Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 58 Xoves, 23 de marzo de 2000 Páx. 4.000

IV. OPOSICIÓNS E CONCURSOS

UNIVERSIDADE DE VIGO

RESOLUCIÓN do 25 de febreiro de 2000 pola que se convocan probas selectivas para a provisión de prazas de auxiliares de servicios, vacantes no cadro de persoal laboral desta universidade.

Coa finalidade de atende-las necesidades de persoal de administración e servicios, este rectorado, en uso das atribucións conferidas polo artigo 18 en relación co artigo 3 e) da Lei 11/1983, do 25 de agosto (BOE do 1 de setembro), de reforma universitaria así como nos estatutos desta universidade, resolve convocar probas selectivas para cubrir prazas de auxiliares de servicios, vacantes no seu cadro de persoal laboral, con suxeición ás seguintes:

Bases da convocatoria.

1. Normas xerais.

1.1. Convócanse probas selectivas para cubrir con persoal laboral fixo 44 prazas de auxiliares de servicio, incluídas no grupo V do convenio colectivo para o persoal laboral das universidades públicas de Galicia (DOG do 18 de outubro de 1996), polo sistema de promoción interna. A esta oferta inicial de prazas acumularanse aquelas outras que se poidan crear ou xerar antes do remate do proceso selectivo.

As prazas non cubertas ofertaranse polo sistema de acceso xeral libre, no que se reservará un 4% das prazas a persoas con minusvalidez cun grao de discapacidade igual ou superior ó 33% (de acordo coa Lei 23/1988, do 28 de xullo).

1.2. O proceso selectivo constará das seguintes fases: oposición e concurso, coas probas e puntuacións que se especifican no anexo I.

1.3. A adxudicación das prazas ós aspirantes que superen o proceso selectivo efectuaranse de acordo coa puntuación total obtida, sumadas ámbalas dúas fases. En todo caso, os aspirantes que ingresen pola quenda de promoción interna terán preferencia para cubriren os postos ofertados.

1.4. O programa que rexerá as probas da fase de oposición é o que se relaciona no anexo II.

1.5. As prazas ofertadas radican nas localidades de Ourense, Pontevedra e Vigo.

1.6. Estas probas selectivas axustaranse ó disposto na Lei 30/1984, do 2 de agosto, de medidas para a reforma da función pública, modificada pola Lei 23/1988, do 28 de xullo; á Lei 4/1988, do 26 de maio, da función pública de Galicia, modificada pola Lei 4/1991, e pola Lei 3/1995; ó Real decreto 364/1995, do 10 de marzo; ó Decreto 95/1991, do 20 de marzo; ós estatutos da Universidade de Vigo, ó convenio colectivo para o persoal laboral das universidades públicas galegas e ó disposto nesta convocatoria.

2. Requisitos de admisión.

2.1. Para seren admitidos á realización das probas selectivas, os aspirantes deberán reuni-los seguintes

requisitos, na data de remate do prazo de presentación de solicitudes e mantelos durante todo o proceso selectivo:

a) Ser español ou nacional dun Estado membro da Unión Europea, ou nacional daqueles estados ós que, en virtude de tratados internacionais realizados pola Comunidade Europea e ratificados por España, sexa de aplicación a libre circulación de traballadores nos termos en que está definida no Tratado Constitutivo da Comunidade Europea.

Tamén poderán participar o cónxuxe, descendentes e descendentes do cónxuxe, dos españois e dos nacionais doutros Estados membros da Unión Europea, sempre que non estean separados de dereito, menores de vinteún anos ou maiores desta idade que vivan ás súas expensas. Este último beneficio será igualmente de aplicación a familiares de nacionais doutros estados cando así se prevexa nos tratados internacionais realizados pola Comunidade Europea e ratificados por España.

b) Ter cumpridos dezaoito anos de idade e non ter alcanzada a idade de xubilación.

c) Estar en posesión do título de certificado de escolaridade ou equivalente. No caso de titulacións obtidas no estranxeiro deberase estar en posesión da credencial que acredite a súa homologación.

d) Non padecer enfermidade nin estar afectado por limitación física ou psíquica que sexa incompatible co desempeño das correspondentes funcións.

e) Non ter sido separado ou estar suspendido do servicio de calquera Administración pública nin inhabilitado para o desempeño da función pública por sentencia firme. Os aspirantes que non teñan nacionalidade española deberán acreditar, igualmente, non estar sometidos a sanción disciplinaria ou condena penal que impida no seu Estado o acceso á función pública.

2.2. Os aspirantes que concorran ás probas pola quenda de promoción interna deberán reunir, ademais, os seguintes requisitos:

a) Pertencer ó cadro de persoal laboral fixo de calquera das universidades públicas de Galicia.

b) Pertencer a categoría profesional distinta á das prazas convocadas nesta convocatoria.

3. Solicitudes.

3.1. As solicitudes para tomar parte nestas probas selectivas axustaranse ó modelo que figura como anexo IV desta convocatoria e deberán presentarse achegando fotocopia do DNI. Os aspirantes que non posúan nacionalidade española e teñan dereito a participar deberán presentar fotocopia do documento que acredite a súa nacionalidade e, se é o caso, os documentos que acreditasen o vínculo de parentesco e o feito de vivir a expensas ou estar a cargo do nacional doutro Estado co que teñan o dito vínculo. Así mesmo, deberán presentar declaración xurada ou promesa de non estar separado de dereito

do seu cónxuxe e, se é o caso, do feito de que o aspirante vive ás súas expensas ou está ó seu cargo. Ademais, os méritos alegados acreditaranse do seguinte xeito:

3.1.1. Os servicios prestados nas universidades de Santiago de Compostela e Vigo acreditaranse mediante certificación da xerencia correspondente, referidos á data de remate do prazo de presentación de solicitudes.

3.1.2. Os cursos alegados acreditaranse mediante a presentación dos títulos e diplomas correspondentes, copia compulsada ou certificación do órgano competente de estar en condicións de obtelos na data de remate do prazo de presentación de solicitudes.

3.1.3. A experiencia profesional acreditarase mediante certificación da correspondente unidade de persoal da entidade ou empresa onde prestara servicios.

3.2. As solicitudes dirixiranse ó rector da Universidade de Vigo no prazo de 20 días naturais contados a partir do día seguinte ó da publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia.

3.3. A presentación de solicitudes farase no rexistro xeral da Universidade de Vigo ou segundo as restantes formas previstas no artigo 38 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Os aspirantes non poderán presentar máis dunha solicitude nin solicita-la súa participación nas probas selectivas, simultaneamente, en máis dun sistema de acceso. A contravención dalgunha desta normas determinará a exclusión dos aspirantes.

3.4. Os dereitos de exame serán de 3.765 ptas. e ingresaranse na conta corrente número 2080-0000-74-0040225994, Universidade de Vigo. Outros ingresos. (Caixavigo, O.P. de Vigo), facendo constar no impreso o enunciado auxiliares de servicios. Na solicitude deberá figura-lo selo da entidade bancaria acreditativo do pagamento dos dereitos de exame; a súa falta determinará a exclusión do aspirante.

En ningún caso a simple presentación da solicitude e o pagamento na entidade bancaria suporá a substitución do trámite de presentación en tempo e forma da solicitude perante o órgano expresado na base 3.2.

Os dereitos de exame serán reintegrados de oficio ós aspirantes que sexan excluídos definitivamente da realización das probas selectivas e cubriran os datos bancarios necesarios para face-la devolución.

Estarán exentas do pagamento as persoas cunha discapacidade igual ou superior ó 33%, sempre que xunto coa súa solicitude presenten as certificacións que a acrediten.

3.5. Os aspirantes deberán observa-las seguintes instruccións para cubri-la súa solicitude:

a) No recadro nº 2 destinado a sistema de provisión, os aspirantes que participen polo sistema de promoción interna sinalarán a letra P. Os aspirantes que participen polo sistema xeral de acceso libre sinalarán a letra L.

b) Os aspirantes con minusvalidez, que desexen participar nas probas selectivas pola cota de reserva de discapacitados deberán indicalo no recadro nº 7 da solicitude, expresando no recadro nº 8 as adaptacións de tempos e medios que, para a realización das probas, consideren necesarias.

3.6. Os erros de feito que puideran advertirse poderán emendarse en calquera momento, de oficio ou a pedimento do interesado.

3.7. Os aspirantes quedan vinculados ós datos que fixeran constar na súa solicitude, podendo unicamente demanda-la súa modificación mediante escrito motivado, dentro do prazo establecido na base 3.2. para a presentación de solicitudes. Transcorrido este prazo non se admitirá ningún pedimento desta natureza, agás causa excepcional sobrevida, xustificada e discrecionalmente apreciada polo tribunal.

4. Admisión de aspirantes.

4.1. Expirado o prazo de presentación de solicitudes, o rector da Universidade de Vigo publicará no taboleiro de anuncios do rectorado, no prazo dun mes, resolución pola que se aprobe a lista provisional de aspirantes admitidos e excluídos, con expresión das causas que motivaran a exclusión e o prazo de emenda dos posibles defectos, que será de 10 días hábiles contados a partir do seguinte ó da publicación da devandita resolución.

4.2. Os aspirantes que, dentro do prazo sinalado, non emenden a exclusión ou aleguen a omisión, xustificando o seu dereito a seren incluídos na relación de admitidos, serán definitivamente excluídos da realización das probas.

Na resolución definitiva, publicada no rectorado, indicarase así mesmo o lugar, data e hora de realización do primeiro exercicio. Contra esta resolución, trala comunicación a este rectorado, poderase interpoñer recurso contencioso-administrativo, de acordo co previsto na Lei 30/1992.

4.3. En todo caso, co obxecto de evitar erros e, no suposto de se produciren, para posibilita-la súa emenda en tempo e forma, os aspirantes comprobarán fidedignamente non só que non figuran na lista de excluídos, senón que os seus nomes constan correctamente na relación de admitidos.

5. Tribunal.

5.1. O tribunal cualificador destas probas é o que figura no anexo III desta convocatoria e terá a categoría quinta das recollidas no Decreto 299/1990, do 24 de maio (DOG do 1 de xuño).

5.2. Os membros do tribunal deberán absterse de intervir, notificándoo ó rector da universidade, cando concorran neles circunstancias das previstas no artigo 28 da Lei 30/1992 ou se tivesen participado en tarefas de preparación de aspirantes a probas selectivas dentro dos cinco anos anteriores á publicación desta convocatoria.

O presidente poderá solicitar dos membros do tribunal declaración expresa de non se encontraren incursos nas circunstancias previstas nos artigos 28 e 29 da Lei 30/1992.

Así mesmo, os aspirantes poderán recusa-los membros do tribunal cando concorran as circunstancias citadas.

5.3. Logo da convocatoria do presidente, constituirase o tribunal coa asistencia do presidente e o secretario, ou, de se-lo caso, daqueles que os substitúan, e a metade alomenos dos seus membros. Nesta sesión, o tribunal acordará tódalas decisións que correspondan para o correcto desenvolvemento das probas selectivas.

5.4. Para os efectos de realización de sesións, deliberacións e adopción de acordos, requirirase a asistencia dos membros do tribunal especificadas no punto anterior.

5.5. O tribunal resolverá tódalas dúbidas que puidesen xurdir na aplicación destas normas, así como o que se deba facer nos casos non previstos.

O procedemento de actuación do tribunal axustarase ó disposto na Lei 30/1992.

5.6. O tribunal poderá dispoñe-la incorporación ós seus traballos de asesores especialistas para as probas correspondentes ós exercicios que considere pertinentes, limitándose os ditos asesores a prestar colaboración nas súas especialidades técnicas. A designación de tales asesores faraa o rector da Universidade de Vigo, por proposta do tribunal, e seralles de aplicación o previsto na base 5.2.

5.7. O tribunal cualificador adoptará as medidas precisas naqueles casos nos que resulte necesario, de forma que os aspirantes con minusvalidez gocen de similares condicións para realizaren os exercicios có resto dos aspirantes. Para as persoas con minusvalidez que o soliciten na forma prevista na base 3.5., estableceranse as adaptacións posibles en tempo e medios.

5.8. O presidente do tribunal adoptará as medidas oportunas para garantir que os exercicios escritos que non deban ser lidos sexan corrixidos sen que se coñeza a identidade dos aspirantes. O tribunal excluirá a aqueles opositores que consignen nas follas de exame marcas ou signos que permitan coñece-la súa identidade.

5.9. Para efectos de comunicacións e demais incidencias, o tribunal terá a súa sede no Rectorado da Universidade de Vigo, rúa Areal nº 46, teléfono 986 81 36 36.

5.10. En ningún caso o tribunal poderá aprobar nin declarar que superaron as probas selectivas un número superior de aspirantes ó das prazas convocadas. Calquera proposta de aprobados que contraveña o establecido será nula de pleno dereito.

5.11. O tribunal, de conformidade co previsto no artigo 22.2º do convenio colectivo, poderá preve-la constitución de listas de espera, segundo a orde de puntuación acadada nas probas, cos aspirantes que non as superaran coa finalidade de atender, mediante contratacións temporais, as vacantes e necesidades que poidan producirse ata a realización da seguinte convocatoria.

6. Desenvolvemento dos exercicios.

6.1. A orde de actuación dos aspirantes iniciarase alfabeticamente polo primeiro da letra G, de conformidade coa resolución da Consellería da Presidencia e Administración Pública do 23 de febreiro de 1999 (DOG do 3 de marzo).

6.2. En calquera momento os aspirantes poderán ser requiridos polo tribunal coa finalidade de acredita-la súa identidade.

6.3. Os aspirantes serán convocados para cada exercicio nun único chamamento sendo excluídos da oposición os que non comparezan, agás nos casos de forza maior, debidamente xustificados e libremente considerados polo tribunal.

6.4. A publicación dos sucesivos anuncios de realización dos exercicios será efectuada polo tribunal nos lugares onde se realizara o anterior, así como na sede do tribunal e por calquera outro medio que se xulgue conveniente para facilita-la súa máxima divulgación, con 48 horas de antelación, polo menos, á data sinalada para o seu inicio.

6.5. En calquera momento do proceso selectivo, se o tribunal tivese coñecemento de que algún dos aspirantes carece dos requisitos esixidos por esta convocatoria, logo da audiencia do interesado, deberá propoñe-la súa exclusión ó rector da Universidade de Vigo, comunicándolle tamén as inexactitudes e falsidades formuladas polo aspirante na solicitude para os efectos procedentes.

7. Lista de aprobados.

7.1. Concluído o exercicio da fase de oposición, o tribunal fará pública nos lugares da súa realización e no rectorado a relación de aspirantes que os superasen, con indicación da puntuación obtida e do documento nacional de identidade.

7.2. Rematada a fase de oposición, e para os aspirantes que a superaran, o tribunal fará pública a puntuación obtida na fase de concurso, que en ningún caso poderá sumarse para efectos de supera-los exercicios da oposición.

A cualificación final do proceso selectivo virá dada pola suma das puntuacións obtidas na fase de oposición e de concurso.

No caso de empate na puntuación final, dirimirase a prol do aspirante que obtivese maior puntuación na primeira parte do exercicio da fase de oposición; de persisti-lo empate, acudirase á puntuación obtida na fase de concurso; en último caso, resolverá o tribunal.

Este fará pública para cada sistema de acceso a lista de aspirantes que, segundo a orde de puntuación acadada por cada un deles, fosen seleccionados, que en ningún caso poderá conter un número de candidatos superior ó das prazas convocadas. Os opositores que non se atopen incluídos nas respectivas relacións terán a consideración de non apto para tódolos efectos, único extremo verbo do que o tribunal poderá certificar.

7.3. Rematado o proceso selectivo o presidente do tribunal presentaralle ó rector a relación definitiva de aspirantes aprobados, segundo o respectivo sistema de acceso e por orde de puntuación, xunto coa proposta de contratación a prol dos candidatos que superaran o devandito proceso, que se publicará no taboleiro de anuncios do rectorado.

7.4. Os aspirantes seleccionados deberán superar satisfactoriamente un período de proba de dous meses, de conformidade co previsto no artigo 14 do Real decreto lexislativo 1/1995, do 24 de marzo (BOE do 29), polo que se aproba o texto refundido da Lei do estatuto dos traballadores.

8. Presentación de documentos.

8.1. No prazo de 20 días naturais a partir do seguinte a aquel no que se fagan públicas as relacións definitivas de aprobados, estes deberán presentar no rexistro xeral da Universidade de Vigo os seguintes documentos:

a) Fotocopia do certificado de escolaridade ou equivalente.

b) Os aspirantes que accedan polo sistema de acceso xeral libre, declaración xurada ou promesa de non ter sido separados mediante expediente disciplinario do servicio de ningunha Administración pública, nin estar inhabilitado para o exercicio da función pública.

c) Certificado médico oficial de non padecer enfermidade nin estar afectado por limitación física ou psíquica que sexa incompatible co desempeño das correspondentes funcións.

d) Os aspirantes que fixeran vale-la súa condición de minusválidos deberán presentar certificación dos órganos competentes da Comunidade Autónoma ou, de se-lo caso, do Ministerio de Asuntos Sociais, que acredite tal condición e igualmente deberán presentar certificación acreditativa da compatibilidade da minusvalidez co desempeño das funcións correspondentes.

8.2. Os que tivesen a condición de persoal laboral fixo de calquera universidade pública galega estarán exentos de xustificar documentalmente as condicións e demais requisitos xa probados para acceder

ó seu anterior posto, debendo presentar certificación da universidade correspondente para acreditar tal condición.

8.3. Os que dentro do prazo fixado, agás caso de forza maior, non presentasen a documentación ou do exame dela se deducise que carecen dalgún dos requisitos sinalados na base 2, non poderán ser contratados como persoal laboral fixo da Universidade de Vigo e quedarán anuladas as súas actuacións, sen prexuízo da responsabilidade en que tivesen incorrido por falsidade na solicitude inicial.

9. Norma derradeira.

Esta convocatoria e cantos actos administrativos se deriven dela e da actuación do tribunal poderán ser impugnados nos casos e na forma establecidos na Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Ademais, a Universidade de Vigo poderá, de se-lo caso, proceder á revisión das resolucións do tribunal consonte o previsto na devandita lei.

Vigo, 25 de febreiro de 2000.

Domingo Docampo Amoedo

Rector da Universidade de Vigo

ANEXO I

Exercicios e valoración

A) Fase de oposición.

Estará integrada polos seguintes exercicios:

Primeiro exercicio: consistirá na realización por escrito dun cuestionario de preguntas tipo test de carácter teórico-práctico, con catro respostas alternativas, das que só unha será correcta, baseado no contido da primeira parte do programa (que se relaciona no anexo II). Terá carácter selectivo e eliminatorio. O tempo máximo de realización deste exercicio será de 60 minutos. Cualificarase de 0 a 65 puntos. Para superalo será necesario obter 32,5 puntos.

Segundo exercicio: consistirá na realización por escrito dun cuestionario de preguntas tipo test, con catro respostas alternativas, das que só unha será correcta, baseado no contido da segunda parte do programa.

Terá carácter selectivo e non eliminatorio. O tempo máximo de realización deste exercicio será de 15 minutos. Cualificarase de 0 a 7,5 puntos. Deste exercicio estarán exentos os candidatos que concorran por promoción interna.

Terceiro exercicio: consistirá na realización por escrito dun cuestionario de preguntas tipo test, con catro respostas alternativas, das que só unha será correcta sobre coñecementos do idioma galego.

Terá carácter selectivo e non eliminatorio. O tempo máximo de realización será de 15 minutos. Cualificarase ata un máximo de 7,5 puntos.

En tódolos tests, cada resposta errónea descontará sobre o valor da resposta acertada:

-Un 33% no primeiro 10% de respostas erróneas, sobre o total das preguntas formuladas.

-Un 50% no segundo 10% de respostas erróneas, sobre o total das preguntas formuladas.

-Un 67% nas restantes respostas erróneas, sobre o total das preguntas formuladas.

B) Fase de concurso.

Cualificarase ata un máximo de 20 puntos. A valoración da fase de concurso realizarase do seguinte xeito:

Quenda de promoción interna:

1. Antigüidade en postos de categoría distinta ós convocados nas universidades de Santiago de Compostela e Vigo, a razón de 0,25 puntos por mes traballado, ata un máximo de 15 puntos.

2. Cursos de formación e perfeccionamento, impartidos por centros e organismos docentes ou investigadores públicos e que estean directamente relacionados cos temas incluídos na primeira parte do programa. Os certificados de asistencia valoraranse con 0,5 puntos e os de aptitude con 1,25 puntos, ata un máximo de 5 puntos.

Quenda de acceso xeral libre:

1. Experiencia en postos de traballo da mesma categoría nas universidades de Santiago de Compostela e Vigo. Valorarase a razón de 0,25 puntos por mes traballado, ata un máximo de 15 puntos.

2. Cursos de formación e perfeccionamento, impartidos por centros e organismos docentes ou investigadores públicos e que estean directamente relacionados cos temas incluídos na primeira parte do programa. Os certificados de asistencia valoraranse con 0,5 puntos e os de aptitude con 1,25 puntos, ata un máximo de 5 puntos.

ANEXO II

Programa

Primeira parte.

1. Funcións e responsabilidades do persoal de conserxería.

2. Atención e información ó público I: funcións do profesional que atende o público. Imaxe e calidade dos servicios.

3. Atención e información ó público II: a comunicación interpersoal, a percepción e actitudes. O proceso de comunicación: elementos, barreiras. A comunicación en dobre sentido; a retroalimentación da comunicación. Técnicas de atención ó público: a acollida, a escolta, as situacións de tensión: queixas e obxeccións. A atención telefónica: a actitude ante o teléfono.

4. Centros e servicios da Universidade de Vigo.

5. Mantemento de edificios I: nocións básicas de electricidade e fontanería, carpintería e cerrallería. Nocións básicas de funcionamento de ascensores.

6. Mantemento de edificios II: calefacción: elementos da instalación, funcionamento e detección de avarías. Aire acondicionado: elementos da instalación, funcionamento e detección de avarías.

7. Disposicións de seguridade e saúde nos lugares de traballo: condicións xerais de seguridade, orde, limpeza e mantemento, condicións ambientais. Disposicións mínimas en materia de sinalización.

8. Disposicións sobre protección de incendios.

9. Primeiros auxilios: asistencia a accidentados.

Segunda parte.

1. Réxime xurídico da Universidade de Vigo: Lei de reforma universitaria e estatutos da Universidade de Vigo. Estructura e órganos da Universidade de Vigo.

2. Réxime xurídico do persoal laboral ó servicio da Universidade de Vigo: III convenio colectivo do persoal laboral das universidades públicas de Galicia.

ANEXO III

Tribunal

Titular:

Presidente: Ricardo Corderí Salgado, xefe do Servicio de Información, Orientación e Promoción do Estudiante.

Vocais: José Antonio Rodiño Lores, conserxe.

Alda Alonso Rodríguez, técnica especialista de laboratorio.

Dolores Montoya Torrecilla, auxiliar de servicios, en representación do comité intercentros.

Cándido Pérez Betanzos, conductor, en representación do comité intercentros.

Secretaria: Mª José Martínez Martín, auxiliar administrativo, que actuará con e sen voto.

Suplente:

Presidenta: Mª Nieves Atanes Blanco, titulada superior en análise instrumental.

Vocais: Antón García Fernández, conserxe.

Pablo Barreiro Castro, técnico especialista de laboratorio.

Mercedes Alonso Alonso, auxiliar técnico de bibliotecas, en representación do comité intercentros.

Ramón Barreiro García, auxiliar de servicios, en representación do comité intercentros.

Secretaria: Patricia González Piñeiro, auxiliar administrativo, que acturará con voz e sen voto.