Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 45 Luns, 06 de marzo de 2000 Páx. 3.009

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA

ORDE do 10 de febreiro de 2000 pola que se regula a concesión de subvencións a empresas editoriais para impulsa-la creación, traducción e adaptación de libros e materiais didácticos, para niveis non universitarios, impresos en lingua galega.

O Estatuto de autonomía para Galicia, no seu artigo 5, especifica que a lingua propia de Galicia é o galego e que os poderes públicos de Galicia garantirán o uso normal e oficial dos dous idiomas e potenciarán o emprego do galego en tódolos planos da vida pública, cultural e informativa, e disporán os medios necesarios para facilita-lo seu coñecemento. Segundo o artigo 27.20º, correspóndelle á Comunidade Autónoma galega a competencia exclusiva da promoción e o ensino da lingua galega.

A Lei 3/1983, do 15 de xuño, de normalización lingüística, no seu título III, do uso do galego no ensino, establece: o galego, coma lingua propia de Galicia, é tamén lingua oficial no ensino en tódolos niveis educativos e as autoridades educativas da Comunidade Autónoma arbitrarán as medidas encamiñadas a promove-lo uso progresivo do galego no ensino.

Así mesmo, no artigo 1 do Decreto 213/1998, do 10 de xullo, polo que se establece a estructura orgánica da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, disponse que a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria é o órgano da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia ó que lle corresponden as competencias e funcións en materia de planificación, regulación e administración do ensino regrado, en toda a súa extensión, niveis e graos, modalidades e especialidades, así como a promoción e ensino da lingua galega. Todo isto sen prexuízo do disposto na Constitución e nas leis orgánicas e demais disposicións legais.

O Decreto 247/1995, do 14 de setembro, polo que se desenvolve a citada Lei 3/1983, ordena no seu artigo 8.2º que os materiais que se empreguen nas

áreas e materias impartidas en lingua galega estarán escritos normalmente en galego, terán a calidade científica e pedagóxica adecuada e atenderán, sen prexuízo da súa proxección universal, as peculiaridades de Galicia. Concrétase de seguido que, con esta finalidade, a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria fomentará a elaboración e a publicación dos materiais curriculares correspondentes.

Por todo isto,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Suxeitos.

Esta orde vai dirixida ás editoriais legalmente constituídas como empresas privadas que elaboren material escolar incluíble no seu ámbito de aplicación.

Artigo 2º.-Obxecto.

Convócanse subvencións a empresas do sector editorial para impulsa-la creación, traducción e adaptación de libros e material didáctico de niveis non universitarios con suxeición ás normas contidas na presente orde, con cargo á partida orzamentaria 07.06.353E.470.1, por unha contía máxima total de 200.000.000 de ptas. correspondente ós orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2000.

Artigo 3º.-Requisitos.

Subvencionaranse os libros e o material didáctico que cumpran as seguintes condicións:

1ª Estaren correctamente escritos en galego, segundo o disposto na lexislación vixente (disposición adicional da Lei 3/1983, do 15 de xuño, e Decreto 173/1982, do 17 de novembro).

2ª Corresponderen preferentemente ós niveis de educación infantil, primaria, secundaria obrigatoria, postobrigatoria (bacharelato, formación profesional, ciclos formativos), educación especial e educación permanente de adultos. Poderanse acoller tamén os libros destinados ó ensino especializado e ó non regrado.

3ª Atérense ó disposto no Decreto 89/1993, do 19 de abril, polo que se regula a autorización de libros de texto e outros materiais curriculares para o ensino de réxime xeral, e ás ordes que o desenvolven.

Artigo 4º.-Exclusións.

Quedan excluídos do ámbito de aplicación da presente orde, aínda cumprindo os requisitos esixidos no artigo precedente:

1. Os libros de bibliófilo.

2. Os libros destinados a seren distribuídos gratuitamente.

3. Os libros publicados por clubs do libro ou entidades similares, destinados a seren distribuídos entre os seus subscritores.

4. Os libros de uso escolar correspondentes ás áreas ou materias de lingua e literatura galegas.

Artigo 5º.-Documentación.

Os editores que desexen acollerse ós beneficios desta orde elevarán petición segundo os prazos establecidos nas correspondentes bases específicas, por medio de instancia dirixida ó conselleiro de Educación

e Ordenación Universitaria, segundo os modelos que figuran como anexos desta orde, e presentarana no rexistro xeral da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria ou nas súas delegacións provinciais, sen prexuízo do establecido no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

A solicitude irá acompañada da seguinte documentación:

1. Declaración xurada, asinada polo presidente ou director da empresa, especificando o número de contratos da empresa acollidos ó réxime da Seguridade Social.

2. Acreditación da personalidade do solicitante e da súa representación, mediante fotocopia compulsada da escritura pública de constitución da sociedade ou modificación, se é o caso, da sociedade, e do poder notarial correspondente; a inscrición de ámbolos dous documentos debe constar no Rexistro Mercantil.

3. Se o solicitante é unha persoa física deberá acredita-la súa constitución como editor, así como fotocopia compulsada da cédula de identificación fiscal ou do número de identificación fiscal.

4. Copia compulsada do último recibo de pagamento do imposto de actividades económicas.

5. Certificación bancaria orixinal onde conste como titular a empresa solicitante.

6. Catálogo da producción realizada pola editorial, así como documentación acreditativa dunha actividade editorial ininterrompida mínima de dous anos.

7. Acreditación de ter publicados un mínimo de 10 títulos en galego durante o ano anterior.

8. Declaración de conxunto de tódalas solicitudes, efectuadas ou concedidas, para o mesmo proxecto, das distintas administracións públicas competentes.

A documentación relacionada nos puntos 1 a 7 deste artigo presentarase unha soa vez no caso de presentar varias solicitudes, e a ela engadiráselle a documentación recollida nas bases específicas para a concesión das subvencións.

Toda a documentación que se lle deba xuntar á solicitude, ou que sexa requirida no seu momento para a tramitación do expediente, presentarase en orixinal ou fotocopia compulsada.

Artigo 6º.-Procedemento.

Recibidas as solicitudes de subvención e a súa documentación serán analizadas e, se é o caso, serán requiridos os editores para que nun prazo de dez días corrixan os posibles erros ou ausencias de documentación; transcorrido este prazo as solicitudes arquivaranse sen máis trámite. Aquelas solicitudes que cumpran cos requisitos da orde de convocatoria serán valoradas polos servicios competentes da Dirección Xeral de Política Lingüística, segundo os criterios de valoración establecidos no artigo 7º e os expresados nas bases específicas. O director xeral de Política Lingüística elevará a correspondente proposta ó conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria, quen resolverá dentro das dispoñibilidades orzamentarias. A resolución comunicaráselle ó correspondente solicitante e poralle fin á vía administrativa.

Artigo 7º.-Criterios de concesión.

Consideraranse criterios preferentes de concesión da subvención, sen orde de prelación, os seguintes:

1. A importancia do fondo editorial en galego ou relacionado con Galicia.

2. A calidade das obras contidas no catálogo, do cal se enviará unha mostra.

3. A continuidade dentro dun proxecto educativo.

4. A capacidade de distribución do material e a importancia do investimento realizado pola empresa respecto da edición, en capital e en persoal.

5. O tipo de material:

a) Material básico: libros de didáctica na aula que desenvolvan un deseño curricular na súa totalidade.

b) Material complementario (libros de consulta de uso individual ou colectivo e propostas didácticas de metodoloxía dun currículo completo).

6. O grao de orixinalidade de acordo coa seguinte escala:

a) Creación propia.

b) Traducción ou adaptación.

7. De acordo co establecido no Art. 19 da Lei 3/1983, daráselles preferencia a aqueles proxectos presentados por editoriais que empreguen o galego dun xeito habitual e progresivo.

Artigo 8º.-Aceptación da subvención e compromisos.

1. A Consellería de Educación e Ordenación universitaria comunicarálle-la resolución ós solicitantes, que quedarán obrigados a xustifica-las subvencións concedidas, debendo comunica-la súa aceptación por escrito no prazo máximo de dez días naturais contados a partir da notificación de cada resolución. A omisión desta comunicación dará lugar ó arquivo do expediente sen máis trámite.

2. Os beneficiarios deberán facer constar en cada obra que esta recibiu unha subvención da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria-Dirección Xeral de Política Lingüística, utilizando a normativa de imaxe corporativa da Xunta de Galicia.

3. Recibidos os exemplares e a documentación á que se fai referencia nas bases específicas para a concesión das subvencións, a Dirección Xeral de Política Lingüística, de atopalos conformes, proporá o libramento dos fondos, de acordo co calendario sinalado nas bases e a normativa orzamentaria vixente.

4. O libramento do importe da subvención realizarase de acordo coa normativa orzamentaria aplicable, esixíndose certificacións expresas de estar ó día das súas obrigas tributarias, coa Seguridade Social e de non ter contraídas débedas por ningún concepto coa Xunta de Galicia.

5. No momento da xustificación da execución total do proxecto, o peticionario presentará unha declaración complementaria do conxunto das axudas solicitadas, tanto as aprobadas ou concedidas como as pendentes de resolución para cada proxecto, das distintas administracións públicas competentes ou calquera dos seus organismos, entes ou sociedades.

Artigo 9º.-Perda da subvención.

Calquera alteración dos datos que figuran no impreso de solicitude e calquera outro incumprimento das normas contidas na presente orde terá como consecuencia a revogación da axuda logo da audiencia á empresa interesada, e esta, se fose o caso, terá que reintegra-las cantidades percibidas e mailos xuros de demora devengados desde o momento do seu pagamento, de acordo co estipulado nos artigos 78.7º e 78.9º da Lei 8/1999, do 30 de decembro, de medidas fiscais e orzamentarias e de función pública e actuación administrativa, que modifica o Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia.

Os beneficiarios das subvencións teñen a obriga de lles facilitar ós servicios competentes da Dirección Xeral de Política Lingüística toda a información requirida. Así mesmo, os devanditos órganos poderán levar a cabo labores de inspección destinados a verificar que as subvencións sexan destinadas á finalidade para a que foron concedidas.

No caso de que se lle conceda á mesma empresa no prazo de vigor da presente orde outra subvención para esta mesma finalidade, a empresa terá que llo comunicar á Administración, sendo de aplicación o disposto no artigo 78.3º do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, modificado pola Lei 8/1999, do 30 de decembro, de medidas fiscais e orzamentarias e de función pública e actuación administrativa, segundo a cal o importe da subvención se minorará na contía precisa para non supera-lo límite do 100% do investimento subvencionable.

Artigo 10º.-Resolución.

De non se notificar resolución favorable no prazo de tres meses a partir da presentación da solicitude, darase por desestimada a petición.

Contra esta resolución, que esgota a vía administrativa, os interesados poderán interpoñer recurso potestativo de reposición perante o conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria, no prazo dun mes, a partir do día seguinte ó da recepción da resolución polo solicitante, segundo o disposto nos artigos 116 e 117 da Lei 4/1999 (BOE do 14 de xaneiro), de modificación da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, ou ben directamente o recurso contencioso-administrativo, no prazo de dous meses, perante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia.

Bases específicas para a concesión

das subvencións

A) Subvencións a obras xa editadas orixinalmente no ano académico 2000 en lingua galega, ou traducidas ou adaptadas doutra lingua distinta do galego.

A-1) As obras deberán estar publicadas en galego segundo a lexislación vixente (Lei 3/1983, do 15 de xuño, disposición adicional, e Decreto 173/1982, do 17 de novembro).

A-2) Os editores deberán comercializar nas librerías un mínimo do 50 por cento da tiraxe declarada certificada.

A-3) A contía de cada subvención, que non poderá supera-la cantidade de tres millóns (3.000.000) de pesetas por título para o caso das obras orixinalmente editadas en lingua galega e dun millón cincocentas mil (1.500.000) pesetas, para as obras traducidas ou adaptadas, nunha porcentaxe máxima do 100% do custo de producción (excluído o IVE). O importe da subvención derivarase da materia e o curso a que vai destinada a obra, dos centros de ensino susceptibles de recibi-los exemplares beneficiarios da subvención, co fin de fornece-las súas bibliotecas, e dos criterios de concesión recollidos no artigo 7º desta convocatoria.

Cada editor achegará un número de exemplares da obra subvencionada que resultará da relación entre o importe da axuda asignada a cada título e o prezo de venda ó público das obras subvencionadas.

A contía fixada na resolución poderá ser revisada á baixa polo órgano responsable da concesión da axuda, se o prezo de venda ó público e a tiraxe definitiva certificada non concordasen cos inicialmente declarados na solicitude.

A-4) As solicitudes deberán presentarse antes do 30 de xullo de 2000.

A-5) Ademais da documentación solicitada no artigo 5º da presente orde, deberase presentar:

-Constancia documental da existencia dun contrato debidamente asinado, se o houber, co autor ou co traductor da obra, que respectará o establecido na Lei de propiedade intelectual.

-Un exemplar da obra para a que se solicita subvención.

-Un certificado da tiraxe expedido polo impresor ou fabricante.

-Xustificante, se houber lugar, de ter iniciada a xestión de cesión dos dereitos precisos para a publicación da obra.

-O orzamento ou custo de execución da obra.

A-6) Para que un libro poida optar a estas subvencións terá que cumpri-las seguintes condicións:

-Ter como mínimo cen (100) páxinas, agás os libros infantís.

-Posuí-lo número de ISBN e o do depósito legal definitivo, debendo estar feito o depósito de exemplares recollido no Decreto 36/1991. O depósito legal terá data posterior ó 1º de setembro de 1999.

A-7) Non poderán acollerse ás subvencións desta orde:

-As publicacións ou material didáctico non destinado a uso escolar.

-As que recibisen subvención da Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo.

-As publicacións de difusión gratuíta.

-As que teñan un prezo de venda ó público (incluído IVE) superior a 5.000 ptas., agás, excepcionalmente, os casos que a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria considere debidamente xustificados.

A-8) Para xustifica-las subvencións deberán entregarse, nun prazo máximo de dous meses contados a partir da data de aceptación da subvención, os exemplares obxecto da axuda concedida e fotocopias compulsadas das correspondentes facturas e xustificantes de gasto, ás que se xuntará unha relación detallada e numerada dos xustificantes mencionados, que incluirá o número de factura, o emisor, a suma parcial folla por folla e a suma do total da relación.

B) Subvencións para editar en lingua galega obras orixinais galegas de grandes proxectos editoriais para seren utilizados no ámbito escolar.

B-1) As obras que se subvencionen publicaranse en galego segundo a lexislación vixente (Lei 3/1983, do 15 de xuño, disposición adicional, e Decreto 173/1982, do 17 de novembro).

B-2) O importe de cada subvención establecerase de acordo coa dispoñibilidade orzamentaria, ata un máximo de oito millóns (8.000.000) de pesetas, nunha porcentaxe máxima do 100% do custo de producción (excluído o IVE). Cada editor achegará un número de exemplares da obra subvencionada que resultará da relación entre o importe da axuda asignada a cada título e o prezo de venda ó público das obras subvencionadas.

A contía fixada na resolución poderá ser revisada á baixa polo órgano responsable da concesión da axuda, se o prezo de venda ó público e a tiraxe definitiva certificada non concordasen cos inicialmente declarados na solicitude.

B-3) As solicitudes deberán presentarse no prazo de 30 días naturais contados a partir do seguinte ó da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

B-4) Ademais da documentación solicitada no artigo 5º da presente orde, presentarase:

-Constancia documental da existencia dun contrato debidamente asinado, se o houber, co autor, director ou coordinador da obra, que respectará o establecido na Lei de propiedade intelectual.

-Un exemplar completo da obra para a que se solicita subvención.

-Un certificado da tiraxe expedido polo impresor ou fabricante e do prezo de venda ó público.

-Breve memoria coas características técnicas e o orzamento do proxecto editorial.

B-5) Para xustifica-las subvencións deberán entregarse, nun prazo de quince días naturais contados a partir da aceptación da subvención, os exemplares obxecto da axuda concedida e fotocopias compulsadas das correspondentes facturas e xustificantes de gasto, ás que se xuntará unha relación detallada e numerada dos xustificantes mencionados, que incluirá o número de factura, o emisor, a suma parcial folla por folla e a suma do total da relación.

Disposición adicional

Única.-En caso de que se esgotasen as dispoñibilidades orzamentarias dentro do prazo de vixencia da presente orde, o conselleiro de Educación e Orde

nación Universitaria declarará cerrado o prazo de admisión de solicitudes.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o director xeral de Política Lingüística para dictar, no ámbito das súas competencias, as resolucións precisas para o desenvolvemento desta orde.

Segunda.-A presente orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 10 de febreiro de 2000.

Celso Currás Fernández

Conselleiro de Educación e Ordenación

Universitaria