Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 47 Mércores, 08 de marzo de 2000 Páx. 3.126

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE FAMILIA E PROMOCIÓN DO EMPREGO, MULLER E XUVENTUDE

ORDE do 24 de febreiro de 2000 pola que se regula o funcionamento dos centros asociados ó Servicio Galego de Colocación.

O Real decreto 1375/1997, do 29 de agosto, sobre traspaso á Comunidade Autónoma de Galicia da xestión realizada polo Instituto Nacional de Emprego, no ámbito do traballo, o emprego e a formación, establece que se traspasan á Comunidade Autónoma de Galicia as funcións de xestión que, en materia de traballo, emprego e formación vén realizando o Instituto Nacional de Emprego (Inem) e, en consecuencia, a Comunidade Autónoma asume, dentro do seu ámbito territorial, as funcións e servicios correspondentes á dita xestión.

O Decreto 488/1997, do 26 de decembro, polo que se desenvolve a estructura orgánica da Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude, establece que a Dirección Xeral de Formación e Colocación, a través da Subdirección Xeral de Colocación, asumirá as funcións de intermediación no mercado de traballo e, en concreto, as relativas á inscrición e rexistro de demandantes de emprego e das ofertas de traballo, rexistro de contratos, autorización de axencias de colocación e Rede EURES.

Estas funcións propias do Servicio Público de Emprego desenvólvense cara ó público baixo a denominación Servicio Galego de Colocación, marca rexistrada propiedade da Xunta de Galicia. Como queira que o Servicio Galego de Colocación presta parte dos seus servicios apoiándose nunha rede de centros asociados que complementan e reforzan as funcións das súas propias oficinas públicas de emprego, faise necesaria a regulación destes centros asociados, así como a regulación das axudas que percibirán pola realización dos servicios encomendados.

O texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, modificado pola Lei 8/1999, do 30 de decembro, de medidas fiscais e orzamentarias e de función pública e actuación administrativa, establece o réxime xeral de concesión de axudas e subvencións con cargo ós orzamentos xerais da Comunidade Autónoma, normativa á que, en consecuencia, se adaptará a presente orde, tendo en conta en todo caso os principios de publicidade, obxectividade e concorrencia, e os demais requisitos esixidos na Lei 7/1999, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2000. Así o financiamento

das compensacións económicas previstas na presente orde de convocatoria farase con cargo ós créditos dos programas 14.03.241B.471 e 14.03.241B.481 que figuran na Lei 7/1999, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2000.

Dado que se lles deu audiencia ós axentes sociais representados no seo do Consello Galego de Relacións Laborais, co informe previo dos servicios xurídicos da consellería, por proposta da Dirección Xeral de Formación e Colocación e en uso das facultades que me son conferidas de acordo co artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente,

DISPOÑO:

TÍTULO I

Disposicións xerais

Artigo 1º.-Obxecto.

A presente orde ten por obxecto o desenvolvemento, a regulación e a ordenación das actividades dos centros asociados na súa tarefa de apoio á intermediación no mercado de traballo que corresponde ó Servicio Público de Emprego.

Artigo 2º.-Accións.

Os centros asociados ó Servicio Galego de Colocación poderán levar a cabo as seguintes accións:

1. Información.

2. Tratamento de demandas de emprego.

3. Captación e tratamento de ofertas de traballo.

Todas estas accións desenvolveranse por conta do Servicio Público de Emprego, de acordo coas súas directrices.

Artigo 3º.-Información.

A información consistirá en proporcionarlle ó demandante de emprego datos relativos ás accións que realiza o Servicio Galego de Colocación, así como sobre calquera outra acción que leve a cabo a Dirección Xeral de Formación e Colocación.

Artigo 4º.-Tratamento das demandas de emprego.

O tratamento das demandas de emprego implica a realización das seguintes accións:

1. Introducción do currículum vitae. Esta acción comporta a realización dunha entrevista individual e personalizada, a comprobación e validez dos datos que contén o currículo e dos documentos acreditativos achegados polo usuario do servicio, e a posterior codificación destes datos. A entrevista ten por finalidade comproba-la adecuación dos datos do currículo coa relación de ocupacións á que opta o demandante de emprego e asesoralo sobre esta ocupación ou outras alternativas.

Esta acción deberá facerse efectiva polos centros asociados ó Servicio Galego de Colocación nun prazo máximo de tres días desde a realización da entrevista ocupacional ó demandante de emprego.

2. Renovación do currículo cando o solicite o demandante de emprego. Enténdese por renovación o mantemento do currículo dispoñible para o seu emparellamento.

3. Modificación do currículo. Independentemente do establecido no artigo anterior, o demandante de emprego poderalle solicitar en calquera momento ó centro que introduciu o seu currículo ou fixo a última modificación nel, a rectificación, modificación ou cancelación dos datos contidos no seu currículo. O centro deberá facer efectiva a rectificación, modificación ou cancelación no termo de cinco días, de acordo co establecido no artigo 15.2º do Real decreto 1332/1994, do 20 de xuño, polo que se desenvolven determinados aspectos da Lei orgánica 5/1992, do 29 de outubro, de regulación do tratamento automatizado de datos. A notificación á que fai referencia o artigo 15.3º da Lei orgánica 5/1992, antes mencionada, producirase por parte do centro asociado ó Servicio Galego de Colocación, de xeito automático por medio da rede informática conectada.

Artigo 5º.-Captación e tratamento de ofertas.

A captación e tratamento de ofertas por parte dos centros asociados, das ofertas de traballo que presenten as diferentes empresas ou entidades consistirá en:

A captación de ofertas de traballo.

A axuda ás empresas para a definición dos postos de traballo ofertados e dos perfís profesionais necesarios para cubrir esa oferta de traballo.

A axuda ás empresas na elaboración do documento de oferta.

A introducción na rede informática do Servicio Galego de Colocación do documento de oferta.

Darlle información ó ofertante de emprego dos candidatos máis axeitados de acordo cos criterios especificados na oferta de traballo.

O seguimento e peche do resultado da oferta.

Estas accións faranse de acordo coas instruccións, manuais e programas facilitados pola Dirección Xeral de Formación e Colocación.

Artigo 6º.-Usuarios dos centros asociados.

1. Poden ser usuarios dos centros asociados ó Servicio Galego de Colocación tanto as persoas demandantes como os ofertantes de emprego, sexan enderezados polo Servicio Galego de Colocación, a través dos seus servicios centrais ou das súas oficinas de emprego, ou por propia iniciativa.

2. Tendo en conta o punto anterior:

a) Considéranse demandantes de emprego tanto as persoas en situación de desemprego como as ocupadas que busquen cambiar de emprego e formalicen a súa inscrición no Servicio Galego de Colocación.

b) Considéranse ofertantes as entidades públicas ou privadas que teñan a necesidade de cubrir un ou máis postos de traballo.

TÍTULO II

Dos centros asociados

Artigo 7º.-Definición.

Poderá ser centro asociado ó Servicio Galego de Colocación calquera entidade pública ou privada constituída baixo calquera forma xurídica, cun ámbito de actuación relacionado co mercado laboral e que reúna os seguintes requisitos:

a) Contar, como mínimo, cun profesional suficientemente capacitado para realiza-las tarefas de entrevista e asesoramento ós demandantes de emprego así como para o asesoramento ás entidades introductoras de ofertas.

b) Dispoñer dun local con despacho para atención individual ós demandantes de emprego.

c) Dispoñer dun fax con liña dedicada.

d) Dispoñer dun acceso básico de rede dixital de servicios integrados de titularidade propia.

e) Dispoñer dun ordenador persoal, con conexión externa exclusiva á rede dixital de servicios integrados e protocolo de comunicacións TCP/IP.

f) Acreditar experiencia en tarefas de intermediación no mercado laboral e xestión de bolsas de traballo.

Tanto o software de base instalado como as características do hardware do ordenador deberán posibilita-lo correcto funcionamento do aplicativo cliente do Servicio Galego de Colocación.

Os centros que colaboren coa Dirección Xeral de Formación e Colocación no desenvolvemento das accións do Servicio Galego de Colocación poden levar a cabo unha ou varias das accións mencionadas no artigo 2º.

Artigo 8º.-Solicitude.

1. As entidades que, reunindo os requisitos establecidos no artigo anterior, desexen obte-lo recoñecemento como centro asociado ó Servicio Galego de Colocación, deberán formaliza-la correspondente solicitude segundo o modelo oficial que se xunta como anexo á presente orde, subscrita polo titular ou representante legal da entidade debidamente acreditado e dirixida ó director xeral de Formación e Colocación.

2. As solicitudes irán acompañadas da seguinte documentación:

a) Documentación acreditativa de representatividade suficiente para asina-la solicitude.

b) Título lexítimo que habilite para a posesión dos inmobles e instalaciónscorrespondentes.

c) Relación da persoa ou persoas que vaian realiza-las tarefas de entrevista e asesoramento ós demandantes e ofertantes de emprego e currículum vitae delas.

d) Licencia municipal de apertura.

e) Número de identificación fiscal.

f) Estatutos ou normas de funcionamento da entidade.

g) Documentación acreditativa do cumprimento dos requisitos esixidos no artigo 7º.

h) Declaración de conxunto de tódalas solicitudes efectuadas ou concedidas, para este mesmo proxecto, das distintas administracións públicas competentes.

3. As solicitudes presentaranse no rexistro xeral da Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude ou por calquera das formas previstas no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Artigo 9º.-Prazo.

O prazo para a presentación de solicitudes será de 20 días hábiles contados a partir do día seguinte ó da publicación da presente orde no Diario Oficial de Galicia.

Artigo 10º.-Tramitación.

1. A tramitación e instrucción dos expedientes será realizada na Dirección Xeral de Formación e Colocación conforme o disposto na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

2. Consonte o disposto no artigo 7º e as avaliacións efectuadas na Dirección Xeral de Formación e Colocación en relación coa cobertura existente dentro do Servicio Galego de Colocación segundo a área funcional, a homologación ou non da dita entidade como centro de formación ocupacional e as familias de especialidade, o director xeral de Formación e Colocación dictará resolución motivada, e seralles notificada ós interesados.

3. Contra a resolución do director xeral de Formación e Colocación poderase interpoñer recurso de alzada perante a Consellería de Familia e Pro

moción do Emprego, Muller e Xuventude, de acordo co disposto na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

4. A resolución dos expedientes deberá producirse nun prazo de seis meses contados desde o día seguinte ó da publicación da presente orde no Diario Oficial de Galicia. Transcorrido o devandito prazo sen que recaese resolución expresa, esta entenderase desestimatoria.

Artigo 11º.-Centros asociados en funcionamento.

Os centros asociados que foran recoñecidos como tales en virtude da Orde do 19 de maio de 1997 pola que se regula o funcionamento do Servicio Galego de Colocación, da Orde do 27 de abril de 1998 e da Orde do 15 de febreiro de 1999 polas que se regula o funcionamento dos centros asociados ó Servicio Galego de Colocación seguirán mantendo a súa condición de xeito automático, salvo renuncia expresa ou incumprimento dalgunha das obrigas dos centros asociados.

Artigo 12º.-Ámbito de actuación.

Os centros asociados introducirán no Servicio Galego de Colocación os currículos dos demandantes de emprego enderezados, así como os alumnos dos seus cursos de formación ocupacional, coa súa conformidade, sempre e cando se trate dun centro colaborador da Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude neste ámbito. Igualmente poderán introducir no Servicio Galego de Colocación a tódolos usuarios doutras actividades que se estean desenvolvendo no centro asociado e que voluntariamente manifesten a súa decisión de que se lles introduza o seu currículo no servicio; así mesmo a calquera outra persoa que desexe, por propia instancia, introduci-lo seu currículo no servicio.

Artigo 13º.-Centros colaboradores en materia de formación profesional ocupacional.

1. Os centros colaboradores da Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude en materia de formación profesional ocupacional ofertarán a tódolos seus alumnos de formación profesional ocupacional, ata 6 meses despois de remata-lo curso, as accións descritas nos puntos 1, 2 e 3 do artigo 2º.

2. No caso de que o centro colaborador de formación ocupacional sexa ó mesmo tempo centro asociado ó Servicio Galego de Colocación, realizará a introducción do currículo dos alumnos dos seus cursos que o desexen, directamente. No caso contrario, farao a través dun centro asociado ó Servicio Galego de Colocación, unha vez asinado o correspondente convenio de colaboración

Artigo 14º-Obrigas dos centros asociados.

Calquera centro asociado ó Servicio Galego de Colocación estará obrigado a:

a) Mante-las condicións relativas á instalación e estructura de medios necesarias para a realización das accións acordadas.

b) Utiliza-las metodoloxías, documentos, táboas de axuda, programas informáticos, etc., que estableza a Dirección Xeral de Formación e Colocación.

c) Utilizar axeitadamente as identificacións do Servicio Galego de Colocación segundo as instruccións que estableza a Dirección Xeral de Formación e Colocación.

d) Colocar na parte exterior do centro e nun lugar visible a placa identificativa do Servicio Galego de Colocación.

e) Obter autorización previa por parte da Dirección Xeral de Formación e Colocación para a difusión publicitaria das accións previstas no artigo 2º, así como tamén respecta-las instruccións e utiliza-lo modelo de anuncio ou cartel publicitario que determine a Dirección Xeral de Formación e Colocación.

f) Manter á disposición do Servicio Galego de Colocación o expediente completo correspondente ó usuario demandante de emprego durante un prazo de 5 anos desde a última modificación efectuada. Este expediente deberá conte-lo currículo asinado polo usuario, a fotocopia do seu DNI e os documentos relativos a calquera incidencia que se puidese dar no tratamento da demanda de emprego e as autorizacións necesarias para o efecto do establecido na Lei orgánica 5/1992, do 29 de outubro, de regulación de tratamento automatizado de datos de carácter persoal. Así mesmo, deberase realizar un seguimento das ofertas para as que foi convocado e o resultado delas.

g) Manter á disposición do Servicio Galego de Colocación o documento de oferta asinado polo representante legal da empresa ofertante.

h) Introducir na base de datos do Servicio Galego de Colocación tódalas ofertas de traballo que formulasen as empresas, manténdoas debidamente clasificadas por orde de data, así como as anotacións das incidencias e respostas das empresas sobre os candidatos enviados.

i) Informa-lo Servicio Galego de Colocación, previamente e por escrito, sobre calquera cambio que se puidese producir nos datos expresados polo centro no inicio da súa colaboración.

j) Non percibir ningunha retribución económica dos usuarios pola realización das accións desenvolvidas en colaboración coa Dirección Xeral de Formación e Colocación no marco desta disposición.

k) Informar previamente a Dirección Xeral de Formación e Colocación sobre se perciben compensacións económicas doutras administracións por levaren a cabo accións iguais ou análogas ás reguladas na presente orde.

l) Informar previamente os usuarios que faciliten datos persoais do establecido no artigo 5 da Lei 5/1992, do 29 de outubro, de regulación do tratamento automatizado de datos.

m) Obte-lo consentimento do usuario para o tratamento automatizado dos seus datos persoais para os efectos da intermediación no mercado de traballo.

n) Adopta-las medidas técnicas e organizativas necesarias para garanti-la seguridade dos datos de carácter persoal e evita-la súa alteración, perda ou o tratamento non autorizado, de acordo co disposto na Orde do 5 de decembro de 1996 pola que se regulan os ficheiros automatizados de datos de carácter persoal de nova creación na Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude.

o) Garda-lo segredo profesional respecto ós datos contidos nos ficheiros automatizados de titularidade da Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude ou rexistrados en soportes físicos susceptibles de tratamento automatizado. Esta obriga subsistirá incluso no caso de que finalice a súa colaboración coa Dirección Xeral de Formación e Colocación, de acordo co establecido no Real decreto 1332/1994, do 20 de xuño, polo que se desenvolven determinados aspectos da Lei orgánica 5/1992, do 29 de outubro, antes mencionada.

Os datos de carácter persoal obxecto do tratamento automatizado unicamente poderán ser cedidos para o cumprimento dos fins directamente relacionados coas accións do Servicio Galego de Colocación.

p) Non introducir nas ofertas de traballo datos de carácter persoal confidencial, ou que puidesen dar lugar a calquera tipo de discriminación.

q) Garantir que a utilización do servicio sexa voluntaria por parte do usuario, sen que poida haber ningún tipo de presión ou engano por parte do centro para conseguir usuarios do servicio.

r) Facilitarlle información á persoa demandante de emprego do estado dos seus datos de carácter persoal incluídos nos ficheiros automatizados, con calquera das formas expresadas no artigo 14.2º da Lei orgánica 5/1992, do 29 de outubro, de regulación do tratamento automatizado de datos.

s) Proceder á cancelación dos datos contidos no currículo, por instancia da persoa demandante de emprego, no termo de 5 días hábiles.

t) Todas aqueloutras obrigas que se desprendan do articulado da presente orde.

u) En caso de cesamento das súas actividades, perda da súa condición de centro asociado ó Servicio Galego de Colocación ou no suposto en que o centro non desexe seguir ofrecendo o servicio no ámbito previsto no artigo 8º ou que a Consellería de Familia e Promoción de Emprego, Muller e Xuventude lle suprimise este servicio, o centro remitirá os expedientes dos usuarios que estean vixentes ó centro que lle indique a Dirección Xeral de Formación e Colocación.

v) Someterse ás actuacións de comprobación que deba efectua-la entidade concedente ou, se é o caso, a colaboradora e ás de control financeiro que corresponden á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma en relación coas subvencións e axudas concedidas e ás previstas na lexislación do Tribunal de Contas e do Consello de Contas.

TÍTULO III

Compensacións económicas

Artigo 15º.-Compensacións.

1. Os centros asociados recibirán por resolución do director xeral de Formación e Colocación, conforme a delegación de competencias establecida na disposición adicional cuarta, as cantidades referidas nos artigos 16º e 17º seguintes como compensación económica ás accións realizadas no ámbito da intermediación laboral en colaboración co Servicio Galego de Colocación.

2. As ditas compensacións son incompatibles con calquera outra que puidesen recibi-las distintas entidades por parte doutras administracións públicas polos mesmos conceptos ou de natureza análoga.

Artigo 16º.-Polas accións de captación de oferta.

Para a realización das accións de captación de oferta, o centro asociado recibirá unha compensación de catro mil cincocentas pesetas (4.500 ptas.) por oferta captada e tramitada perante a Dirección Xeral de Formación e Colocación.

Artigo 17º.-Polas accións de tratamento da demanda de emprego.

Para a realización das accións de tratamento da demanda de emprego no ámbito establecido no artigo 4º, o centro asociado recibirá as seguintes compensacións:

-Dúas mil cincocentas pesetas (2.500 ptas.) por currículo introducido e validado enderezado polo Servicio Galego de Colocación.

-Dúas mil cincocentas pesetas (2.500 ptas.) pola acción de completa-lo currículo dos demandantes inscritos nas oficinas do Servicio Público de Emprego, logo de enderezalos ós centros asociados.

-Cincocentas pesetas (500 ptas.) por modificación efectuada naquelas seccións de currículo que se

establezan. Para estes efectos non se consideran modificacións as correccións dos erros imputables ó centro.

Artigo 18º.-Do pagamento.

A realización das accións descritas no artigo 17º por parte dos centros de formación profesional ocupacional cos seus alumnos cando faga menos de 6 meses que rematase un curso de formación ocupacional, non será compensada economicamente. Así mesmo, unicamente serán compensables aqueles currículos introducidos polos centros asociados cando correspondan a demandantes de emprego enderezados polo Servicio Galego Colocación.

Artigo 19º.-Forma de pagamento.

O pagamento das compensacións económicas ordenarase, con carácter bimestral, logo de xustificación dos gastos correspondentes ás accións realizadas.

Xa que a Dirección Xeral de Formación e Colocación disporá da xustificación automatizada das accións, remitiralles ós centros asociados unha relación provisional do pagamento cos importes correspondentes. Se o centro asociado non expresa a súa desconformidade por escrito no termo de 15 días, procederase a ordena-lo pagamento polo importe especificado pola Dirección Xeral de Formación e Colocación, conforme a delegación de competencias establecida na disposición adicional cuarta.

Artigo 20º.-Requisitos para o aboamento.

1. Antes de proceder ó cobramento das compensacións establecidas nesta orde, as entidades terán que acreditar, se é o caso, que se atopan ó día nas súas obrigas tributarias e sociais, e no pagamento das súas obrigas coa Comunidade Autónoma.

Así mesmo, as entidades presentarán unha declaración complementaria do conxunto das axudas solicitadas, tanto as aprobadas ou concedidas, como as pendentes de resolución, para este mesmo proxecto das distintas administracións públicas competentes ou calquera dos seus organismos, entes ou sociedades.

2. Antes do 31 de decembro de cada ano, as entidades beneficiarias deberán acreditar certificación selada e asinada pola entidade, na que se faga consta-la realización das accións descritas.

TÍTULO IV

Seguimento e control

Artigo 21º.-Seguimento das accións de intermediación.

Coa finalidade de comproba-la execución correcta das actividades de acordo coa normativa reguladora e de acordo co contido das accións aprobadas, poderanse facer visitas de seguimento que en calquera momento poidan acorda-los servicios competentes

da Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude.

Artigo 22º.-Acceso ás instalacións.

Os centros asociados que leven a cabo accións de tratamento dos demandantes de emprego e captación de ofertas de traballo facilitarán, no caso de visitas de seguimento, o acceso ás instalacións nas que se realizan as accións así como toda a documentación de carácter técnico, administrativo, informático ou contable que teña relación coa subvención concedida que se lles solicite.

Artigo 23º.-Informes de seguimento.

Nas visitas de seguimento elaborarase un informe que asinarán o responsable da visita e o responsable da entidade. A sinatura do responsable da entidade non implicará a conformidade co contido do informe.

Artigo 24º.-Extinción ou suspensión da colaboración e revogación das compesacións económicas.

Se se observan anomalías que afecten o contido básico das accións ou ben se pon de manifesto o posible incumprimento dalgunha das obrigas dos centros asociados, o/a xefe/a do Servicio de Xestión e Coordinación procederá á apertura dun expediente de extinción.

Artigo 25º.-Resolución da colaboración e revogación das compensacións económicas.

Á vista das actuacións realizadas de acordo co disposto no artigo 21º, o subdirector xeral de Colocación emitirá proposta de resolución, que se elevará xuntamente co resto do expediente ó director xeral de Formación e Colocación, para que adopte a resolución pertinente, conforme a delegación de competencias establecida na disposición adicional cuarta.

Consonte a proposta emitida, e mediante resolución do director xeral de Formación e Colocación, poderase extinguir ou suspender total ou parcialmente a colaboración coa entidade correspondente; polo director xeral de Formación e Colocación poderá revogar total ou parcialmente, conforme a delegación de competencias establecida na disposición adicional cuarta, a compensación económica outorgada ou reclama-la devolución das cantidades percibidas indebidamente, con independencia doutras accións legais que, se é o caso, puidesen corresponder.

Artigo 26º.-Recursos.

As resolucións recaídas neste procedemento esgotan a vía administrativa, e contra elas pode interpoñerse recurso contencioso-administrativo ante o órgano xurisdiccional competente, no prazo de dous meses a partir do día seguinte ó da notificación desta resolución de conformidade co disposto na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdicción contencioso-administrativa.

Potestativamente, e con anterioridade á interposición do referido recurso contencioso-administrativo, poderá interpoñerse recurso de reposición ante o órgano que dictou o acto no prazo dun mes a partir do día seguinte ó da notificación desta resolución. Neste caso non poderá interpoñerse o recurso contencioso-administrativo ata que sexa resolto expresamente ou de forma presunta o recurso de reposición.

Artigo 27º.-Participación institucional.

A participación dos axentes sociais para os efectos do Servicio Galego de Colocación efectuarase a través do Comité Autonómico de Emprego.

Disposicións adicionais

Primeira.-As cantidades mencionadas nos artigos 16º e 17º, serán susceptibles de actualización mediante orde da conselleira de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude.

Segunda.-As accións incluídas na presente orde financiaranse con cargo ás consignacións orzamentarias 14.03.241B.471 cun importe de cento cincuenta millóns de pesetas (150.000.000 de ptas.) e 14.03.241B.481 cun importe de cento sesenta e catro millóns cincuenta mil pesetas (164.050.000 ptas.) Esta cantidade considérase como contía estimativa, susceptible de ampliación en función das dispoñibilidades orzamentarias.

Terceira.-A concesión das compensacións económicas terá como límite global o crédito asignado para este fin nos orzamentos xerais de cada ano, da Comunidade Autónoma.

Cuarta.-A conselleira de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude delega no director xeral de Formación e Colocación as competencias para resolve-la concesión ou denegación de subvencións, autoriza-lo gasto e ordena-lo seu pagamento das mesmas e, de se-lo caso, a modificación da resolución de concesión, e esixir nos casos en que proceda a devolución das subvencións concedidas.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o director xeral de Formación e Colocación para que dicte, no ámbito das súas competencias, as resolucións e aclaracións necesarias para o desenvolvemento e cumprimento desta orde.

Segunda.-A presente orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 24 de febreiro de 2000.

Manuela López Besteiro

Conselleira de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude