Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 63 Xoves, 30 de marzo de 2000 Páx. 4.364

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE CULTURA, COMUNICACIÓN SOCIAL E TURISMO

ORDE do 15 de marzo de 2000 pola que se anuncian subvencións a empresas privadas para a mellora da oferta balneoterápica de Galicia.

O establecemento balneario foi un dos primeiros elementos xeradores de actividade turística na nosa Comunidade Autónoma, sendo claro exemplo disto o grande número deste tipo de establecementos existentes en Galicia, pero é a mediados deste século cando este tipo de turismo lle cede terreo claramente ó turismo denominado de sol e praia, producíndose nalgúns casos o peche de establecementos ou, nos casos máis favorables, unha existencia de mera supervivencia.

Pero desde non hai moitos anos estase a producir un rexurdimento desta modalidade de turismo e Galicia non é allea a este fenómeno; de feito, a nosa oferta turística balnearia está producindo uns máis que esperanzadores resultados aínda que os niveis de calidade deben ser mellorados para seren acordes coas demandas dos usuarios.

Por outro lado estase a producir, no eido da demanda turística, unha serie de necesidades terapéuticas distintas ás ofertadas polos balnearios tradicionais e que están vencelladas a outros usos curativos, tales como a utilización da auga do mar. Tendo en conta que esta demanda vai incidir, tal como xa o fai o balneario tradicional, no noso turismo e, considerando que un dos principais obxectivos da política turística da Xunta de Galicia é o de potencia-la oferta balneoterápica en tódalas suas expresións, é polo que, con cargo ós créditos orzamentarios da Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo asignados para esta finalidade na Lei de orzamentos da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2000, seguindo os criterios básicos sobre o réxime de incentivos ó investimento productivo en Galicia sinalados no Decreto 309/1995, do 23 de novembro, sobre incentivos para o desenvolvemento económico e fomento da actividade empresarial da Comunidade Autónoma de Galicia, así como o

establecido sobre medidas de fomento no artigo 73 da Lei 9/1997, do 21 de agosto, de ordenación e promoción do turismo en Galicia, en concordancia co sinalado no artigo 74 da dita lei

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Destinatarios.

A Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo poderalles conceder subvencións, con cargo á aplicación orzamentaria 10.05.751A.770.0, ás persoas físicas e xurídicas titulares (en calquera das formas de posesión que determina o Código civil):

1. De establecementos de aloxamento e restauración con instalacións balnearias en funcionamento.

2. De establecementos de aloxamento e restauración con instalacións balnearias pechadas pola deterioración das súas instalacións, sempre e cando, no proxecto que se sinala no artigo 5º.1 c) 1º desta orde, se considere a recuperación de todo o conxunto.

3. De instalacións balnearias que carezan de establecementos de aloxamento e restauración sempre e cando, no proxecto que se sinala no artigo 5º.1 c) 1º desta orde, se considere a creación, formando un conxunto co balneario, de establecementos de aloxamento e restauración.

4. Tamén poderán ser destinatarios das subvencións obxecto desta orde aqueles promotores de establecementos balnearios non tradicionais que inclúan no establecemento, oferta de aloxamento e restauración.

Ás ditas concesións destínase un crédito de 681.849.814 ptas., distribuídos en 4 anualidades, a saber, no ano 2000, 200 millóns de ptas., no 2001, 100.313.237 ptas., no 2002, 144.427.306 e no 2003, 237.109.271 ptas. Cando as subvencións concedidas teñan carácter plurianual, aplicarase o que dispón o artigo 37.dous) da Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2000, para os efectos do pagamento correspondente á anualidade do exercicio de 2000 e, de se-lo caso, as de 2001 e 2002, sendo nestas axudas posible a concurrencia con calquera outra axuda para o mesmo obxecto e finalidade, pero o seu importe en ningún caso poderá ser de tal contía que, en concorrencia con subvencións e axudas doutras administracións públicas, ou doutros entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, supere a porcentaxe máxima do investimento subvencionable que legalmente se estableza.

Artigo 2º.-Obxecto.

Poderán ser obxecto de subvención, de conformidade co que se establece nesta orde, as accións encamiñadas á creación, modernización e posta en valor turística dos balnearios. Abrangue o obxecto da subvención a creación, remodelación e recuperación de establecementos turísticos dirixidos á utilización terapéutica das augas, incluídas as do mar, así como a substitución dos seus equipamentos obsoletos.

Artigo 3º.-Condicións particulares.

1. Os proxectos que se presenten na procura de subvención serán globais, é dicir, estarán contidos nunha única solicitude.

2. O investimento mínimo subvencionable non poderá ser inferior a cincuenta millóns (50.000.000) de pesetas, non considerándose investimento subvencionable os gastos xerais nin o beneficio industrial; tampouco forma parte del a adquisición de terreos nin os honorarios de técnicos, así como tampouco ningún tipo de taxa ou imposto.

3. Os establecementos para os que se solicita subvención deberán estar inscritos no Rexistro de Empresas e Actividades Turísticas (REAT) da Xunta de Galicia, agás os que se atopen nalgún dos casos determinados nos números 2, 3 e 4 do artigo 1º desta orde.

4. Os proxectos que se subvencionen terán que:

a) Comezar durante o ano 2000 e estar rematados con tempo dabondo para xustifica-lo investimento

subvencionado dentro dos prazos establecidos nesta orde.

b) Publicita-la colaboración da Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo - Dirección Xeral de Turismo, tanto durante a realización das obras como posteriormente, mediante un cartel que se exhibirá en sitio ben visible. As características do dito cartel, así como a súa localización e contido serán indicados polos correspondentes servicios provinciais de Turismo da Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo. Os custos correspondentes á dita publicidade serán por conta do beneficiario da subvención.

c) Cumpri-lo disposto na Lei 8/1997, do 20 de agosto, de accesibilidade e supresión de barreiras na Comunidade Autónoma de Galicia.

5. Os beneficiarios das subvencións adquiren os seguintes compromisos:

a) Solicita-la autorización de apertura diante da Administración turística, ou se é o caso, reemprende-la actividade nun prazo máximo de tres meses contados a partir da data da xustificación final do investimento.

b) Crea-los postos de traballo a que se compromete na declaración xurada reflectida no anexo II nun prazo de 3 anos contados desde a data de autorización de apertura pola administración turística ou, de se-lo caso, desde cando se reemprenda a actividade ou se teña xustificado correctamente o investimento subvencionado.

c) Mante-la súa actividade durante un período mínimo de quince años, contados desde a data de xustificación total do investimento subvencionado.

d) Someterse ás actuacións de comprobación que efectuará a Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo e ás de control financeiro que lle corresponden á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, en relación coas subvencións e axudas concedidas e ás previstas na lexislación do Tribunal de Contas e o Consello de Contas.

e) Comunicarlle á Dirección Xeral de Turismo da Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo a obtención doutras subvencións ou axudas para a mesma finalidade procedentes de calquera administración ou ente público nacional ou internacional.

f) Reintegrar, total ou parcialmente, o importe percibido da subvención concedida así como os correspondentes xuros de demora devengados desde o momento do pagamento, nos seguintes casos:

-Por incumprimento dos compromisos e obrigas relacionados neste artigo.

-Non ter acadado, en tempo e forma, a finalidade para a que foi concedida a subvención.

-Incumprimento da obriga de xustificación nos prazos e termos establecidos nesta orde.

-Ter obtida a subvención sen reuni-los requisitos esixidos para a súa concesión.

-Incumprimento da finalidade para a que foi concedida a subvención.

-Supera-la porcentaxe máxima do investimento subvencionable que legalmente se estableza.

-Por revogación da subvención concedida por non terse xustificado o investimento mínimo subvencionable.

Artigo 4º.-Contía das subvencións.

Os proxectos que se recollen nesta orde como accións subvencionables poderán acadar unha axuda económica de ata o 35% sobre o investimento subvencionable. Á dita cantidade engadiráselle 1.000.000 de ptas. por posto de traballo que se cree con carácter indefinido e que supere a porcentaxe mínima de contratación estable que, para ser beneficiario de subvención, se esixe nesta orde. En todo caso, a porcentaxe máxima de axuda non poderá supera-lo 50% do investimento subvencionable.

Artigo 5º.-Solicitudes e documentación.

1. As solicitudes, dirixidas ó director xeral de Turismo e a documentación que a seguir se especifica presentaranse, por duplicado exemplar, na Consellería de Industria e Comercio, de acordo co sinalado no Decreto 400/1996, do 31 de outubro, polo que se crea o portelo único para establecementos balnearios e explotacións de augas minerais, termais e de manancial (DOG nº 226, do 19 de novembro), en calquera das formas previstas na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, no prazo dun mes contado desde o día seguinte da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia:

a) Solicitude segundo o modelo do anexo I.

b) Fotocopia cotexada do DNI e do NIF do solicitante ou do CIF cando corresponda.

c) 1º Proxecto básico, asinado por técnico facultativo competente, cando o investimento se refira á realización de obras.

2º Memoria explicativa, asinada por técnico facultativo competente, cando o investimento se refira á adquisición de equipamento, á execución dun proxecto de decoración, a intervencións de remoción e pequenas reparacións.

En todo caso deberase achegar, tanto sexa coa memoria como co proxecto básico, orzamento pormenorizado por conceptos do investimento proxectado e planos á escala 1:50 cando o investimento afecte á distribución ou uso das instalacións existentes.

d) Licencia urbanística, se fose o caso, que posibilite a execución do investimento para o que se solicita subvención. No caso de carecer dela no momento de realiza-la solicitude de subvención, será dabondo a presentación dun informe urbanístico, emitido polo concello, no que se indique que o proxecto para o que se solicita subvención é conforme coa legalidade urbanística vixente no municipio ou, se é o caso, certificación do concello comprensiva de que o investimento proxectado non precisa licencia urbanística.

e) Para os proxectos promovidos por personas xurídicas, achegarase escritura de constitución ou modificación se é o caso, debidamente inscrita no Rexistro Mercantil nos que se indicará, con dilixencia do seu secretario, que estes son os vixentes.

f) Anexo II asinado e debidamante cuberto.

g) Certificado de autorización de aproveitamento de augas outorgada pola Consellería de Industria e Comercio ou, se se-lo caso, de ter presentado a súa solicitude e certificado de inscrición no rexistro de centros, servicios ou establecementos sanitarios da Consellería de Sanidade e Servicios Sociais ou, se é o caso, a súa solicitude de inscrición neste.

h) Se é o caso, solicitude debidamente motivada para que, por circunstancias de estacionalidade da actividade ou de especiais dificultades do sector ou da empresa concreta, se lle solicite á Comisión Delegada da Xunta de Galicia para Asuntos Económicos que autorice de xeito excepcional a non esixencia de porcentaxe mínima de emprego estable para obte-la consideración de beneficiario da axuda.

i) Declaración de conxunto de tódalas solicitudes efectuadas ou concedidas, para a actividade obxecto desta orde, das distintas administracións públicas competentes ou calquera dos seus organismos, entes ou sociedades.

k) No caso de que o investimento proxectado supoña a creación dunha empresa será preciso achegar declaración xurada do promotor ou do representante legal de que a nova empresa vai axustarse a tódalas condicións que se sinalan para os destinatarios.

2. Os interesados emendarán, por petición da Dirección Xeral de Turismo da Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo, os defectos dos expedientes de solicitudes de subvención que o precisen, segundo o sinalado no artigo 71.1º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Artigo 6º.-Selección das solicitudes e resolución.

As solicitudes, ás que se lles achegará un informe emitido polo respectivo xefe do Servicio Provincial de Turismo, por cada expediente, no que se deberá indica-la valoración desde un punto de vista turístico do proxecto presentado, se o establecemento para o que se solicita subvención está inscrito, se fose o caso, no Rexistro de Empresas e Actividades Turísticas (REAT) da Xunta de Galicia así como se cumpre os demais requisitos administrativos esixibles para ser obxecto de subvención, serán estudiadas por unha comisión técnica constituída polo titular da Subdirección Xeral de Fomento e Cooperación, que a presidirá, actuando como vocais un representante de cada unha das delegacións provinciais da Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo, os xefes dos servicios provinciais de Turismo e os xefes de servicio de Fomento e Promoción, de Investimentos e Supervisión Técnico-Turística e de Ordenación do Turismo da Dirección Xeral de Turismo. Exercerá as funcións de secretario da

comisión o antedito xefe de servicio de Fomento e Promoción.

1. Para a valoración das solicitudes teranse en conta os seguintes criterios:

-Os valores de localización, contorno, historia, etc...

-As características do proxecto en canto á oferta que se propón (incorporación de tecnoloxía avanzada, mellora ambiental, valor engadido que xere o proxecto, así como o seu carácter dinamizador,...).

-A creación de postos de traballo.

-A oferta de servicios.

-Carácter innovador do proxecto.

2. Esta comisión, á vista dos expedientes e dos informes emitidos polos servicios provinciais, analizará e cualificará os proxectos e, tendo en conta as dispoñibilidades orzamentarias elevará, unha vez emitido informe pola comisión creada ó abeiro do decreto da Xunta de Galicia 401/1996, do 31 de outubro, ó director xeral de Turismo, os acordos adoptados por ela. Dos acordos adoptados pola sinalada comisión redactarase a correspondente acta.

3. O conselleiro de Cultura, Comunicación Social e Turismo dictará as resolucións de concesión ou, se é o caso, de denegación de subvencions. Contra os ditos actos resolutivos, que esgotan a vía administrativa, poderá o interesado interpoñer recurso contencioso-administrativo diante do Tribunal Superior de Xustiza da Comunidade Autónoma de Galicia, no prazo de dous meses, contados desde a recepción da notificación da resolución ou, potestativamente interpoñer, no prazo dun mes desde a recepción da resolución, recurso de reposición diante do conselleiro de Cultura, Comunicación Social e Turismo.

A resolución de concesión determinará o importe da subvención concedida, con cargo ás disposicións orzamentarias para os anos 2000, 2001, 2002 e 2003 segundo corresponda, en función das disposicións orzamentarias ou, se fose o caso, das dificultades de índole técnica de execución do investimento subvencionado.

4. Entenderanse desestimadas as solicitudes sobre as que non recaese resolución expresa no prazo de seis meses contados desde a data de publicación da orde.

Artigo 7º.-Aceptación-renuncia das subvencións e condicións xerais para as concedidas.

A) Da aceptación-renuncia das subvencións.

Unha vez recibidas as notificacións de concesión de subvención polos beneficiarios, estes, no prazo de dez días naturais, comunicaranlle á Dirección Xeral de Turismo a aceptación (utiliza-lo modelo do anexo III da orde) ou renuncia a elas. Se transcorridos os sinalados dez días non se fixese manifestación en ningún sentido, tal feito entenderase como renuncia á subvención e procederase, sen máis trámite, a dictar resolución de anulación da subvención concedida por renuncia do beneficiario.

B) Das condicións xerais para as subvencións concedidas.

No prazo de dous meses desde a presentación da aceptación da subvención, os beneficiarios presen

tarán na Dirección Xeral de Turismo a seguinte documentación:

a) Proxecto definitivo da acción subvencionada visado polo correspondente colexio oficial, no que se incluirá programa de obras que determinará a previsión anual de execución do investimento, consonte a resolución de concesión.

O dito proxecto e programa, que teñen que ser conforme o determinado na resolución de concesión da subvención, e para os efectos da súa validez para lle incorporar ó expediente, deberá reabrir informe favorable, do xefe do Servicio de Investimentos e Supervisión Técnico-Turística da Dirección Xeral de Turismo.

b) Licencia urbanística de obras, expedida polo concello e con referencia explícita ó proxecto subvencionado. Excepcionalmente poderase apraza-la presentación deste documento.

c) Certificación bancaria onde se debe aboa-la subvención.

Se transcorrido o sinalado prazo de dous meses non se cumprise algunha das condicións anteriores, tal feito entenderase como renuncia á subvención e procederase, sen máis trámite, a dictar resolución de anulación da subvención concedida por renuncia do beneficiario.

3. Se por calquera motivo, e durante o exercicio económico, houbese máis crédito orzamentario para a concesión de subvencións obxecto desta orde, vista a proposta que lle formule a comisión técnica, o director xeral de Turismo poderá propoñer concederlles subvencións ós expedientes que non a recibisen e teñan cualificación dabondo, segundo os acordos da sinalada comisión.

Artigo 8º.-Xustificación e pagamento das subvencións.

1. Os beneficiarios de subvencións concedidas en virtude da presente orde e cando o importe dela atribuíuse en dúas ou máis anualidades terán como data límite, para a presentación de xustificación do investimento executado, que se deberá realizar de conformidade co programa de obras, as seguintes:

Fase de 2000: 1 de novembro de 2000.

Fase de 2001: 30 de xuño de 2001, se o importe da subvención se imputou a dúas anualidades. No caso de terse imputado a máis, 15 de outubro de 2001.

Fase de 2002: 30 de xuño de 2002, se o importe da subvención se imputou a tres anualidades. No caso de terse imputado a máis, 15 de outubro de 2002.

Fase de 2003: 30 de xuño de 2003.

Se a subvención soamente se imputou ó exercicio do 2000, a data límite de presentación será o 1 de novembro de 2000.

En todo caso, os beneficiarios de subvencións, unha vez executado o investimento, deberán xustificalo o antes posible e nunca con posterioridade ás datas indicadas, datas que son límite de presentación da xustificación.

2. O investimento xustificado deberá coincidir coa resolución de concesión da subvención ou coas modificacións autorizadas. Se o investimento xustificado fose menor, e sempre mantendo os fins para os que se concedeu a subvención, esta reducirase proporcionalmente ó investimento non xustificado.

3. Para percibi-la subvención, os beneficiarios remitirán á Dirección Xeral de Turismo, por triplicado exemplar, a seguinte documentación:

3.1. Solicitude de cobro segundo o modelo do anexo IV.

3.2. Facturas e certificación por conceptos, asinada polo técnico director de obra relativa á obra executada coa súa valoración e, no caso de obra rematada, tamén se achegará certificado de fin de obra, no caso de que o investimento subvencionable se referise á realización das obras e/ou instalacións incluídas no artigo 5º.1 c) 1º da presente orde.

Cando o investimento subvencionable se referise ás accións recollidas no artigo 5º.1 c) 2º da presente orde deberase remitir, ou ben a documentación que se sinala no parágrafo anterior ou, no seu defecto, facturas orixinais, ou copia compulsada delas, relativas ó investimento executado.

En calquera dos casos, nas facturas o interesado deberá especificar, a qué concepto do investimento que serviu de base á concesión de subvención corresponde cada unha delas.

3.3. Licencia urbanística que posibilitase a execución do investimento subvencionado, no caso de que se precisara e non se achegase anteriormente por causas excepcionalmente autorizadas.

3.4. Certificados de estar ó día nas súas obrigas tributarias coas facendas do Estado e da Comunidade Autónoma e nas obrigas coa Seguridade Social e que non se ten pendente de pagamento ningunha outra débeda, por ningún concepto, coa administración da Comunidade Autónoma.

3.5. Acta de manifestacións, en escritura pública, onde se recollan os compromisos ós que se fan referencia no artigo 3º.5 e anexo II da presente orde. Este documento será obrigatorio presentalo coa primeira solicitude de pagamento.

3.6. Antes do derradeiro aboamento, os beneficiarios deberán achegar, xunto co resto da documentación, declaración de conxunto das axudas solicitadas, tanto aprobadas ou concedidas como as pendentes de resolución, para a actividade obxecto desta orde, das distintas administracións públicas competentes ou calquera dos seus organismos, entes ou sociedades.

Por outra banda, no caso de que a subvención concedida fose plurianual e superase a cifra de 5.000.000 de ptas., cando se solicite o pagamento da anualidade dos anos 2000 ou, se é o caso, do 2001, 2002 ou 2003 ademáis da documentación indicada no número 3 do presente artigo, tamén se deberá remiti-la documentación á que se fai referencia no artigo 37.dous,2 da Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o 2000.

Disposición adicional

Primeira.-A condición de beneficiario de subvención, sen prexuízo dos demais requisitos que nela se establecen, só poderá adquirirse cando alomenos o 35% do cadro de persoal da empresa solicitante de axuda teña contratos por tempo indefinido.

No caso de empresas de nova creación, poderá adquirirse a condición de beneficiario de subvención, cando exista o compromiso de acadar como mínimo o 35% de estabilidade laboral ó remate do prazo que se conceda para tal efecto (artigo 3º e 4º desta orde).

A porcentaxe de estabilidade mínima laboral, no caso de empresas con menos de 10 traballadores e para os efectos de adquiri-la condición de beneficiario de subvención, será dun 33%.

Non será preciso dar cumprimento ós anteditos requistos de estabilidade laboral no caso de que a subvención solicitada ou, se é o caso, concedida, sexa inferior a 10 millóns de pesetas

En todo caso non será esixible o requisito de estabilidade mínima laboral en relación ós centros de traballo radicados fóra da Comunidade Autónoma de Galicia.

Segunda.-As modalidades de contratos aceptados na presente orde, para os efectos de creación de emprego, son:

-Autoemprego.

-Indefinidos.

-Fixos-descontinuos.

Todo isto con independencia de se a cotización á Seguridade Social se fai a través do réxime xeral ou especial de traballadores por conta allea ou polo de traballadores autónomos.

De se-lo caso, e para o cálculo da equivalencia ó ano, procederase a dividi-la suma de horas traballadas, pola xornada anual de actividade, determinando este resultado o número de postos creados.

O cumprimento das condicións relativas á creación de emprego acreditarase mediante o oportuno certificado do organismo laboral competente.

Terceira.-De xeito excepcional, logo de petición do solicitante e coa debida motivación, en casos de estacionalidade da actividade ou de especiais dificultades dun sector ou dunha empresa concreta, a Comisión Delegada da Xunta de Galicia para Asuntos Económicos poderá autorizar a non esixencia de porcentaxe mínima de emprego estable para obte-la consideración de beneficiario da axuda.

Cuarta.-Para os efectos desta orde entenderase como creación de emprego a reconversión de postos de traballo temporais en postos de traballo fixos

Quinta.-Poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da axuda obxecto da presente orde e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais.

Sexta.-No caso de concesión de subvención trala resolución dun recurso administrativo, as datas para a presentación da documentación a que fai referencia o artigo 7º desta orde así como os prazos establecidos no artigo 8º.1 terase que determinar no acto que resolva o dito recurso. Estas datas e prazos no poderán ser, en ningún caso, posteriores ó 30 de xuño de 2003. Será tamén de aplicación o disposto neste parágrafo cando se concedese unha subvención consonte o sinalado no artigo 7º.3 desta orde.

Sétima.-As subvencións que co mesmo obxecto que esta foron concedidas con anterioridade e aínda non lles rematase o prazo de xustificación da derradeira anualidade poderán solicitar, en escrito debidamente motivado asinado polo solicitante e polo técnico-director de obra, unha ampliación do prazo de xustificación e, se procedese, un reaxuste de anualidades, cando existiran causas técnicas derivadas da execución do investimento subvencionado que fagan imposible a execución deste nos prazos inicialmente previstos. En todo caso, o total de prazo de execución, non poderá ser superior ó determinado no artigo 58 do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia.

Oitava.-No caso de que os proxectos presentados ó concurso de subvención obxecto desta orde fosen de tal importancia para os obxectivos turísticos e tal feito determinase que se fixera preciso amplia-lo importe do crédito determinado no artigo 1º desta orde, a Dirección Xeral de Turismo fará a correspondente proposta nos termos establecidos na normativa orzamentaria.

Disposicións derradeiras

Primeira.-As unidades administrativas que actúen en calquera das fases do procedemento determinado na presente orde poderán solicitarlle ó administrado a documentación que consideren precisa para un mellor estudio do expediente.

Segunda.-O director xeral de Turismo dictará, de ser preciso, as resolucións e instruccións oportunas para o desenvolvemento e interpretación desta orde, incluíndose nestas facultades as que sexan precisas para adaptar, de oficio, os importes de investimento subvencionable e subvención concedida ó euro, así como calquera outra operación que sexa precisa neste eido, seguindo para isto a normativa que exista para estes fins.

Terceira.-En todo o non recollido na presente orde aplicarase o disposto, para esta materia, no Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia así como na Lei 8/1999, do 30 de decembro, de medidas fiscais, orzamentarias, de función pública e actuación administrativa e na Lei 7/1999, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2000.

Santiago de Compostela, 15 de marzo de 2000.

Jesús Pérez Varela

Conselleiro de Cultura, Comunicación Social

e Turismo