Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 66 Martes, 04 de abril de 2000 Páx. 4.599

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE AGRICULTURA, GANDERÍA E POLÍTICA AGROALIMENTARIA

ORDE do 27 de marzo de 2000 pola que se definen as normas para a aplicación, durante o ano 2000, dun programa de axudas para o cesamento anticipado na actividade agraria.

O Regulamento (CE) 1257/1999, do 17 de maio, do consello, relativo ás axudas para desenvolvemento rural con cargo ó Feoga Garantía, establece no seu capítulo IV, artigos 10 a 12, unha medida para favorece-lo cesamento anticipado na actividade agraria. Os ditos preceptos desenvolvéronse a través da sección 4, artigos 7 a 9, do Regulamento (CE) 1750/1999, do 23 de xuño, da comisión. A dita normativa dictouse en substitución da ata entón en vigor para esta liña de axuda, basicamente o Regulamento (CE) 2079/1992, aplicado no Estado español mediante o Real decreto 1695/1995, do 20 de outubro, modificado logo polo Real decreto 2286/1998, do 23 de outubro.

Pola súa vez, nesta Comunidade Autónoma, o réxime de axudas para o cesamento anticipado na actividade agraria, de acordo coa precitada normativa, regúlase no Decreto 82/1996, do 29 de febreiro, sendo necesario establece-las correspondentes convocatorias anuais.

A Lei 7/1994, do 29 de decembro, dispón que lle corresponde ó Instituto Lácteo e Gandeiro de Galicia, en diante Ilgga, a execución da política da Consellería de Agricultura, Gandería e Montes, hoxe de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria, en relación co sector lácteo e gandeiro, para o cal poderá adoptar todo tipo de accións que contribúan á mellora do sis

tema productivo agrario. Así mesmo, tamén lle encomenda a execución das actuacións derivadas da aplicación da reforma da Política Agrícola Común (PAC), incluso en relación coas medidas de acompañamento, como é o caso do cesamento anticipado.

De acordo co anterior, nesta orde desenvólvense e defínense as normas de aplicación do programa de axudas para o fomento do cesamento anticipado na actividade agraria en Galicia e determínase a súa imputación económica no exercicio orzamentario para o ano 2000.

Polo tanto, de acordo co disposto no artigo 30.I.3 do Estatuto de autonomía de Galicia, e en uso das facultades que me confiren a Lei 1/1993, reguladora da Xunta e do seu presidente e o Decreto 25/1998, do 22 de marzo,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto.

Esta orde ten por obxecto o establecemento das normas de procedemento e xestión para a aplicación na Comunidade Autónoma de Galicia do programa de axudas ó cesamento anticipado na actividade agraria no ano 2000.

Artigo 2º.-Definicións.

Para os efectos de aplicación destas axudas enténdese por:

a) Cedente ou cesionista: o agricultor que cese definitivamente na actividade agraria con fins comerciais e ceda a súa explotación ben a un cesionario ou ben a un servicio de transmisión.

b) Cesionario agrario: a persoa que suceda o cedente á fronte da explotación agraria e que, con tal motivo, amplíe o tamaño desta, ou o agricultor que tome, en todo ou en parte, as terras cedidas polo cedente para ampliar así a súa propia explotación.

c) Traballadores da explotación: as persoas que exerzan a súa actividade na explotación do cedente, sexan membros da familia do titular ou asalariadas e cesen definitivamente na actividade agraria.

d) Cesionario non agrario: a persoa física ou xurídica que se faga cargo das terras cedidas para destinalas a usos forestais, á creación de reservas ecolóxicas ou a outros usos non agrarios compatibles coa protección ou mellora da calidade do ambiente.

e) Actividade agraria a título principal: a actividade agraria, así como a forestal, turística, artesanal, cinexética, ou relacionada coa conservación do espacio natural, exercida polo titular na súa explotación, da que obteña unha renda igual ou superior ó 50 por 100 da súa renda total, sempre que a parte de renda procedente da actividade agraria realizada na súa explotación non sexa inferior ó 25 por 100 da súa renda total e o tempo de traballo dedicado a actividades

desenvolvidas fóra da súa explotación non sexa superior á metade do tempo de traballo total. Non terán esta condición os que realicen unha actividade por conta propia ou allea que supere, en cómputo anual, o 50 por 100 das horas asignadas a unha unidade de traballo agrario (UTA) polo Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación en aplicación do previsto na disposición derradeira sexta da Lei 19/1995, do 4 de xullo, de modernización de explotacións agrarias (BOE nº 159, do 5 de xullo).

Para os efectos do cómputo das rendas da explotación, consideraranse como incluídas nelas as rendas do capital ata o límite do 20 por 100 do neto bruto da explotación.

f) Renda unitaria de traballo: o rendemento económico xerado na explotación agraria que se atribúe á unidade de traballo e que se obtén dividindo entre o número de unidades de traballo agrario dedicadas á explotación a cifra resultante de suma-la marxe neta ou excedente de explotación e o importe dos salarios pagados.

En calquera caso, os titulares de explotacións poderán solicita-la determinación da renda unitaria de traballo con base nos datos da súa contabilidade documentalmente acreditados e, de se-lo caso, da documentación relativa á Seguridade Social.

g) Explotación agraria: conxunto de bens e dereitos organizados empresarialmente polo seu titular no exercicio da actividade agraria, fundamentalmente con fins de mercado, que constitúe, en si mesma, unha unidade técnico-económica.

h) Marxe neta: é a diferencia entre os ingresos da explotación derivados do conxunto das actividades productivas, incluídas as subvencións de explotación, e tódolos gastos fixos e variables, agás os atribuídos á retribución dos capitais propios e da man de obra familiar.

A marxe neta poderá estimarse como resultado de resta-los gastos fixos contabilizados ou, no seu defecto, estimados, de cada explotación, non imputados nas marxes brutas, agás os atribuídos á retribución dos capitais propios e do traballo familiar, da suma das marxes brutas estándar das actividades productivas da explotación, moduladas con criterios técnico-económicos polo Instituto Lácteo e Gandeiro de Galicia.

i) Hectárea tipo: a hectárea de terra cunha producción de 300 euros (49.915,80 ptas) de marxe neta por hectárea, de cada explotación.

j) Agricultor xove: a persoa que teña cumpridos os dezaoito anos de idade sen acada-los corenta e exerza ou pretenda exerce-la actividade agraria.

Artigo 3º.-Beneficiarios.

Poderán ser beneficiarios das axudas establecidas no presente programa os cedentes e os traballadores que cesen definitivamente na actividade agraria.

Artigo 4º.-Requisitos dos cedentes.

Para seren beneficiarios das axudas contempladas na presente orde, os cedentes deben cumpri-los seguintes requisitos:

1. Idade:

a) Con carácter xeral terán, alomenos, sesenta anos, sen acadaren os sesenta e cinco no momento do seu cesamento.

b) No caso de titulares de explotacións de vacún de leite, terán, alomenos, cincuenta e cinco anos, sen acadaren os sesenta e cinco no momento do seu cesamento e, ademais, deben ter aprobadas as axudas por abandono voluntario e definitivo da producción de leite conforme o indicado no Real decreto 1486/1998, do 10 de xullo, sobre a modernización e mellora da competitividade do sector lácteo, ademais de reuni-los restantes requisitos.

Neste caso, a solicitude deben presentala no prazo máximo de dous meses a partir da concesión da axuda por abandono da producción.

2. Ter exercido a actividade agraria a título principal durante os dez anos anteriores ó cesamento.

3. Ter cotizado a calquera réxime do sistema da Seguridade Social un período previo tal que lle permita completar, ó cumpri-los sesenta e cinco anos, polo menos quince de cotización.

4. Estar ó día das súas obrigas fiscais tanto coa facenda estatal como coa autonómica de Galicia e coa Seguridade Social.

Artigo 5º.-Requisitos dos cesionarios.

1. Poderán ser cesionarios agrarios as seguintes persoas:

a) As persoas físicas que sexan titulares de explotacións agrarias desde, alomenos, un ano antes da data do cumprimento do cesamento na actividade agraria polo cedente cando reúnan os seguintes requisitos:

-Non ter cumpridos os cincuenta anos de idade no momento do cesamento do cedente.

-Posuír, ou comprometerse a acadar no prazo de dous anos, un nivel de capacitación profesional suficiente tal como se indica no artigo 4 alínea, 1 b) da Lei 19/1995, do 4 de xullo, de modernización das explotacións agrarias, e demais normativa que a desenvolve.

-Estar dado de alta no réxime especial agrario da Seguridade Social ou no réxime especial de traballadores por conta propia ou autónomos en función da súa actividade agraria e ter cotizado nestes réximes durante un período mínimo dun ano.

-Exercer ou pasar a exercer, como consecuencia do aumento de dimensión da súa explotación, a actividade agraria a título principal.

b) Os traballadores do sector agrario que, non sendo titulares dunha explotación, cumpran os requisitos previstos na alínea a) anterior.

c) Os agricultores xoves.

d) As cooperativas ou outro tipo de persoas xurídicas, de acordo cos requisitos establecidos nos artigos 5 e 6 da Lei 19/1995.

2. Poderán ser cesionarios non agrarios as persoas físicas ou xurídicas que se fagan cargo das terras cedidas para destinalas a usos forestais, á creación de reservas ecolóxicas ou a outros usos non agrarios compatibles coa protección ou mellora da calidade do ambiente e do campo.

3. En calquera caso, os cesionarios agrarios teñen que comprometerse a exerce-la actividade agraria a título principal e a mante-la explotación resultante da transmisión ou explotación equivalente durante un prazo mínimo de cinco anos. Se antes de transcorrido o dito período o cesionario abandona a actividade agraria, a explotación transmitida deberá poñerse á disposición do servicio de transmisión para a súa reasignación, ata completa-lo período.

4. O cesionario deberá comprometerse a subrogarse, de se-lo caso, nos dereitos e obrigas derivados dos plans de mellora realizados polo cedente conforme os reais decretos 1887/1994 e/ou 204/1996.

5. En ningún caso un cónxuxe poderá ser cesionario do outro cónxuxe para os efectos deste programa.

Artigo 6º.-Requisitos dos traballadores.

Os traballadores da explotación na que o seu titular cesa na actividade agraria, para poderen ser beneficiarios das axudas establecidas neste programa deberán cumpri-los seguintes requisitos:

1. Ter cumpridos os cincuenta e cinco anos de idade sen acadaren os sesenta e cinco no momento do cesamento do cedente.

2. Ter cotizado a calquera réxime do sistema de Seguridade Social durante un período previo tal que lles permita completar, ó cumpri-los sesenta e cinco anos, polo menos quince de cotización, dos que os dous últimos anteriores ó cesamento teñen que selo sen interrupción.

3. Estar ó día das súas obrigas fiscais tanto coa facenda estatal como coa autonómica de Galicia e coa Seguridade Social.

4. Ter dedicado á actividade agraria, polo menos, a metade do seu tempo de traballo durante os cinco anos anteriores ó cesamento, como man de obra familiar ou como asalariado.

5. Ter traballado na explotación do cedente, como mínimo, durante o tempo equivalente a dous anos de traballo a tempo completo durante os catro anos anteriores ó inicio do cesamento do antedito titular.

Artigo 7º.-Requisitos das explotacións.

1. Da explotación do cedente:

-Deberá ter unha dimensión económica mínima de oito hectáreas tipo.

-Non deberá empregar máis de dúas unidades de traballo asalariado, nin estas excede-la achega de man de obra familiar.

-Por outra parte, non deberá ter experimentado unha reducción na superficie superior ó 20 por 100 nos dous últimos anos anteriores á solicitude.

2. Da explotación do cesionario:

-A explotación preexistente do cesionario deberá ter unha dimensión económica mínima de dezaseis hectáreas tipo, non computándose nela as terras ou gandos procedentes do titular que cesa ou do seu cónxuxe. Esta dimensión pode ser de doce hectáreas tipo se a transmisión se fai a través do servicio de transmisión.

-Se o cesionario é un agricultor xove que se instala con motivo do cesamento, ou un traballador, deberá amplia-la explotación que recibe do cedente nunha dimensión económica mínima equivalente a doce hectáreas tipo, dentro dos catro anos seguintes á súa instalación.

3. Da explotación resultante:

A explotación resultante da cesión deberá ter unha dimensión económica mínima de trinta e dúas hectáreas tipo e acadar, no prazo máximo de dous anos contado desde o cesamento do cedente, as condicións contempladas na Lei 19/1995, para ser considerada prioritaria.

Artigo 8º.-Requisitos da transmisión.

1. O cedente debe transmiti-la base territorial da súa explotación, así como os dereitos, cotas, cantidades de referencia e concesións administrativas afectas, tanto á parte agrícola como á gandeira, a un ou máis cesionarios que cumpran os requisitos previstos no artigo 5º.

Non obstante o establecido no parágrafo anterior, o cedente poderá seguir explotando, como máximo, un 10 por 100 da superficie agrícola da súa explotación, sen superar unha hectárea, para dedicala ó consumo familiar. Poderá ademais conserva-la dispoñibilidade dos edificios.

Cando o cedente non sexa propietario de toda ou parte da explotación, deberá resolve-los contratos que afecten a súa actividade productiva.

2. O cesionario deberá xustificar que a explotación resultante acada a dimensión mínima establecida no número 3 do artigo 7º. Esta xustificación farase pola presentación da documentación que acredite, en cada caso, a incorporación á súa explotación, ou á que recibe do cedente, das superficies agrícolas, dos efectivos gandeiros e das cotas, cantidades de referencia ou dereitos de producción necesarios. Así mesmo, a dita dimensión mínima poderase acadar mediante algunha das seguintes actividades alternativas á gandeira realizadas na explotación: agrícola, turística, artesanal, cinexética, agroambiental ou de transformación e venda de productos.

3. As transmisións a cesionarios non agrarios faranse a través do servicio de transmisión.

4. As terras cedidas, tanto a cesionarios agrarios como a non agrarios, calquera que sexa o seu destino, deberanse utilizar en condicións compatibles coa conservación ou a mellora do ambiente, do espacio natural e do campo.

Artigo 9º.-Servicio de transmisión.

1. O Ilgga constitúe o servicio de transmisión encargado de realiza-las actividades administrativas de mediación entre o cedente e o cesionario.

2. Para estes efectos, o cedente subscribirá contrato de mandato, en modelo oficial, co director do Ilgga.

3. Os cedentes que decidan emprega-los servicios de transmisión indicarán, na súa solicitude, o Ilgga como cesionario.

O dito instituto realizará os trámites necesarios para a formalización do contrato de mandato, ofertando, en nome do cedente, os predios obxecto da transmisión mediante a publicación, con periodicidade mensual, no Diario Oficial de Galicia, da relación de propietarios, predios, superficie destes, concellos nos que se localizan e réxime no que se oferta a transmisión, así como os dereitos, cotas, cantidades de referencia e concesións administrativas. Así mesmo, a dita relación exporase nas oficinas de información da delegación provincial do instituto, quedando unha copia para exame dos interesados nas axencias do Servicio de Extensión Agraria correspondentes ó concello no que se localicen as explotacións.

En ningún caso o contrato de mandato poderá implica-la cesión a terceiros dos predios ou dereitos a que se refire o parágrafo anterior sen a confirmación do cedente.

4. A Consellería de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria, de acordo coas consignacións orzamentarias, poderá adquirir, por oferta voluntaria, os predios que lle foron ofrecidos polos cedentes en zonas de concentración parcelaria, co fin de podelos incluír en plans de obras ou melloras territoriais, conforme o disposto no artigo 63 da Lei 10/1995, do 14 de agosto, de concentración parcelaria para Galicia (DOG do 22 de agosto).

Artigo 10º.-Contía das axudas.

1. Os cedentes percibirán ata acada-la xubilación definitiva e, como máximo, ata o día en que cumpran os sesenta e cinco anos de idade:

a) Unha indemnización anual, polo seguinte importe:

-934.416 ptas. (5.615,95 euros) se o titular, non tendo traballador ou familiar cesante, ten cónxuxe a cargo.

-799.320 ptas. (4.804,01 euros) se o titular, non tendo traballador ou familiar cesante, tampouco ten cónxuxe a cargo.

-731.784 ptas. (4.398,11 euros) se o familiar ou traballador cesante recibe a axuda contemplada no número 4 seguinte.

Para os efectos previstos nesta letra, entenderase que existe cónxuxe a cargo do beneficiario cando conviva con este e dependa economicamente del. Non

existirá dependencia económica cando o cónxuxe exerza actividade remunerada, por conta propia ou allea, ou perciba pensión do sistema da Seguridade Social, prestación ou subsidio de desemprego ou calquera outra prestación pública análoga.

b) Unha prima anual complementaria de 16.891 ptas. (101,52 euros) por hectárea tipo que transmita ou ceda da explotación, sen exceder de 500.000 ptas. (3.005,06 euros) por beneficiario. En ningún caso o importe máximo por beneficiario pode ser superior á cantidade resultante de multiplica-la superficie agrícola utilizada da explotación, expresada en hectáreas, por 47.500 ptas. (285,48 euros).

2. Os cedentes percibirán, de se-lo caso, un complemento anual de xubilación desde o día en que, ó cumpriren os sesenta e cinco anos, se xubilen definitivamente ata que cumpran os setenta anos de idade.

O período total de axudas por xubilación anticipada e complemento anual de xubilación non poderá exceder de dez anos.

O complemento anual de xubilación será o resultado de suma-la indemnización anual e a prima anual por hectáreas tipo, referidas nas alíneas 1 a) e 1 b), descontando da cantidade resultante a contía da súa xubilación definitiva e as cotas á Seguridade Social do beneficiario, correspondentes ós últimos doce meses.

3. De haber varios titulares da explotación que cumpran as condicións do artigo 4º, os importes de indemnización e prima complementaria previstos no número 1 anterior, e o de complemento anual de xubilación, previsto no número 2 anterior, repartiranse entre eles proporcionalmente á súa coparticipación na explotación.

4. Os traballadores percibirán unha indemnización anual cun importe de 551.652 ptas. (3.315,50 euros). Esta axuda poderán percibila ata acadaren a xubilación definitiva e, como máximo, ata o día en que cumpran os sesenta e cinco anos de idade. Só se concederá indemnización a un traballador por explotación, tendo preferencia os traballadores por conta allea sobre os familiares e, dentro deles, se houbese máis dun, o máis antigo e en caso de igualdade, o de maior idade.

Artigo 11º.-Solicitudes.

1. As solicitudes para acceder a estas axudas presentaranse, debidamente asinadas, nas axencias de extensión agraria da Consellería de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria ou nos servicios provinciais do Ilgga. Así mesmo, poderán presentarse nos demais lugares e formas previstos no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

2. O prazo de presentación rematará o 31 de agosto de 2000, agás para os solicitantes menores de sesenta anos que teñan aprobada a solicitude de axudas por abandono definitivo da producción leiteira, regulado polo Real decreto 1486/1998, do 10 de xullo, que deberán solicita-las axudas por cesamento anticipado

no prazo máximo de dous meses desde a notificación da devandita aprobación do expediente de abandono da producción leiteira.

3. As solicitudes formalizaranse nos impresos oficiais que se inclúen como anexos da presente orde e que a continuación se indican:

a) Anexo solicitude, de datos do solicitante titular de explotación agraria e dos datos da súa explotación, que incluirá, como mínimo:

-A identificación do solicitante, o seu domicilio, data de nacemento, estado civil con indicación, de se-lo caso, da existencia de cónxuxe a cargo ou cesante como familiar, indicación do número de identificación fiscal, réxime e número de cotización á Seguridade Social e, de se-lo caso, da condición de pensionista.

-Pertenza e réxime de tenza das terras que forman a superficie agrícola e efectivos gandeiros existentes na súa explotación, con indicación do destino previsto para as terras e o gando.

-A declaración de ter exercido a agricultura a título principal nos dez anos anteriores ó cesamento, de non estar incurso en ningunha das causas de incompatibilidade indicadas no artigo 20º, de ter indicado a totalidade da superficie da súa explotación e de que non diminuíu esta en máis dun 20 por 100 nos dous anos anteriores á solicitude e de que os datos indicados na solicitude son certos.

-O compromiso de cesar definitivamente na actividade agraria e de transmiti-la súa explotación conforme o establecido no artigo 8º.

-A autorización ó Ilgga para comprobar e solicitar, incluso ante as administracións públicas competentes, cantos documentos e informes sexan precisos para a verificación e control dos datos incluídos no expediente.

b) Anexo 1, de relación de predios agrícolas da explotación do cedente, que incluirá, como mínimo, os seguintes datos:

-A identificación catastral dos predios.

-A superficie agrícola e catastral.

-A indicación do aproveitamento actual, réxime de tenza e destino previsto de reserva, forma de transmisión ou resolución de contratos.

-Así mesmo, neste documento indicaranse as cotas, cantidades de referencia, dereitos de producción e outras concesións afectas á explotación.

c) Anexo 2 A, de datos do cesionario, da súa explotación e da explotación resultante, que incluirá, como mínimo, os seguintes datos:

-A identificación do cesionario, o seu domicilio, estado civil, data de nacemento ou data de constitución e número de socios no caso de persoas xurídicas, indicación do número de identificación fiscal e do réxime e número de cotización á Seguridade Social.

-A superficie agrícola e efectivos gandeiros actuais e previstos.

-A declaración de conformidade para ser cesionario, segundo o establecido no artigo 5º da presente orde.

-A declaración de autenticidade dos datos.

-O compromiso de exerce-la agricultura a título principal.

-O compromiso de non transmiti-la propiedade nin ceder en arrendamento, parcería ou figuras análogas, durante o prazo de cinco anos, as terras adquiridas ó titular da explotación que cesa na súa actividade agraria.

-O compromiso de subrogarse nos dereitos e obrigas derivadas dos plans de melloras realizados polo cedente, conforme o Real decreto 1887/1991 e/ou o Real decreto 204/1996.

-O compromiso para, de se-lo caso, executa-lo plan de melloras que permita un aumento na dimensión económica da explotación que reciba do cedente, en polo menos doce hectáreas tipo.

d) Anexo 2 B, de relación de predios da explotación do cesionario, que incluirá, como mínimo:

-A identificación catastral dos predios.

-A superficie agrícola e catastral.

-O aproveitamento actual e o réxime de tenza.

-Así mesmo, neste documento indicaranse as cotas, cantidades de referencia, dereitos de producción e outras concesións actuais e previstas afectas á explotación.

e) Anexo 3, de datos do traballador ou familiar solicitante, que incluirá, como mínimo:

-A identificación do solicitante, o seu domicilio, data de nacemento, estado civil, a indicación do número de identificación fiscal, réxime e número de cotización á Seguridade Social e, de se-lo caso, da condición de pensionista.

-A declaración do solicitante da súa condición de traballador por conta allea da explotación do cedente ou de membro da súa familia.

-A declaración de ter dedicado á actividade agraria, polo menos a metade do seu tempo de traballo durante os cinco anos anteriores ó cesamento, de ter traballado na explotación do cedente como mínimo durante o tempo equivalente a dous anos de traballo a tempo completo durante os catro anos que preceden ó inicio do cesamento do titular, de non estar incurso en ningunha das causas de incompatibilidade indicadas no artigo 20º da presente orde e de que os datos indicados na solicitude son certos.

-O compromiso de cesar definitivamente na actividade agraria.

-A autorización ó Ilgga para comprobar e solicitar, ante as administracións públicas competentes, cantos documentos e informes sexan precisos para a verificación e control dos datos incluídos no expediente.

f) Anexo 4, de resolución de contratos e de compromiso de cesión, que incluirá, como mínimo:

-O compromiso entre o propietario e o cedente para rescindi-los contratos relativos ós predios que, non sendo de propiedade do cedente, forman parte da súa

explotación mediante arrendamento, parcería ou fórmulas análogas.

-A relación dos predios indicados no anexo 1 e da súa superficie total, que son obxecto da rescisión de contrato entre o cedente e o seu propietario.

-De se-lo caso, o compromiso do propietario de predios agrícolas para formalizar un contrato de arrendamento deses predios co cesionario en condicións compatibles cos requirimentos contidos na presente orde.

-No caso anterior, a relación dos predios e da súa superficie total indicados no anexo 1 ou no anexo 2 B que serán obxecto de formalización de contrato de arrendamento entre o propietario e o cesionario.

Non obstante o indicado anteriormente, naqueles concellos, ou parte deles, onde se procedese á concentración parcelaria ou á reordenación da propiedade e para os que non se dispoña dun novo catastro, poderase admiti-la identificación dos predios mediante as referencias identificativas alfanuméricas contidas nos planos mentres non se dispoña dos novos datos de catastro.

Artigo 12º.-Acreditación dos requisitos relativos ás persoas.

O cumprimento dos requisitos dos cedentes, cesionarios e, de se-lo caso, dos traballadores, demostrarase mediante a presentación dos documentos que son indicados en cada caso:

a) Os cedentes, cesionarios e, de se-lo caso, os traballadores, deberán presentar unha fotocopia compulsada do DNI, CIF/NIF ou etiqueta de identificación fiscal do solicitante. No caso de que no DNI se indique a letra do NIF, non será preciso presenta-la fotocopia deste.

b) Os cedentes e, de se-lo caso, os traballadores cesantes, deberán presentar unha partida ou certificación de nacemento.

c) Os cedentes, os traballadores e os cesionarios agricultores titulares de explotación ou traballadores que se instalan, deberán presentar unha certificación e/ou informe de vida laboral, expedidos pola Tesourería Territorial da Seguridade Social ou Administración da mesma, acreditativos:

-Da situación de alta no réxime especial agrario ou no de traballadores por conta propia ou autónomos en función da súa actividade agraria.

-De afiliación á Seguridade Social e dos períodos de permanencia en alta durante os que teña cotizado.

-Da situación laboral en relación a calquera tipo de incapacidade.

-De atoparse ó día no pagamento das cotizacións.

d) Os cedentes e, de se-lo caso, os traballadores, deberán presentar unha certificación expedida polo Instituto Nacional da Seguridade Social, na que conste:

-A condición de perceptor ou non perceptor de pensión de viuvez, incapacidade, xubilación, ou invalidez no réxime especial agrario, ou no réxime especial de traballadores autónomos, ou outra prestación pública a cargo do sistema da Seguridade Social.

-No caso de que sexa perceptor, indicación do tipo de pensión, data de resolución, importe anual, data de inicio e, de se-lo caso, data de remate da percepción.

e) Os cedentes e os cesionarios deberán presentar unha certificación expedida pola Axencia Estatal da Administración Tributaria ou copia compulsada da declaración do imposto sobre a renda das persoas físicas (IRPF) correspondente ó último exercicio sobre o que teña vencido o período para a presentación en período voluntario.

f) Os cedentes e os traballadores, de se-lo caso, deberán presentar:

-Unha certificación expedida pola Consellería de Economía e Facenda ou por algunha das súas delegacións, acreditativa de non ter débedas coa Administración autonómica de Galicia.

-Unha certificación expedida pola Axencia Estatal da Administración Tributaria acreditativa de non ter débedas coa Administración do Estado.

g) O titular cedente deberá acredita-la súa condición de agricultor a título principal (ATP) nos dez anos anteriores ó cesamento dalgún dos seguintes modos:

g.1.Pola presentación da certificación e/ou informe de vida laboral indicados na alínea b) anterior, na que conste, expresamente, a permanencia no réxime especial agrario (REA) ou no réxime especial de traballadores por conta propia ou autónomos na rama agraria (RETA) da Seguridade Social, durante un período mínimo dos dez anos anteriores ó cesamento, xunto coa última declaración do imposto da renda das persoas físicas (IRPF) indicada na alínea e) anterior. No caso de que a renda agraria fiscalmente declarada ese ano fose anormal, debido a causas non imputables ó cedente, como sinistros, campañas de saneamento gandeiro, etc, deberá presentar copia compulsada das declaracións de tres dos últimos cinco anos, incluída a do último.

Pola presentación de declaracións do imposto da renda das persoas físicas (IRPF) dos dez últimos anos ou certificado da Axencia Estatal da Administración Tributaria xustificativo da actividade agraria do cedente como actividade principal.

g.2. Non obstante, no caso de que mediante o informe de vida laboral ou as declaracións ou certificacións de rendas se demostre, de maneira plena, a condición de agricultor a título principal durante, polo menos, os últimos cinco anos, adicionalmente poderá acreditarse o cumprimento de tal requisito, nos períodos anteriores ós así documentados, dalgún dos seguintes modos:

-Pola presentación de documentación de saneamento gandeiro da explotación da que sexa titular o cedente ou, no seu defecto, certificación da Subdirección Xeral de Sanidade e Producción Animal na que se faga consta-lo tipo e número de reses existentes na explotación nas distintas campañas.

-Pola presentación de documentación demostrativa de ter sido beneficiario de axudas para a mellora de explotacións ou, se é o caso, certificación emitida polo

Ilgga, na que se faga consta-lo tipo de axuda, condicións, e as datas de concesión e de certificación.

En ámbolos dous casos deberá xustificarse unha dimensión económica de explotación, nese período, equivalente a un mínimo de oito hectáreas tipo.

h) Os cedentes e os traballadores deberán presentar un certificado de titularidade da conta expedido pola entidade financeira correspondente, con indicación do código de conta-cliente, na que solicitan que se lles ingrese o importe da indemnización.

i) Os traballadores cesantes deberán acreditar ter traballado a xornada completa na explotación do titular cedente e de ter desenvolvido o dito traballo, polo menos, durante o tempo equivalente a dous anos de traballo a tempo completo dentro dos catro anos que preceden ó inicio do cesamento do titular. Esta acreditación consistirá, con carácter xeral, na presentación do informe de vida laboral indicado na alínea c) anterior. No caso de familiares cesantes, cando deste xeito non quede suficientemente acreditado este requisito, poderase demostrar con outros documentos admisibles en dereito.

j) Cando o cesionario sexa unha persoa xurídica, como unha cooperativa, SAT, ou outra entidade titular dunha explotación agraria prioritaria contemplada nos artigos 5 e 6 da Lei 19/1995, do 4 de xullo, de modernización das explotacións agrarias, a demostración dos requisitos farase pola presentación, xunto coa solicitude do cedente, da copia compulsada da documentación acreditativa de estar incluída no Catálogo Xeral de Explotacións Prioritarias ou certificación do director do Ilgga que acredite que a explotación ten o carácter de prioritaria.

Artigo 13º.-Acreditación dos requisitos relativos ás explotacións.

O cumprimento dos requisitos das explotacións do cedente, do cesionario e da resultante demostrarase mediante a presentación dos seguintes documentos:

a) Certificación do Rexistro da Propiedade, escrituras públicas ou calquera outro documento admisible en dereito, xustificativo da propiedade dos predios que integran a superficie agrícola da explotación. No caso de que a dita superficie estivera constituída, total ou parcialmente, por terras arrendadas, levadas en parcería ou figuras análogas, poderá demostrarse mediante os contratos, outros documentos xustificativos admisibles en dereito, ou certificación do Rexistro Especial de Arrendamentos Rústicos de Galicia.

b) Copia compulsada da documentación xustificativa do número de cabezas de gando das distintas especies, que para gando vacún e ovino ou cabrún poderá consistir na folla de saneamento correspondente á última campaña realizada.

c) No caso de cesionarios agricultores xoves ou traballadores que se instalan, deberán achegar, xunto coa solicitude, un plan de melloras que xustifique un aumento na dimensión económica da explotación que reciba do cedente en, polo menos, doce hectáreas tipo. Este plan de mellora poderá ser obxecto de axuda no marco das establecidas para a mellora da eficacia das estructuras agrarias.

d) No caso de que a explotación do cedente estea formada, total ou parcialmente, por predios levados en arrendamento, parcería e/ou fórmulas análogas, deberá achega-la xustificación da rescisión dos contratos cos propietarios e, de se-lo caso, o compromiso destes para facer unha nova transmisión a favor do cesionario. En ámbolos dous casos pódese emprega-lo impreso indicado na alínea f) do artigo 11º.

Artigo 14º.-Outras condicións de cedentes, cesionarios e explotacións.

1. Para poderen ser beneficiarios das axudas contempladas na presente orde é preciso que os solicitantes teñan cumprida, ou cumpran, a idade mínima establecida, para cada caso, no ano 2000.

2. A aprobación das axudas solicitadas polos traballadores requirirá, pola súa vez, da aprobación das axudas solicitadas polos correspondentes cedentes.

3. Tralo cesamento da actividade agraria na explotación, en ningún caso poderá o cedente pasar a ser cotitular coa persoa física ou socio da persoa xurídica titular da explotación resultante.

4. Se o cesionario, agricultor mozo ou traballador que se instala, pretende incrementa-la base territorial da explotación que recibe do cedente, deberá achegar, coa solicitude un compromiso de arrendamento ou compra-venda asinado polo posible arrendador ou vendedor e o propio cesionario, no que conste a identificación catastral e a superficie dos predios que se van arrendar ou comprar. Para estes efectos pódese emprega-lo impreso indicado na alínea f) do artigo 11º

5. Na fase de tramitación do expediente, os solicitantes deberán comunicar toda variación que no referente á súa situación respecto da Seguridade Social se produza.

Artigo 15º.-Tramitación e resolución.

1. Cada solicitude coa documentación complementaria constituirá un expediente, que será revisado polo correspondente servicio provincial do Ilgga coa comprobación da solicitude e da documentación incluída, previamente á realización dos controis informáticos. Finalizados os controis, os xefes provinciais do Ilgga realizarán as propostas de resolución, que, co visto e prace dos delegados provinciais, serán elevadas, perante o director do Ilgga, para que dicte a correspondente resolución.

2. O prazo máximo para dictar resolución rematará o 31 de decembro de 2000. Consideraranse desestimadas, por silencio administrativo, as solicitudes non resoltas e comunicadas no dito prazo.

Artigo 16º.-Criterios de prioridade.

Dado o carácter de concorrencia competitiva da presente convocatoria, no caso de que o importe das axudas correspondentes ás solicitudes recibidas supere a dotación orzamentaria dipoñible, as resolucións estimatorias dictaranse consonte a seguinte orde de prelación:

1. En primeiro lugar, aprobaranse os expedientes presentados ó abeiro da presente orde que cumpran os requisitos recollidos nela e nos que os cedentes

teñan previamente aprobada a solicitude de abandono da producción leiteira.

2. En segundo lugar, aprobaranse os restantes expedientes.

3. Dentro de cada criterio dos anteriores, as aprobacións faranse atendendo, primeiro, á prelación na presentación da solicitude, despois á data de nacemento do solicitante, tendo preferencia os de maior idade.

Para estes efectos, cando, por defectos formais ou documentais, unha solicitude sexa obxecto de requirimento de corrección, entenderase como data de presentación a correspondente á de recepción pola Administración do último documento acreditativo da corrección dos defectos observados.

Artigo 17º.-Transmisión da explotación. Xustificación. Prazos.

1. Se a resolución fose favorable, para poder acceder ás axudas previstas no artigo 10º, o cedente deberá facer efectiva a transmisión da base territorial, así como de tódolos dereitos, cotas, cantidades de referencia e concesións administrativas afectas á súa explotación, segundo se indica no artigo 8º.

A explotación ou a parte que sexa propiedade do cedente debe transmitirse, a excepción das superficies que se conserven en virtude do segundo parágrafo do punto 1 do artigo 8º, en propiedade, ou cederse en arrendamento por un prazo non inferior a cinco anos. A transmisión da propiedade formalizarase en escritura pública. No caso de arrendamento formalizarase tamén mediante escritura pública ou contrato privado inscrito no Rexistro Especial de Arrendamentos Rústicos de Galicia.

Agás no caso dos expedientes contemplados na disposición transitoria, en ningún caso a transmisión da explotación poderá realizarse con anterioridade á concesión da axuda.

2. Esta transmisión acreditarase da seguinte forma:

a) A transmisión da base territorial, pola presentación de copias compulsadas das escrituras públicas, ou dos contratos privados xunto coas inscricións rexistrais, así como dos xustificantes do pagamento do imposto sobre transmisións patrimoniais e actos xurídicos documentados.

No caso de que o cesionario sexa o servicio de transmisión, o compromiso acreditarase mediante o outorgamento do correspondente contrato de mandato.

b) A transmisión do gando, agás nos casos de incorporación de xoves ou traballadores na mesma explotación, acreditarase pola presentación da copia compulsada do libro de explotación, no que consten, debidamente dilixenciadas, as baixas, no caso de gando vacún e ovino ou cabrún, ou mediante certificación de veterinario oficial, ou factura de venda para outras especies.

c) A transferencia dos dereitos, cotas, cantidades de referencia para a producción de leite e concesións administrativas, afectas tanto á parte agrícola como gandeira, da explotación do cedente á do cesionario formalizaranse no impreso oficial para o efecto facilitado polo Ilgga, do que se achegará copia.

d) Nos casos de cesionarios agricultores mozos ou de traballadores que se instalen na explotación do cedente, acreditarase esta instalación mediante a copia da solicitude oficial de cambio de titularidade presentada ante o órgano competente do Ilgga.

e) A acreditación do incremento mínimo en doce hectáreas tipo por parte dos agricultores xoves ou dos traballadores instalados con motivo do cesamento, farase pola xustificación da realización dos investimentos e melloras previstos nel, comprobada polo servicio provincial do Ilgga.

f) Cando os agricultores xoves ou traballadores que se instalan, incrementen a superficie agrícola da explotación que reciben, deberán achega-las copias compulsadas dos correspondentes títulos ou contratos de arrendamento ou compra-venda asinados polo arrendador ou vendedor e o propio cesionario, nos que conste a identificación catastral dos predios.

Artigo 18º.-Certificación e pagamento das axudas.

1. Unha vez acreditado o cumprimento dos compromisos, os servicios provinciais do Ilgga expediranlle ós beneficiarios a correspondente certificación, na que constarán os importes das axudas e os períodos nos que lles corresponde a súa percepción.

2. O dereito á percepción das axudas que, agás no caso das solicitudes contempladas na disposición transitoria, non pode ser anterior ó día 1 de xaneiro de 2000, xurdirá a partir do día 1 do mes seguinte a aquel en que os beneficiarios xustifiquen o cumprimento da totalidade dos compromisos.

3. O importe anual das axudas fraccionarase en doce mensualidades, e aboarase, na conta bancaria indicada polo beneficiario, mediante dous ingresos simultáneos, un polo importe correspondente ó 75 por 100 de cofinanciamento do Feoga Garantía e outro polo importe do 25 por 100 de cofinanciamento da Xunta de Galicia e do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación.

4. No pagamento das axudas ós beneficiarios vai incluído o importe correspondente ás cotas de cotización á Seguridade Social.

Artigo 19º.-Situación dos beneficiarios respecto da Seguridade Social.

1. Durante o período de percepción das axudas reguladas na presente orde, os beneficiarios están considerados en situación asimilada á de alta, coa obriga de cotizar no correspondente réxime do sistema da Seguridade Social.

2. Para os efectos de facilita-lo cumprimento do indicado no número anterior, o Director do Ilgga, unha vez cumpridos os compromisos polos beneficiarios, expedirá unha certificación de cesamento, a cal deberá ser presentada polos beneficiarios ante a Tesourería Territorial da Seguridade Social.

3. O Ilgga poderá solicitar dos beneficiarios a acreditación do cumprimento do indicado nos números anteriores, así como realizar cantas xestións sexan precisas para a súa comprobación.

Artigo 20º.-Réxime de incompatibilidades.

1. A percepción das axudas establecidas nesta orde será incompatible:

-Coa condición de pensionista de xubilación en calquera réxime da Seguridade Social ou sistema de pensións financiado total ou parcialmente con recursos públicos, con excepción do complemento de xubilación a que se refire o artigo 10º.

-Coa condición de pensionista por invalidez permanente, financiado total ou parcialmente con recursos públicos.

2. A percepción das axudas establecidas nesta orde será parcialmente compatible coas prestacións por incapacidade temporal, invalidez provisional, invalidez permanente en réximes compatibles ou outras prestacións de carácter periódico da Seguridade Social.

-Cando o beneficiario viñese percibindo prestacións periódicas derivadas destas situacións, só se lle aboarán as axudas por cesamento anticipado na actividade agraria pola diferencia entre o seu importe e o das anteditas prestacións periódicas.

3. Non obstante, serán compatibles coa percepción das axudas as prestacións periódicas da Seguridade Social por fillo a cargo.

4. Ademais, serán incompatibles estas axudas con calquera outra axuda vinculada á actividade agraria financiada con fondos públicos.

Artigo 21º.-Controis. Sancións. Casos de forza maior. Reembolsos.

1. Controis.

a) A aprobación das axudas contempladas na presente orde supón a autorización dos beneficiarios a favor do Ilgga, así como dos órganos responsables das distintas administracións públicas competentes, incluso da Unión Europea, para comprobar e solicitar cantos documentos e informes sexan precisos para a comprobación do cumprimento dos requisitos e compromisos indicados no expediente, así como para realizar cantas inspeccións e comprobacións sobre o terreo sexan precisas.

b) Para tal efecto poderanse establecer entre a Administración do Estado e os órganos ou organismos competentes da Administración autonómica os mecanismos apropiados de coordinación.

c) O Ilgga realizará un control administrativo sobre a totalidade das solicitudes presentadas ó abeiro da presente orde e, así mesmo, establecerá un plan anual de controis sobre o terreo, destinado a verifica-la adecuación das axudas aprobadas, que afectará a un mínimo do 5% dos beneficiarios con pagamentos en cada exercicio, de acordo co establecido no artigo 47 do Regulamento (CE) 1750/1999, da Comisión, do 23 de xullo.

2. Sancións.

De acordo co disposto no artigo 48.3º do Regulamento (CE) 1750/1999, en defensa do interese público, no caso de que mediante os controis administrativos ou sobre o terreo se comprobe un incum

primento por parte dos beneficiarios, aplicaranse sancións que consistirán:

a) Para o cedente e/ou traballador solicitantes:

-No caso de declaración falsa por neglixencia grave, serán excluídos durante ese ano natural da posibilidade de seren beneficiarios das axudas contempladas na presente orde. No caso dunha declaración falsa realizada intencionadamente, serán excluídos tamén durante o ano seguinte.

-Cando a un beneficiario, durante o período de percepción das axudas, se lle aprecie unha neglixencia debida a unha declaración intencionadamente falsa, este beneficiario, ademais de te-la obriga de reintegra-los importes percibidos conforme o indicado no parágrafo 1º do punto 4, perderá o dereito a continuar como perceptor das axudas.

b) Para o cesionario, na denegación doutras axudas que solicitara ou que poida solicitar nun prazo de ata cinco anos.

3. Casos de forza maior.

Sen prexuízo doutras circunstancias concretas admisibles en dereito, poderanse admitir como casos de forza maior os seguintes supostos:

a) Falecemento do cedente, cesionario ou do traballador.

b) Unha longa incapacidade profesional do cedente, cesionario ou do traballador.

c) A expropiación dunha parte importante da superficie agraria da explotación, sempre que tal circunstancia non fora previsible no momento da solicitude.

d) Unha catástrofe natural grave que afecte considerablemente á superficie agraria dalgunha das explotacións.

e) Unha epizootia que afecte a todo ou a parte do gando.

f) A destrucción accidental dos edificios dalgunha das explotacións, destinados á gandería.

g) A perda do dominio, parcial ou total, sobre algunha das explotacións, cando se deba a sentencia xudicial, en procedemento de separación matrimonial ou por divorcio, e non fora previsible no momento da solicitude.

4. Reembolsos.

No caso de pagamentos indebidos, o beneficiario quedará obrigado a reembolsar tal importe, incrementado nun xuro calculado en función do xuro legal do diñeiro e do prazo transcorrido entre o pagamento e o reembolso efectuado polo beneficiario.

Cando o pagamento indebido fose por erro da Administración, non se aplicará ningún xuro e, como máximo, devolverase o importe correspondente ó beneficio indebidamente percibido.

Artigo 22º.-Recursos administrativos.

As resolucións que, en aplicación da presente orde, dicte o director do Ilgga, no esgotan a vía administrativa, e contra elas poderase interpor recurso de alzada ante o presidente do dito instituto, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ó da súa notificación, segundo o disposto nos artigos 107, 114

e 115 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro.

Disposicións adicionais

Primeira.-Para a concesión destas axudas, nos orzamentos xerais desta Comunidade Autónoma para 2000, existe un crédito de 563.201.391.pesetas na aplicación 09.50.614A.773.0, do orzamento de gastos do Ilgga.

Segunda.-Sen prexuízo do previsto nos artigos 21º.2 da orde, seralles de aplicación ós beneficiarios das axudas ó cesamento anticipado na actividade agraria, o réxime de infraccións e sancións en materia de subvencións previsto no Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, conforme redacción dada pola Lei 8/1999, do 29 de decembro, de medidas fiscais e orzamentarias e de función pública e actuación administrativa.

Disposicion transitoria

As solicitudes presentadas ó abeiro da Orde do 9 de decembro de 1998 na que se establecen, para o ano 1999, as normas para a aplicación do Decreto 82/1996, do 29 de febreiro, que establece un réxime de axudas para o fomento do cesamento anticipado na actividade agraria, sobre as que aínda non se resolvese expresamente, serán tidas en conta na presente convocatoria, agás indicación en sentido contrario do solicitante, dirixida ó correspondente servicio provincial do Ilgga. A tramitación dos respectivos expedientes continuará desde o trámite no que quedasen ó remate do exercicio anterior, podendo os interesados presenta-la documentación complementaria que consideren oportuna.

Disposicions derradeiras

Primeira.-Facúltase o director do Instituto Lácteo e Gandeiro de Galicia para dicta-las instruccións precisas para o desenvolvemento e execución desta orde, así como para establecer ou modificar, por medio de resolución, publicada no Diario Oficial de Galicia, o modelo de contrato de mandato indicado no punto 2 do artigo 9º, os prazos de presentación de solicitudes, as marxes aplicables para calcula-lo número de hectáreas tipo das explotacións, ou calquera outra condición ou requisito dos establecidos nesta orde, cando teñan a súa orixe nas modificacións producidas na normativa estatal ou comunitaria reguladora do réxime de axudas ó cesamento anticipado na actividade agraria.

Segunda.-A presente orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 27 de marzo de 2000.

Cástor Gago Alvarez

Conselleiro de Agricultura, Gandería e Política

Agroalimentaria