Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 43 Xoves, 02 de marzo de 2000 Páx. 2.847

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E RELACIÓNS LABORAIS

RESOLUCIÓN do 26 de xaneiro de 2000, da Delegación Provincial de Lugo, pola que se dispón a inscrición no rexistro e a publicación, no Diario Oficial de Galicia, do acordo de prórroga do convenio colectivo de ámbito provincial para a empresa Barras Eléctricas Galaico-Asturianas, S.A.

Visto o texto do acordo de prórroga do convenio colectivo para a empresa Barras Eléctricas Galaico-Asturianas, S.A. (código 2700082), a provincia de Lugo, asinado o día 31 de decembro de 1999, pola representación da citada empresa e a dos seus traballadores, e de conformidade co disposto no artigo 90 punto 2º e 3º do Real decreto lexislativo 1/1995, do 24 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da Lei do Estatuto dos traballadores, e no Real decreto 1040/1981, do 22 de maio, sobre rexistro e depósito de convenios colectivos de traballo,

Esta delegación provincial

ACORDA:

Primeiro.-Ordena-la inscrición do citado acordo de prórroga do convenio colectivo no rexistro de convenios desta delegación, así como o seu depósito.

Segundo.-Remiti-lo texto do citado acordo de prórroga do convenio colectivo á Dirección Xeral de Relacións Laborais da Xunta de Galicia.

Terceiro.-Dispoñe-la súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Lugo, 26 de xaneiro de 2000.

Manuel Teijeiro Álvarez

Delegado provincial de Lugo

Acta de acordo de prórroga do convenio colectivo

para o ano 1999

En Lugo, o 31 de decembro de 1999, reúnense,

Dunha parte, Rogelio Rafael Charro Menéndez, Vicente Cuétara Caso e Luis García Santalla, en representación de Barras Eléctricas Galaico-Asturianas, S.A., na mesa negociadora do convenio colectivo para 1999.

E doutra, José Manuel Lombao Ferreiro, Antonio Viñas Arias, Celestino Valín Pardo, Arturo León González, Manuel Casas Blas, Alfonso Díaz Geada, José Luis Lombao Martínez, José Ramón Soto Martínez, en reperesentación da Unión Xeral de Traballadores (UGT) e Isidro Fernández Pérez, en representación de Confederación de Cadros (CC) que contan co 100% da representación sindical da mesa negociadora do convenio colectivo.

Ámbalas partes manifestan que, recoñecéndose capacidade suficiente para a negociación do convenio colectivo e lexitimación acorde o Estatuto dos traballadores, e unha vez concluído o proceso de negociación colectiva, as partes acordan a prórroga do convenio colectivo para os anos 1996-1998, ó ano 1999, nos seguintes termos:

Primeiro.-Acórdase a prórroga do convenio colectivo e acta complementaria para os anos 1996-1998, ó ano 1999, con efectos improrrogables entre o 1 de xaneiro de 1999 e o 31 de decembro de 1999, coas excepcións que constan nesta acta, a cal será obxecto de rexistro ante a Dirección Xeral de Traballo para efectos da súa consideración como convenio colectivo de carácter estatutario.

Segundo.-As partes acordan que os conceptos retributivos se incrementarán no IPC real para o ano 1999, con relación ó valor que tiñan o 31 de decembro de 1998.

Este crecemento salarial para o ano 1999 aplicarase tan pronto se constate o IPC real para o dito ano.

Terceiro.-En canto ó tempo de traballo, con efectos do 31 de decembro de 1999, acórdase modifica-lo convenio colectivo para 1996-1998, nos seguintes termos:

Tempo de traballo

Xornada de traballo.

A xornada de traballo durante a vixencia do presente convenio colectivo será de 1.579 horas ordinarias anuais de traballo efectivo para o persoal xurídico, administrativo (subgrupo I) e técnico con traballo exclusivo de oficinas e 1.656 horas ordinarias anuais de traballo efectivo, para o persoal con traballo en réxime de quenda e resto do persoal, de acordo cos cuadrantes e calendarios laborais vixentes na empresa. Nos anos bisestos aumentarase unha xornada máis.

De acordo co artigo 34.4º do Estatuto dos traballadores, nas xornadas con horario continuado, o tempo de interrupción preceptivo denominado de

bocadillo, non se considerará tempo de traballo efectivo para efectos da xornada anual de tempo efectivo pactada neste artigo.

En atención ás causas técnicas, organizativas, productivas ou económicas que se dean en cada momento, poderase establecer excepcionalmente para un colectivo concreto e para un determinado tempo (máximo de 3 meses), un réxime de horarios distintos ó fixado neste convenio colectivo e logo de apertura do período de consultas coa representación do persoal de acordo co artigo 41 do Estatuto dos traballadores. Para períodos superiores requirirase acordo coa representación do persoal.

Horario de traballo.

1. Horario continuado:

Con carácter xeral establécese para todo o persoal xurídico administrativo (subgrupo I) e técnico, con traballo exclusivo de oficinas o horario continuado de luns a venres de 7.55 a 15.05 horas e para o resto do persoal excepto o de quendas, de 7.40 a 15.05 horas.

Neste horario de traballo establécese unha interrupción de 15 minutos da xornada, denominado tempo de bocadillo, a teor do previsto no artigo 34.4º do Estatuto dos traballadores, que non terá a consideración de tempo efectivo de traballo.

2. Horario partido:

Se por necesidades do servicio, a dirección da empresa precisa que algún traballador realice este horario poderase acordar con el, a título persoal, a realización da xornada en horario partido, logo de información ós seus representantes de persoal.

O horario que vai desenvolver será o seguinte:

A. Persoal xurídico, administrativo (subgrupo I) e técnico con traballo exclusivo de oficinas.

Establécese para este persoal a seguinte xornada de traballo:

a) Xornada de inverno, 8 meses (outubro a maio, ambos inclusive), de acordo co horario seguinte:

-Centros de traballo de Lugo capital:

MañáTarde

Luns a xoves: de 7.55 a 14de 15.25 a 17.30

Venres: de 8 a 15

Nadal (do 25 de decembro ó 7 de xaneiro):

Luns a venres: de 8 a 15.

Semana Santa e semana de Pascua:

Luns a venres: de 8 a 15.

-Restantes centros de traballo:

MañáTarde

Luns a xoves: de 7.55 a 14de 15.25 a 17.30

Venres: de 8 a 15

Nadal (do 25 de decembro ó 7 de xaneiro):

Luns a venres: de 8 a 15.

Semana Santa e semana de Pascua:

Luns a venres: de 8 a 15.

b) Xornada de verán, catro meses (xuño a setembro, ambos inclusive): trinta horas semanais con xornada continuada de seis horas, de 8 a 14 horas de luns a venres e sábados libres.

B. Resto de persoal.

Establécese para este persoal a seguinte xornada de traballo:

a) Xornada de inverno, oito meses (outubro a maio, ambos inclusive):

MañáTarde

Luns a xoves: de 7.55 a 14de 15.25 a 18.10

Venres: de 8 a 15

Nadal (do 25 de decembro ó 7 de xaneiro):

Luns a venres: de 8 a 15.

Semana Santa e semana de Pascua:

Luns a venres: de 8 a 15.

b) Xornada de verán, catro meses (xuño a setembro, ambos inclusive): trinta horas semanais con xornada continuada de seis horas, de 8 a 14 horas de luns a venres e sábados libres.

3. Horario do persoal con traballo en réxime de quenda:

Este persoal traballará durante todo o ano 40 horas semanais, a razón de oito horas continuadas diarias, de acordo co calendario de quendas que rexe na empresa.

O persoal que presta servicios de atencións gozará da xornada continuada, sen detrimento do seu encaixe no traballo de substitución de quendas. O cómputo anual, para os únicos efectos da compensación horaria do persoal de atencións, queda establecido en 1.656.

O persoal de réxime de quenda, gozará dun descanso de 12 días distribuídos ó longo dos doce meses do ano, co fin de totalizar, en cómputo anual, a xornada pactada de 1.656 horas ordinarias de traballo efectivo.

4. Distribución irregular:

No horario continuado, a realización da xornada ordinaria diaria elevada ó seu cómputo anual, determina a realización dun número de horas inferior á xornada ordinaria anual pactada de xornada efectiva, que denominaremos bolsa de horas ordinarias ou xornada irregular.

En consecuencia, co fin de atende-las necesidades do servicio, cada traballador, do cómputo global anual, pon á disposición da empresa a seguinte bolsa de horas:

a) Persoal xurídico, administrativo (subgrupo I) e técnico con traballo exclusivo de oficinas: unha bolsa de 45 horas.

b) Resto do persoal: unha bolsa de 60 horas.

c) Así mesmo, en ámbolos casos, poñen á disposición da empresa unha bolsa de 18 horas, que denominaremos adicional, correspondente a 5 minutos de cada xornada diaria de traballo efectivo.

Estas horas terán a consideración de horas ordinarias e o seu uso rexerase polas seguintes normas:

a) Cada vez que un traballador sexa requirido para realizar un traballo por conta da citada bolsa de horas, computaranse dúas horas se o traballo realizado é de menor duración, e as que se realicen se o tempo é maior, facendo redondeo cara á œ hora inmediata superior.

Así mesmo, as horas con cargo á bolsa que se realicen en período nocturno, computaranse polo dobre das efectivamente realizadas.

b) Os días en que se poderá facer uso das ditas horas serán os luns, martes, mércores e xoves que non coincidan en festivo, excepción feita das dúas semanas de Nadal, Semana Santa e Pascua e os meses de xullo e agosto.

c) A comunicación para a realización das ditas horas farase con carácter ordinario con 3 días de antelación, agás en casos urxentes en que se comunicará dun día para outro e catastróficos, que será sobre a marcha.

d) O resto das horas sobre a xornada ordinaria non consideradas nos días anteriormente sinalados, así como o exceso sobre a bolsa, terán a consideración de horas extraordinarias.

e) A efectiva realización da xornada irregular (bolsa) de cada ano, deberá facerse de maneira que o día 20 de decembro, a citada xornada deberá terse efectuado na súa totalidade, deixando de realizarse as horas de xornada irregular (bolsas) que faltasen.

f) Se no transcurso da vixencia do convenio se reducise a duración máxima da xornada, destinarase o 4% da dita xornada anual para a distribución irregular (bolsa), adecuando os horarios de entrada e/ou saída.

g) Con respecto da bolsa adicional de 18 horas que ambos colectivos poñen á disposición da empresa, correspondentes ós 5 minutos de cada xornada de traballo, han de utilizarse nas seguintes condicións:

1. Esta bolsa divídese en dúas partes de 9 horas cada unha, para utilizar en cada un dos semestres.

2. Para poder utilizar esta bolsa de 9 horas semestral é necesario que previamente se utilizase o 50% da bolsa principal.

3. No suposto de que o 30 de xuño non fose necesario utilizar esta bolsa adicional de 9 horas na súa totalidade ou en parte, no primeiro semestre, considerarase como utilizada no que falte ata acada-las 9 horas.

4. As 9 horas restantes fixadas de bolsa adicional para o segundo semestre rexerase polo recollido no punto e) anterior.

5. Persoal localizable (retén).

a) Normas xerais.

Cando, ademais do tempo de cobertura do servicio, en xornada ordinaria de traballo, fose necesaria a dispoñibilidade e localización do persoal fóra desta,

establecerase un retén de localización, prestado por un ou máis traballadores, que semanalmente, como máximo, se atopará nesta situación fóra da súa xornada normal.

O obxectivo do retén de localización é que a actividade inherente á finalidade de servicio público da empresa poida ser realizada con maior efectividade, ó ter localizados aqueles empregados ós que afectará, trala realización da xornada laboral, así como no día de descanso e festivos comprendidos na súa semana, sen estaren presentes no posto de traballo, conseguindo a súa incorporación a este nun tempo razoable, caso de seren requiridos.

Defínese como tal a disposición para a rápida localización e incorporación ó servicio, fóra das horas laborais, a cambio dunha compensación diaria fixada independentemente do traballo efectuado; o tempo de dispoñibilidade no retén non terá a consideración de tempo de traballo efectivo.

Iso non exclúe que o persoal non afectado polo retén, acuda cando sexa localizado para atender aqueles danos urxentes que se produzan, nas condicións deste convenio.

b) Réxime económico do retén de localización.

O traballador que se atope en retén de localización, ademais dos complementos que regulamentariamente correspondan polos traballos efectivos que realice fóra da xornada laboral, devengará o complemento de 2.550 ptas. por día efectivamente prestado en retén de localización, non devengándose en consecuencia en vacacións, descansos, permisos retribuídos (excepto crédito de horas a que teñen dereito os membros do comité de empresa, delegados sindicais e delegados de prevención), nin en baixa por incapacidade laboral de calquera clase, maternidade, etc.

Así mesmo, por cada semana completa de retén de localizable, percibiranse como garantía dos complementos de traballos extraordinarios (complemento de requirimento ou de chamada por traballos extraordinarios), se se producen menos de dous requirimentos. No suposto de que se produzan máis de dous requirimentos na semana, aboarase a cantidade devengada correspondente ós requirimentos efectivamente realizados, co máximo dun requirimento en cada oito horas de retén de localizable.

O importe das horas traballadas efectivamente aboarase de acordo co establecido no convenio colectivo para as horas extraordinarias.

c) Aplicación dos servicios de reténs.

En cada centro, segundo as características da zona que se vai atender e/ou do tipo de función que se vai desenvolver, confeccionaranse cuadrantes de reténs, establecéndose as alternancias nos descansos e períodos de vacacións, así como o réxime de substitucións polas diversas causas de ausencias.

Co fin de non altera-lo normal desenvolvemento da vida familiar e social do traballador, agás situacións de carácter excepcional, a organización dos reténs deberá establecer que os empregados dos ser

vicios afectados non sexan requiridos máis de sete días de retén nun período de catro semanas. Excepcionalmente para períodos de cadencia inferiores, requirirase acordo expreso cos seus representantes.

Con carácter xeral, a duración do retén será semanal, iniciándose ó final da xornada ordinaria do luns e concluíndo ó comezo da xornada ordinaria do luns seguinte.

Para facilita-la presentación deste servicio, a empresa dotará o persoal que o realice de sistemas de localización de acordo coas posibilidades técnicas e no prazo máis breve posible.

O empregado, unha vez avisado, deberá confirmar de forma inmediata a súa localización mediante chamada telefónica ou medio máis adecuado ó seu alcance ó centro de chamadas correspondente.

Con carácter xeral, establécese que desde a confirmación da chamada, o tempo de incorporación ó seu centro de traballo ou lugar próximo onde sexa requirida a súa presencia, non superará en circunstancias normais os trinta minutos.

O tempo de traballo, para o seu posterior aboamento, computarase a partir do momento en que o traballador se atope no seu centro de traballo.

A existencia de gardas e quendas é compatible coa existencia de reténs de localizables, naqueles lugares que as necesidades do servicio así o aconsellen.

Gardas.

O persoal do servicio de gardas realizará a súa xornada diaria de acordo co seguinte horario e condicións:

Luns a venres: de 14.45 a 22 horas.

Sábados, domingos e festivos:

De 7.45 a 15 horas.

Durante a semana que dura a garda percibirase un complemento diario de 787 pesetas (valor 1998). O sábado e domingo compensarase con dous días de descanso, preferentemente o xoves e venres da semana seguinte, e o 0,75 das horas traballadas nos ditos días, de acordo co valor-base das horas extras. Cada día festivo traballado neste réxime compensarase co aboamento de oito horas extraordinarias.

Durante a garda prestarase o traballo habitual, con atención prioritaria ás avarías.

Cuarto.-Os acordos acadados con data do 27 de abril e 29 de decembro de 1999, así como os que se acaden na comisión negociadora de materias concretas, constituída polas empresas do grupo Endesa e as representacións sindicais máis representativas, consideraranse incorporados ó texto do convenio, no suposto de serlle de aplicación e nos termos do dito acordo, substituíndo e derrogando todo o previsto nel que se opoña a este.

Quinto.-As partes asinantes deste acordo acordan incorporarlle ó texto do convenio colectivo a súa vontade de dedicar unha atención preferente ás cuestións relacionadas coa saúde laboral dos traballa

dores; para este fin realizarán tanto a través do Servicio de Prevención de BEGASA como dos delegados de Prevención e dos comités de Seguridade e Saúde, os plans específicos que correspondan, e que se consideren máis adecuados á especificidade da actividade sectorial.

Sexto.-Así mesmo, as partes acordan a denuncia do convenio colectivo o 31 de decembro de 1999.

Disposición derrogatoria

Quedan derrogadas todas aquelas normas convencionais e acordos de calquera índole que estean en contradicción co contido do presente acordo e a súa acta complementaria.

E non tendo máis asuntos que tratar, as partes, asinan esta acta en proba de conformidade con todo o seu contido, con efectos de vinculación á totalidade, de forma que se parte del ou a súa totalidade non fose aceptado pola autoridade laboral, obriga as partes á renegociación íntegra do acordo, dando con iso por concluído o período de negociación do convenio colectivo para o ano 1999.