Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 45 Luns, 06 de marzo de 2000 Páx. 3.015

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE CULTURA, COMUNICACIÓN SOCIAL E TURISMO

ORDE do 28 de xaneiro de 2000, de modificación da do 22 de novembro de 1999, pola que se convocan subvencións a empresas editoriais para apoia-la edición do libro en galego, a traducción ó galego e a edición noutras linguas de obras publicadas orixinariamente en galego.

Tendo en conta o interese que existe na publicación noutras linguas de obras de autor galego ou publicadas orixinariamente en galego, é necesario facilitarlles ás empresas editoriais de fóra de Galicia o acceso a estas axudas, para o que se considera que non procede a esixencia de determinados requisitos, lóxicos para empresas de dentro de Galicia, pero de difícil cumprimento para empresas do exterior. Por isto,

Artigo 1º

Modifícase o artigo 3º, no parágrafo segundo, referente á documentación en orixinal ou fotocopia compulsada que se xuntará ás solicitudes de subvención. Así, o punto 8) queda do seguinte xeito:

«Acreditación de ter publicados un mínimo de dez títulos en galego durante o ano anterior. Quedan excluídas desta obriga as empresas que editan grandes obras ou as de venda a crédito, así como aquelas que editen noutras linguas obras publicadas orixinariamente en galego».

Artigo 2º

Dentro das Bases específicas para a concesión das subvencións, modifícase o punto D-4) Subvencións para editar noutras linguas obras publicadas orixinariamente en galego, no sentido seguinte: «ábrese un novo prazo, de xeito que as solicitudes deberán presentarse no prazo de 30 días hábiles contados a partir do seguinte ó da publicación desta modificación no Diario Oficial de Galicia. En empresas editoriais estranxeiras, o prazo de presentación será de 40 días hábiles».

Santiago de Compostela, 28 de xaneiro de 2000.

Jesús Pérez Varela

Conselleiro de Cultura, Comunicación Social

e Turismo