Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 60 Luns, 27 de marzo de 2000 Páx. 4.108

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DA PRESIDENCIA E ADMINISTRACIÓN PÚBLICA

RESOLUCIÓN conxunta do 7 de marzo de 2000, da Dirección Xeral de Ordenación Educativa e Formación Profesional da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria e do Instituto Galego de Consumo, pola que se convoca concurso de premios entre escolares de niveis non universitarios para a elaboración de carteis ou debuxos e traballos de redacción sobre a educación do consumidor en conmemoración do Día Mundial dos Dereitos do Consumidor.

Con motivo da conmemoración, o 15 de marzo, do Día Mundial dos Dereitos do Consumidor, o Instituto Galego de Consumo e a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, a través da Dirección Xeral de Ordenación Educativa e de Formación Profesional, conscientes da necesidade de forma-los alumnos e as alumnas da Comunidade Autónoma galega de cara á adquisición do espírito crítico que lles permita enfrontarse ás múltiples e diversas ofertas da sociedade de consumo, e optar de maneira libre e responsable, convocan para o ano 2000 un concurso de premios de carteis ou debuxos e de traballos de redacción sobre a educación do consumidor na escola, invitando os escolares galegos a reflexionar sobre a sociedade de consumo e a que utilicen como medio a creación artística e literaria.

Por todo isto,

DISPOÑEMOS:

Convocar un concurso de carteis ou debuxos e traballos de redacción, en materia de educación do consumidor, de acordo coas seguintes bases:

Primeira.-Poderán participar neste concurso tódolos alumnos e alumnas matriculados en centros de niveis educativos non universitarios da Comunidade Autónoma galega.

Segunda.-Os premios distribuiranse do modo seguinte:

-Un premio para o mellor cartel ou debuxo do alumnado de educación infantil, dotado con 125.000 pesetas, das cales 50.000 pesetas se investirán na

adquisición de material didáctico, lúdico, etc., para o gañador ou gañadores, e 75.000 pesetas serán para o centro onde cursen os seus estudios.

-Un premio para o mellor cartel ou debuxo realizados por alumnos ou alumnas do 1º e 2º ciclo de educación primaria, dotado con 150.000 pesetas, das cales 65.000 pesetas se investirán na adquisición de material didáctico, lúdico, etc., para o gañador ou gañadores, e 85.000 pesetas serán para o centro onde cursen os seus estudios.

-Un premio para o mellor traballo de redacción dos alumnos e alumnas do 3º ciclo de educación primaria, dotado con 150.000 pesetas, das cales 65.000 pesetas se investirán na adquisición de material didáctico, lúdico, etc., para o gañador ou gañadores, e 85.000 pesetas serán para o centro onde cursen os seus estudios.

-Un premio para o mellor traballo de redacción dos alumnos e alumnas do 1º ciclo da ESO, dotado con 175.000 pesetas, das cales 75.000 pesetas se investirán na adquisición de material didáctico, lúdico, etc., para o gañador ou gañadores, e 100.000 pesetas serán para o centro onde cursen os seus estudios.

-Un premio para o mellor traballo de redacción para o segundo ciclo da ESO, bacharelato LOXSE, ciclos formativos, formación profesional de 1º e 2º grao, BUP e COU, dotado con 200.000 pesetas, das cales 90.000 pesetas se investirán na adquisición de material didáctico, lúdico, etc., para o gañador ou gañadores, e 110.000 pesetas corresponderán ó centro onde cursen os seus estudios.

-Un premio para o mellor cartel ou debuxo presentado por alumnos e alumnas de escolas de Arte, dotado con 200.000 pesetas, das cales 90.000 pesetas se investirán na adquisición de material didáctico, lúdico, etc., para o gañador ou gañadores, e 110.000 pesetas serán para a escola onde cursen os seus estudios.

Tódalas contías correspondentes ós centros deberán investirse na compra de material didáctico.

Terceira.-O prazo de presentación dos traballos finaliza o día 15 de maio de 2000.

Cuarta.-Os traballos deberanse presentar nos servicios centrais ou provinciais do Instituto Galego de Consumo, no modelo que figura como anexo I desta resolución, sendo en todo caso de aplicación o disposto no artigo 38 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, dirixidos ó presidente do Instituto Galego de Consumo, xunto cun certificado do centro onde o/os concursante/s efectúe/n os seus estudios, nos que consten os datos do alumno, nivel educativo, curso, ciclo ou modalidade que realiza.

Quinta.-Os traballos que concorran ó premio de debuxos ou carteis correspondentes ó alumnado de educación infantil e 1º e 2º ciclo de educación primaria serán colectivos e terán como protagonista a mascota Camaleo, que aprende os nenos a consumir, interpretada de xeito libre, e deberá versar sobre algún tema de consumo.

O tema proposto para o traballo de redacción será: «Consumir no século XXI».

Para os carteis presentados polas escolas de Arte, os temas serán: «O consumo no século XXI».

Sexta.-Os traballos serán colectivos, e cunhas dimensións máximas de 0,80x0,70 m. para os carteis ou debuxos e unha extensión máxima de tres follas a dobre espacio por unha soa cara, para os traballos de redacción.

Sétima.-Os premios que se concedan na súa contía global de 1.000.000 de ptas. faranse efectivos con cargo á aplicación orzamentaria 08.50.343A.640.0 do Instituto Galego de Consumo, existindo crédito suficiente na partida indicada no proxecto de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para 2000.

Oitava.-A concesión dos premios farase por proposta dun xurado nomeado polo presidente do Instituto Galego de Consumo e o director xeral de Ordenación Educativa e de Formación Profesional.

Novena.-A decisión do xurado, que será publicada no Diario Oficial de Galicia, será inapelable e poderá ser declarado deserto calquera dos premios anunciados ou, se é o caso, e se o xurado o determina, ser acumulados entre si, ou compartidos segundo a súa calidade.

Décima.-A participación no concurso supón a aceptación de tódalas súas bases, así como a cesión do dereito da propiedade no caso dos carteis ou debuxos e os traballos de redacción gañadores, nos que poderán introducirse as variacións que se consideren máis adecuadas á súa finalidade.

Disposición derradeira

Nos aspectos non previstos nesta resolución haberá que aterse ó disposto no texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, modificado pola Lei 8/1999, do 30 de decembro, de medidas fiscais e orzamentarias e de función pública e actuación administrativa, e na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro.

Santiago de Compostela, 7 de marzo de 2000.

Víctor Tello CalvoJosé Luis Mira Lema

Presidente do InstitutoDirector Xeral de Ordenación

Galego de ConsumoEducativa e de Formación

Profesional