Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 46 Martes, 07 de marzo de 2000 Páx. 3.064

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA

ORDE do 17 de febreiro de 2000 pola que se convocan bolsas e axudas para a asistencia a congresos, simposios, seminarios ou cursos de verán, destinadas a estudiantes universitarios de segundo e terceiro ciclo ou recentemente titulados, tanto licenciados como diplomados universitarios, nalgunha das universidades do sistema universitario de Galicia.

O Estatuto de autonomía de Galicia, no seu artigo 3, establece como competencia plena da Comunidade

Autónoma de Galicia a regulación e administración do ensino en toda a súa extensión, niveis e graos, modalidades e especialidades, no ámbito das súas competencias.

O Real decreto 1754/1987, do 18 de decembro (BOE do 19 de xaneiro de 1988, DOG do 17 de febreiro de 1988) transferiulle á Comunidade Autónoma competencias en materia de universidades. Estas competencias foron asumidas pola Comunidade Autónoma e asignadas á Consellería de Educación e Ordenación Universitaria no Decreto 62/1988, do 17 de marzo (DOG do 8 de abril).

A Lei 11/1989, do 20 de xullo (DOG do 16 de agosto), de ordenación do sistema universitario de Galicia, determina a constitución do sistema universitario de Galicia con tres universidades: a Universidade da Coruña, a Universidade de Santiago de Compostela e a Universidade de Vigo.

A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria pretende continuar con esta orde a política iniciada o curso pasado de bolsas e axudas para a asistencia a congresos, simposios, seminarios ou cursos de verán destinadas a estudiantes universitarios de segundo e terceiro ciclo ou recentemente titulados, tanto licenciados como diplomados universitarios, nalgunha das tres universidades do Sistema Universitario de Galicia.

Polo que antecede, esta consellería

DISPÓN:

Artigo 1º.-Obxecto.

A presente convocatoria ten por obxecto facilitarlles ós estudiantes universitarios de segundo e terceiro ciclo ou recentemente titulados, tanto licenciados como diplomados universitarios, nalgunha das universidades do sistema universitario de Galicia, a asistencia a congresos, simposios, seminarios ou cursos de verán organizados por universidades públicas e privadas ou outras institucións de recoñecido prestixio académico, e nos que se traten aspectos relacionados coas materias obxecto de estudio na súa titulación.

Artigo 2º.-Orzamento.

Para a concesión das axudas convocadas na presente orde destinarase a cantidade total de 7.000.000 de ptas., para a que existe crédito adecuado e suficiente na aplicación orzamentaria 07.05.322C.483.0, dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2000. A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria poderá amplia-lo prazo ou facer pública unha nova convocatoria no suposto de que as adxudicacións acordadas non cubrisen a totalidade do crédito orzamentario.

Artigo 3º.-Beneficiarios.

Poderán optar a estas bolsas e axudas os estudiantes universitarios de segundo e terceiro ciclo ou recentemente titulados no curso académico 1998-1999, tanto licenciados como diplomados universitarios, nalgunha das tres universidades do Sistema Universitario de Galicia.

O importe de cada bolsa será como máximo de 500.000 ptas. brutas segundo as circunstancias e o lugar no que se vaia realiza-la actividade.

Quedan excluídos aqueles solicitantes que anteriormente recibiran outras axudas para o mesmo concepto por parte da Xunta de Galicia. Se fose concedida por outro organismo, a contía global da axuda recibida non poderá supera-lo importe máximo de 500.000 ptas. brutas.

Esta bolsa é incompatible coa realización dun traballo remunerado de tipo estable.

Artigo 4º.-Período.

As actividades ás que se fai referencia nesta convocatoria serán realizadas durante o curso académico 1999 -2000.

Artigo 5º.-Solicitudes.

1. As solicitudes, segundo o modelo que se publica como anexo á presente orde e que está á disposición dos interesados nas dependencias da Dirección Xeral de Universidades, presentaranse no rexistro xeral da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria ou ben en calquera dos centros previstos no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, para a presentación de instancias. Se no uso deste dereito, a solicitude é remitida por correo, presentarase en sobre aberto, para que sexa datada e selada polo funcionario de correos antes de que proceda á súa certificación.

2. As solicitudes deberán ir acompañadas da seguinte documentación:

-Copia do DNI/NIF do solicitante.

-Certificación académica completa ou copia compulsada.

-Programa das actividades do congreso, simposio, seminario ou curso de verán.

-Declaración xurada do solicitante na que conste a vinculación existente entre as materias obxecto de estudio na súa titulación e as actividades ás que quere asistir.

-Orzamento dos gastos que puidera ocasiona-la asistencia do interesado ó congreso, simposio, seminario ou curso de verán en cuestión, con expresión das axudas solicitadas ou concedidas por parte doutros organismos públicos ou privados.

-Documento facilitado pola entidade bancaria na que conste o código da conta do cliente comprensivo dos códigos que identifican o banco, a oficina, o díxito de control e o número de conta.

3.O prazo de presentación de solicitudes permanecerá aberto desde o día seguinte ó da publicación da presente convocatoria no DOG ata o 30 de xuño de 2000.

Artigo 6º.-Comisión de avaliación.

A selección dos bolseiros será realizada por unha comisión de avaliación integrada por:

Presidente: o director xeral de Universidades ou, por delegación, o subdirector xeral de Universidades.

Vocais:

Un representante de cada unha das universidades da Comunidade Autónoma.

Un representante do Servicio de Coordinación do Sistema Universitario de Galicia.

Secretario: un representante da Dirección Xeral de Universidades, que actuará con voz e voto.

Artigo 7º.-Tramitación e resolución.

1. Os servicios da Dirección Xeral de Universidades comprobarán que tódalas solicitudes reúnen os requisitos establecidos nesta orde e exporase a lista de solicitudes admitidas e excluídas, sinalando, se é caso, as causas de exclusión, nos taboleiros da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria e nos das súas delegacións provinciais, no centro de información administrativa da Consellería da Presidencia e Administración Pública e nos das súas delegacións provinciais, nos dos vicerrectorados de Estudiantes das universidades de Galicia, nos dos vicerrectorados dos campus de Ferrol, Ourense, Lugo e Pontevedra e en Internet no enderezo http://www.xunta.es/conselle/ceoug/dxu/index.htm.

Esta lista estará exposta desde o 20 ó 30 de xullo de 2000, podendo os interesados, durante ese mesmo prazo, formular reclamación para emendar erros e falta de documentos, ante a Dirección Xeral de Universidades, achegándose se é o caso, a documentación necesaria. Transcorrido este prazo sen que se emenden as causas de exclusión, considerarase que o interesado desiste da súa petición logo de resolución, nos termos establecidos no artigo 71 da Lei 30/1992.

2. Posteriormente a comisión avaliadora elaborará unha relación de bolseiros beneficiarios, segundo os criterios de valoración que se detallan a seguir:

a) Importancia e vinculación das actividades ás que se pretende asistir coas materias oficiais obxecto de estudio polo interesado.

b) Lugar de celebración e duración do congreso, simposio, seminario ou curso de verán.

3. Efectuada a selección pola comisión, esta elevará, a través da Dirección Xeral de Universidades, un informe-proposta ó conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria, quen resolverá. Contra esta resolución, que esgota a vía administrativa, os interesados poderán interpoñer recurso potestativo de reposición perante o conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria no prazo dun mes a partir do día seguinte ó da publicación da resolución no DOG, segundo o disposto nos artigos 116 e 117 da Lei 4/1999 (BOE nº 12, do 14 de xaneiro) de modificación da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, ou ben directamente recurso contencioso-administrativo no prazo de dous meses perante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia.

Artigo 8º.-Pagamento e xustificación.

As axudas concedidas faranse efectivas mediante libramento único e directo ós beneficiarios, que debe-

rán presentar previamente no prazo de 20 días desde o remate da actividade a seguinte documentación:

1. Xustificante de tódalas axudas recibidas para o mesmo fin no que figure a cantidade adxudicada e o organismo que as concede.

2. Certificado ou acreditación de asistencia.

3. Xustificantes dos gastos ocasionados pola asistencia ó congreso, simposio, seminario ou curso de verán (matrícula, desprazamentos, aloxamento, manutención, etc.).

Disposicións adicionais

Primeira.-A concesión de axudas reguladas nesta orde terá como límite global o crédito asignado nos orzamentos para este fin.

Segunda.-O incumprimento total ou parcial de calquera das condicións establecidas na presente orde constituirá causa determinante de revogación da axuda e do seu reintegro polo beneficiario ou solicitante, segundo o disposto no artigo 6 da Lei 8/1999, do 30 de decembro, de medidas fiscais e orzamentarias e de función pública e actuación administrativa, que modifica o artigo 78 do texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro.

Terceira.-As renuncias que se produzan poderán ser substituídas pola Dirección Xeral de Universidades de acordo coa lista de reserva que se estableza.

Cuarta.-Se por calquera causa, no momento en que a comisión avaliadora teña que examina-las solicitudes, algún dos compoñentes non puidese asistir, será substituído pola persoa que para o efecto se nomee. O dito nomeamento deberá recaer noutra persoa da dirección xeral ou da universidade correspondente en virtude da súa representación.

Quinta.-Para os efectos establecidos no artigo 42.2º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, o prazo máximo para resolve-las solicitudes correspondentes ás accións especificadas nesta orde, así como para a súa notificación ós interesados será de catro meses, contados a partir do día seguinte ó do remate do prazo concedido para a presentación de solicitudes, producindo efectos desestimatorios a falta de resolución.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o director xeral de Universidades para dictar, no ámbito das súas competencias, as resolucións precisas para o desenvolvemento desta orde.

Segunda.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 17 de febreiro de 2000.

Celso Currás Fernández

Conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria