Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 42 Mércores, 01 de marzo de 2000 Páx. 2.771

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

ESCOLA GALEGA DE ADMINISTRACIÓN PÚBLICA

RESOLUCIÓN do 24 de febreiro de 2000 pola que se convocan unhas xornadas sobre os aspectos civís e urbanísticos da Lei 38/1999, do 5 de novembro, de ordenación da edificación.

Dentro do plan de actividades da Escola Galega de Administración Pública para 2000 e de acordo coas funcións atribuídas pola Lei 4/1987, do 27 de maio, de creación da escola, e pola Lei 10/1989, do 10 de xullo, de modificación da anterior, convócanse unhas xornadas sobre os aspectos civís e urbanísticos da Lei 38/1999, do 5 de novembro, de ordenación da edificación, convocatoria que se desenvolverá conforme as seguintes bases:

1. Obxectivos.

Mellora-lo coñecemento dos asistentes sobre as reformas introducidas na regulación do proceso constructivo pola Lei de ordenación da edificación, especialmente o tratamento e o debate sobre as obrigas e as responsabilidades dos axentes que interveñen no dito proceso en relación coa protección dos consumidores adquirentes de vivendas na nosa Comunidade Autónoma.

2. Contido.

Trataranse estes temas:

-Esixencias técnicas e administrativas da edificación.

-Os axentes da edificación: o promotor, o proxectista, o constructor, o director de obra. Delimitación do seu ámbito de actuación e competencias.

-A responsabilidade civil dos axentes que interveñen no proceso da edificación: distinción de responsabilidades.

-Garantías por danos ocasionados por vicios ou defectos da construcción: o réxime asegurador.

-A protección dos adquirentes de vivendas en fase de construcción.

3. Destinatarios.

Persoal ó servicio da Xunta de Galicia e da Administración local galega, arquitectos e aparelladores, xuíces, avogados, procuradores e profesionais do dereito e interesados en xeral no proceso constructivo e na adquisición de vivendas.

4. Desenvolvemento.

-Horario: mañá e tarde.

-Lugar e datas: as xornadas convocadas desenvolveranse no salón de actos da Delegación en Lugo da Consellería da Presidencia e Administración Pública, (Ronda da Muralla, nº 70, da citada cidade) os días 20 e 21 de marzo de 2000.

5. Inscrición.

-Prazo: remata o xoves, día 16 de marzo de 2000.

-Tramitación de solicitudes: as solicitudes irán dirixidas ó director da Escola Galega de Administración Pública, polígono das Fontiñas, rúa de Madrid, 2-4, 15707 Santiago de Compostela, segundo o modelo que figura como anexo a esta convocatoria, e presentaranse no rexistro xeral da EGAP, ou por calquera das formas previstas no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común. Admitiranse tamén inscricións por telefax: 981 54 63 30.

-Número de prazas: limitado á capacidade do local.

-Inscrición fóra de prazo: só se admitirán, de quedaren prazas baleiras, coa condición de que se cumpran os requisitos xerais antes indicados.

Os peticionarios poderán obter confirmación da súa posible admisión, chamando, o día 17 de marzo, por teléfono, das 10 ás 14.45 horas, ós seguintes números: 981 54 62 39/44 ou 981 54 60 40.

6. Modificacións.

A EGAP reserva para si a facultade de interpretar e de resolve-las incidencias que puidesen xurdir no desenvolvemento das xornadas, así como a de cancelalas, se o escaso número de solicitudes non xustificase a súa realización.

7. Certificación de asistencia.

Entregaráselles, ó remate destas xornadas, a aquelas persoas inscritas que concorresen asiduamente a elas, cando a súa asistencia sexa igual ou superior ó 85% das horas lectivas programadas, e expresarase, neste documento, a natureza da actividade e as datas da súa realización.

Santiago de Compostela, 24 de febreiro de 2000.

Domingo Bello Janeiro

Director da Escola Galega de Administración

Pública