Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 64 Venres, 31 de marzo de 2000 Páx. 4.448

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E RELACIÓNS LABORAIS

DECRETO 62/2000, do 16 de marzo, polo que se declara a urxente ocupación, para efectos de expropiación forzosa, polo Concello de Vigo, dos bens e dereitos necesarios para a realización das obras do proxecto de recuperación de leitos naturais e separación de augas pluviais no concello de Vigo.

O Concello de Vigo, en sesión que tivo lugar o día 27 de setembro de 1999, aprobou o proxecto de recuperación de leitos naturais e separación de augas pluviais no concello de Vigo e na mesma sesión acordou solicitar da Xunta de Galicia a declaración de urxente ocupación dos bens e dereitos afectados pola expropiación forzosa ó abeiro do disposto no artigo 52 da Lei de expropiación forzosa. O concello remitiu a documentación complementaria para a correcta tramitación do expediente con data de entrada no rexistro xeral da Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais o día 2 de marzo de 2000.

Os bens nos que se concreta a declaración de urxente expropiación están determinados no expediente que se someteu a información pública.

A Dirección Xeral de Urbanismo da Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda, así como a Dirección Xeral de Montes e Medio Ambiente Natural da Consellería de Medio Ambiente, emitiron informes favorables. Estes informes tiveron entrada no rexistro xeral da Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais, respectivamente, os días 2 de decembro de 1999 e 7 de febreiro de 2000.

Considérase necesaria a declaración de urxente ocupación dos bens e dereitos precisos para a realización das obras do proxecto técnico sinalado, dada a situación de falta de capacidade de desaugamento que presenta o leito do río Lagares, e que ven provocando continuos asolagamentos nas súas ribeiras.

A competencia para a declaración da urxente ocupación correspóndelle ó Consello da Xunta de Galicia segundo o disposto nos artigos 27.2º e 28.2º do Estatuto de autonomía de Galicia.

Na súa virtude, por proposta do conselleiro de Xustiza, Interior e Relacións Laborais e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día dezaseis de marzo de dous mil

DISPOÑO:

Artigo único.-De conformidade co disposto no artigo 52 da Lei de expropiación forzosa, declárase a urxente ocupación, polo Concello de Vigo para efectos de expropiación forzosa, dos bens e dereitos concretados no expediente administrativo instruído para o efecto e necesarios para a execución das obras do proxecto de recuperación de leitos naturais e separación de augas pluviais no concello de Vigo.

Santiago de Compostela, dezaseis de marzo de dous mil

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

Antonio Pillado Montero

Conselleiro de Xustiza, Interior e Relacións Laborais