Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 49 Venres, 10 de marzo de 2000 Páx. 3.309

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE CULTURA, COMUNICACIÓN SOCIAL E TURISMO

ORDE do 16 de febreiro de 2000 pola que se convocan bolsas para a coordinación e tratamento documental do inventario e catalogación de fondos de museos e coleccións relevantes de interese galego e para a elaboración do censo e estatística de museos de Galicia.

O Decreto 314/1986, do 16 de outubro, polo que se regula o sistema público de museos da Comunidade Autónoma de Galicia establece a obriga de tódolos museos de Galicia de confecciona-lo inventario e o catálogo das pezas que posúan, como medio para documentalas cientificamente e así poder exerce-las funcións que a todo centro destas características lle corresponden.

Por outra banda, a Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo ten atribuída, en aplicación das súas competencias en materia de museos e patrimonio moble, a facultade de velar pola conservación, coidado e adecuado coñecemento dos museos e do patrimonio moble de Galicia, así como a de fomenta-la formación do persoal técnico dos museos, colaborando, na medida das súas posibilidades orzamentarias, para o mellor cumprimento por estes dos fins e obrigas que lle son propios.

En cumprimento destas funcións convócanse bolsas de formación para a realización do inventario de fondos e coleccións relevantes de interese galego. Estas bolsas precisan de coordinación técnica para controla-lo traballo desenvolvido polos bolseiros e resolve-las dúbidas que xurdan no seu quefacer diario.

Así mesmo a Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo como órgano competente para a autorización e recoñecemento de museos e coleccións visitables de Galicia, tal como se establece no artigo 69 da Lei 8/1995, do 30 de novembro, de patrimonio cultural de Galicia, conta cun censo e estatística de museos e coleccións visitables que é preciso actualizar para acadar un mellor control, protección e difusión das nosas institucións museísticas.

Para realizar estes traballos precísanse persoas con experiencia neste tipo de tarefas de inventario, censo e estatística de museos, polo que a convocatoria leva expresa esa condición.

Por todo isto,

DISPOÑO:

Artigo 1º

1. Convócanse 4 bolsas, 2 para coordinación e tratamento do inventario e catalogación dos fondos de museos e coleccións relevantes de interese galego,

e outras 2 para a elaboración do censo e estatística de museos, con cargo á aplicación orzamentaria 10.03.352B.481.0, dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma galega para 2000. O importe total das axudas en ningún caso excederá da cantidade de 3.344.000 ptas.

2. Os bolseiros realizarán o seu traballo nos servicios centrais da Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo e nos centros museísticos de Galicia.

3. Os traballos terán unha duración de 7 meses para as bolsas de coordinación e tratamento do inventario e catalogación dos fondos de museos e coleccións relevantes de interese galego, e 4 meses para as bolsas de elaboración do censo e estatística de museos, a partir da data de incorporación que estableza a Dirección Xeral de Patrimonio Cultural da Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo.

4. Os bolseiros seleccionados quedarán obrigados a:

-Ter dispoñibilidade horaria. O horario será o establecido polos Servicios Técnicos da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural de acordo coas necesidades do seu traballo. En todo caso o horario non excederá as 30 horas semanais.

-Segui-las indicacións técnicas da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural.

-Dispoñibilidade para desprazarse polos centros museísticos de Galicia.

-A entregar ós servicios técnicos da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural da Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo, mensualmente, informe do traballo realizado e ó finaliza-la bolsa, a memoria explicativa resultado do seu traballo.

Artigo 2º

1. Requisitos dos solicitantes:

-Licenciados universitarios con formación académica en historia ou historia da arte e con coñecementos de museoloxía.

-Ter desfrutado, con anterioridade de 2 ou máis bolsas completas das convocadas por esta Dirección Xeral de Patrimonio Cultural para inventario e catalogación de fondos de museos.

2. Os solicitantes deberán sinalar na solicitude se optan ós dous tipos de bolsas (coordinación e censo) e dentro das de coordinación deberán especificar un dos campos sinalados no artigo 3º.

3. Presentación das solicitudes:

As solicitudes presentaranse conforme o modelo oficial, que figura como anexo I desta orde, no rexistro xeral da Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo ou nas súas delegacións provinciais. O prazo de presentación será de 20 días hábiles, contados a partir do día seguinte ó da publicación da presente orde no Diario Oficial de Galicia.

Sen prexuízo do establecido no parágrafo anterior, as solicitudes poderán así mesmo presentarse de calquera das formas previstas no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

4. Documentación que hai que presentar:

-Anexo I debidamente cuberto e fotocopia dos méritos alegados. Só se contabilizarán aqueles méritos dos que se achegue proba documental.

-Fotocopia do DNI.

-Declaración responsable de non ter emprego remunerado nin desfrutar doutra bolsa ou axuda, calquera que fose esta, situacións que producen incompatibilidade co desfrute da bolsa que nesta orde se convoca.

-Fotocopia compulsada do expediente académico.

5. Unha vez outorgadas as bolsas, a Dirección Xeral de Patrimonio Cultural poderá solicitar dos seleccionados a presentación do orixinal ou fotocopia compulsada dos méritos alegados, que deberán ser presentados nun prazo non superior a tres días, contados a partir do momento do seu requirimento público.

6. En caso de renunciar á bolsa os interesados deberán comunicalo por escrito á Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, no prazo de tres días despois da notificación nos taboleiros de anuncios da Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo e nas súas delegacións provinciais. De non presentarse a renuncia no prazo estipulado quedará sen efecto o seu nomeamento e será motivo de exclusión na próxima convocatoria.

A renuncia durante o desfrute da bolsa inhabilitará o seu adxudicatario para efectos de presentación na próxima convocatoria.

7. Serán causas de exclusión a demostración de falsidade documental, a non correspondencia cos orixinais ou incorrección na documentación presentada.

Artigo 3º

As bolsas serán adxudicadas prioritariamente para:

-Coordinación e tratamento documental do inventario no campo da historia da arte (1 bolsa).

-Coordinación e tratamento documental do inventario no campo da etnografía (1 bolsa).

-Elaboración do censo e estatística de museos de Galicia (2 bolsas).

Artigo 4º

O importe da bolsa non excederá da cantidade de 1.064.000 ptas. cada unha, para as bolsas de coordinación e tratamento do inventario e catalogación dos fondos de museos e coleccións relevantes de interese galego, e de 608.000 ptas. cada unha

para as bolsas de elaboración do censo e estatística de museos de Galicia.

Artigo 5º

1. Os correspondentes servicios técnicos da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural da Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo poderán reclamar, se fose necesario, dos solicitantes que emenden os defectos administrativos apreciados na documentación esixida, de acordo co artigo 71 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, outorgándose un prazo de 10 días hábiles, desde a notificación de requirimento.

2. A avaliación dos méritos alegados, que corresponde á Dirección Xeral de Patrimonio Cultural da Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo, farase segundo o seguinte baremo:

a) Especialidades:

-Especialidade en historia da arte: 3 puntos.

-Especialidade en museoloxía: 3 puntos.

-Especialidade en historia ou etnografía: 3 puntos.

-Especialidade en arqueoloxía (só para bolsas de censo): 3 puntos.

b) Experiencia de traballo:

-Traballo remunerado en catálogos e inventario de fondos de museos. Por cada mes: 0,25 puntos. Ata un máximo de 4 puntos.

-Traballo non remunerado en museos. Por cada mes: 0,10 puntos. Ata un máximo de 1,20 puntos.

c) Cursos relacionados coa especialidade do campo ó que opta:

-Por curso de menos de 40 horas: 0,10 puntos. Ata un máximo de 1 punto.

-Por cursos con acreditación expresa de 40 ou máis horas: 0,25 puntos. Ata un máximo de 2 puntos.

-Por cursos con acreditación expresa de 100 ou máis horas: 0,60 puntos. Ata un máximo de 2,40 puntos.

-Por cursos con acreditación expresa de 250 ou máis horas: 1,25 puntos. Ata un máximo de 2,50 puntos.

d) Congresos relacionados coa especialidade do campo ó que opta:

-Asistencia a congresos: 0,10 puntos. Ata un máximo de 1 punto.

-Presentación de comunicacións en congresos: 0,25 puntos. Ata un máximo de 2 puntos.

-Presentación de ponencias en congresos: 0,50 puntos. Ata un máximo de 4 puntos.

e) Publicacións relacionadas coa especialidade do campo ó que opta, impresas antes do remate do prazo de presentación de solicitudes:

-Por cada libro publicado: 1 punto. Ata un máximo de 3 puntos.

-Pola publicación de inventarios ou catálogos: 0,5 puntos. Ata un máximo de 2 puntos.

-Por cada artigo en revista especializada: 0,25 puntos. Ata un máximo de 2 puntos.

O mesmo mérito só se valorará unha vez: como comunicación, publicación ou asistencia a congresos.

f) Doutoramento:

-Pola realización total dos cursos de doutoramento ou tese de licenciatura: 1,5 puntos.

-Pola realización da tese de doutoramento: 1,5 puntos.

g) Cursos de galego:

-Iniciación: 0,5 puntos.

-Iniciación e/ou perfeccionamento: 1 punto.

h) Cursos de informática:

-Informática en xeral: 0,10 puntos por curso. Ata un máximo de 1 punto.

-Informática aplicada ós museos: 0,25 puntos por curso. Ata un máximo de 1,50 puntos.

Elaborarase unha lista por cada un dos campos ou especialidades que se van coordinar, tendo en conta que dos méritos alegados só se valorarán os relacionados coa especialidade á que se opte.

3. As litas provisionais de bolseiros faranse públicas nos taboleiros de anuncios da Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo e nos das súas delegacións provinciais. O prazo de exposición das listas será de 10 días naturais contados a partir do día seguinte ó da súa publicación, e durante os cales se poderán face-las alegacións pertinentes.

4. Serán convocados a unha entrevista as 3 primeiras persoas de cada lista. A dita entrevista será de contido técnico e terá carácter selectivo, valorándose especialmente a dispoñibilidade para desprazarse ós centros. Terá unha puntuación máxima de 4 puntos.

5. A resolución da convocatoria correspóndelle ó conselleiro de Cultura, Comunicación Social e Turismo, por proposta do director xeral de Patrimonio Cultural. O acordo farase público, para efectos de notificación ós interesados nos taboleiros de anuncios da Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo e nos das súas delegacións provinciais nun prazo que non excederá de 3 meses tralo remate do prazo de presentación de instancias.

Calquera notificación ou requirimento ós interesados farase a través dos taboleiros de anuncios da Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo e nos das súas delegacións provinciais, dando así cumprimento ó disposto no artigo 59.5º b) da Lei 30/1992, do 26 de novembro.

6. No suposto de que non recaese resolución expresa dentro do prazo máximo previsto, o sentido do silencio será negativo.

7. A resolución de adxudicación pon fin á vía administrativa, de acordo co artigo 109 da Lei 30/1992,

do 26 de novembro, e contra ela cabe interpoñer recurso potestativo de reposición no prazo de 1 mes contado a partir da data de notificación da mesma ós interesados ou recurso contencioso-administrativo perante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia no prazo de 2 meses contados así mesmo desde a data de notificación.

8. Unha vez rematado o período de desfrute da bolsa, as persoas non seleccionadas poderán solicita-la devolución da documentación achegada. Transcorrido o prazo dun ano procederase á eliminación da documentación non recollida.

Artigo 6º

O pagamento da bolsa axustarase á normativa orzamentaria de aplicación.

Ós adxudicatarios das bolsas poderáselles requiri-la documentación necesaria para proceder ó pagamento da dita bolsa.

Artigo 7º

1. No caso de que os beneficiarios das bolsas incumprisen algunha das condicións ou obrigas estipuladas na presente orde, a Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo instruirá expediente sancionador conforme o previsto na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común e poderá, mesmo, anula-los beneficios concedidos e solicita-la devolución das cantidades percibidas, se as houbese, nos prazos que establece o Regulamento xeral de recadación.

2. A Dirección Xeral de Patrimonio Cultural da Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo expedirá, logo do informe favorable dos servicios técnicos, ó remata-los traballos, certificación acreditativa da prestación dos servicios.

3. As bolsas non implican relación funcionarial nin laboral coa Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo, nin compromiso que se estenda máis alá do seu ámbito de duración.

Artigo 8º

A Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo poderá facer pública unha nova convocatoria en iguais ou diferentes termos, no caso de que as adxudicacións acordadas non cubrisen a totalidade do crédito asignado.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Autorízase o director xeral de Patrimonio Cultural para dictar, no ámbito das súas competencias, as resolucións precisas para o desenvolvemento desta orde.

Segunda.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 16 de febreiro de 2000.

Jesús Pérez Varela

Conselleiro de Cultura, Comunicación Social

e Turismo