Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 59 Venres, 24 de marzo de 2000 Páx. 4.053

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE ECONOMÍA E FACENDA

DECRETO 55/2000, do 3 de marzo, polo que se desafectan do dominio público diversos inmobles das antigas cámaras agrarias locais de Valdoviño, Carballedo, O Corgo, A Pastoriza, Baños de Molgas e Riós.

A disposición adicional sétima da Lei 11/1995, do 28 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para 1996, no seu punto tres establece que: «o Consello da Xunta de Galicia, na forma prevista na Lei 3/1985, do 12 de abril, poderá desafectar e cedérlle-lo uso dos bens inmobles das extintas cámaras agrarias ós concellos, organizacións profesionais agrarias ou outras entidades públicas ou privadas sen fin de lucro, sempre que

quede garantida a conservación e aplicación deles para os fins e servicios de interese xeral agrario. A dita cesión requirirá informe favorable da Consellería de Agricultura, Gandería e Montes».

Tendo en conta as solicitudes de cesión de uso presentadas, así como os informes favorables da Consellería de Agricultura, Gandería e Montes, hoxe Consellería de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria, do 21 de xuño de 1996 e do 26 de outubro de 1998, foi tramitado pola Consellería de Economía e Facenda, segundo o disposto no artigo 10 da Lei 3/1985, expediente de desafectación do dominio público de varios inmobles.

Por todo isto, de conformidade coa proposta do conselleiro de Economía e Facenda e logo da deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día tres de marzo de dous mil,

DISPOÑO:

Artigo 1º

Desaféctanse do dominio público os bens descritos a continuación:

1. Edificio de planta baixa de 146 m e almacén anexo de 48 m que está situado no lugar de Poulo, parroquia e municipio de Valdoviño (A Coruña), que se asenta sobre un soar ó que lle chaman Tras da Boca do Carral, de 1.379,5 m de superficie. Estrema: norte, herdeiros de Josefa de la Peña y Díez-Robles; sur, predio matriz do que se segrega; leste, por onde mide 14,7 m con camiño de carro; e oeste, nunha liña de 21 m estrada de Cedeira a Ferrol.

2. Edificio de planta baixa e alta que ocupa 103 m cada unha, aproximadamente, construído sobre un soar de 220 m de superficie, situado na avenida dos Peares, nº 33, da vila da Barrela, municipio de Carballedo, que linda: norte, con máis de Gabriel Pereira González e dona, e máis de Maximino Estévez Estévez e de María e Jesús Varela Fernández; sur, estrada da Barrela ós Peares; leste, máis de Maximino Estévez Estévez e dos irmáns María e Jesús Varela Fernández; e oeste, máis de Gabriel Pereira González e da súa dona.

3. Edificio de soto, planta baixa e alta, que ten unha superficie total construída de 358 m, encravado nun soar dunha extensión total agrupada de 1.628 m, aproximadamente, na parroquia de San Xoán do Corgo, estrada nacional VI, s/n, termo municipal do Corgo (Lugo). Estrema o conxunto: norte ou fronte, liña de 25 m coa estrada nacional VI; sur, liña de 44 m. aproximadamente, con predio orixinario dos señores de Neira; leste, liña formada pola suma de 12 m e 44 m, é dicir, 56 m, co camiño público que vai á igrexa do Corgo; e oeste, liña de 12 m aproximadamente, limítrofe co predio de José López Fernández, e resto de arredor de 39 m que lindan con parcela dos señores de Neira.

Inscrito no Rexistro da Propiedade nº 2 de Lugo no tomo 1.041, libro 106, folio 123, predio nº 11.071, inscrición 1ª.

4. Edificio de planta baixa e alta, que ten unha superficie de 106 m por planta, asentado sobre o predio nº 2-42-a da zona de concentración parcelaria da Pastoriza, de 170 m de superficie, no sitio de Agra da Olga, parroquia e municipio da Pastoriza (Lugo), que linda: norte, estrada; sur e oeste, Virtudes Seijo; e leste, camiño.

5. Edificio que consta de dúas plantas, baixo e primeiro, que ten unha superficie construída de 172 m, está situado no lugar de Panacea, rúa Samuel González Movilla, s/n, termo municipal de Baños de Molgas (Ourense); aséntase sobre un soar cunha extensión aproximada de 144 m ocupando parte del. Estrema: norte, José Filgueira Fernández; sur, María Segunda Vences; leste, José Filgueira Fernández; e oeste, estrada de Allariz a Maceda.

Inscrito no Rexistro da Propiedade de Allariz no tomo 272, libro 43, folio 224, predio nº 5.987, inscrición 2ª.

6. Edificio que consta de soto, baixo e primeira planta, situado na marxe esquerda da estrada de Vilardevós, s/n, termo municipal de Riós (Ourense), que se asenta sobre un predio cunha superficie de 82 m ocupando a totalidade do soar. Estrema: norte, estrada das Vendas a Vilardevós; sur, terreo de dominio público, antigo Campo da Feira; leste, rúa pública; e oeste, Antenor Prieto Pérez.

Inscrito no Rexistro da Propiedade de Verín no tomo 701, libro 98, folio 73, predio nº 15.583, inscrición 1ª.

Artigo 2º

Os inmobles anteriormente descritos adquiren natureza patrimonial.

Santiago de Compostela, tres de marzo de dous mil.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

José Antonio Orza Fernández

Conselleiro de Economía e Facenda