Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 46 Martes, 07 de marzo de 2000 Páx. 3.088

IV. OPOSICIÓNS E CONCURSOS

UNIVERSIDADE DE VIGO

RESOLUCIÓN do 8 de febreiro de 2000 pola que se convoca concurso público para a provisión de diversas prazas de corpos docentes universitarios (1 a 3/2000).

De conformidade co establecido no título V da Lei 11/1983, do 25 agosto, e no artigo 2.4º do Real decreto 1888/1984, do 26 de setembro,

Este rectorado resolveu convocar concurso para as prazas que se relacionan no anexo I desta resolución, conforme as seguintes bases:

Primeira.-Os ditos concursos rexeranse polo disposto na Lei orgánica 11/1983, do 25 de agosto (BOE do 1 de setembro); Real decreto 1888/1984, do 26 de setembro (BOE do 26 de outubro), modificado parcialmente polo Real decreto 1427/1986, do 13 de xuño (BOE do 11 de xullo); Orde do 28 de decembro de 1984 (BOE do 16 de xaneiro de 1985) e, no non previsto, pola lexislación xeral de funcionarios civís do Estado, e tramitaranse independentemente para cada unha das prazas convocadas.

Segunda.-Para ser admitido ós citados concursos os solicitantes deberán reuni-los seguintes requisitos xerais:

a) Ser español o nacional dun Estado membro da Unión Europea, ou nacional de aqueles estados ós que, en virtude de tratados internacionais celebrados pola Comunidade Europea e ratificados por España, sexa de aplicación a libre circulación de traballadores nos termos en que está definida no Tratado Constitutivo da Comunidade Europea.

Tamén poderán participa-lo cónxuxe, descendentes e descendentes do cónxuxe , dos españois e dos nacionais doutros estados membros da Unión Europea, sempre que no estean separados de dereito, menores de vinteún anos ou maiores desta idade que vivan ás súas expensas. Este último beneficio, será igualmente de aplicación a familiares de nacionais doutros estados cando así se prevexa nos tratados internacionais celebrados pola Comunidade Europea e ratificados por España.

b) Ter cumpridos os dezaoito anos e non ter cumpridos os setenta anos de idade.

c) Non ter sido separado, mediante expediente disciplinario, do servicio da Administración do Estado ou da Administración Autónoma, institucional ou local, nin atoparse inhabilitado para o exercicio das funcións públicas.

d) Non padecer enfermidade nin defecto físico ou psíquico que impida o desenvolvemento das funcións correspondentes a profesor de universidade.

Terceira.-Deberán reunir, ademais, as condicións específicas que se sinalan no artigo 4.1º do Real decreto 1888/1984, do 26 de setembro, segundo a categoría da praza, e, de se-lo caso, titulación suficiente debidamente recoñecida polo Ministerio de

Educación e Cultura para o exercicio profesional en España como profesor universitario.

Cando, estando en posesión do título de doutor, se concorra a prazas de catedrático de universidade, conforme o previsto no artigo 4.1º c), do Real decreto 1888/1984, do 26 de setembro, e non se pertenza a ningún dos corpos que nel se sinalan, os interesados deberán acreditar que foron eximidos de tales requisitos dentro do prazo fixado para solicita-la participación no concurso.

Non poderá concursar a prazas de profesor titular de universidade quen estivera contratado durante máis de dous anos como axudante nesta universidade, salvo as excepcións previstas no artigo 37.4º da Lei 11/1983, do 25 de agosto (BOE do 1 de setembro), de reforma universitaria.

Cuarta.-Quen desexe tomar parte no concurso remitiralle a correspondente solicitude ó rector da Universidade de Vigo, por calquera dos procedementos establecidos na Lei 30/1992, do 26 de novembro (BOE do 27) de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, no prazo de vinte días hábiles a partir do día seguinte a aquel no que teña lugar a publicación desta convocatoria no Boletín Oficial del Estado, mediante instancia, segundo o modelo do anexo II, debidamente cuberta, xunto cos documentos que acrediten reuni-los requisitos para participar no concurso. A concorrencia dos ditos requisitos deberá estar referida sempre a unha data anterior á de expiración do prazo fixado para solicita-la participación no concurso.

Os aspirantes deberán xustificar ter aboadas 10.030 ptas. en concepto de inscrición na conta da Universidade de Vigo, nº 2080-0000-74-0040225994 de Caixavigo, (oficina principal, rúa García Barbón , 1-3) epígrafe: outros ingresos, achegando coa súa solicitude certificado acreditativo do ingreso realizado facendo referencia a esta convocatoria.

Quinta.-Finalizado o prazo de presentación de solicitudes, o rector da Universidade de Vigo, por calquera dos procedementos establecidos na Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, remitiralles a tódolos aspirantes relación completa de admitidos e excluídos, con indicación das causas de exclusión. Contra a dita resolución os interesados poderán presentar reclamación perante o rector no prazo de quince días hábiles contados desde o seguinte ó da notificación da relación de admitidos e excluídos.

Sexta.-O presidente da comisión, dentro do prazo legalmente establecido regulamentariamente para a súa constitución, dictará unha resolución que lles deberá ser notificada a tódolos interesados cunha antelación mínima de 15 días naturais respecto da data do acto para o que se cita, convocando:

a) A tódolos membros titulares da comisión e, se é o caso, os suplentes necesarios para efectua-lo acto de constitución daquela.

b) A tódolos aspirantes admitidos a participar no concurso, para realiza-lo acto de presentación dos concursantes e con sinalamento do día, a hora e lugar de celebración do dito acto.

Sétima.-No acto de presentación os concursantes entregaranlle ó presidente da comisión a documentación sinalada nos artigos 9 e 10 do Real decreto 1888/1984, do 26 de setembro, modificado polo Real decreto 1427/1986, do 13 de xuño, segundo se trate de concurso ou concurso de méritos.

Oitava.-Os candidatos propostos para a provisión das prazas deberán presentar na secretaría xeral da universidade, no prazo dos quince días hábiles seguintes ó de conclusión da actuación da comisión, por calquera dos medios sinalados no artigo 38.4º da Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, os seguintes documentos:

a) Fotocopia do documento nacional de identidade ou documento equivalente de ser nacional dun Estado membro da Unión Europea.

b) Certificación médica oficial de non padecer enfermidade nin defecto físico o psíquico que impida o desempeño das funcións correspondentes a profesor de universidade.

c) Declaración xurada de non ter sido separado de ningunha Administración pública en virtude de expediente disciplinario e non atoparse inhabilitado para o acceso e exercicio da función pública.

Os que tiveren a condición de funcionarios públicos de carreira en activo estarán exentos de xustifica-los ditos documentos e requisitos, debendo presentar certificación do ministerio ou organismo do que dependan, acreditativa da súa condición de funcionario e cantas circunstancias consten na súa folla de servicios.

Vigo, 8 de febreiro de 2000.

Domingo Docampo Amoedo

Rector da Universidade de Vito

ANEXO I

Número de prazas: 1.

Praza número: 1/2000.

Corpo ó que pertence a praza: profesor titular de universidade.

Área de coñecemento á que corresponde: literatura española.

Departamento ó que está adscrita: Filoloxía Española.

Actividades que realizará quen obteña a praza: docencia en literatura hispanoamericana (lit. hispanoam. I, II e III. C.M. literatura hispanoamericana.

Clase de convocatoria: concurso.

Número de prazas: 1.

Praza número: 2/2000.

Corpo ó que pertence la praza: profesor titular de universidade.

Área de coñecemento á que corresponde: ciencia dos materiais e enxeñería metalúrxica.

Departamento ó que está adscrita: Enxeñería dos Materiais, Mecánica Aplicada e Construcción.

Actividades que realizará quen obteña a praza: docencia en enxeñería dos materiais. Tecnoloxía Metalúrxica.

Clase de convocatoria: concurso.

Número de prazas: 1.

Praza número: 3/2000.

Corpo ó que pertence a praza: profesor titular de escola universitaria.

Área de coñecemento á que corresponde: linguaxes e sistemas informáticos.

Departamento ó que está adscrita: Linguaxes e Sistemas Informáticos.

Actividades que realizará quen obteña a praza: docencia en sistemas multimedia. Informática aplicada á xestión empresarial.

Clase de convocatoria: concurso.