Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 44 Venres, 03 de marzo de 2000 Páx. 2.930

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE FAMILIA E PROMOCIÓN DO EMPREGO, MULLER E XUVENTUDE

ORDE do 18 de febreiro de 2000 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de subvencións para a realización de actividades de orientación profesional para o emprego e asesoramento para o autoemprego.

A evolución do mercado de traballo, o aumento da poboación activa e a persistencia do desemprego

fan necesario articular medidas que inclúan accións de atención constante e especializada dirixidas a aqueles colectivos con dificultades de inserción laboral.

Deste xeito, as directices de emprego da Unión Europea para 1999, o Plan Nacional de Acción para o Emprego e os acordos sobre medidas para o crecemento e o emprego en Galicia recollen, como actuación prioritaria, a mellora da capacidade de inserción laboral dos desempregados a través da orientación profesional personalizada.

Con este obxectivo, a Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude pretende poñer en marcha un sistema de orientación laboral, baseado en accións de información, orientación, busca activa de emprego e asesoramento para o autoemprego, coa finalidade de mellora-la ocupabilidade dos demandantes de emprego. Este sistema considera a colaboración de entidades especializadas para incrementa-la capacidade e a calidade das accións, o seu achegamento ós usuarios e a atención a colectivos específicos.

No Real decreto 1375/1997, do 29 de agosto, establécese o traspaso á Comunidade Autónoma de Galicia da xestión realizada polo Instituto Nacional de Emprego, no ámbito do traballo, o emprego e a formación.

O Decreto 488/1997, do 26 de decembro, polo que se establece a estructura orgánica da Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude, dispón que é esta o órgano da Xunta de Galicia ó que lle corresponde levar a cabo, entre outras, as funcións en materia de políticas activas de emprego, atribuíndolle, a través da Dirección Xeral de Formación e Colocación, as competencias en materia de formación ocupacional e intermediación no mercado de traballo, colocación e orientación laboral.

En virtude do exposto e co fin de promove-las posibilidades de inserción laboral en Galicia, faise necesario articular unha vía de colaboración en materia de orientación laboral para o emprego e asesoramento para o autoemprego, con entidades externas, que acheguen os recursos humanos, técnicos e materiais necesarios para o desenvolvemento das citadas accións.

Por tanto, atendendo ó Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, á Lei 7/1999, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para 2000, ó Decreto 377/1998, do 23 de decembro, polo que se establece o réxime xeral de axudas e subvencións da Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude, e existindo crédito nas aplicacións 14.03.241A.482 , 14.03.241A.470, 14.03.241A.460 e 14.03.241A.440 para o financiamento das presentes subvencións.

Dado que se lles deu audiencia ós axentes sociais representados no seo do Consello Galego de Relacións Laborais, co informe previo dos servicios xurídicos da consellería, por proposta da Dirección Xeral de Formación e Colocación, e en uso das facultades que me son conferidas de acordo co artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da xunta e do seu presidente,

DISPOÑO:

Capítulo I

Disposicións xerais

Artigo 1º.-Obxecto.

A presente orde ten por obxecto o establecemento das bases para a concesión de subvencións por parte da Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude, a entidades colaboradoras que realicen accións de orientación profesional para o emprego, articuladas en itinerarios de inserción ocupacional e dirixidas a mellora-las posibilidades de ocupación dos demandantes de emprego inscritos no servicio público de emprego, así como o establecemento das bases polas que se rexerá o programa das axudas correspondentes ó servicio de asesoramento para o autoemprego.

Artigo 2º.-Programa de orientación profesional para o emprego. Accións.

A Dirección Xeral de Formación e Colocación, mediante o Servicio Galego de Colocación, directamente ou por medio de centros colaboradores distribuídos nas áreas funcionais determinadas, levará a cabo as accións de información, orientación profesional e asesoramento para o autoemprego dirixidas ós demandantes de emprego.

As ditas accións realizaranse de xeito personalizado, coa finalidade de avalia-lo perfil curricular de cada demandante, actuando ó mesmo tempo sobre as súas aptitudes e capacidades e establecendo actuacións tendentes a adecua-los seus intereses e motivacións á situación actual do mercado de traballo. Tamén poderán desenvolverse accións colectivas, dirixidas á adquisición das capacidades básicas que permitan ós demandantes articular itinerarios activos e eficaces na busca de emprego.

Artigo 3º.-Programa de asesoramento para o autoemprego. Accións.

Igualmente, a Dirección Xeral de Formación e Colocación, mediante o Servicio Galego de Colocación, directamente ou por medio de centros colaboradores distribuídos nas áreas funcionais determinadas, levará a cabo as accións de asesoramento para o autoemprego dirixidas ós emprendedores que así o soliciten conforme o establecido na presente orde.

Para estes efectos, considérase emprendedor aquela persoa física que teña a vontade de crear, polo menos, o seu propio posto de traballo, preferentemente a través de fórmulas de economía social.

Capítulo II

Dos beneficiarios das accións

Artigo 4º.-Beneficiarios do programa de información e orientación laboral.

Serán beneficiarios do programa de información e orientación laboral tódolos demandantes de emprego inscritos no Servicio Público de Emprego, ben cando o soliciten expresamente ben cando lles sexa ofertado polo propio servicio.

Artigo 5º.-Beneficiarios do programa de asesoramento para o autoemprego.

1. Serán beneficiarios do programa de asesoramento para o autoemprego tódolos demandantes de emprego inscritos no Servicio Público de Emprego que o soliciten.

2. Os emprendedores que desexen facer uso do programa de asesoramento deberán presenta-la solicitude, segundo modelo normalizado que se publica como anexo II á presente orde, xunto cunha fotocopia do DNI e dun certificado de vida laboral.

No caso de emprendedores que vaian constituír xuntos sociedades ou cooperativas, as sesións de información e asesoramento realizaranse con tódolos emprendedores, ben de xeito grupal ben individualmente a un representante designado por tódolos emprendedores.

3. Os emprendedores dispoñen dun prazo para a presentación de solicitudes ata o 30 de decembro de 2000 e poderán facer uso dos servicios de información e asesoramento para o autoemprego ata o 31 de marzo de 2001.

4. Resolución.

a) As solicitudes dos emprendedores serán resoltas polo director xeral de Formación e Colocación. A resolución seralles notificada ós interesados.

b) A resolución dos expedientes deberá realizarse no prazo dun mes contado desde o día seguinte ó de presentación da solicitude. Transcorrido este prazo sen que recaera resolución expresa, esta entenderase desestimatoria.

c) Contra as resolucións do director xeral de Formación e Colocación poderase interpoñer recurso de alzada ante a conselleira de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude, de acordo co disposto na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común e na Lei 4/1999, de modificación da Lei 30/1992.

d) Unha vez recaída resolución estimatoria, o emprendedor deberá inicia-los servicios de información e asesoramento no prazo dun mes desde a notificación da resolución. Transcorrido o dito prazo sen que se iniciasen os servicios, estes entenderanse rexeitados.

Capítulo III

Das entidades colaboradoras

Artigo 6º.-Definición.

Poderán ser entidades colaboradoras co Servicio Galego de Colocación no programa de información e orientación laboral e/ou no programa da asesoramento para o autoemprego as asociacións empresariais e sindicais máis representativas na Comunidade Autónoma, os centros asociados ó Servicio Galego de Colocación e as entidades sen ánimo de lucro, cun ámbito de actuación relacionado co mercado laboral e que así se recolla nos seus estatutos ou normas de constitución. Todos eles deberán reuni-los seguintes requisitos:

a) Dispoñer dun local con despacho para atención individual ós demandantes de emprego.

b) Dispoñer dun fax con liña dedicada.

c) Dispoñer dun acceso básico de Rede Dixital de Servicios Integrados.

d) Dispoñer dun ordenador persoal, con conexión externa exclusiva á Rede Dixital de Servicios Integrados e protocolo de comunicacións TCP/IP.

e) Acreditar experiencia en materia de orientación ou asesoramento laboral, xestión de bolsas de traballo ou asesoramento para o autoemprego.

Tanto o software de base instalado como as características do hardware do ordenador deberán posibilita-lo correcto funcionamento do aplicativo cliente do Servicio Galego de Colocación.

Artigo 7º.-Solicitude.

1. As entidades que, reunindo os requisitos establecidos no artigo anterior, desexen obte-lo recoñecemento como centro colaborador do Servicio Galego de Colocación na área de orientación laboral e/ou asesoramento para o autoemprego, deberán formaliza-la correspondente solicitude segundo o modelo oficial que se xunta como anexo á presente orde, subscrita polo titular ou representante legal da entidade debidamente acreditado e dirixida ó director xeral de Formación e Colocación.

2. As solicitudes irán xunto coa seguinte documentación:

a) Copia compulsada da escritura de constitución e dos estatutos da entidade.

b) Tarxeta de identificación fiscal.

c) Documentación acreditativa de representatividade suficiente para asina-la solicitude.

d) Título lexítimo que habilite para a posesión dos inmobles e instalacións correspondentes.

e) Licencia municipal de apertura.

f) Documentación acreditativa do cumprimento dos requisitos esixidos no artigo 6:

-Planos do local, con indicación expresa do despacho que se dedicará á realización das accións de orientación laboral e/ou asesoramento para o autoemprego.

-Facturas conformadas ou documentos que acrediten a existencia dun fax con liña dedicada, conexión RDSI e protocolo de comunicación TCP/IP.

g) Proxecto-memoria das accións que se van realizar no que se indique:

-Recursos técnicos, humanos e materiais requiridos.

-Experiencia no desenvolvemento das accións solicitadas, detallando o tipo de accións realizadas, a metodoloxía empregada e o número de usuarios atendidos.

-Xustificación da necesidade das accións.

-Sistemas de avaliación dos servicios que se lles prestan ós demandantes de emprego.

h) Datos bancarios onde se desexe percibi-la subvención.

i) Declaración do conxunto de tódalas solicitudes de axudas presentadas ou concedidas para o mesmo proxecto das distintas administracións públicas ou de calquera dos seus organismos autónomos, entes ou sociedades.

3. As entidades que sexan centros asociados do Servicio Galego de Colocación estarán exentas de presenta-la documentación indicada nas letras a), b), c), d) e e) do punto 2 deste artigo.

4. Así mesmo, as entidades colaboradoras de titularidade dunha Administración pública estarán exentas da presentación do documento indicado na letra a) do punto 2 deste artigo.

5. As solicitudes presentaranse no rexistro xeral da Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude ou por calquera das formas previstas no artigo 38.4º da Lei 4/1999, de modificación da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Artigo 8º.-Prazo.

O prazo para a presentación de solicitudes será de 20 días hábiles, contados desde o día seguinte ó da publicación da presente orde no Diario Oficial de Galicia.

Artigo 9º.-Criterios de adxudicación.

A adxudicación das subvencións previstas na presente orde ás entidades que reúnan os requisitos esixidos no artigo 6 realizarase conforme os seguintes criterios de prioridade:

a) Cobertura existente dentro do Servicio Público de Emprego segundo a área funcional na que se encontre a entidade, en relación co número de demandantes de emprego de cada área funcional.

b) Experiencia da entidade solicitante no desenvolvemento das accións.

c) No caso de que a entidade solicitante sexa centro asociado ó Servicio Galego de Colocación, valoración do traballo desenvolvido.

Artigo 10º.-Tramitación.

1. A tramitación e instrucción dos expedientes realizarase na Dirección Xeral de Formación e Colocación, conforme o disposto na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, e na Lei 4/1999, de modificación da Lei 30/1992.

2. O director xeral de Formación e Colocación, por delegación da conselleira de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude, dictará resolución motivada e seralles notificada ós interesados.

3. A resolución dos expedientes deberá producirse nun prazo de seis meses contados desde o día seguinte ó da publicación da presente orde no Diario Oficial de Galicia. Transcorrido o devandito prazo sen que recaese resolución expresa, esta entenderase desestimatoria.

4. A resolución dos expedientes relativos á concesión das subvencións previstas na presente orde esgota a vía administrativa, polo que contra elas se poderá interpoñer recurso contencioso-administrativo perante o órgano xurisdiccional competente, na forma e prazo previstos no artigo 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdicción contenciososo-administrativa.

Potestativamente, e con anterioridade á interposición do citado recurso contencioso-administrativo, poderá interpoñerse recurso de reposición ante a conselleira de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude, na forma e prazos establecidos na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común e na Lei 4/1999, do 6 de xaneiro, de modificación da Lei 30/1992, sen prexuízo da interposición de calquera outro recurso que se considere oportuno para a defensa dos dereitos e intereses das entidades solicitantes e outros posibles interesados.

Artigo 11º.-Convenios de colaboración.

Unha vez pechado o prazo de solicitude de centro colaborador en materia de orientación laboral e asesoramento para o autoemprego e, no caso de que nas avaliacións efectuadas na Dirección Xeral de Formación e Colocación se deduza que non existe a cobertura necesaria para garantir unha atención integral ós usuarios do Servicio Público de Emprego, a Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude poderá asinar para os efectos un convenio de colaboración con calquera entidade que cumpra os requisitos sinalados no artigo 6 da presente orde.

Artigo 12º.-Obrigas dos centros colaboradores.

Calquera centro colaborador do Servicio Galego de Colocación na área de orientación laboral ou na área de autoemprego estará obrigado a:

a) Presentar trimestralmente información relativa ás accións realizadas, na que constará sempre a sinatura dos participantes, e que se presentarán á Dirección Xeral de Formación e Colocación polos mecanismos que se establezan.

b) Comunicarlle á Dirección Xeral de Formación e Colocación calquera alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención.

c) Facilitar, no prazo máximo de 10 días, os datos que a Dirección Xeral de Formación e Colocación requira sobre o desenvolvemento e resultado das accións cos demandantes de emprego inscritos no Servicio Público de Emprego.

d) Utiliza-las metodoloxías, documentos, táboas de axuda, programas informáticos, etc., que estableza a Dirección Xeral de Fomación e Colocación, sen prexuízo de que por parte dos centros colaboradores se poidan utilizar metodoloxías propias, supervisadas e aprobadas pola Dirección Xeral de Formación e Colocación.

e) Utilizar axeitadamente as identificacións segundo as instruccións que estableza a Dirección Xeral de Formación e Colocación.

f) Obter autorización previa por parte da Dirección Xeral de Formación e Colocación para a difusión publicitaria das accións previstas nos artigos 2 e 3, así como tamén respecta-las instruccións e utiliza-lo modelo de anuncio ou cartel publicitario que determine a Dirección Xeral de Formación e Colocación.

g) Manter á disposición do Servicio Galego de Colocación o expediente completo correspondente ó usuario demandante de emprego durante o período en que se executen as accións.

h) Informa-la Dirección Xeral de Formación e Colocación, previamente e por escrito, sobre calquera cambio que se puidera producir nos datos expresados polo centro no inicio da súa colaboración.

i) Non percibir retribución económica ningunha dos usuarios pola realización das accións desenvolvidas en colaboración coa Dirección Xeral de Formación e Colocación no marco desta disposición.

j) Informar previamente a Dirección Xeral de Formación e Colocación sobre se perciben compensacións económicas doutras administracións por levar a termo accións iguais ou análogas ás reguladas na presente orde.

k) Garda-lo segredo profesional respecto ós datos contidos nos ficheiros automatizados de titularidade da Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude ou rexistrados en soportes físicos susceptibles de tratamento automatizado. Esta obriga subsistirá cando finalice a súa colaboración coa Dirección Xeral de Formación e Colocación, de acordo co establecido na Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal.

Os datos de carácter persoal obxecto do tratamento automatizado unicamente poderán ser cedidos para o cumprimento dos fins directamente relacionados coas accións do Servicio Galego de Colocación.

l) Facilitarlle información á persoa demandante de emprego do estado dos seus datos de carácter persoal incluídos nos ficheiros automatizados, con

calquera das formas expresadas no artigo 15.2º da Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal.

m) Facilitar toda a información que lles sexa requirida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, polo Tribunal de Contas ou polo Consello de Contas, no exercicio das súas funcións de fiscalización e control do destino das axudas.

n) Todas aqueloutras obrigas que se desprendan do articulado da presente orde.

o) En caso de cesamento das súas actividades, perda da súa condición de centro colaborador co Servicio Galego de Colocación na área de orientación laboral ou na área de autoemprego, ou que a Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude lle suprimira este servicio, o centro remitirá os expedientes dos usuarios que estean vixentes ó centro ou entidade que lle indique a Dirección Xeral de Formación e Colocación.

Artigo 13º-Selección e contratación do persoal para a realización das accións.

1. A entidade colaboradora en materia de orientación laboral ou asesoramento para o autoemprego, unha vez dictada resolución estimativa, realizará, en colaboración coa Dirección Xeral de Formación e Colocación ou coa delegación provincial correspondente, a selección de técnicos para o desenvolvemento das accións referidas no artigo 2 da presente orde. Os técnicos seleccionados poderán ter unha relación previa contractual coa entidade beneficiaria ou non.

A entidade colaboradora deberá acredita-la experiencia do/s técnico/s seleccionados en materia de formación profesional e/ou ocupacional, orientación profesional, recursos humanos ou outras disciplinas que garden relación directa co mercado laboral. No caso de que a dita experiencia non poida ser acreditada, a selección realizarase en función das titulacións preferentes que estableza a Dirección Xeral de Formación e Colocación.

2. A Dirección Xeral de Formación e Colocación realizará, sempre que se considere necesario, a formación inicial dos técnicos seleccionados. Igualmente organizará, con medios propios ou alleos, o perfeccionamento e actualización formativa dos técnicos que realizan as accións.

Capítulo IV

Contía das subvencións

Artigo 14º.-Contía.

1. As contías previstas na presente orde terán por obxecto subvenciona-las retribucións totais, incluída a cotización empresarial á Seguridade Social, por tódolos conceptos de persoal necesario para a execución das accións, en función do convenio colectivo aplicable, ou de acordo coa normativa de aplicación nas administracións públicas para funcionarios nas contías seguintes:

a) Para os técnicos, as retribucións establecidas na respectiva normativa de aplicación para cada

categoría, nivel ou grupo profesional, ata un máximo de 4.000.000 de pesetas por ano.

b) Para o persoal de apoio, as retribucións establecidas na respectiva normativa de aplicación para cada categoría, nivel ou grupo profesional, ata un máximo de 2.500.000 pesetas por ano.

2. Igualmente se subvencionará ata un 10% do total da subvención aprobada, en concepto de gastos xerais, materiais, técnicos, axudas de custo e desprazamentos que se xeren polo desenvolvemento das accións recollidas na presente orde.

3. As retribucións refírense á prestación de servicios a xornada completa. As retribucións acomodaranse proporcionalmente á xornada que se desenvolva no caso de que a prestación de servicios sexa a tempo parcial.

Artigo 15º.-Forma de pagamento.

1. O aboamento da subvención realizarase segundo os criterios seguintes:

a) O 50 por 100 do importe da subvención concedida aboarase logo de certificación do inicio das accións por parte da entidade colaboradora, na que se farán consta-los datos do persoal obxecto da subvención.

b) Do 50 por 100 restante, o 25 por 100 do total da subvención transferirase cando a entidade colaboradora teña certificado e xustificado, conforme o previsto no artigo 16, a realización de gastos polo dito importe.

c) Unha vez finalizadas as accións, transferirase o 25 por 100 restante ata completa-lo total da subvención concedida, unha vez xustificados os gastos polo importe total.

2. Cando algunha das accións non puidera executarse dentro do ano natural do exercicio orzamentario en que se concedeu a subvención, procederase a recoñece-la obriga con anterioridade ó 31 de decembro do dito ano natural e a realiza-lo pagamento unha vez xustificadas as accións.

Artigo 16º.-Requisitos para o aboamento.

1. Antes de proceder ó cobramento das subvencións establecidas nesta orde, as entidades beneficiarias, se é o caso, terán que acreditar que se atopan ó día nas súas obrigas tributarias e sociais, e no pagamento das súas obrigas coa Comunidade Autónoma, e non ter pendente de pagamento ningunha débeda, por ningún concepto, coa Administración pública da Comunidade Autónoma.

2. Unha vez finalizadas as actividades, as entidades beneficiarias deberán acreditar, mediante certificación selada e asinada polo representante da entidade, a realización das accións descritas.

3. Así mesmo, finalizadas as accións, e antes de proceder ó último pagamento, a entidade beneficiaria deberá presentar unha declaración de conxunto de tódalas solicitudes de axudas solicitadas ou concedidas para o mesmo proxecto das distintas admi

nistracións públicas ou de calquera dos seus organismos autónomos, entes ou sociedades.

Artigo 17º.-Prazo de execución das accións.

1. No suposto previsto no artigo 15.2º, as accións poderán executarse ata o 31 de marzo do ano natural seguinte ó da súa concesión. Neste caso, o proxecto conxunto de actuacións deberá terse iniciado antes do 31 de decembro do exercicio no que se concedeu a subvención.

2. No suposto anterior, procederase a recoñece-la obriga con anterioridade ó 31 de decembro e a realiza-lo último pagamento unha vez xustificadas as accións.

Artigo 18º.-Liquidación final.

1. Durante o mes seguinte ó de finalización da execución das accións obxecto da subvención, a entidade colaboradora presentará liquidación final dos gastos realizados no modelo que dispoña a Dirección Xeral de Formación e Colocación, que conterá, alomenos, os seguintes datos:

a) Accións realizadas, con especificación dos demadantes de emprego atendidos en cada unha delas.

b) Relación de facturas, acompañada das facturas orixinais ou copias compulsadas, na que consten os gastos realizados desagregados por conceptos.

Capítulo V

Seguimento e control

Artigo 19º.-Seguimento das accións.

1. Sen prexuízo das facultades inspectoras que teñan atribuídas outros órganos da Administración do Estado e da Comunidade Autónoma, a Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude poderá realiza-las comprobacións e verificacións que considere precisas para a constatación do cumprimento do disposto nesta orde e demais normativas vixentes que resulten de aplicación.

Así mesmo, as delegacións provinciais da Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude poderán realizar comprobacións e verificacións, presenciais e aleatorias co obxecto de avaliar cuantitativa e cualitativamenre o desenvolvemento das accións previstas na presente orde en calquera das entidades beneficiarias da subvención.

2. Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión.

Artigo 20º.-Reintegro das subvencións.

1. Procederá o reintegro das cantidades totais ou parciais percibidas e os xuros de demora devengados

desde o momento do seu pagamento nos seguintes casos:

a) Incumprimento da obriga de xustifica-la realización da actividade.

b) Incumprimento da finalidade para a que a axuda foi concedida.

c) Incumprimento por parte da entidade colaboradora das obrigas sinaladas nesta orde.

d) Obtención da subvención sen reuni-los requisitos esixidos na presente orde ou na normativa que a desenvolva.

2. Así mesmo, procederá o reintegro por parte da entidade colaboradora das cantidades que excedan da contía que deba percibir polas accións realizadas, unha vez deducidas outras subvencións ou axudas recibidas pola entidade colaboradora para a mesma finalidade.

Disposicións adicionais

Primeira.-As accións incluídas na presente orde financiaranse con cargo ás consignacións orzamentarias 14.03.241A.482, cun importe de 800.000.000 de ptas., 14.03.241A.470, cun importe de 75.000.000 de ptas., 14.03.241A.460, cun importe de 112.000.000 de ptas. e 14.03.241A.440, cun importe de 68.000.000 de ptas. As ditas cantidades considéranse como contía estimativa, susceptible de ampliación en función das dispoñibilidades orzamentarias.

Segunda.-A concesión das subvencións terá como límite global o crédito asignado para este fin nos orzamentos xerais de cada ano da Comunidade Autónoma.

Terceira.-Apróbase a delegación de atribucións da conselleira de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude no director xeral de Formación e Colocación para resolve-la concesión ou denegación das axudas e subvencións previstas nesta orde, así como para autoriza-los gastos e ordena-los correspondentes pagamentos.

Cuarta.-En todo o non disposto na presente disposición será de aplicación a normativa do Ministerio de Traballo e Asuntos Sociais relativa a orientación profesional e asesoramento para o autoemprego.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o director xeral de Formación e Colocación para que dicte, no ámbito das súas competencias, as resolucións e aclaracións necesarias para o desenvolvemento e cumprimento desta orde.

Segunda.-A presente orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 18 de febreiro de 2000.

Manuela López Besteiro

Conselleira de Familia e Promoción do Emprego,

Muller e Xuventude