Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 43 Xoves, 02 de marzo de 2000 Páx. 2.834

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE ECONOMÍA E FACENDA

DECRETO 40/2000, do 11 de febreiro, polo que se acepta a cesión a título gratuíto á Comunidade Autónoma de Galicia dunha parcela, sita nas Rodas, termo municipal de Vilanova de Arousa (Pontevedra), para a construcción dun centro de educación secundaria.

O Pleno da Corporación Municipal do Concello de Vilanova de Arousa, reunido en sesión ordinaria do día 26 de outubro de 1999, acordou ceder á Comunidade Autónoma de Galicia unha parcela, sita nas Rodas, no termo municipal de Vilanova de Arousa (Pontevedra), para a construcción dun centro de educación secundaria.

Conforme os artigos 17.1º da Lei 3/1985, do 12 de abril, do patrimonio da Comunidade Autónoma de Galicia, e 34 do seu regulamento aprobado polo Decreto 50/1989, do 9 de marzo, a adquisición pura e simple de bens a título gratuíto ou lucrativo requirirá decreto do Consello da Xunta de Galicia, por proposta da Consellería de Economía e Facenda. Así mesmo, os artigos 23.1º da mesma lei e 38.1º do regulamento establecen que non se poderán adquirir bens ou dereitos a título lucrativo cando o valor dos gravames, cargas ou afeccións impostos sobre eles exceda o seu valor intrínseco; se ben non se considera carga, gravame ou afección os investimentos que teña que realiza-la Comunidade Autónoma para da-lo destino de uso xeral ou servicio público da súa competencia que fixe o cedente ou doador.

Na súa virtude, por proposta do conselleiro de Economía e Facenda, feita nos termos nos que o Concello de Vilanova de Arousa acordou a cesión, logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día once de febreiro de dous mil,

DISPOÑO:

Artigo 1º

Acéptase a cesión gratuíta dunha parcela sita nas Rodas s/n, no termo municipal de Vilanova de Arousa (Pontevedra), que a seguir se describe:

Parcela cunha superficie de 5.177 m que linda: ó norte, María del Carmen Castro Vicenti, Juan Pomares Viñas e Jaime Padín Viñas; ó sur, María del Carmen González Cores e Elisa Cardalda Ferro; ó leste, terreo municipal e Elisa Cardalda Ferro; e oeste, terreo municipal, Antonio Piñeiro Prado e Jesús Fiel López.

A parcela descrita, aparece inscrita a favor do Concello de Vilanova de Arousa e perténcelle en pleno dominio, por título de certificación administrativa de dominio conforme o artigo 206 da Lei hipotecaria, segundo consta no tomo 911, libro 119, folio 202, predio nº 12.863. 0 inscrición/anotación 1.

Artigo 2º

O terreo cedido destinarase á construcción dun centro de educación secundaria.

Artigo 3º

A Consellería de Economía e Facenda, a través da Secretaría Xeral e do Patrimonio, procederá á formalización da cesión no correspondente documento público e á inscrición do ben no Rexistro da Propiedade a nome da Comunidade Autónoma.

Disposición derradeira

A Consellería de Economía e Facenda, a través da Secretaría Xeral e do Patrimonio, levará a cabo tódolos trámites necesarios para a efectividade do presente decreto.

Santiago de Compostela, once de febreiro de dous mil.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

José Antonio Orza Fernández

Conselleiro de Economía e Facenda