Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 64 Venres, 31 de marzo de 2000 Páx. 4.449

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E RELACIÓNS LABORAIS

DECRETO 64/2000, do 16 de marzo, polo que se declara a urxente ocupación, para efectos de expropiación forzosa, polo Concello de Lalín, dos bens e dereitos necesarios para a realización das obras do proxecto de construcción dunha glorieta na intersección da avenida de Buenos Aires, coa de Ourense (N-525), travesía exterior e outras.

O Concello de Lalín, en sesión que tivo lugar o día 21 de xaneiro de 2000, aprobou o proxecto de construcción dunha glorieta na intersección da avenida Buenos Aires, coa de Ourense (N-525), travesía exterior e outras e, na mesma sesión, acordou solicitar da Xunta de Galicia a declaración de urxente ocupación dos bens e dereitos afectados pola expropiación forzosa ó abeiro do disposto no artigo 52 da Lei de expropiación forzosa.

Os bens nos que se concreta a declaración de urxente expropiación están determinados no expediente que se someteu a información pública.

A Dirección Xeral de Urbanismo da Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda emitiu informe favorable con data 2 de marzo de 2000.

Considérase necesaria a declaración de urxente ocupación dos bens e dereitos precisos para a realización das obras do proxecto técnico sinalado, porque coa construcción da glorieta preténdese garanti-la seguridade vial no tráfico de vehículos e peóns e evita-la maior parte dos accidentes que nese lugar, que é un punto negro da N-525, se veñen producindo desde hai anos.

A competencia para a declaración da urxente ocupación correspóndelle ó Consello da Xunta de Galicia segundo o disposto nos artigos 27.2º e 28.2º do Estatuto de autonomía de Galicia.

Na súa virtude, por proposta do conselleiro de Xustiza, Interior e Relacións Laborais e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día dezaseis de marzo de dous mil,

DISPOÑO:

Artigo único.-De conformidade co disposto no artigo 52 da Lei de expropiación forzosa, declárase a urxente ocupación, polo Concello de Lalín (Pontevedra) para efectos de expropiación forzosa, dos bens e dereitos concretados no expediente administrativo instruído para o efecto e necesarios para a execución das obras do proxecto de construcción dunha glorieta na intersección da avenida de Buenos Aires, coa de Ourense (N-525), travesía exterior e outras.

Santiago de Compostela, dezaseis de marzo de dous mil

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

Antonio Pillado Montero

Conselleiro de Xustiza, Interior e Relacións Laborais