Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 63 Xoves, 30 de marzo de 2000 Páx. 4.380

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE MEDIO AMBIENTE

ORDE do 22 de marzo de 2000 pola que se convocan varios concursos para o fomento da recollida de pilas usadas en Galicia.

A Consellería de Medio Ambiente é o órgano da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia que ten atribuídas as competencias e funcións en materia de ambiente e conservación da natureza establecidas nos artigos 27.10º, 11º, 15º, 30º e 29.4º do Estatuto de autonomía de Galicia (L.O. 1/1981). Ademais, de conformidade co disposto no artigo 6, punto 2º.2.2 do Decreto 482/1997, do 26 de decembro, ten competencias para o fomento das accións de reducción, reciclaxe e recuperación de residuos e dos programas de colaboración cos concellos e outras organizacións para a aplicación das accións indicadas. Estas funcións estanse a desenvolver con base en diversos plans, entre os que destaca o Plan de xestión de residuos sólidos urbanos de Galicia.

A finalidade destes premios é dobre: por unha banda, téntase conciencia-las futuras xeracións da importancia que ten unha axeitada xestión dos seus residuos, así como a necesidade de que non boten as pilas esgotadas nas bolsas de lixo senón afacelos a que as boten nos contedores específicos para tal efecto; pola outra, preténdese acadar un máximo de recollida de pilas.

Para tal efecto, en uso das atribucións que me confire o artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, modificada pola Lei 11/1998, do 20 de outubro, en relación cos artigos 27.30º e 30 do Estatuto de autonomía para Galicia e o Decreto 482/1997, do 26 de decembro,

DISPOÑO:

Artigo 1º

Convócanse os seguintes concursos para o fomento da recollida de pilas usadas entre os alumnos dos centros escolares de ensinanzas non universitarias:

a) Un concurso dirixido a tódolos centros docentes de ensinanzas non universitarias da Comunidade Autónoma, consistente nunha liga de recollida de pilas, segundo se establece no artigo 2º.

b) Dous concursos dirixidos ós alumnos dos devanditos centros:

b.1) Premios ós mellores traballos de sensibilización e difusión orientados ó segundo ciclo de ESO, bacharelato, COU, segundo grao de FP e ciclos formativos de grao medio e superior.

b.2) Concurso de pintura dirixido ós alumnos dos seguintes cursos, que se distribuirá en catro convocatorias:

-Alumnos de primeiro ciclo de educación primaria.

-Alumnos de segundo ciclo de educación primaria.

-Alumnos de terceiro ciclo de educación primaria.

-Alumnos de primeiro ciclo de ESO.

Artigo 2º.-Bases da liga de pilas.

1. O obxecto desta liga de recollida de pilas é fomenta-la axeitada xestión de pilas usadas entre os alumnos de tódolos colexios de Galicia, premiando aqueles que acrediten ter alcanzado a máis alta taxa de pilas recollidas por alumno.

2. A liga comezará o vindeiro 25 de abril deste ano e rematará o 31 de xaneiro de 2001. Para a súa participación neste concurso, os colexios enviarán debidamente cuberto o formulario do anexo II, co obxecto de acredita-lo número total de alumnos matriculados no centro; este formulario será remitido por fax ou correo á Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental (rúa dos Feáns nº 7, portal C, 15706 Santiago de Compostela. Fax 981 54 11 00) antes do 31 de decembro de 2000.

3. O concello será o encargado da recollida das pilas, logo de chamada dos colexios, unha vez que o contedor específico para pilas usadas estea cheo. O colexio, por cada entrega de pilas usadas, cubrirá o formulario do anexo I, incluíndo o seu peso total. O concello certificará o peso dado polo colexio selando ou asinando a folla normalizada do devandito anexo I.

Co fin de facer un seguimento dos resultados da liga, os colexios enviarán por fax á Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental os formularios do anexo I que teñan cubertos. Estes envíos deberán facerse na segunda quincena de xuño, outubro e decembro de 2000 e antes do 31 de xaneiro de 2001. Os formularios que non dispoñan da sinatura ou selo do concello non serán estimados.

O seguimento dos resultados da liga poderá facerse a través da páxina web da Consellería de Medio Ambiente, na páxina A Voz da Escola do xornal La Voz de Galicia, e na revista Plis-Plas.

O computo final e a comprobación das pesadas farase antes do 28 de febreiro do ano 2001.

3. Premios.

Para a concesión dos premios calcularase a taxa de quilos recollidos por alumno matriculado, segundo a seguinte fórmula:

Total de quilos recollidos por colexio

Total alumnos matriculados por colexio

Serán adxudicados tres premios por cada unha das provincias ós colexios que acrediten unha maior taxa de recollida de pilas usadas, segundo a fórmula expresada.

Os premios consistirán en:

-Primeiro premio: un millón de pesetas en concepto de material escolar (6.010,12 euros).

-Segundo premio: cincocentas mil pesetas en concepto de material escolar (3.005,06 euros).

-Terceiro premio: duascentas cincuenta mil pesetas en concepto de material escolar (1.502,53 euros).

En caso de empate nalgún dos premios, a súa contía repartirase entre os gañadores.

Os colexios que obteñan premio recibirán a notificación antes do 30 de marzo do ano 2001.

Artigo 3º.-Bases dos concursos de guión de comunicación e de pintura.

b.1) Premios ós mellores traballos de sensibilización e difusión orientados ó segundo ciclo de ESO, bacharelato, COU, segundo grao de FP e ciclos formativos de grao medio e superior.

O obxecto deste concurso é premia-las mellores campañas de sensibilización e difusión sobre os efectos nocivos derivados da inaxeitada xestión das pilas usadas e sobre a necesidade de recollelas e tratalas adecuadamente.

Poderán participar neste concurso grupos de alumnos que estean matriculados nos devanditos niveis educativos. Os grupos estarán formados por alomenos dous alumnos e por un máximo de catro alumnos.

Os traballos consistirán en guións de comunicación para levar a cabo unha campaña de sensibilización e poderán presentarse en calquera formato válido para a súa difusión (entre outros, en papel, en soporte informático, en soporte audiovisual), sen límite mínimo ou máximo de extensión.

Corresponderalle a cada colexio elixi-lo mellor traballo realizado polos seus alumnos, enviándoo posteriormente á Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental antes do 15 de xuño.

Entre tódolos traballos recibidos, o xurado, de acordo co disposto nos artigos 5º e 6º desta orde, seleccionará tres traballos por cada unha das provincias, ós que se lles concederán os premios seguintes:

Premios:

1º premio: 400.000 ptas. (2.404,05 euros).

2º premio: 100.000 ptas. (601,01 euros).

3º premio: 75.000 ptas. (450,76 euros).

b.2) Concurso de pintura.

O obxecto deste concurso é premia-los mellores debuxos ou pinturas que contribúan a concienciar sobre os efectos nocivos das pilas usadas mal xestionadas e a importancia que tén a súa recollida selectiva e o seu axeitado tratamento.

Os debuxos ou pinturas irán acompañados dun texto que se incorporará como lenda a pé de páxina.

Poderán participar neste concurso tódolos alumnos dos colexios galegos que estean matriculados nalgún dos cursos que se determinan máis abaixo. O concurso estructurarase en catro modalidades, segundo os cursos nos que estean matriculados os alumnos participantes:

-Modalidade 1: alumnos de primeiro ciclo de educación primaria.

-Modalidade 2: alumnos de segundo ciclo de educación primaria.

-Modalidade 3: alumnos de terceiro ciclo de educación primaria.

-Modalidade 4: alumnos de primeiro ciclo de ESO.

Corresponderalle a cada colexio selecciona-lo mellor debuxo ou pintura entre os realizados polos seus alumnos en cada unha das modalidades. Os catro traballos seleccionados serán remitidos posteriormente á Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental antes do vindeiro 15 de xuño.

Entre tódolos traballos recibidos, o xurado, de acordo co disposto nos artigos 5º e 6º desta orde, seleccionará os tres mellores de cada modalidade por cada unha das provincias, concedéndolle-los premios seguintes:

Premios:

Para alumnos de primeiro ciclo de educación primaria:

1º premio: axuda para unha viaxe por un importe de 150.000 ptas. (901,52 euros).

2º premio: axuda para unha viaxe por un importe de 60.000 ptas. (360,61 euros).

3º premio: unha colección de libros por valor de 20.000 ptas. (120,20 euros).

Para alumnos de segundo ciclo de educación primaria:

1º premio: axuda para unha viaxe por un importe de 150.000 ptas. (901,52 euros).

2º premio: axuda para unha viaxe por un importe de 60.000 ptas. (360,61 euros).

3º premio: unha colección de libros por valor de 20.000 ptas. (120,20 euros).

Para alumnos de terceiro ciclo de educación primaria:

1º premio: un ordenador por valor de 200.000 ptas. (1.202,02 euros).

2º premio: unha bicicleta por valor de 60.000 ptas. (360,61 euros).

3º premio: unha colección de libros por valor de 20.000 ptas. (120,20 euros).

Para alumnos de primeiro ciclo de ESO:

1º premio: un ordenador por valor de 200.000 ptas. (1.202,02 euros).

2º premio: unha bicicleta por valor de 60.000 ptas. (360,61 euros).

3º premio: unha colección de libros por valor de 20.000 ptas. (120,20 euros).

Artigo 4º

Os traballos ós que se refire o artigo 3º deberán presentarse na Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental (rúa dos Feáns nº 7, portal C, 15706 Santiago de Compostela) ou en calquera dos lugares previstos no artigo 38.4º de Lei 30/1992,

do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e de procedemento administrativo común. Serán entregadas ou remitidas nun sobre pechado, que conteña a seguinte documentación:

-Ficha-resumo identificativa (anexo III) con tódolos datos requiridos, en particular o do premio provincial ó que se presenta o participante.

-Sobre pechado que conteña os datos identificativos do autor (ou autores) dos traballos e que leve impreso no exterior o pseudónimo elixido.

Artigo 5º.-Concesión dos premios.

1. O xurado procederá a realiza-la selección dos traballos premiados no prazo máximo de dous meses a partir da data de finalización da presentación de traballos por parte dos colexios, elevando a súa proposta ó conselleiro de Medio Ambiente.

2. Os premios poderán ser declarados desertos.

3. O conselleiro de Medio Ambiente emitirá a orde definitiva pola que se concederán os premios. Esta será comunicada ós interesados e publicarase no DOG.

4. Os traballos que resulten premiados ó abeiro da presente convocatoria quedarán en propiedade exclusiva da Xunta de Galicia, así como os dereitos de propiedade intelectual de reproducción, distribución, comunicación pública e transformación do traballo en tódalas súas modalidades, polo seu tempo máximo de duración, de acordo coas previsións do Real decreto lexislativo 1/1996, do 12 de abril, polo que se aproba o texto refundido da Lei de propiedade intelectual.

Artigo 6º.-Xurado.

O xurado, único para os premios das catro provincias e de tódalas modalidades, estará constituído polos seguintes membros:

Presidente: o director xeral de Calidade e Avaliación Ambiental.

Vocais: o director xeral do CITA e o director xeral de Ordenación Educativa e Formación Profesional.

Secretaria: a subdirectora xeral de Calidade Ambiental.

Artigo 7º

O pagamento dos premios previstos nesta orde farase con cargo á aplicación orzamentaria 15.03.342A 640.1 do seguinte xeito:

-O importe dos premios de guión de comunicación (2.300.000 pesetas) e de pintura (4.080.000 pesetas), con cargo ós orzamentos vixentes da Comunidade Autónoma para o ano 2000.

-O importe dos premios da liga de pilas (7.000.000 de pesetas), con cargo ós orzamentos da Comunidade Autónoma do ano 2001.

Santiago de Compostela, 22 de marzo de 2000.

José Carlos del Álamo Jiménez

Conselleiro de Medio Ambiente

ANEXO I

Liga de pilas
Centro:
Cidade:
Enderezo:
C.P.:
Teléfono:
Provincia:
Data:
Quilos:
Selo do concello

ANEXO II

Liga de pilas
Centro:
Cidade:
Provincia:
Enderezo:
C.P.:
Teléfono:
Nº de alumnos matriculados:

ANEXO III

Concurso:Modalidade:
Centro:Nivel educativo:
Enderezo:
C.P.:
Teléfono:
Provincia:
Pseudónimo: