Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 44 Venres, 03 de marzo de 2000 Páx. 2.902

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DA PRESIDENCIA E ADMINISTRACIÓN PÚBLICA

ORDE do 25 de febreiro de 2000 pola que se convocan bolsas para a realización dos traballos de recolleita da toponimia de Galicia.

A transformación demográfica e a progresiva desaparición dos modos de vida tradicionais ameazan gravemente a conservación do riquísimo patrimonio toponímico galego. Boa parte dos topónimos menores só teñen vida na fala ou na memoria de persoas de idade e non é esaxerado dicir que con cada persoa que morre ou abandona o campo morren tamén ducias de topónimos, moitos deles de alto interese científico e todos de enorme valor como patrimonio cultural de Galicia.

Por outra banda, a necesidade de nomear adecuadamente todos e cada un dos accidentes topográficos, tanto na elaboración de cartografía, coma na elaboración de materiais doutro tipo por parte das distintas administracións públicas, xustifican sobradamente que se acometa a recolleita sistemática de toda a toponimia galega, para a súa catalogación, procesamento informático e normalización.

Este é o obxecto da presente convocatoria de bolsas, coas que a Xunta de Galicia pretende aborda-la segunda fase dos traballos de recuperación da toponimia, unha vez que o nomenclátor das entidades de poboación está practicamente rematado, na falta soamente do dictame dalgúns concellos da provincia da Coruña.

Por todo isto, en uso das facultades que teño atribuídas e para a debida aplicación dos créditos orzamentarios para o fin para os que foron establecidos,

DISPOÑO:

Artigo 1º

Convócanse cinco bolsas para a realización dos traballos de recolleita da toponimia de Galicia, de acordo coas estipulacións que se conteñen no anexo I desta orde.

Artigo 2º

O importe total das bolsas non poderá supera-los 10.000.000 de pesetas, dotados na aplicación orzamentaria 04.09.353C.480.1 (código do proxecto: 04.00.425) dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma para o ano 2000.

Artigo 3º

O incumprimento total ou parcial de calquera das condicións establecidas nesta orde constituirá causa determinante de revogación da bolsa e do seu reintegro polo bolseiro, segundo o disposto no artigo 78 do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, de acordo coa redacción dada pola Lei 8/1999, do 30 de decembro, de medidas fiscais e orzamentarias e de función pública e actuación administrativa.

Disposición derradeira

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 25 de febreiro de 2000.

Jaime Pita Varela

Conselleiro da Presidencia e Administración Pública

ANEXO I

Bases

Primeira.-Obxecto.

Convócanse cinco bolsas para a realización de traballos de recolleita sobre o terreo e posterior tratamento informático da microtoponimia de Galicia, baixo a dirección da Comisión de Toponimia da Xunta de Galicia.

Como fase previa, prevese un curso de formación, orientado a capacita-los seleccionados para realizaren o traballo encomendado.

Segunda.-Contía das bolsas, duración e aboamento.

O importe total das bolsas non pode supera-los 10.000.000 de pesetas, dotados na aplicación orzamentaria 04.09.353C.480.1 (código do proxecto: 04.00.425) dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma para o ano 2000.

A dotación económica de cada bolsa é de 2.000.000 de pesetas, para o período comprendido entre o 1 de maio e o 31 de decembro de 2000, a razón de 250.000 ptas. mensuais, das que se descontarán as cantidades que cumpran en concepto de IRPF. Na cantidade van incluídos os gastos que se orixinen por desprazamentos, manutención e aloxamento.

O aboamento farase unha vez recibida na consellería a certificación dos directores do proxecto que acredite a realización dos traballos encomendados.

No último aboamento, os bolseiros farán unha declaración de que durante o período da bolsa non recibiron ningunha outra axuda coa mesma finalidade.

As bolsas son prorrogables, sempre que exista crédito orzamentario para iso.

A Consellería da Presidencia e Administración Pública subscribiralles ós bolseiros unha póliza de seguro de asistencia sanitaria e accidentes.

Terceira.-Requisitos dos aspirantes.

Poderán optar á bolsa tódolos cidadáns da Unión Europea, maiores de idade e con plena capacidade de obrar, que reúnan os seguintes requisitos:

a) Seren licenciados universitarios na especialidade de filoloxía galega, filoloxía hispánica (subsección galego-portugués), filoloxía románica (especialidade galaico-portugués) ou traducción (con galego como lingua A).

b) Non seren traballadores por conta propia ou allea, nin recibiren remuneración de ningún tipo ou gozaren dunha bolsa ou axuda similar.

c) Disporen de vehículo e posuíren carné de conducir.

Cuarta.-Solicitudes. Prazo e documentos que cómpre presentar.

As solicitudes dirixiranse ó conselleiro da Presidencia e Administración Pública, de acordo co modelo do anexo, e pódense presentar no rexistro xeral da Xunta de Galicia (San Caetano, Santiago de Compostela), nos das delegacións provinciais da Consellería da Presidencia e Administración Pública, ou de calquera das formas que prevé o artigo 38.4º da Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

O prazo de presentación de solicitudes é de 15 días naturais, contados a partir do seguinte ó da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

Xunto coa solicitude, os aspirantes deberán presentar:

a) Fotocopia compulsada do DNI

b) Datos académicos, que consistirán en:

-Certificación académica completa, na que se detallen as cualificacións obtidas.

-Nota media da licenciatura, que se calculará dividindo o total de puntos polo número de convocatorias e tendo en conta que aprobado vale 1 punto, notable 2 puntos, sobresaliente 3 puntos e matrícula de honra 4 puntos.

-Fotocopia do título correspondente ou, no seu defecto, xustificación do pagamento dos dereitos de expedición.

c) Currículum vitae, con indicación dos estudios, actividades, publicacións e outros méritos, acompañado da documentación acreditativa dos méritos alegados.

d) Declaración xurada de non desempeñar unha actividade profesional remunerada por conta propia ou allea, nin gozar de bolsas ou axudas equiparables á convocada.

Unha vez comprobado que tódalas solicitudes reúnen os requisitos establecidos, exporase no taboleiro de anuncios da Consellería da Presidencia e Administración Pública unha resolución coa lista de admitidos e excluídos, indicando, se é o caso, as causas de exclusión. Contra a dita resolución, os interesados poderán formular reclamacións, para emendar erros e faltas de documentos, no prazo de dez días naturais a partir da publicación da resolución. Se transcorrido este prazo, algún dos solicitantes non corrixiu as causas de exclusión, procederase a declaralo desistido da súa petición, nos termos previstos no artigo 71 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro.

Quinta.-Comisión de selección.

Para a adxudicación das bolsas créase unha comisión de selección integrada polos seguintes membros:

a) Presidente: o secretario xeral da Consellería da Presidencia e Administración Pública.

b) Vocais: tres membros da Comisión de Toponimia da Xunta de Galicia, designados polo conselleiro da

Presidencia e Administración Pública, por proposta da Comisión de Toponimia.

c) Secretario: o xefe do Servicio de Traducción e secretario da Comisión de Toponimia.

Sexta.-Criterios de selección.

Para a selección dos bolseiros, a comisión de selección terá en conta:

a) O expediente académico, considerando a nota media na licenciatura. Puntuación máxima neste epígrafe: 4 puntos.

b) Os méritos alegados polos aspirantes. Puntuación máxima neste epígrafe: 4 puntos.

A comisión realizará unha preselección, cos doce aspirantes que acaden unha mellor valoración nesta fase, cos que manterá unha entrevista, que se puntuará ata un máximo de 4 puntos e que servirá de base para efectua-la selección definitiva dos cinco beneficiarios das bolsas convocadas.

Os restantes sete aspirantes non seleccionados serán propostos para incorparse a unha lista para posibles suplencias, elaborada de acordo coa puntuación acadada.

A comisión de selección elevará ó conselleiro da Presidencia e Administración Pública, para que resolva, unha proposta de aspirantes seleccionados e de aspirantes suplentes.

Sétima.-Resolución.

A resolución destas bolsas corresponde ó conselleiro da Presidencia e Administración Pública, quen resolverá no prazo máximo de 45 días naturais, contados desde o día seguinte ó da publicación desta convocatoria.

A resolución publicarase no taboleiro de anuncios da Consellería da Presidencia e Administración Pública e incluirá os adxudicatarios das bolsas e mailos suplentes.

A resolución porá fin á vía administrativa e contra ela poderá interporse potestativamente recurso de reposición perante o mesmo órgano, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ó da súa notificación ou recurso contencioso-administrativo perante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados a partir do día seguinte ó da súa notificación.

Oitava.-Réxime de colaboración.

A condición de bolseiro non xerará unha relación laboral ou administrativa coa Xunta de Galicia.

Os aspirantes seleccionados incorporaranse, trala aceptación da bolsa, no prazo de tres días naturais desde a notificación do seu outorgamento. No caso de que un adxudicatario, por calquera motivo, non poida presta-la súa colaboración, será substituído polo seguinte por orde de puntuación.

Os bolseiros desenvolverán o seu labor nos lugares onde os directores do proxecto establezan, que serán os distintos puntos do territorio onde se vaian realiza-las enquisas, e mailas dependencias do Instituto da Lingua Galega, onde se instalarán os equipamentos informáticos para o tratamento da información recollida.

Novena.-Extinción anticipada da bolsa.

No caso de incumprimento das tarefas de colaboración ou de que se dean os supostos dos puntos 7 e 9 do artigo 78 do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia,

de acordo coa redacción dada pola Lei 8/1999, do 30 de decembro, a Consellería da Presidencia e Administración Pública poderá, por proposta dos directores do proxecto e despois de escoita-lo interesado, extingui-la bolsa concedida e atribuírlla ó aspirante que ocupe o primeiro lugar en orde de puntuación ó remate do proceso de selección.