Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 49 Venres, 10 de marzo de 2000 Páx. 3.302

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE FAMILIA E PROMOCIÓN DO EMPREGO, MULLER E XUVENTUDE

ORDE do 2 de marzo de 2000 pola que se regula o procedemento de adxudicación de prazas nos centros infantís dependentes da Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude.

O Estatuto de autonomía de Galicia, no seu artigo 27.23º, atribúelle a esta Comunidade Autónoma competencia exclusiva en materia de asistencia social.

A Lei 4/1993, do 14 de abril, de servicios sociais, inclúe no artigo 5.3º b) como unha das súas áreas de actuación a familia, a infancia e a mocidade, correspondéndolle as competencias en materia de primeira infancia, segundo o Decreto 488/1997, do 26 de decembro, modificado polo Decreto 117/1999, do 23 de abril, á Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude.

Polo tanto, en virtude das competencias que teño atribuídas,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto.

Esta orde ten por obxecto regula-lo procedemento de adxudicación de prazas nos centros infantís, dependentes da Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude, tanto no relativo ás solicitudes de novo ingreso como ás de renovación de prazas e cobertura de vacantes que poidan producirse ó longo de cada curso.

Artigo 2º.-Requisitos dos solicitantes.

1. Poderán solicitar praza nos centros infantís os pais ou representantes legais dos nenos e nenas residentes na Comunidade Autónoma de Galicia que cumpran os seguintes requisitos de idade:

Idade mínima: ter cumpridos os tres meses na data de ingreso.

Idade máxima: non ter cumpridos os 3 anos de idade o 31 de decembro do ano no que se solicita a praza para os centros sen unidades de 2º ciclo, e non ter cumpridos os 4 anos na mesma data, para os centros que dispoñan de unidades de 2º ciclo. En todo caso, terán carácter prioritario as solicitudes para 1º ciclo (0-3 a.).

2. Non poderán presentarse solicitudes para o grupo 0-1 para aqueles centros que por razóns estructurais non conten con unidades para este tramo de idade.

Artigo 3º.-Integración de nenos e nenas con minusvalidez física, psíquica ou sensorial.

1. Poderán integrarse nenos e nenas con minusvalidez física, psíquica ou sensorial. O ingreso destes estará supeditado á existencia de condicións infraestructurais idóneas e de persoal axeitado e suficiente no cadro de persoal do centro. En ningún caso poderá haber máis dun neno ou nena de integración por aula. Para efectos de ratio, estas prazas contabilizaranse como dúas.

2. Os delegados provinciais, mediante resolución motivada, poderán eximir dos límites de idade de ingreso e permanencia no centro os nenos e nenas de integración.

3. Os equipos de valoración e orientación das delegacións provinciais da Consellería de Sanidade e Ser

vicios Sociais serán os responsables do diagnóstico destes nenos, de acordo coas súas propias normas de actuación. Así mesmo, poderán colaborar co persoal dos centros infantís no referente ó seguimento e á atención do menor durante a súa estadía no centro.

Artigo 4º.-Reserva de praza.

1. As familias con nenos ou nenas xa matriculados nos centros infantís dependentes desta consellería, que desexen renovar praza neles, deberán cubri-la folla de reserva de praza (anexo I), na que deberán figura-los ingresos económicos actualizados. As variacións alegadas neste anexo serán debidamente xustificadas.

As solicitudes presentaranse no centro infantil que corresponda, ou nas delegacións provinciais, sen prexuízo do disposto no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, entre o 13 e o 24 de marzo.

Transcorrido este prazo, a dirección do centro infantil remitiralle á delegación provincial correspondente a lista nominal por grupos de idade de nenos e nenas que renoven praza, xunto coas solicitudes presentadas. No caso de que a solicitude non reúna os requisitos exisidos, a delegación, consonte o artigo 71 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, requirirá o interesado para que, nun prazo de 10 días, corrixa os erros detectados, con indicación de que se así non se fixese se terá por desistido da súa petición, logo de resolución en tal sentido.

Non poderá renovar praza o solicitante que no momento de formaliza-la súa solicitude manteña algunha mensualidade non pagada de calquera curso.

Corresponderalle ó delegado provincial a resolución das solicitudes de reserva de praza, na forma e de acordo coas previsións sinaladas no artigo 12 desta orde.

2. Reservarase un 5% das prazas de cada centro infantil para supostos de máxima urxencia, entendendo por tales os ingresos de menores tutelados pola Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude, os fillos de mulleres que se atopen en casas de acollida e aqueloutros nos que concorran circunstancias socioeconómicas e familiares que requiran unha intervención inmediata. O ingreso nestes supostos será resolto pola directora xeral de Familia. Contra esta resolución, que non esgota a vía administrativa, cabe interpor recurso de alzada perante a conselleira de Familia e Promoción de Emprego, Muller e Xuventude, no prazo dun mes, que comezará a contar desde o día seguinte ó da notificación da resolución.

Artigo 5º.-Solicitudes de novo ingreso.

1. O prazo para a presentación das solicitudes de novo ingreso -segundo o modelo oficial (anexo II)será do 1 ó 20 de abril.

As devanditas solicitudes presentaranse nos centros infantís nos que se solicite praza ou nas delegacións provinciais desta consellería, sen prexuízo do dis

posto no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

2. Poderase solicitar, no mesmo impreso, praza para dous centros, detallándoos por orde de preferencia.

Artigo 6º.-Documentación que se presentará coa solicitude.

1. Os pais ou representantes legais do neno ou nena presentarán a solicitude para o seu ingreso, achegándose con ela os seguintes documentos:

a) Fotocopia do libro de familia.

b) Xustificación de haberes (última nómina e declaración do IRPF) dos membros da unidade familiar considerados computables para efectos económicos: -pais e fillos- ou no caso de familias monoparentais -só pai ou nai e fillos-.

c) Informe do correspondente equipo de valoración do neno no que se indique o grao de minusvalidez, así como a necesidade de integración, de se-lo caso.

d) Outros documentos, se procede, nos que consten incidencias familiares, económicas e sociais puntuables no baremo:

-Cargas familiares.

-Invalidez, minusvalidez ou enfermidades crónicas dos pais, titores e/ou outros membros da unidade familiar.

-Situacións de demanda de emprego ou de paro dos pais ou titores.

-Outras situacións para ter en conta pola comisión de baremación.

2. De carecer dalgún dos documentos sinalados nas letras a) e b) do punto anterior, será necesario presentar calquera outro documento que acredite oficialmente a situación familiar, económica ou social, segundo proceda.

Así mesmo, e de carecer de acreditación documental dalgunha das incidencias alegadas, poderase presentar informe dos servicios sociais do concello correspondente.

3. No caso de que a solicitude non reúna os requisitos esixidos, a delegación, consonte o artigo 71 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, requirirá o interesado para que, nun prazo de 10 días, emende os erros detectados, con indicación de que, se así non se fixese, se terá por desistido da súa petición, logo de resolución en tal sentido.

Artigo 7º.-Documentación complementaria.

1. Os interesados terán que presentar, dentro dos 10 días seguintes ó da notificación da admisión, certificado médico do neno ou nena.

Se non se presentase a devandita documentación no prazo sinalado, terase por decaída a solicitude da praza, logo de resolución en tal sentido.

2. As direccións dos centros infantís deberán presentar na delegación correspondente, antes do 15 de xullo, relación de prazas confirmadas e das soli

citudes decaídas, se é o caso, co fin de que a delegación poida preve-la cobertura destas últimas coas solicitudes da lista de espera antes do inicio do curso.

Artigo 8º.-Baremo de admisión.

A selección das solicitudes efectuarase en función da puntuación acadada segundo o baremo establecido no anexo III, mediante o que se avaliarán os factores socioeconómicos, familiares e laborais da unidade familiar. En caso de obter igual puntuación, daráselle prioridade á renda per cápita máis baixa.

Entenderase por unidade familiar, para estes efectos, o conxunto de tódalas persoas que, por parentesco de consanguinidade ou afinidade, conviven no domicilio familiar.

Artigo 9º.-Comisión de baremación.

1. Aplicaráselles a tódalas solicitudes recibidas un procedemento de valoración. Con tal fin constituirase, en cada unha das delegacións, unha comisión provincial de baremación e selección coa seguinte composición:

Presidente: o/a xefe/a de Servicio de Familia, Infancia e Menores.

Vocais: o/a director/a do centro e un representante dos pais do centro do que se estean a barema-las solicitudes.

Secretario: un funcionario da delegación provincial designado polo delegado provincial.

Os acordos tomaranse por maioría simple, e resolverá, en caso de empate, o presidente.

2. A dirección de cada centro convocará os pais a unha reunión, que terá lugar anualmente antes do 15 de maio, co fin de proceder á elección, mediante votación e por maioría simple, do seu representante na comisión de baremación e selección.

Artigo 10º.-Relación provisional de admitidos.

A comisión, unha vez realizada a baremación, efectuará a proposta inicial de selección, sendo competente para a fixación da contía que se deberá aboar ou exención que se aplicará en cada caso, sempre de acordo coas tarifas en vigor, segundo o disposto no artigo 14.1º desta orde, e fará pública a relación provisional, coa puntuación obtida, de admitidos e excluídos, correspondéndolle a resolución ó delegado provincial. Esta relación exporase nas delegacións provinciais da consellería e nos respectivos centros infantís, do 1 ó 5 de xuño.

Artigo 11º.-Reclamacións.

Os solicitantes que o desexen poderán efectua-las reclamacións que coiden oportunas no prazo de dez días contados desde a data de publicación da relación provisional.

Artigo 12º.-Relación definitiva de admitidos e lista de espera.

1. Unha vez estudiadas pola comisión tódalas reclamacións presentadas, e resoltas polo delegado provincial, procederase á publicación, entre o 20 e o 25 de xuño, da relación definitiva de admitidos e da lista de espera coa puntuación obtida en cada caso.

A resolución do delegado provincial notificaráselles ós solicitantes de acordo co establecido no artigo 58.2º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común. Contra esta resolución, que non esgota a vía administrativa, poderá interpoñerse recurso de alzada perante a conselleira de Familia e Promoción de Emprego, Muller e Xuventude, no prazo dun mes que comezará a contar desde o día seguinte ó da notificación da resolución.

2. Os admitidos disporán dun prazo de dez días para confirmaren a súa praza e achegaren a documentación complementaria, segundo o disposto no artigo 71.1º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

3. Con carácter xeral, o prazo máximo para resolve-lo procedemento previsto nesta convocatoria será de 6 meses contados a partir do día seguinte ó da publicación desta orde. Transcorrido o dito prazo sen recaer resolución expresa, as solicitudes teranse por desestimadas.

Artigo 13º.-Lista de espera.

1. As solicitudes que por circunstancias sobrevidas debidamente xustificadas non se presentasen nos prazos fixados nesta convocatoria, serán tramitadas e baremadas polas comisións provinciais de selección e baremación para a súa inclusión na lista de espera, segundo a puntuación obtida.

2. As vacantes que se vaian producindo ó longo do curso serán cubertas por rigorosa orde de puntuación entre os solicitantes en lista de espera.

Artigo 14º.-Tarifas.

1. Para a determinación das tarifas aplicables terase en conta o establecido no Decreto 179/1992, do 26 de xuño, e demais normativa vixente en materia de prezos da Comunidade Autónoma de Galicia. Entenderase por renda per cápita mensual a suma dos ingresos totais netos dos membros da unidade familiar computables para efectos económicos, segundo se determina no artigo 6.1º b), dividida polo número destes.

2. O pagamento de tarifas será mensual e deberanas aboa-los interesados nos dez primeiros días de cada mes.

3. Non se aboará a tarifa correspondente ó mes no que o usuario desfrute as súas vacacións anuais. Se por calquera motivo o centro permanecese pechado durante un número superior a quince días consecutivos, non se aboará a tarifa que corresponda a este período.

4. A inasistencia do usuario durante un período determinado non supón reducción ningunha nin exención da tarifa, mentres non se formalice a baixa correspondente.

Non obstante, e con carácter excepcional, poderá eximirse do pagamento da cota a aqueles usuarios que por motivos de saúde non poidan asistir ó centro durante un período superior a 45 días continuados. Nestes casos a solicitude de exención da tarifa, durante o período que corresponda, xunto coa acreditación

documental da circunstancia que a motiva, deberán presentarse ante o delegado provincial.

Artigo 15º.-Revisión da tarifa.

Durante o curso poderase proceder á revisión da tarifa fixada inicialmente, sempre que se produzan e xustifiquen variacións nas circunstancias económicas ou familiares. Neste sentido, o beneficiario queda obrigado a comunicar calquera variación que se produza ó respecto.

Artigo 16º.-Baixas.

Causarase baixa nos centros infantís por algunha das circunstancias seguintes:

1. Por cumprimento da idade máxima regulamentaria de permanencia no centro infantil.

2. Por solicitude dos pais ou representantes legais.

3. Pola falta de pagamento da cota establecida durante dous meses consecutivos ou tres alternos, calquera que sexa o curso escolar ó que se refire a débeda.

4. Por comprobación de falsidade nos documentos ou datos achegados.

5. Por incompatibilidade ou inadaptación absoluta para permanecer no centro.

6. Por falta de asistencia continuada durante un mes sen causa xustificada.

As baixas comprendidas no punto 5º anterior resolveraas, por proposta do delegado provincial, unha vez oídas a dirección do centro e mailo interesado, a Dirección Xeral de Familia. Nos demais supostos será competente o delegado provincial.

As baixas producidas durante o curso escolar, por calquera dos motivos anteriormente expostos, cubriranse coas solicitudes que quedasen en lista de espera en cada grupo de idade, por rigorosa orde de puntuación.

Artigo 17º.-Participación dos pais.

As direccións dos centros infantís fomentarán a colaboración dos pais co centro e as relacións co persoal deste, así como a súa participación nos órganos colexiados que puidesen crearse.

Disposición derrogatoria

Quedan sen efecto tódalas disposicións anteriores de igual ou inferior rango que se opoñan ó disposto nesta orde, especialmente a Orde do 15 de febreiro de 1999.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase a directora xeral da Familia para que dicte, no ámbito das súas competencias, as resolucións necesarias para o desenvolvemento e cumprimento desta orde.

Segunda.-Esta orde entrará en vigor o día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 2 de marzo de 2000.

Manuela López Besteiro

Conselleira de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude