Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 43 Xoves, 02 de marzo de 2000 Páx. 2.834

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA

DECRETO 41/2000, do 25 de febreiro, polo que se aproba a modificación dos estatutos da Universidade da Coruña.

A Lei orgánica 11/1993, do 25 de agosto, da reforma universitaria, atribúelle ás universidades, dentro do marco da autonomía establecido no seu artigo 3º,

a elaboración dos seus propios estatutos. O contido deles esténdese ós demais puntos do artigo 3.2º da L.R.U. Trátase dunha potestade de autonormación que, atribuída pola propia L.R.U., é entendida como a capacidade do ente para dotarse da súa propia norma de funcionamento ou, o que é o mesmo, dun ordenamento específico e diferenciado.

A competencia para aproba-los estatutos das universidades galegas correspóndelle ó Consello da Xunta de Galicia, segundo establece o artigo 12 da Lei de reforma universitaria.

Tal autonomía fai que non sexan as universidades entes subordinados a outras administracións públicas, senón tan só ó ordenamento xurídico, de xeito que os supostos de fiscalización da súa actividade por outras administracións públicas deben establecerse expresamente na lei -dentro do marco constitucional- e, polo mesmo, interpretarse nos seus propios termos e non estenderse máis alá do especificado estrictamente nelas.

A Universidade da Coruña presentou perante a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria unha reforma dos seus estatutos, aprobada polo seu claustro universitario, reunido en sesión extraordinaria do día 10 de novembro de 1999, e que modifica parcialmente os estatutos da universidade, aprobados mediante Decreto 253/1992, do 10 de setembro, e modificado segundo o Decreto 245/1998, do 30 de xullo, nos artigos que figuran no anexo deste decreto.

Na súa virtude, por proposta do conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día vintecinco de febreiro de dous mil,

DISPOÑO:

Artigo 1º

Apróbase a modificación dos estatutos da Universidade da Coruña, coa redacción que figura no anexo deste decreto, e ordénase a súa publicación.

Artigo 2º

Esta disposición entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, vintecinco de febreiro de dous mil.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

Celso Currás Fernández

Conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria

ANEXO

TÍTULO II

Capítulo III

Sección 1ª

Artigo 63

2º A duración do mandato do rector será de catro anos, coa posibilidade de reelección.

Sección 5ª

Artigo 71

3º A duración do mandato do decano ou director será de tres anos, coa posibilidade de reelección.