Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 63 Xoves, 30 de marzo de 2000 Páx. 4.373

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E RELACIÓNS LABORAIS

RESOLUCIÓN do 22 de febreiro de 2000, da Delegación Provincial de Pontevedra, pola que se dispón o rexistro, o depósito e a publicación, no Diario Oficial de Galicia, do convenio colectivo da empresa La Artística Productos Químicos, S.A. (Sociedad Unipersonal).

Visto o expediente do convenio colectivo para a empresa La Artística Productos Químicos, S.A. (Sociedad Unipersonal), con nº de código 3602982, que tivo entrada nesta delegación provincial o día 10-2-2000, subscrito en representación da parte económica pola representación da empresa, e da parte social, polos delegados de persoal, en data 26-1-2000. De conformidade co disposto no artigo 90.2º e 3º, do Real decreto lexislativo 1/1995, do 24 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da Lei do Estatuto dos traballadores, Real decreto 1040/1981, do 22 de maio, sobre rexistro e depósito de convenios colectivos de traballo e Real decreto 2412/1982, do 24 de xullo, sobre traspaso de funcións e servicios da Administración do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia, en materia de traballo, esta delegación provincial

ACORDA:

Primeiro.-Ordena-la súa inscrición no libro de rexistro de convenios colectivos de traballo, que consta nesta delegación provincial, e a notificación ás representacións económica e social da comisión negociadora.

Segundo.-Ordena-lo seu depósito no Servicio de Relacións Laborais, Sección de Mediación, Arbitraxe e Conciliación.

Terceiro.-Dispoñe-la súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Vigo, 22 de febreiro de 2000.

Antonio Coello Bufill

Delegado provincial de Pontevedra

Convenio colectivo da empresa La Artística

Productos Químicos, S.A. (Sociedad Unipersonal)

para o ano 2000

Artigo 1º.-Partes asinantes e ámbito.

Son partes asinantes deste convenio colectivo, pola parte económica, a representación da empresa La Artística Productos Químicos, S.A. (Sociedad Unipersonal), pola parte social, os delegados de persoal de La Artística Productos Químicos, S.A. (Sociedad Unipersonal).

Este convenio concértase entre a representación económica e social da empresa referenciada e será de aplicación a todo o persoal.

Artigo 2º.-Vixencia.

Este convenio terá vixencia desde o 1 de xaneiro de 2000 ata o 31 de decembro de 2000. Calquera que sexa a data da súa sinatura ou publicación no Diario Oficial de Galicia, os efectos económicos do ano 2000 retrotraeranse en todo caso ó 1 de xaneiro do dito ano. A revisión salarial terá efectos desde o 1 de xaneiro do dito ano.

Este convenio prorrogarase por un ano máis, agás denuncia dalgunha das partes cun mes de antelación á fin da súa vixencia. Denunciado o convenio, subsistirán os seus preceptos ata a entrada en vigor que o substitúa.

Artigo 3º.-Normas supletorias.

Serán as de carácter xeral.

Artigo 4º.-Dereitos adquiridos.

Este convenio garante como mínimo as condicións existentes, aplicándose sobre eles os seus beneficios.

Respectaranse os dereitos adquiridos e condicións máis beneficiosas que estean establecidas na empresa á entrada en vigor deste convenio.

Artigo 5º.-Xornada e vacacións.

A xornada anual será de 1.768 horas de traballo efectivo e as vacacións anuais en 30 días ininterrompidos. A xornada diaria efectiva será de 8 horas de traballo.

Neste ano 2000, La Artística Productos Químicos, S.A. (Sociedad Unipersonal) desfrutará as vacacións en dous períodos, polo que terá unha reducción de 8 horas sobre as 1.768 h, quedando a súa xornada anual efectiva en 1.760 h de traballo.

Os días establecidos como descanso ou vacacións serán retribuídos como tempo efectivo de traballo.

Artigo 6º.-Xornada nocturna.

Establécese un complemento de nocturnidade, como complemento de posto de traballo para os traballadores que presten os seus servicios na quenda de noite, consistente nun 10% sobre o salario base que corresponda en cada caso e por noite efectivamente traballada.

Non obstante o anterior, recoñécese o dereito adquirido de maneira expresa e a favor dos traballadores fixos de cadro de persoal á entrada en vigor do convenio para 1997 do que a referida porcentaxe sexa un 25% en lugar do 10%. Tamén se recoñece o dereito adquirido ós mesmos traballadores que, estando normalmente prestando os seus servicios en quenda de día e temporalmente pasen, por requirimento da empresa, a quenda de noite, a percibir, ademais do complemento mencionado, os seguintes complementos por noite efectivamente traballada: para dúas semanas consecutivas ou menos de traballo en quenda de noite: 2.798 ptas./noite traballada. Para máis de dúas semanas consecutivas de

traballo en quenda de noite: 2.532 ptas./noite traballada. Nestas circunstancias, o pase a quenda de noite será voluntario.

O pase dun destes traballadores fixos de quenda de día, con dereito adquirido descrito, a fixos da quenda de noite esixirá o previo acordo do interesado coa empresa respecto das condicións de remuneración do seu traballo como fixo da quenda de noite.

Artigo 7º.-Salario.

O importe do salario base para o ano 2000 será o que figura nas táboas anexas.

Artigo 8º.-Pagas extraordinarias.

Todo o persoal percibirá 2 pagas extraordinarias, unha no mes de xullo pagadeira na primeira quincena e outra en decembro, pagadeira do 15 ó 18, o importe da cal será de 30 días de salario base máis, se é o caso, a antigüidade que corresponda.

Artigo 9º.-Beneficios.

Todo o persoal percibirá unha gratificación anual que se devengará semestralmente, do 15 ó 20 dos meses de xaneiro e xullo. En xaneiro a correspondente ó segundo semestre do ano anterior e en xullo, a do primeiro semestre do ano que corre. Consistirá no 10% sobre o salario base, sobre a antigüidade e sobre as dúas pagas extras, efectivamente percibidas.

Artigo 10º.-Accidente laboral.

As baixas por accidente laboral non darán lugar á perda da paga de beneficios, a cal se percibirá como se se traballara.

Ademais para os accidentes que dean lugar a IT, ocorridos dentro do recinto da empresa ou durante as horas nas que estea prestando servicio ás empresas, completarase a prestación da Seguridade Social por accidente laboral ata o 100% da base reguladora a partir do 6º día de baixa inclusive. En caso de hospitalización nos 5 primeiros días, completarase ó 100% a prestación desde o primeiro día. Para este complemento a cargo da empresa establécese un límite de duración de 18 meses desde o inicio da baixa, coincidindo co período máximo de IT establecido na lei.

Artigo 11º.-Antigüidade.

Acordan as partes que a partir do día de entrada en vigor do convenio para 1997 desaparecerá o concepto retributivo de antigüidade, agás para as persoas a favor das cales se recoñece a continuación do seguinte dereito adquirido: recoñécese de maneira expresa e formal a favor de tódolos traballadores fixos de cadro de persoal á entrada en vigor do convenio de 1997 e que estean prestando os seus servicios para a empresa, o dereito adquirido ás percepcións polo extinguido concepto de antigüidade.

Este dereito adquirido esténdese non só a seguir devengando no futuro as cantidades que ata a data

viñan percibindo por este concepto, senón a que sigan xerando quinquenios, cos correspondentes devengos, ata chegar ó límite máximo de cinco quinquenios. O réxime destas percepcións por antigüidade, para os que teñan o dereito adquirido a elas, seguirá sendo o mesmo que existía ata agora, e sobre estas percepcións seguiranse aplicando os incrementos que se pactan nos futuros convenios colectivos. Os traballadores e a empresa poderán pactar individualmente a absorción deste concepto, entendéndose que esta absorción poderá realizarse unicamente co acordo expreso do traballador.

Artigo 12º.-Horas extraordinarias.

Tenderase á supresión das horas extras que non veñan impostas por causas de forza maior ou que teñan o carácter de estructurais. Enténdese por horas extra estructurais:

a) As que veñan esixidas pola necesidade de reparar sinistros e outros danos extraordinarios e urxentes.

b) As necesarias por pedidos imprevistos ou períodos punta de producción, ausencias imprevistas, cambios de quenda e outras circunstancias de carácter estructural derivadas da natureza da actividade de que se trate. As de mantemento, sempre que non poidan ser substituídas pola utilización das distintas modalidades de contratación previstas legalmente.

Terán a consideración de horas extra festivas aquelas que se realicen en sábado ou nos días festivos declarados legalmente, e retribuiranse na contía establecida na táboa anexa a este convenio.

En tódalas horas extras retribuídas que se realicen cada día o traballador percibirá, ademais do valor da hora extra pactado en convenio e co obxecto de axudar a tódolos gastos en que puidera incorre-lo traballador como consecuencia da realización das ditas horas, os seguintes complementos:

-Ata 4 horas: 396 ptas./hora.

-Máis de 4 horas: 1.582 ptas./día.

Se as horas extras se realizan entre as 22 h e as 6 h do día seguinte, ademais do complemento anterior, o traballador percibirá o valor da hora extra pactado na táboa incrementado un 25 % en concepto de nocturnidade.

O importe das horas extraordinarias será o que figura na táboa anexa.

Artigo 13º.-Falecemento dun traballador.

En caso de falecemento dun traballador, a empresa aboará ó seu cónxuxe, no seu defecto ós fillos e no seu defecto ós pais, nesa orde sempre que dependan economicamente do traballador falecido, as cantidades que se relacionan segundo as seguintes causas:

a) Se o falecemento é debido a enfermidade ou accidente non laboral: 554.000 ptas.

b) Se o falecemento é debido a accidente laboral: 948.000 ptas.

Artigo 14º.-Categorías profesionais.

Substitúese a categoría de aprendiz menor de 18 anos pola de contrato de formación, cos salarios que figuran na táboa anexa.

Os especialistas de 2ª serán promovidos á categoría de especialistas de 1ª como máximo ós 6 meses de antigüidade na empresa.

Os porteiros e serenos equiparanse como mínimo a especialistas de 1ª en categoría e retribución.

Artigo 15º.-Roupa de traballo.

A empresa proverá ós seus traballadores da roupa de traballo necesaria para o exercicio do seu labor, non podendo ser inferior a dúas pezas ó ano.

Artigo 16º.-Complemento de asistencia e puntualidade.

Satisfarase co incremento do 2,5% para o ano 2000 sobre o que estivo en vigor en 1999. Computarase por períodos semanais e terá dereito a el o persoal que non cometera máis dunha falta de asistencia ou puntualidade durante o dito período e alcanzará os días traballados máis domingos e festivos.

Non obstante o exposto no parágrafo anterior, o dito complemento percibirase igualmente nos seguintes supostos:

a) Cando o traballador se ausente para cumprir funcións de carácter sindical.

b) Durante os períodos regulamentarios de vacacións.

c) Cando o traballador se ausente por causas de citacións xudiciais ou gobernativas ou para asistir a algún exame por estudios oficiais, mesmo o obrigatorio para obte-lo permiso de conducir ou para a obtención ou renovación do DNI.

d) Durante os días traballados na semana na que se produza a baixa ou a alta, orixinados por causa de accidente laboral.

e) Por asistencia á consulta médica.

f) Durante os días nos que o traballador estea ausente con permiso por causa de morte dos pais, cónxuxe, fillos, avós, netos e irmáns. En caso de convivencia do traballador, calquera persoa.

g) Durante o permiso motivado polo parto da esposa, intervención cirúrxica ou enfermidade grave dos familiares comprendidos na letra f).

Artigo 17º.-Traballos tóxicos, penosos e perigosos.

Os traballadores que viñeran prestando servicios para as empresas o 1 de xaneiro de 1996 e que, conforme o artigo 60 da Ordenanza laboral para a industria metalgráfica, viñan percibindo o complemento de traballos tóxicos, penosos e perigosos na contía establecida no anterior convenio, conservarán

o dito dereito a pesar da derrogación da ordenanza, percibindo o complemento da contía do ano anterior, incrementada coa mesma porcentaxe pactada para a táboa salarial do convenio.

Artigo 18º.-Incapacidade permanente parcial.

Cando ó traballador se lle declare unha incapacidade permanente parcial para a súa profesión habitual, a empresa terá a obriga de admitilo e proporcionarlle traballo que non lle supoña diminución na súa remuneración, a cal haberá de manterse na contía íntegra que lle corresponda, segundo a súa categoría profesional.

Artigo 19º.-Axuda escolar.

Tódolos traballadores terán dereito a percibir por cada fillo escolarizado a cantidade de 2.863 ptas. mensuais para o ano 2000, durante os doce meses do ano, e na idade de 3 a 23 anos, logo da xustificación.

Artigo 20º.-Axuda a minusválidos.

Os traballadores con fillos beneficiarios da prestación de minusvalidez da Seguridade Social percibirán por parte da empresa unha axuda de 20.107 ptas. mensuais para o ano 2000.

Artigo 21º.-Xubilacións.

Os traballadores que se xubilen entre os 60 e os 65 anos percibirán da empresa as cantidades segundo se detallan na seguinte escala:

Para 2000:

Ós 60 anos: 1.003.680 ptas.

Ós 61 anos: 880.106 ptas.

Ós 62 anos: 774.272 ptas.

Ós 63 anos: 668.435 ptas.

Ós 64 anos: 584.880 ptas.

Ós 65 anos: 512.467 ptas.

Artigo 22º.-Baixas por incapacidade permanente absoluta.

Os traballadores que causen baixas por incapacidade permanente, no grao de absoluta, por proposta da Comisión Técnica Cualificadora Provincial ou Central da Seguridade Social, percibirán por parte da empresa 584.000 ptas. dunha soa vez, calquera que sexa a súa idade.

Artigo 23º.-Ausencias retribuídas.

O traballador, avisando coa posible antelación e xustificándoo, poderá faltar ou ausentarse do traballo con dereito a remuneración, por algún dos motivos e durante o tempo que a continuación se expón:

a) Durante tres días, que poderán ampliarse ata dous máis, cando o traballador necesite realizar un desprazamento para efectos de:

Nos casos de parto de esposa, enfermidade grave ou falecemento do cónxuxe, fillos, pais ou nai, netos,

avós e irmáns. En caso de convivencia co traballador, calquera persoa.

b) Durante un día por traslado do seu domicilio habitual.

c) Un día natural en caso de matrimonio de fillos, irmáns ou pais.

d) O tempo necesario para o cumprimento de funcións de carácter sindical, nos casos representativos e non excedendo de 40 horas laborables ó mes.

e) As nais con fillos menores de nove meses terán unha reducción dunha hora na xornada laboral, a cal será retribuída pola empresa.

f) A empresa aboará un permiso retribuído en 15 días naturais, en caso de matrimonio.

Nos parentescos enténdese tanto nos graos de consanguinidade como no de afinidade.

Artigo 24º.-Complemento de transporte.

Incrementarase, para o ano 2000, no 2,5% sobre o que estivo en vigor o ano anterior.

Artigo 25º.-Maternidade.

As traballadoras no período de xestación poderán solicita-lo cambio parcial ou temporal de posto de traballo sempre que, a xuízo do médico de empresa e do seu xinecólogo, o posto que desempeña lle proporcione dificultades anormais.

A empresa complementará a traballadora desde a súa baixa por maternidade co 100% da base reguladora durante 16 semanas.

Artigo 26º.-Funcións do comité de empresa.

De acordo co convido nas leis, os comités terán facultades para intervir en materia de:

a) Negociación colectiva.

b) Seguridade e hixiene.

c) Expedientes de regulación de emprego.

d) Folga.

e) Ser informados trimestralmente pola empresa, acerca da situación e marcha xeral desta.

E serán informados do mesmo xeito, en materia de:

a) Mobilidade do persoal.

b) Imposición de sancións de despedimentos.

c) Evolución do emprego e horas extras.

As empresas facilitarán un local para o funcionamento dos comités, dotado de arquivos para a súa documentación e máquina de escribir. Para a reproducción de circulares ó persoal, procurarán facilitárlle-lo servicio de multicopista compatibilizándoo co traballo normal das oficinas.

Artigo 27º.-Asembleas.

Poderán ter lugar dentro dos locais de ámbalas dúas empresas, fóra de horas de traballo, cando o soliciten da empresa o comité ou o 20% dos traballadores, polo menos con 48 horas de anticipación á súa realización.

Mentres non se destine a outro fin, o local que cederá a empresa será o mesmo empregado ata agora.

Artigo 28º.-Cota sindical.

As empresas descontarán ós traballadores afiliados ós sindicatos con representación do 10% de delegados no comité e pertenzan a centrais de ámbito nacional, de nacionalidade ou rexión, a cota sindical logo da conformidade do interesado por escrito.

Os mencionados escritos dos traballadores terán unha vixencia mínima dun ano, salvo comunicación en contrario do interesado.

Artigo 29º.-Seccións sindicais.

Terán as seguintes garantías:

a) No suposto de medidas disciplinarias contra calquera afiliado, as empresas xunto ó escrito de sanción ó interesado entregarán copia para a súa sección sindical.

b) Poderán difundir libremente as publicacións da súa central, cobrar cotas e afiliar, sen máis limitacións que a non obstaculización da producción.

c) As seccións sindicais coa representación mencionada neste artigo poderán realizar asembleas, fóra de horas de traballo, nos locais da empresa, unha vez solicitada a súa realización.

d) As seccións sindicais de empresa que cumpran o 10% disporán para o conxunto dos seus afiliados de ata un máximo de 7 días anuais de licencia non retribuída, para asistencia a cursos, congresos, etc. dunha central.

A licencia requirirá notificación á empresa cunha semana de antelación.

e) A empresa estará obrigada a concede-la excedencia polo tempo necesario para os traballadores que ocupen un cargo sindical con carácter polo menos provincial.

Artigo 30º.-Revisión salarial.

No caso de que o Índice de Prezos ó Consumo (IPC) establecido polo Instituto Nacional de Estatística rexistrase o 30 de setembro de 2000 un incremento respecto ó 31 de decembro de 1999 superior ó 2,2% (dous con dous por cento), efectuarase unha revisión salarial tan axiña como se constate oficialmente a dita circunstancia. Esta revisión, no suposto de que haxa que facela efectiva, serao sobre os meses de outubro, novembro e decembro de 2000 e consistirá na aplicación do exceso sobre o citado tanto por cento ás retribucións vixentes no 31 de decembro de 1999.

Artigo 31º.-Comisión paritaria.

Crearase unha comisión paritaria integrada por tres representantes dos traballadores e tres representantes da empresa. Será presidida pola persoa que a mesma comisión designe por ambas partes, podendo actua-la comisión sen presidente, se así se acordase.

Será función principal da comisión paritaria interpreta-las cláusulas do convenio pronunciando unha arbitraxe nas cuestións controvertidas que se lle presenten.

Artigo 32º.-Retribución persoal feminino.

Haberá que aterse ó disposto no artigo 28 do Estatuto dos traballadores.

Vigo, 26 de xaneiro de 2000.

R. patronal:

Teresa Ramos Barbosa

R. traballadores:

J. Carlos Goberna Pérez

José París Lago

ANEXO

Táboas salariais

CategoríasTáboa salarial de 2000Táboa salarial de 1999

Importe día/mesHor. Extr. normaisHor. Extr. festivasImporte día/mesHor. Extr. normaisHor. Extr. festivas

* Grupo de operarios

Contrato en formación3.012.141.1861.3922.938,681.1571.358
Peón3.617,801.4751.7293.529,561.4391.687
Espta. 2ª3.739,781.5001.7643.648,571.4631.721
Espta. 1ª3.853,571.5361.7903.759,581.4991.746
Oficial 3ª4.195,031.6211.8984.092,711.5811.852
Oficial 2ª4.581,191.7902.0924.469,451.7462.041
Oficial 1ª4.796,651.8862.2004.679,661.8402.146
Of. Es. Litog.5.048,672.0322.3734.925,531.9822.315
Portº/sereno3.853,571.5361.7903.759,581.4991.746
Almaceneiro4.195,031.6211.8984.092,711.5811.852

* Grupo de administrativos

Xefe 1ª166.4382.2252.597162.3792.1712.534
Xefe 2ª156.5142.2252.597152.6972.1712.534
Oficial administrativo 1ª145.8971.8862.200142.3391.8402.146
Oficial administrativo 2ª139.3461.7902.092135.9471.7462.041
Auxiliar administrativo127.5991.6211.898124.4871.5811.852
Telefonista117.2131.5361.790114.3541.4991.746

* Grupo de técnicos

Delineante 3ª131.6651.7071.982128.4541.6651.934
Delineante 2ª139.4671.7902.092136.0651.7462.041
Delineante 1ª147.5151.9252.249143.9171.8782.194
Mestre encargado166.1502.2252.597162.0982.1712.534
Encargado sección158.0792.0822.416154.2232.0312.357
Titulado medio166.4382.2252.597162.3792.1712.534
Titulado superior216.1342.2252.597210.8622.1712.534

Vacacións para o ano 2000

-Quenda do 27 de maio ó 18 de xuño, ambos inclusive:

Santiago Rego Fernández.

Pilar Oya Collazo.

Un traballador novo.

-Quenda do 17 de xuño ó 9 de xullo, ambos inclusive:

Antonio Pérez Fernández.

Pilar Fernández Argibay.

José París Lago.

-Quenda do 8 de xullo ó 30 de xullo, ambos inclusive:

Manuel Vieira Costas.

Manuel Castro Oliveira.

J. Carlos Goberna Pérez.

-Quenda do 29 de xullo ó 20 de agosto, ambos inclusive:

José Hermida Pérez.

Fernando Jesús Fernández Lago.

José Darriba Rodríguez.

José Benito López de Luzuriaga Martínez.

Carmen Fernández Fandiño.

-Quenda do 19 de agosto ó 10 de setembro, ambos inclusive:

Fernando Pérez Lodeiro.

Francisco Millán Fernández.

Rosario González Martínez.

Antonio Besada Lázaro.

J. Carlos Carrera Fernández.

-Quenda do 9 de agosto ó 1 de outubro, ambos inclusive:

Alejandro Pérez Lago.

Emilio Merino Fernández.

Nota: esta lista podería sufrir lixeiras variacións en función das necesidades mínimas e concretas de producción para garantir que tódolos postos queden cubertos neste período sen interrupción.

Para o persoal de laboratorio, administración e comercial, as quendas serán organizadas internamente en cada departamento.