Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 44 Venres, 03 de marzo de 2000 Páx. 2.906

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA

ORDE do 15 de febreiro de 2000 pola que se publica a convocatoria para a concesión de axudas a conservatorios de música públicos non dependentes da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria.

O artigo 10.2º da Lei orgánica 8/1985 do 3 de xullo, reguladora do dereito a educación, clasifica como centros docentes públicos aqueles que teñan como titular un poder público.

Ademais das accións que leva a cabo esta consellería na creación, dotación e sostemento dos conservatorios de música dependentes dela, determinados concellos da Comunidade Autónoma de Galicia veñen desenvolvendo un importante labor coa iniciativa de creación e co sostemento de centros públicos que imparten as ensinanzas de música que sinala o artigo 39 da Lei orgánica 1/1990, do 3 de outubro, de ordenación xeral do sistema educativo.

A implantación do novo sistema educativo establecido pola dita lei esíxelles ós titulares dos centros adaptacións estructurais e os orzamentos necesarios para o cumprimento dos requisitos mínimos que fixa o Real decreto 389/1992, do 15 de abril, e o currículo que establece o Decreto 253/1993, do 29 de xullo (Diario Oficial de Galicia do 25 de outubro).

En consonancia coa política desta consellería, á vista da crecente demanda das ensinanzas de música e coa finalidade de prestar apoio ás iniciativas doutros entes públicos para o fomento, difusión e extensión destas ensinanzas,

DISPOÑO:

Primeiro.-Faise pública a convocatoria de axudas destinadas a subvenciona-las actividades que se desenvolvan, durante o ano natural 2000, polos conservatorios públicos de música que radiquen na Comunidade Autónoma de Galicia non dependentes da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria.

Segundo.-Poderán solicita-las ditas axudas os titulares dos conservatorios de música de grao elemental e/ou profesional que teñan, na data de publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia, autorización expresa da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria para a impartición das correspondentes ensinanzas.

Terceiro.-O importe total das axudas será de cincuenta millóns de pesetas (50.000.000) e librarase con cargo á aplicación orzamentaria 07.03.322E.460.1 da Dirección Xeral de Centros e Inspección Educativa.

Os conservatorios que inicien a súa actividade docente ó longo do ano 2000 poderán ademais percibir un incremento máximo dun 25% da axuda que lle puidera corresponder. En calquera caso a contía máxima da axuda por beneficiario non poderá supera-la cantidade de cinco millóns de pesetas (5.000.000).

Cuarto.-As solicitudes, segundo o modelo de instancia e mailo anexo que figura nesta orde, xunto

coa documentación xustificativa correspondente, dirixiranse ó conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria e presentaranse no rexistro xeral da consellería, edificio administrativo -San Caetano s/n, 15771 Santiago de Compostela, ou nos lugares que sinala o artigo 38.4º da Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, no prazo de vinte días hábiles contados a partir do día seguinte á publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

A documentación que debe acompaña-la solicitude é a seguinte:

a) Breve memoria descritiva dos obxectivos que se pretenden alcanzar mediante as actividades que se realicen no ano 2000.

b) Fotocopia cotexada da tarxeta de identificación fiscal.

c) Certificación bancaria a nome do solicitante na que conste o número de conta na que desexe que se lle ingrese, se é o caso, o importe da axuda.

d) Declaración xurada de ter, ou non, solicitado doutros entes públicos ou privados axuda para a mesma finalidade.

Quinto.-Na valoración de solicitudes teranse en conta, polo menos, os seguintes aspectos:

1. Número de alumnos/as.

2. Número de especialidades instrumentais.

3. Número de profesores/as.

4. Dimensións das instalacións.

5. Volume de orzamento do conservatorio.

6. Iniciación da súa actividade no ano 2000, se é o caso.

Sexto.-A Dirección Xeral de Centros e Inspección Educativa poderá requirir do solicitante cantos documentos e aclaracións considere necesarios para complementa-lo expediente, e tamén poderá dispor que se leven a cabo as comprobacións oportunas dos datos achegados polos solicitantes.

Calquera alteración que se produza nos datos contidos na documentación que se xunta á solicitude será comunicada polo solicitante á dita dirección xeral.

Sétimo.-Baixo a presidencia do director xeral de Centros e Inspección Educativa ou persoa en quen delegue, constituirase unha comisión encargada de valora-las solicitudes presentadas e que estará integrada por:

-O subdirector xeral de Centros.

-O subdirector xeral de Programación.

-O xefe de Servicio de Centros.

-O xefe de Servicio de Programación.

-Un inspector central.

-Un inspector de educación designado polo director xeral de Centros e Inspección Educativa.

-Un funcionario da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria que actuará como secretario con voz e sen voto.

A comisión poderá solicitar, en todo momento, a asistencia daqueles funcionarios que estime oportuno, que no caso de acudir ás reunións desta o farán con voz e sen voto.

Oitavo.-A comisión de selección elaborará unha proposta provisional de adxudicación das axudas que se notificará ós interesados para que estes, no prazo de 10 días hábiles, poidan formula-las alegacións que consideren oportunas. Valoradas as ditas alegacións, a comisión elevará a proposta definitiva de adxudicación das axudas ó conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria para a resolución que proceda.

Noveno.-A resolución de concesión de axudas dictada polo conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria publicarase no Diario Oficial de Galicia no prazo máximo de cinco meses a partir da finalización do prazo de presentación de solicitudes. As solicitudes denegadas serán motivadas.

No suposto de que non recaese resolución expresa dentro do prazo máximo previsto, o sentido do silencio será negativo.

A resolución, que esgotará a vía administrativa, poderá ser obxecto de recurso de reposición no prazo dun mes, contado a partir do día seguinte ó da publicación no Diario Oficial de Galicia, perante o conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria, segundo o disposto na Lei 4/1999 (BOE do 14 de xaneiro) de modificación da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, ou ben os interesados poderán presentar directamente recurso contencioso-administrativo, perante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados a partir do día seguinte ó da súa publicación, conforme se establece na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdicción contencioso-administrativa.

Décimo.-As axudas estarán condicionadas ós orzamentos dispoñibles e irán destinadas a sufraga-los gastos de carácter fixo e recorrente que se especifiquen no anexo; serán aboadas de conformidade co que dispón o artigo 37 da Lei 7/1999, do 29 de decembro (Diario Oficial de Galicia do 31) de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2000, mediante un ou varios pagamentos parciais a conta da liquidación por un importe máximo do 80% da axuda concedida, segundo os termos que se establecen no referido artigo, sempre que o beneficiario xustifique os gastos realizados segundo o proxecto aprobado.

Para o libramento do 20% restante o beneficiario presentará, antes do 15 de outubro de 2000, a completa xustificación.

Para que se poida dar curso ós libramentos, o solicitante deberá achega-las xustificacións orixinais ou fotocopias cotexadas de: facturas, contratos, nóminas, Seguridade Social, etc.

As xustificacións referidas serán dirixidas á Dirección Xeral de Centros e Inspección Educativa, Subdirección Xeral de Centros, Servicio de Xestión de Programas Educativos, rúa San Lázaro, nº 107, 15771 Santiago de Compostela.

Décimo primeiro.-A Dirección Xeral de Centros e Inspección Educativa, a través dos servicios provin

ciais de inspección, poderá realizar un seguimento da aplicación das axudas nos conservatorios beneficiarios destas.

Así mesmo, o beneficiario ten a obriga de facilitar toda a información que lle sexa requirida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas e o Consello de Contas, no exercicio das súas funcións de fiscalización e control do destino das axudas.

Décimo segundo.-Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da axuda ou, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión, tal como se establece na Lei 8/1999, do 30 de decembro (Diario Oficial de Galicia do 31), de medidas fiscais e orzamentarias e de función pública e actuación administrativa.

Décimo terceiro.-Nas comunicacións, publicidade e propaganda dos conservatorios de música que obteñan axuda, deberá figurar que están subvencionados pola Xunta de Galicia, Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, co seu respectivo anagrama ou logotipo.

Décimo cuarto.-O beneficiario da axuda deberá proceder ó reintegro das cantidades recibidas e mailos xuros de demora, de conformidade co artigo 78.9º do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro (Diario Oficial de Galicia do 5 de novembro), polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, de acordo coa redacción dada pola Lei 8/1999, cando exista por parte del incumprimento da obriga de xustificación, obtención da subvención sen reuni-los requisitos esixidos nas bases reguladoras para a súa concesión, ou por incumprimento da finalidade para a que foi concedida a axuda.

Décimo quinto.-Facúltase a Dirección Xeral de Centros e Inspección Educativa para dicta-las resolucións necesarias para o desenvolvemento desta orde.

Disposición adicional

No non previsto nesta orde haberá que aterse ó establecido pola Lei 7/1999, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma Galicia para o ano 2000 e pola Lei 8/1999, do 30 de decembro, de medidas fiscais e orzamentarias e de función pública e actuación administrativa e polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia.

Disposición derradeira

Esta orde entrará en vigor o mesmo día ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 15 de febreiro de 2000.

Celso Currás Fernández

Conselleiro de Educación e Ordenación

Universitaria