, en réxime de concorrencia competitiva, dirixidas a empresas que realicen publicacións periódicas escritas integramente en galego normativizado.

O goberno galego, como consecuencia do progresivo incremento da presencia da lingua galega no ámbito da prensa escrita, ten que presta-lo seu máis decidido apoio a tódalas iniciativas que xurdan neste ámbito, co obxecto de continuar coa política marcada no Estatuto de autonomía e cumprir así o establecido no seu artigo 5.3º, que expresa a necesidade de potencia-lo emprego do galego en tódolos planos da vida pública, cultural e informativa, motivo polo cal se promulgou o Decreto 103/1994, do 21 de abril, no que se establecen as axudas dirixidas a publicacións periódicas escritas integramente en galego normativizado.

Por todo iso, en uso das facultades que teño conferidas,

DISPOÑO:

Artigo 1º

Poderán solicita-las axudas que son obxecto da presente orde as empresas xornalísticas radicadas en Galicia e inscritas no Rexistro Mercantil, que difundan as súas publicacións periódicas escritas integramente en idioma galego normativizado.

Artigo 2º

Para os efectos do disposto no artigo anterior e nos termos establecidos no artigo 3 do Decreto 103/1994, do 21 de abril, entenderanse como publicacións periódicas as que teñan un contido informativo ou de opinión, que se imprimen baixo un mesmo título en serie continua, con numeración correlativa e data de publicación, que apareza con periodicidade fixa e con propósito de permanencia indefinida no tempo.

Artigo 3º

Poden optar a estas subvencións as empresas que editen publicacións que reúnan as seguintes condicións:

a) Que estean escritas integramente en galego normativizado.

b) Que teñan un mínimo de 24 páxinas en formato DIN A-3 ou de 32 páxinas en formato DIN A-4 (ou o equivalente noutros formatos).

c) Que se publiquen periodicamente.

d) Que inclúan o pé de imprenta con tódolos datos que estableza a lexislación vixente.

e) Que non se distribúan como suplementos, ou de forma conxunta a outra publicación.

Artigo 4º

Quedan excluídas da concesión de axudas:

a) Os boletíns de información interior ou de institucións.

b) As publicacións de organizacións políticas, empresariais, profesionais, sindicais ou de entidades públicas.

c) As publicacións de difusión total ou maioritariamente gratuítas.

d) As publicacións que se distribúan como suplemento ou de forma conxunta con outra publicación.

e) As publicacións que, estando sometidas ó control da Oficina de Xustificación da Difusión (OXD), non presenten o certificado acreditativo da difusión expedido polo dito organismo.

f) As publicacións que, segundo informe da Dirección Xeral de Política Lingüística, non se publiquen en galego normativizado, segundo establecido no Decreto 173/1982, do 17 de novembro, sobre a normativización da lingua galega e na disposición adicional da Lei 3/1983, do 15 de xuño, de normalización lingüística.

g) As publicacións que non se editaran no ano anterior e non manteñan a súa actividade no momento da concesión da subvención, ou non se comprometan a seguir publicando en galego ata o 31 de decembro de 2000, no caso de ser beneficiarias da axuda.

Artigo 5º

A contía global das axudas non poderá excede-la cantidade de 8.000.000 de pesetas, e serán concedidas con cargo á partida orzamentaria 04.08.361A.470.0 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2000.

O importe das axudas calcularase de acordo cos criterios seguintes:

a) Publicacións con control de difusión pola Oficina de Xustificación da Difusión (OXD).

1. 5 pesetas por exemplar difundido, durante o ano anterior á solicitude.

2. 10.000 pesetas por número editado no mesmo período.

b) Publicacións non sometidas a control de difusión (OXD).

1. 15.000 pesetas por número editado, durante o ano anterior á solicitude.

Por limitación de crédito, os importes por número editado ou por exemplar difundido citados anterior

mente poderán ser reducidos a criterio da comisión de valoración para poder atender, se é o caso, a tódalas empresas admitidas.

Os números dobres dunha publicación serán considerados un único número para efectos da subvención.

Artigo 6º

A Secretaría Xeral para as Relacións cos Medios Informativos poderá propoñer excepcionalmente, para os efectos de esgota-lo crédito da presente convocatoria, o outorgamento dunha subvención complementaria para determinadas publicacións en función da súa calidade ou o seu interese social e cultural. Tamén poderá outorgar unha parte das axudas por concepto de prestación de asesoría lingüística, a cal se avaliará en función das retribucións establecidas nos orzamentos xerais da comunidade para os funcionarios designados para cada caso.

Artigo 7º

As solicitudes, axustadas ó modelo oficial que se publica como anexo desta orde, dirixiranse ó secretario xeral para as Relacións cos Medios Informativos e deberán ir acompañadas da seguinte documentación:

1. Memoria na que se fagan consta-los números publicados durante o ano 1999.

2. Testemuño auténtico da escritura de poder, cando o solicitante actúe en representación da persoa física ou xurídica, titular do medio.

3. Certificación da inscrición no Rexistro Mercantil, no caso de que o titular sexa persoa xurídica.

4. Copia do documento nacional de identidade do solicitante ou representante.

5. Xustificación de estar ó día nos pagamentos das obrigas tributarias e da Seguridade Social.

6. Certificación de non ter contraída ningunha débeda coa Comunidade Autónoma.

7. Declaración do número de exemplares difundidos da publicación de que se trate, durante o período que alude o punto 1, acompañado da documentación que o acredite.

8. Declaración xurada do representante da empresa, responsabilizándose de que continuará realizando as publicacións en galego ata o 31 de decembro de 2000, no caso de ser beneficiario da axuda.

9. Documentación acreditando, se é o caso, a prestación da asesoría lingüística a particulares, institucións e outras empresas.

10. Os peticionarios das axudas presentarán, coa solicitude inicial, unha declaración de conxunto de tódalas solicitudes efectuadas ou concedidas, para un mesmo proxecto, das distintas administracións públicas competentes.

Artigo 8º

As solicitudes poderán presentarse no rexistro xeral da Consellería da Presidencia e Administración Pública, sito no edificio administrativo de San Caetano, Santiago de Compostela, directamente ou a través dos procedementos establecidos nos artigos 38.4º e 38.5º da Lei 4/1999, de modificación da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

As empresas que presenten solicitudes de axuda para máis dunha publicación deberán acompaña-la documentación que se require no artigo 7º desta orde por cada unha das publicacións.

O prazo de presentación das solicitudes será de 30 días naturais a partir do día seguinte ó da publicación desta orde.

Artigo 9º

As solicitudes que se presenten serán avaliadas por unha comisión composta polas seguintes persoas:

Presidente: o secretario xeral para as Relacións cos Medios Informativos.

Vicepresidente: o director xeral de Política Lingüística.

Vocais:

-O director do Gabinete de Comunicación.

-O xefe de servicio da Secretaría Xeral para as Relacións cos Medios Informativos.

-Un funcionario da Dirección Xeral de Política Lingüística, con categoría non inferior a xefe de servicio.

-Un funcionario da Dirección Xeral de Política Lingüística nomeado polo director xeral.

Secretario: un funcionario da Secretaría Xeral para as Relacións cos Medios Informativos, con categoría non inferior a xefe de negociado.

Artigo 10º

A valoración das solicitudes presentadas basearanse nos seguintes criterios:

a) Emprego da lingua galega normativizada.

b) Tiraxe e difusión de exemplares, a súa periodicidade e os números editados da publicación obxecto de avaliación.

Artigo 11º

A comisión poderá solicitar tódolos informes que considere necesarios, elevando a proposta ó conselleiro da Presidencia e Administración Pública, para que adopte a resolución que proceda. A dita resolución pon fin á vía administrativa, e contra esta poderase interpoñer, no prazo de dous meses desde a súa notificación, recurso contencioso-administrativo perante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia.

Artigo 12º

A concesión ou denegación da presente liña de subvencións axustarase ós artigos 42 e 43.4º da Lei 4/1999, de modificación da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común. Polo tanto, no prazo de seis meses desde a data de publicación desta convocatoria, dictarase resolución expresa e notificarase a cada unha das empresas ou entidades solicitantes.

Artigo 13º

Os beneficiarios das subvencións entregarán á Secretaría Xeral para as Relacións cos Medios Informativos e á Dirección Xeral de Política Lingüística dous exemplares de cada número das publicacións subvencionadas.

Artigo 14º

Con independencia da súa contía, e antes de proceder ó seu aboamento, os beneficiarios das subvencións deberán acreditar que se atopan ó corrente das súas obrigas tributarias e sociais, e que non teñen pendente de pagamento ningunha débeda, por ningún concepto, coa Administración pública da Comunidade Autónoma.

Así mesmo, no momento da xustificación da execución total do proxecto e en calquera caso antes de efectua-lo pagamento da axuda, o peticionario presentará unha declaración complementaria do conxunto das axudas solicitadas tanto as aprobadas ou concedidas como as pendentes de resolución, para un mesmo proxecto, das distintas administracións públicas competentes ou calquera dos seus organismos, entes ou sociedades.

O pagamento farase efectivo na súa totalidade unha vez adoptada a resolución a que se refire o artigo 12º e acrediten o cumprimento do estipulado nos artigos 13º e 14º.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Nos aspectos non contidos na presente orde, aplicarase ademais do Decreto 103/1994, do 21 de abril, o disposto nos artigos 78 e 79 do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, así como a Lei 7/1999, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2000.

Segunda.-Facúltase o secretario xeral para as Relacións cos Medios Informativos para dictar, no ámbito das súas competencias, as resolucións precisas para o desenvolvemento desta orde.

Santiago de Compostela, 20 de marzo de 2000.

Jaime Pita Varela

Conselleiro da Presidencia e Administración

Pública