Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 44 Venres, 03 de marzo de 2000 Páx. 2.911

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE CULTURA, COMUNICACIÓN SOCIAL E TURISMO

ORDE do 16 de febreiro de 2000 pola que se anuncian subvencións a empresas privadas para a mellora da infraestructura hoteleira.

No eido do turismo faise cada día máis patente a necesidade de adapta-las empresas de servicios turísticos ás esixencias de maior calidade que se observa demandan os mercados. Os establecementos de aloxamento, como oferentes de servicios, inciden directamente na configuración e calidade do producto turístico galego, xa que se atopan plenamente inmersos na súa xestión e comercialización.

Un dos factores máis importantes que motivan un axeitado movemento nas empresas hoteleiras é, sen dúbida, a súa calidade de servicios e a prestancia das súas instalacións. Neste sentido cabe decir que, nos últimos anos, o sector hoteleiro galego experimentou un considerable aumento na súa oferta de prazas como consecuencia da posta en funcionamento de novos establecementos, sen embargo é notorio que outros, que veñen desenvolvendo a súa actividade desde hai xa algún tempo, precisan moderniza-las súas instalacións para conseguir unha calidade óptima na oferta destes servicios na nosa Comunidade Autónoma. Por todo isto nos pasados exercicios económicos, a Administración turística galega, dentro das súas liñas de obxectivos, puxo en marcha unha serie de medidas de fomento destinadas á mellora dos sinalados establecementos hoteleiros e dado que tal medida alcanzou basicamente os obxectivos inicialmente previstos pero existindo aínda necesidades de mellora dos establecementos no sector

hoteleiro, faise preciso artellar no presente exercicio unhas novas medidas de fomento, na liña das dos pasados así como unha nova destinada á implantación de sistemas de calidade.

En consecuencia, e con cargo ós créditos orzamentarios da Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo asignados para esta finalidade na Lei de orzamentos da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2000 e seguindo os criterios básicos sobre o réxime de incentivos ó investimento productivo en Galicia sinalados no Decreto 309/1995, do 23 de novembro, sobre incentivos para o desenvolvemento económico e fomento da actividade empresarial da Comunidade Autónoma de Galicia e todo isto consonte o establecido sobre medidas de fomento no artigo 73 da Lei 9/1997, do 21 de agosto, de ordenación e promoción do turismo en Galicia en concordancia co sinalado no artigo 74 da dita lei, convócanse unha serie de axudas destinadas á mellora da infraestructura hoteleira de Galicia e, polo que,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Destinatarios.

A Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo poderá conceder subvencións, con cargo

á aplicación orzamentaria 10.05.751A.772.0, ás persoas físicas e xurídicas titulares de establecementos hoteleiros, en calquera das formas de posesión que determina o Código Civil, sempre e cando desenvolvan a súa actividade na Comunidade Autónoma de Galicia.

Ás ditas concesións destínase un crédito de 128.343.754 ptas., distribuídos en 4 anualidades, a saber, no ano 2000, 22.250.236 ptas., no 2001, 29.661.668 ptas., no 2002, 41.690.100 ptas. e no 2003, 34.741.750 ptas. Cando as subvencións concedidas teñan carácter plurianual, aplicarase o que dispón o artigo 37.dous) da Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2000, para os efectos do pagamento correspondente á anualidade do exercicio de 2000 e, se é o caso, ás de 2001 e 2002 sendo nestas axudas posible a concorrencia con calquera outra axuda para o mesmo obxecto e finalidade pero o seu importe, en ningún caso, poderá ser de tal contía que, en concorrencia con subvencións e axudas doutras administracións públicas, ou doutros entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, superen a porcentaxe máxima do investimento subvencionable que legalmente se estableza.

Artigo 2º.-Obxecto.

Poderán ser obxecto de subvención, de conformidade co que se establece nesta orde, os seguintes investimentos:

* As accións que permitan a conversión de hostais en hoteis.

* As accións encamiñadas á modernización das instalacións existentes nos establecementos hoteleiros que estean clasificados dentro dos grupos de hoteis.

* As accións encamiñadas á implantación de sistemas de calidade específicos para empresas hoteleiras que conduzan á obtención da correspondente certificación de aseguramento de calidade.

Abarcan estas accións a modernización e remodelación de tódalas instalacións, a creación ou mellora da oferta complementaria. Considérase investimento subvencionable a execución material das obras que se acometan dentro do obxecto desta orde. Non se considera subvencionable ningún tipo de equipamento nin a lencería, enxoval, vaixelas e análogos así como tampouco a adquisición de terreos, honorarios técnicos, nin ningún tipo de taxa ou imposto.

Artigo 3º.-Condicións particulares.

1. Os establecementos para os que solicita subvención deberán de estar inscritos no Rexistro de Empresas e Actividades Turísticas (REAT) da Xunta de Galicia.

2. O investimento mínimo subvencionable non poderá ser inferior a quince millóns de pesetas para os hoteis. Non existe investimento mínimo subven

cionable no caso de conversión de hostais en hoteis nin nos investimentos destinados á implantación de sistemas de calidade.

3. Os proxectos que se presenten serán globais, é dicir, estarán contidos nunha única solicitude.

4. Os proxectos que se subvencionen terán que:

a) Comezarse durante o ano 2000 e estar rematados con tempo dabondo para xustifica-lo investimento subvencionado dentro dos prazos establecidos nesta orde.

b) Publicita-la colaboración da Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo - Dirección Xeral de Turismo, tanto durante a realización das obras como posteriormente, mediante un cartel que se exhibirá en sitio ben visible. As características do dito cartel, así como a súa localización e contido serán indicados polos correspondentes servicios provinciais de Turismo da Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo. Os custos correspondentes a dita publicidade serán por conta do beneficiario da subvención.

c) Cumpri-lo disposto na Lei 8/1997, do 20 de agosto, de accesibilidade e supresión de barreiras na Comunidade Autónoma de Galicia.

5. Os beneficiarios das subvencións adquiren os seguintes compromisos e obrigas:

a) Crea-los postos de traballo a que se compromete na declaración xurada recollida no anexo II nun prazo de 3 anos contados desde a data de autorización de apertura pola Administración turística ou, se é o caso, desde cando se reemprenda a actividade ou se xustificase correctamente o investimento subvencionado.

b) Someterse ás actuacións de comprobación que serán efectuadas pola Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo e ás de control financeiro que lle corresponden á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma en relación coas subvencións e axudas concedidas e ás previstas na lexislación do Tribunal de Contas e o Consello de Contas.

c) Comunicar á Dirección Xeral de Turismo da Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo a obtención doutras subvencións ou axudas para a mesma finalidade procedentes de calquera das administracións ou entes públicos nacionais ou internacionais.

d) A reintegrar, total ou parcialmente, o importe percibido da subvención concedida así como os correspondentes xuros de demora devengados desde o momento do pagamento, nos seguintes casos:

-Por incumprimento dos compromisos e obrigas relacionados neste artigo.

-Non ter acadado, en tempo e forma, a finalidade para a que foi concedida a subvención.

-Incumprimento da obriga de xustificación nos prazos e termos establecidos nesta orde.

-Obte-la subvención sen reuni-los requisitos esixidos para a súa concesión.

-Incumprimento da finalidade para a que foi concedida a subvención.

-Supera-la porcentaxe máxima do investimento subvencionable que legalmente se estableza.

-Por revogación da subvención concedida por non se ter xustificado o investimento mínimo subvencionable.

Artigo 4º.-Contía das subvencións.

Os proxectos que se recollen nesta orde como accións subvencionables, poderán acadar unha axuda económica de ata o 40% sobre o investimento subvencionable cando este teña por obxecto accións que permitan a conversión de hostais en hoteis e do 25% no caso das accións encamiñadas á modernización das instalacións existentes e de implantación de sistemas de calidade. A dita cantidade engadiráselle 1.000.000 de ptas. por posto de traballo que se creará con carácter indefinido e que supere a porcentaxe mínima de contratación estable que, para ser beneficiario de subvención, se esixe nesta orde. A porcentaxe máxima de axuda non poderá superar, en ningún caso, o 50% do investimento subvencionable.

Artigo 5º.-Solicitudes e documentación.

1. As solicitudes de subvención, xunto coa documentación que a continuación se especifica presentarase, por duplicado exemplar, na delegación provincial da Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo correspondente á provincia de localización do investimento, en calquera das formas previstas na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común no prazo dun mes contado desde o día seguinte ó da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia:

a) Solicitude segundo o modelo do anexo I.

b) Fotocopia cotexada do DNI e do NIF do solicitante ou do CIF cando corresponda.

c) Proxecto básico, asinado por técnico facultativo competente, que conterá memoria explicativa, orzamento pormenorizado por conceptos do investimento proxectado e planos a escala 1:50. Por resolución motivada do director xeral de Turismo, visto o informe técnico correspondente, e tendo en conta a natureza do investimento pódese eximir o solicitante, logo de petición razonada deste, de presenta-lo proxecto básico; neste caso deberase presentar memoria explicativa, orzamento pormenorizado por conceptos do investimento proxectado e os correspondentes certificados de idoneidade técnica.

d) Licencia urbanística, se fose o caso, que posibilite a execución do investimento para o que se solicita subvención. No caso de carecer dela no momento de realiza-la solicitude de subvención, será dabondo a presentación dun informe urbanístico, emitido polo concello, no que se indique que o proxecto para o que se solicita subvención é con

forme coa legalidade urbanística vixente no municipio ou, se é o caso, certificación do concello comprensiva de que o investimento proxectado non precisa licencia urbanística.

e) Para os proxectos promovidos por personas xurídicas, achegarase escritura de constitución ou modificación, se é o caso, debidamente inscrita no Rexistro Mercantil nos que se indicará, con dilixencia do seu secretario, que estes son os vixentes.

f) Declaración de conxunto de tódalas solicitudes efectuadas ou concedidas, para a actividade obxecto desta orde, das distintas administracións públicas competentes ou calquera dos seus organismos, entes ou sociedades.

g) Anexo II asinado e debidamente cuberto.

h) Se é o caso, solicitude debidamente motivada para que, por circunstancias de estacionalidade da actividade ou de especiais dificultades do sector ou da empresa concreta, se solicite á Comisión Delegada da Xunta de Galicia para Asuntos Económicos que autorice de xeito excepcional a non esixencia de porcentaxe mínima de emprego estable para obte-la consideración de beneficiario da axuda.

2. Os interesados emendarán, por petición da Dirección Xeral de Turismo da Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo os defectos dos expedientes de solicitudes de subvención que o precisen, segundo o sinalado no artigo 71.1º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

3. As compulsas que procedan para toda a documentación que se especifica nesta orde faranse nos correspondentes servicios centrais ou provinciais da Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo. Todo iso de conformidade co establecido no Decreto lexislativo 1/1992, do 11 de abril, polo que se aproba o texto articulado das bases contidas no capítulo 3º do título II da Lei 13/1991, do 9 de decembro, de taxas, prezos e exaccións reguladoras da Comunidade Autónoma de Galicia (Diario Oficial de Galicia nº 112, do 12 de xuño) e na orde da Consellería de Economía e Facenda do 30 de xuño de 1992, pola que se regula a utilización de efectos timbrados para o pagamento das taxas por servicios administrativos de compulsa.

Artigo 6º.-Selección das solicitudes e resolución.

As solicitudes, ás que se lles xuntará un informe emitido polo respectivo xefe do Servicio Provincial de Turismo e no que se deberá indica-las faltas de adaptación do establecemento para o que se solicita subvención á normativa de ordenación, a súa data de autorización así como un informe de valoración da prestación do servicio de turismo rural, serán estudiadas por unha comisión técnica constituída polo titular da Subdirección Xeral de Fomento e Cooperación, que a presidirá, actuando como vocais un representante de cada unha das delegacións provinciais da Consellería de Cultura, Comunicación

Social e Turismo, os xefes dos servicios provinciais de Turismo e os xefes de Servicio de Fomento e Promoción, de Investimentos e Supervisión Técnico-Turística e de Ordenación do Turismo da Dirección Xeral de Turismo e o xefe de área de xestión de calidade de Turgalicia. Exercerá as funcións de secretario da comisión o antedito xefe do Servicio de Fomento e Promoción.

1. Para a valoración das solicitudes teranse en conta, en orde decrecente, os seguintes criterios:

-A conversión de hostais en hoteis.

-A implantación de sistemas de calidade específicos para empresas hoteleiras que conduzan á obtención da correspondente certificación de aseguramento de calidade.

-A creación de postos de traballo.

-As melloras que se realizarán no establecemento co investimento proxectado.

-A creación ou mellora da oferta complementaria.

-O aumento da categoría, segundo a normativa turística, que a realización do proxecto supón para o establecemento.

2. Esta comisión, á vista dos expedientes e dos informes emitidos polos servicios provinciais, analizarán e cualificarán os proxectos e, tendo en conta as dispoñibilidades orzamentarias elevará ó director xeral de Turismo os acordos adoptados por ela. Dos ditos acordos redactarase a correspondente acta.

3. O conselleiro de Cultura, Comunicación Social e Turismo dictará as resolucións de concesión ou se é o caso, de denegación de subvencións. Contra os ditos actos resolutivos, que esgotan a vía administrativa, poderá o interesado interpoñer recurso contencioso-administrativo ante o Tribunal Superior de Xustiza da Comunidade Autónoma de Galicia, no prazo de dous meses, contados desde a recepción da notificación da resolución ou, potestativamente interpoñer, no prazo dun mes desde a recepción da resolución, recurso de reposición ante o conselleiro de Cultura, Comunicación Social e Turismo.

A resolución de concesión, determinará o importe da subvención concedida, con cargo ás disposicións orzamentarias para os anos 2000, 2001, 2002 e 2003 segundo corresponda, en función das disposicións orzamentarias ou, se fose o caso, das dificultades de índole técnica de execución do investimento subvencionado.

4. Entenderanse desestimadas as solicitudes sobre as que non recaese resolución expresa no prazo de seis meses contados desde a data do rexistro de entrada da solicitude.

Artigo 7º.-Aceptación-renuncia das subvencións e condicións xerais para as concedidas.

A) Da aceptación-renuncia das subvencións.

Unha vez recibidas as notificacións de concesión de subvención polos beneficiarios, estes, no prazo

de dez días naturais, comunicaranlle á Dirección Xeral de Turismo da Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo a aceptación (segundo o modelo do anexo III) ou renuncia a elas. Se transcorridos os sinalados dez días non se fixese manifestación en ningún sentido, tal feito entenderase como renuncia á subvención e procederase, sen máis trámite, a dictar resolución de anulación da subvención concedida por renuncia do beneficiario.

B) Das condicións xerais para as subvencións concedidas.

No prazo dun mes desde a presentación da aceptación da subvención, os beneficiarios presentarán na Dirección Xeral de Turismo a seguinte documentación:

a) Proxecto definitivo da acción subvencionada, no que se incluirá programa de obras que determinará a previsión anual de execución do investimento, consonte a resolución de concesión, agás nos casos de que o beneficiario estea eximido do requisito do proxecto.

O dito proxecto e programa, que teñen que ser conforme o determinado na resolución de concesión da subvención, e para os efectos da súa validez para incorporar ó expediente, deberá ser informado favorablemente, polo xefe do Servicio de Investimentos e Supervisión Técnico-Turística da Dirección Xeral de Turismo.

b) Licencia urbanística de obras, expedida polo concello e con referencia explícita ó proxecto subvencionado. Excepcionalmente poderase apraza-la presentación deste documento.

c) Certificación bancaria onde se debe aboa-la subvención.

Se transcorrido o sinalado mes non se cumprise algunha das condicións anteriores, tal feito entenderase como renuncia á subvención e procederase, sen máis trámite, a dictar resolución de anulación da subvención concedida por renuncia do beneficiario.

Artigo 8º.-Xustificación e pagamento das subvencións.

1. Os beneficiarios de subvencións concedidas en virtude da presente orde e cando o importe desta se atribuíu en dúas ou máis anualidades terán como data límite, para a presentación de xustificación do investimento executado, que se deberá realizar de conformidade co programa de obras, as seguintes:

Fase de 2000: 1 de novembro de 2000.

Fase de 2001: 30 de xuño de 2001, se o importe da subvención se imputou a dúas anualidades. No caso de terse imputado a máis, 15 de outubro de 2001.

Fase de 2002: 30 de xuño de 2002, se o importe da subvención se imputou a tres anualidades. No

caso de terse imputado a máis, 15 de outubro de 2002.

Fase de 2003: 30 de xuño de 2003.

Se a subvención soamente se imputou ó exercicio do 2000, a data límite de presentación será o 1 de novembro do 2000.

En todo caso, os beneficiarios de subvencións, unha vez executado o investimento, deberán xustificalo o antes posible e nunca con posterioridade ás datas indicadas, datas que son límite de presentación da xustificación.

2. O investimento xustificado deberá coincidir coa resolución de concesión da subvención ou coas modificacións autorizadas. Se o investimento xustificado fose menor, e sempre mantendo os fins para os que se concedeu a subvención, esta reducirase proporcionalmente ó investimento non xustificado. No caso de que o investimento xustificado fose menor do investimento mínimo subvencionable (15.000.000 de ptas.) a Dirección Xeral de Turismo valorará as circunstancias que motivaron esta minoración e non fosen previsibles coa solicitude, e poderá, se é o caso, logo de audiencia ó interesado, revoga-la subvención concedida.

3. Para percibi-la subvención os beneficiarios remitirán á Dirección Xeral de Turismo da Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo, por triplicado exemplar, a seguinte documentación:

3.1. Solicitude de cobramento segundo o modelo do anexo IV.

3.2. Facturas e certificación por conceptos, asinada polo técnico director de obra, relativa á obra executada coa súa valoración e, no caso de obra rematada, tamén se achegará certificado de fin de obra.

Cando o investimento subvencionable non requirise proxecto básico, deberase remitir, ou ben a documentación que se sinala no parágrafo anterior ou, no seu defecto, facturas orixinais, ou copia compulsada delas, relativas ó investimento executado.

3.3. Licencia urbanística que posibilitase a execución do investimento subvencionado, no caso de que se precisara e non se achegase anteriormente por causas excepcionalmente autorizadas.

3.4. Certificados de estar ó día nas súas obrigas tributarias coa Facenda do Estado e da Comunidade Autónoma e nas obrigas coa Seguridade Social e que non se ten pendente de pagamento ningunha outra débeda, por ningún concepto, coa administración da Comunidade Autónoma.

3.5. Acta de manifestacións, en escritura pública, onde se recollan os compromisos ós que se fai referencia no artigo 3.5º e no anexo II da presente orde. Este documento será obrigatorio presentalo coa primeira solicitude de pagamento.

3.6. Antes do derradeiro aboamento os beneficiarios deberán achegar, xunto co resto da documen

tación, declaración de conxunto das axudas solicitadas, tanto aprobadas ou concedidas como as pendentes de resolución, para a actividade obxecto desta orde, das distintas administracións públicas competentes ou calquera dos seus organismos, entes ou sociedades.

Por outra banda, no caso de que a subvención concedida fose plurianual e superase a cifra de 5.000.000 de ptas., cando se solicite o pagamento da anualidade dos anos 2000 ou, se é o caso, de 2001 ou 2002, ademais da documentación indicada no número 3 do presente artigo, tamén se deberá remiti-la documentación á que se fai referencia no artigo 37.dous.2 da Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o 2000.

Disposición adicional

Primeira.-A condición de beneficiario de subvención, sen prexuízo dos demais requisitos que nela se establecen, só poderá adquirirse cando alomenos o 35% do cadro de persoal da empresa solicitante de axuda teña contratos por tempo indefinido.

A porcentaxe de estabilidade mínima laboral, no caso de empresas con menos de 10 traballadores e para os efectos de adquiri-la condición de beneficiario de subvención, será dun 33%.

Non será preciso dar cumprimento ós anteditos requisitos de estabilidade laboral no caso de que a subvención solicitada ou, se é o caso, concedida sexa inferior a 10 millóns de pesetas.

En todo caso non será esixible o requisito de estabilidade mínima laboral en relación ós centros de traballo radicados fóra da Comunidade Autónoma de Galicia.

Segunda.-As modalidades de contratos aceptados na presente orde, para os efectos de creación de emprego, son:

I. Autoemprego.

II. Indefinidos.

III. Fixos-descontinuos.

Todo isto con independencia de se a cotización á Seguridade Social se fai a través do réxime xeral ou especial de traballadores por conta allea ou polo de traballadores autónomos.

Se é o caso, e para o cálculo da equivalencia ó ano, procederase a dividi-la suma de horas traballadas, pola xornada anual de actividade, determinando este resultado o número de postos creados.

O cumprimento das condicións relativas á creación de emprego acreditarase mediante o oportuno certificado do organismo laboral competente.

Terceira.-De xeito excepcional, logo de petición do solicitante, e coa debida motivación, en casos de estacionalidade da actividade ou de especiais dificultades dun sector ou dunha empresa concreta, a Comisión Delegada da Xunta de Galicia para Asuntos Económicos poderá autorizar a non-esixencia de

porcentaxe mínima de emprego estable para obte-la consideración de beneficiario da axuda.

Cuarta.-Para os efectos desta orde entenderase como creación de emprego a reconversión de postos de traballo temporais en postos de traballo fixos.

Quinta.-Poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da axuda obxecto da presente orde, e en todo caso a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais

Sexta.-No caso de concesión de subvención trala resolución dun recurso administrativo as datas para a presentación da documentación a que fai referencia o artigo 7 desta orde así como os prazos establecidos no artigo 8.1º, terase que determinar no acto que resolva o dito recurso. Estas datas e prazos non poderán ser, en ningún caso, posteriores ó 30 de xuño de 2003. Será tamén de aplicación o disposto neste parágrafo cando se concedese unha subvención consonte o sinalado no artigo 6.3º desta orde.

Sétima.-No caso de que os proxectos presentados ó concurso de subvención obxecto desta orde fosen de tal importancia para os obxectivos turísticos e, tal feito determinase que se fixese preciso amplia-lo importe do crédito determinado no artigo 1º desta orde, a Dirección Xeral de Turismo fará a correspondente proposta nos termos establecidos na normativa orzamentaria.

Disposicións derradeiras

Primeira.-As unidades administrativas que actúen en calquera das fases do procedemento determinado na presente orde poderán solicitar ó administrado a documentación que consideren precisa para un mellor estudio do expediente.

Segunda.-O director xeral de Turismo dictará, de ser preciso, as resolucións e instruccións oportunas para o desenvolvemento e interpretación desta orde incluíndose nestas facultades as que sexan precisas para adaptar, de oficio, os importes de investimento subvencionable e subvención concedida ó euro así como calquera outra operación que sexa precisa neste eido seguindo para isto a normativa que exista para estes fins.

Terceira.-En todo o non recollido na presente orde aplicarase o disposto, para esta materia, no Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia así como na Lei 8/1999, do 30 de decembro, de medidas fiscais, orzamentarias, de función pública e actuación administrativa e na Lei 7/1999, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2000.

Santiago de Compostela, 16 de febreiro de 2000.

Jesús Pérez Varela

Conselleiro de Cultura, Comunicación Social

e Turismo