Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 42 Mércores, 01 de marzo de 2000 Páx. 2.760

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E RELACIÓNS LABORAIS

RESOLUCIÓN do 20 de xaneiro de 2000, da Delegación Provincial de Ourense, pola que se dispón a inscrición e publicación, no Diario Oficial de Galicia, do convenio colectivo do sector das empresas concesionarias de servicios municipais de inmobilización, retirada da vía pública, traslado e depósito de vehículos da provincia de Ourense.

Visto o texto do convenio colectivo do sector das empresas concesionarias de servicios municipais de inmobilización, retirada da vía pública, traslado e depósito de vehículos da provincia de Ourense (código convenio nº 3200865), con entrada nesta delegación provincial da Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais o día 30-12-1999, subscrito en representación da parte económica pola Confederación de Empresarios de Ourense (CEO) e, da parte social, pola central sindical Unión Sindical

Obrera (USO), o día 27-12-1999, de conformidade co disposto no artigo 90.2º e 3º do Real decreto lexislativo 1/1995, do 24 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da Lei do Estatuto dos traballadores, no Real decreto 1040/1981, do 22 de maio, sobre rexistro e depósito de convenios colectivos de traballo e no Real decreto 2412/1982, do 24 de xullo, sobre traspaso de funcións e servicios da Administración do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia en materia de traballo, esta delegación provincial

ACORDA:

Primeiro.-Ordena-la súa inscrición no libro rexistro de convenios colectivos de traballo, desta delegación provincial, e notificación ás representacións económica e social da comisión negociadora.

Segundo.-Ordena-lo seu depósito no Servicio de Relacións Laborais, Unidade de Mediación, Arbitraxe e Conciliación desta delegación.

Terceiro.-Dispoñe-la súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Ourense, 20 de xaneiro de 2000.

José Lage Lage

Delegado provincial de Ourense

Convenio colectivo para as empresas concesionarias de servicios municipais de inmobilización, retirada da vía pública, traslado e depósito de vehículos da provincia de Ourense

Capítulo I

Disposicións xerais

Artigo 1º.-Ámbito funcional e territorial.

O presente convenio regula as relacións laborais nas empresas concesionarias de servicios municipais de inmobilización, retirada da vía pública, traslado e depósito de vehículos da provincia de Ourense.

Artigo 2º.-Ámbito persoal.

O presente convenio será de aplicación a tódolos empresarios e traballadores incluídos dentro do seu ámbito funcional e territorial. Rexerá igualmente para aquelas empresas que, reunindo tales condicións, se establezan nun futuro na provincia de Ourense.

Os traballadores vinculados por unha relación laboral de carácter especial quedan expresamente excluídos do ámbito de aplicación do presente convenio.

Artigo 3º.-Ámbito temporal.

O presente convenio entrará en vigor para tódolos efectos o 1 de xaneiro de 1999 e a súa vixencia estenderase ata o 31 de decembro de 2001.

Finalizada a súa vixencia inicial e se calquera das partes non o denuncia en tempo e forma, entenderase prorrogado automaticamente por períodos dun ano incrementándose os salarios do mesmo modo, conforme o IPC previsto para ese ano.

A denuncia do presente convenio deberá efectuarse con tres meses de antelación á data de finalización da súa vixencia, mediante comunicación escrita á outra parte e á autoridade laboral competente.

Denunciado o convenio, se as negociacións dun novo convenio se estenderan máis alá da data de finalización de vixencia, o convenio entenderase prorrogado ata a entrada en vigor do novo texto.

Artigo 4º.-Cmpensación e absorción.

As condicións pactadas forman un todo orgánico, indivisible e para efectos da súa aplicación práctica serán consideradas globalmente.

Tódalas melloras laborais e económicas establecidas en virtude do presente convenio serán compensables e absorbibles, en cómputo anual e ata onde alcancen, con aquelas melloras que de calquera clase e forma teñan concedidas as empresas con carácter voluntario en calquera momento, e polas que se establezan nun futuro en disposicións legais a partir da entrada en vigor deste convenio.

Sen prexuízo de que se poidan estender a calquera situación as melloras establecidas no presente convenio nin da facultade de amplialas, as empresas que lle estean aboando ó seu persoal salarios superiores ós esixidos non estarán obrigadas a aplica-las elevacións que se fixen nas presentes estipulacións, agás a contía necesaria para supli-las diferencias.

Artigo 5º.-Garantía ad personam.

Tódalas melloras económicas establecidas no presente convenio teñen o carácter de mínimas. Respectaranse a título individual as condicións económicas que fosen superiores ás establecidas neste convenio.

Artigo 6º.-Comisión paritaria.

Segundo o disposto nos artigos 85 e 91 do texto refundido do Estatuto dos traballadores, para a interpretación, vixilancia e cumprimento do pactado por ámbalas partes no presente convenio, créase unha comisión paritaria, integrada por dous representantes da Confederación de Empresarios de Ourense na comisión negociadora do presente convenio, pola parte empresarial, e por dous representantes da central sindical USO na comisión negociadora do convenio, pola parte social. Fíxase o domicilio da parte empresarial na rúa Modesto Fernández, número 4, de Ourense, e o da parte sindical na rúa do Posío, nº 5, galerías, local 11, de Ourense.

Os acordos alcanzados na comisión paritaria sobre cuestións relacionadas co convenio consideraranse parte del e terán a súa mesma eficacia e obrigatoriedade. Os ditos acordos remitiránselle á autoridade laboral competente para o seu rexistro.

Capítulo II

Condicións de traballo

Artigo 7º.-Período de proba.

A admisión do persoal na empresa considerarase provisional en tanto non transcorrese un período de

proba, a duración do cal variará segundo o establecido a continuación:

-Técnicos titulados, seis meses.

-Persoal non titulado, tres meses.

Transcorrido o período de proba sen que mediase denuncia do contrato por ningunha das partes, o traballador continuará na empresa nas condicións establecidas no seu contrato.

Artigo 8º.-Preaviso en caso de extinción do contrato de traballo.

O traballador que decida finaliza-la súa relación laboral coa empresa deberá comunicarllo a ela, por escrito, cunha antelación mínima de quince días. Se incumprise esta obriga, a empresa poderá descontar da liquidación que lle corresponda ó traballador o importe da súa retribución diaria por cada día de atraso no preaviso.

Artigo 9º.-Contrato para a formación.

Debido ás necesidades formativas impostas polas características dos postos de traballo do sector, as partes asinantes do presente convenio, conforme o previsto no artigo 11.2º c) do texto refundido do Estatuto dos traballadores acordan que a duración máxima dos contratos para a formación concertados cos traballadores afectados por este convenio será de tres anos.

Esta duración máxima será aplicable tanto ós contratos que se celebren a partir da entrada en vigor do presente convenio como ós xa vixentes con anterioridade.

Artigo 10º.-Contrato eventual por circunstancias da producción, acumulación de tarefas ou exceso de pedidos.

O contrato de duración determinada na súa modalidade de eventual por circunstancias da producción, acumulación de tarefas ou exceso de pedidos, regulado no artigo 15.1º b) do texto refundido do Estatuto dos traballadores, segundo redacción dada pola Lei 63/1997, do 26 de decembro, poderá ter unha duración máxima de trece meses e medio nun período de dezaoito meses.

Esta duración máxima será aplicable tanto ós novos contratos asinados a partir da entrada en vigor do presente convenio como ás prórrogas dos contratos vixentes con anterioridade.

Artigo 11º.-Fomento da contratación indefinida.

Durante a vixencia do presente convenio a conversión en indefinidos dos contratos de duración determinada ou temporais, incluídos os formativos, acollerase ó previsto na disposición adicional primeira da Lei 63/1997, do 26 de decembro, de medidas urxentes para a mellora do mercado de traballo e fomento da contratación indefinida, en virtude da cal os ditos contratos quedarán incluídos no réxime

previsto para os contratos para o fomento da contratación indefinida.

Artigo 12º.-Xornada.

A xornada máxima para as empresas e traballadores afectados polo presente convenio será 1.800 horas de traballo efectivo en cómputo anual. Respectando esta xornada anual as empresas poderán acorda-la súa distribución irregular.

Cando a empresa determine a distribución irregular, que será de obrigado cumprimento para tódolos traballadores, a xornada poderá alcanzar unha duración máxima de doce horas diarias, respectando sempre o mínimo legal de descanso entre xornadas. O exceso de horas traballadas compensarase con descanso en igual número de horas nos períodos de menor producción que determine a empresa.

A xornada diaria poderá ser partida ou continuada. Os traballadores que realicen xornada continuada terán dereito a desfrutar dun período de descanso de 30 minutos.

Entre o final dunha xornada e o comezo da seguinte deberán transcorrer como mínimo 12 horas.

A organización e ordenación do traballo é competencia da empresa, se ben esta dará a coñecer ós seus traballadores os cuadrantes de traballo, mediante anuncio exposto no taboleiro de cada centro, cunha antelación mínima de quince días.

Artigo 13º.-Vacacións.

Todo o persoal terá dereito a desfrutar dun período de vacacións retribuídas, que en ningún caso será inferior a trinta días naturais. Se ben, para o desfrute das vacacións será presuposto necesario a previa prestación de servicios, polo que a súa duración será proporcional ó tempo traballado.

O calendario anual de vacacións fixarase, segundo as necesidades do servicio, de común acordo entre a empresa e a representación legal dos traballadores.

Artigo 14º.-Permisos retribuídos.

Os traballadores poderán desfrutar dos permisos retribuídos nos casos que se establece, así como naqueles casos que determine a lexislación vixente:

a) Por matrimonio do traballador, 16 días.

b) Por nacemento de fillo/a, 4 días.

c) Por enfermidade grave ou falecemento do cónxuxe, parella estable ou parentes ata segundo grao de consanguinidade ou afinidade, 4 días.

d) Por falecemento de parente de terceiro grao de consanguinidade ou afinidade, 1 día.

e) Por matrimonio de fillos ou pais, 1 día.

f) Cando nalgún dos casos anteriores sexa necesario realizar un desprazamento de máis de 200 km, desfrutarase de 1 día máis.

g) Por consulta médica nos servicios sanitarios da Seguridade Social, e sempre que se xustifique

a visita, a empresa concederá o tempo necesario para ela.

h) Por asuntos propios, 6 días. No caso particular dos conductores, intentará que o desfrute destes días coincida con aqueles en que exista un conductor de reforzo.

O traballador que desexe desfrutar de permiso retribuído deberá avisar á empresa, cunha antelación mínima de 48 horas, por medio de escrito en que exprese a causa da súa ausencia e a xustificación dela, agás imposibilidade obxectivamente acreditada de efectuar este preaviso en tempo e forma.

Cando coincidan as solicitudes de desfrute, de calquera tipo de permiso, de máis dun 10% do cadro de persoal do centro de traballo, a empresa e a representación legal dos traballadores abordarán as condicións adecuadas para permiti-lo desfrute do permiso polo maior número de traballadores.

Artigo 15º.-Excedencias.

a) A excedencia poderá ser voluntaria ou forzosa. A forzosa, que dará dereito á conservación do posto, concederase para a designación ou elección para un cargo público que imposibilite a asistencia ó traballo. O reingreso deberá ser solicitado dentro do mes seguinte ó cesamento como cargo público.

b) O traballador, con polo menos unha antigüidade na empresa dun ano, ten dereito a que se lle recoñeza a posibilidade de situarse en excedencia voluntaria por un prazo non menor de dous anos e non maior de cinco. Este dereito só poderá ser exercitado outra vez polo mesmo traballador se transcorreron catro anos desde o final da anterior excedencia.

c) Os traballadores terán dereito a un período de excedencia, non superior a tres anos, para atender ó coidado de cada fillo, contando desde a data do nacemento deste. A excedencia para a nai empezará a contar trala décimo sexta semana de baixa por maternidade, sempre que lle notifique á empresa a súa intención de situarse en situación de excedencia con polo menos un mes de antelación ó vencemento do período de baixa.

Os sucesivos fillos darán dereito a un novo período de excedencia, que se é o caso poñerá fin ó que se viñese desfrutando. Cando o pai e a nai traballen, só un deles poderá exercitar este dereito. Todo isto exercitarase de acordo co disposto na Lei 39/1999, do 5 de novembro, para promove-la conciliación da vida laboral e familiar das persoas traballadoras.

d) Así mesmo, poderán solicita-lo seu paso á situación de excedencia na empresa os traballadores que exerzan as súas funcións sindicais de ámbito provincial ou superior mentres dure o exercicio do seu cargo representativo.

e) O traballador en excedencia voluntaria conservará un dereito preferente de reingreso na empresa en vacantes de igual ou similar categoría á súa que houbese ou se producisen. Deberá avisa-la empresa por escrito con polo menos dous meses de antelación

á data de reincorporación a ela por conclusión do período de excedencia, perdendo o seu dereito en caso de non facelo en tempo e forma.

Artigo 16º.-Subrogación empresarial.

Cando unha empresa perda a adxudicación da concesión do servicio municipal de inmobilización, retirada da vía pública, traslado e depósito de vehículos, calquera que sexa a causa, a nova empresa concesionaria estará obrigada a subrogarse nos contratos de tódolos traballadores que nese momento estivesen destinados pola empresa saínte á realización do dito servicio, nas condicións que establece o artigo 44 do Estatuto dos traballadores, independentemente da modalidade dos contratos de traballo e aínda que non haxa transmisión patrimonial ningunha entre ámbalas dúas empresas.

Os traballadores afectados, calquera que sexa o ámbito territorial da nova empresa concesionaria, quedan obrigatoriamente adscritos ó servicio municipal de inmobilización, retirada da vía pública, traslado e depósito de vehículos nos que viñan prestando o seu traballo.

En caso de que por motivos extraordinarios a empresa adxudicataria perdera a concesión e se procedera a facer unha adxudicación provisional, a empresa que asumira esa adxudicación provisional subrogarase nos mesmos termos ata que se proceda á adxudicación definitiva, a partir da cal os traballadores afectados pasarán a formar parte da empresa adxudicataria definitiva.

No caso de que o cliente rescinda o contrato concertado cunha empresa para realiza-lo servicio de inmobilización, retirada da vía pública, traslado e depósito de vehículos co seu propio persoal, e posteriormente contrate con outra empresa o mencionado servicio, a nova empresa concesionaria incorporará ó seu cadro aquel persoal afectado da primeira empresa, sempre que non transcorrese máis dun ano desde a nova contratación.

Estas mesmas condicións se aplicarán en caso de que sexa unha Administración pública a que asuma o servicio, e independentemente da natureza xurídica da empresa que se constitúa en nova concesionaria do servicio .

A empresa saínte, con polo menos 48 horas de antelación ó inicio do servicio, fará entrega á entrante da seguinte documentación, baixo a obriga de confidencialidade sobre a información á que ten acceso:

a) Certificado do organismo competente de estar ó día de pago á Seguridade Social, ou no seu defecto xustificante acreditativo de telo solicitado.

b) Fotocopia das seis últimas nóminas mensuais do persoal afectado.

c) Fotocopia dos boletíns de cotización á Seguridade Social correspondente ós seis últimos meses.

d) Relación do persoal afectado contendo as seguintes especificacións:

1. Nome e dous apelidos

2. Número do NIF.

3. Domicilio do traballador.

4. Antigüidade na empresa.

5. Modalidade de contrato e fotocopias deles.

6. Se posúe a condición de representante dos traballadores e data do seu nomeamento.

8. Número de afiliación á Seguridade Social.

9. Estado civil e número de fillos ó seu cargo.

10. Calendario de vacacións especificado por traballadores e referente ó ano

Con carácter previo á adxudicación da concesión, a empresa saínte poñerá á disposición da representación legal dos traballadores na empresa, a documentación que referente ó cadro de persoal, vai ser entregada a quen resulte se-la nova concesionaria.

Nos contratos que subscriban as empresas cos seus clientes, constará unha cláusula recordando a vixencia deste artigo do convenio colectivo para as empresas concesionarias de servicios municipais de inmobilización, retirada, traslado e depósito de vehículos da vía pública da provincia de Ourense.

Capítulo III

Clasificación profesional

Artigo 17º.-Clasificación profesional.

A clasificación dos traballadores incluídos dentro do ámbito de aplicación do presente convenio ten un carácter simplemente enunciativo, sen que as empresas estean obrigadas a establecer na súa estructura organizativa todos e cada un dos grupos e categorías profesionais.

Non obstante, desde o mesmo momento en que exista na empresa un traballador que realice as funcións correspondentes a unha determinada categoría profesional, deberá de ser retribuído con relación ó que a ela lle corresponda dentro da empresa.

Artigo 18º.-Grupos e categorías profesionais.

O persoal que presta os seus servicios nalgunha das actividades ás que se refire este convenio atoparase comprendido dentro dalgún dos grupos xenéricos e categorías seguintes en razón das funcións que desempeña:

GrupoCategorías

Grupo IXefe de servicio

Técnico

Grupo IIConductor-mecánico

Conductor

Mecánico

GrupoCategorías

Grupo IIIRecepcionista de depósito

Oficial administrativo

Grupo IVAuxiliar administrativo

Operario de limpeza

Peón

Grupo I. Están encadrados dentro deste grupo aqueles traballadores que cun alto grao de autonomía, a partir das normas dictadas pola dirección ou polos seus superiores xerárquicos, exerce funcións de carácter técnico e/ou de mando, planificación, organización e coordinación das diversas actividades propias da empresa. Non se inclúe a quen polas características do seu contrato e/ou do desempeño do seu cometido, corresponda a cualificación de persoal de alta dirección.

Grupo II. Están comprendidos neste grupo aqueles traballadores que desenvolvan unha actividade baixo as instruccións xerais dun superior e con certo grao de autonomía, podendo, se é o caso, coordina-lo traballo dun equipo. A actividade que desempeñan require unha pericia ou habilidade sistemática en tarefas e/ou procesos técnicos, estean ou non sistematizados.

Grupo III. Dentro deste grupo inclúense tódolos traballadores que, baixo as especificacións precisas dun superior, realizan traballos para os que se require iniciativa e razoamento, podendo ser axudados na execución deles mesmos por outros traballadores.

Grupo IV. Están encadrados dentro deste grupo aqueles traballadores que realizan tarefas que se executan seguindo instruccións concretas claramente establecidas, cun alto grao de dependencia, tarefas que requiren preferentemente esforzo físico e/ou atención, e que normalmente non necesitan de formación específica.

Artigo 19º.-Polivalencia e plena ocupación.

A mobilidade funcional no seo da empresa non terá outras limitacións cás esixidas polas titulacións académicas ou profesionais precisas para exerce-la prestación laboral e pola pertenza ó grupo profesional. A falta de definición de grupos profesionais, a mobilidade funcional poderá efectuarse entre categorías profesionais equivalentes.

Artigo 20º.-Ascensos.

As vacantes de categoría superior, agás amortización do posto de traballo, e os novos postos que se orixinen na empresa, cubriranse preferentemente con traballadores que estivesen no cadro de persoal.

O traballador que, como consecuencia da mobilidade funcional, realice funcións superiores ás do grupo profesional ou ás de categorías equivalentes, por un período superior a seis meses durante un ano ou a oito durante dos anos, terá dereito a que se lle recoñeza a categoría profesional correspondente ás funcións efectivamente desenvolvidas durante ese período de tempo.

Artigo 21º.-Promoción e formación profesional.

Os traballadores terán dereito ó desfrute dos permisos necesarios para concorrer a exames, logo de aviso á empresa cunha antelación de 48 horas, de modo que esta poida adapta-la súa organización ás necesidades do servicio. Estes permisos serán retribuídos, non excedendo dun máximo de 8 días naturais ó ano

Os traballadores que realicen estudios en centros oficiais para a obtención dun título académico ou profesional terán dereito á adaptación da xornada ordinaria de traballo ou preferencia para elixir quenda adecuada á elas, sempre que as necesidades do servicio o permitan.

Capítulo IV

Condicións económicas

Artigo 22º.-Salarios.

Os salarios para os traballadores incluídos dentro do ámbito de aplicación do presente convenio serán os que se establezan para cada categoría nas táboas salariais recollidas no anexo I.

Establécense dúas táboas salariais diferenciadas en función de que o concello co que a empresa contrate a prestación do servicio de inmobilización, retirada da vía pública, traslado e depósito de vehículos teña máis ou menos de 80.000 habitantes, posto que as circunstancias técnicas e condicións económicas que a concesión do servicio presenta son distintas. A diferencia márcase no salario base, manténdose as mesmas cantidades en concepto de complementos salariais e de retribucións extrasalariais.

Para o segundo e terceiro ano de vixencia do presente convenio, aplicarase un incremento equivalente ó IPC do ano anterior sobre tódolos conceptos salariais e sobre o complemento de transporte. As cantidades mensuais que se percibirán por quebranto de moeda experimentarán un incremento lineal de 1.400 ptas. para os traballadores do grupo I, 1.200 ptas. para os traballadores do grupo II, 1.000 ptas., para os traballadores do grupo III, e 800 ptas. para os traballadores do grupo IV.

Artigo 23º.-Pagas extraordinarias.

Os traballadores incluídos no ámbito de aplicación do presente convenio desfrutarán anualmente de dúas pagas extraordinarias, que se denominarán paga de verán e paga de Nadal, e que estarán integradas por 30 días de salario base. Estas pagas faranse efectivas, unha durante os primeiros quince días do mes de xullo, e a outra, durante os primeiros quince días do mes de decembro.

Xunto con cada unha destas pagas, en concepto de bolsa de vacacións, as empresas aboaranlles ós seus traballadores a cantidade de 20.500 ptas., non actualizable en anos sucesivos, que será igual para tódalas categorías.

A empresa poderá ratea-lo importe das gratificacións extraordinarias ó longo dos meses do ano, nos casos de nova incorporación, reingreso ou cesamento, a contía das pagas extraordinarias calcularase en proporción ó tempo traballado durante o ano

Artigo 24º.-Antigüidade.

A partir do momento da entrada en vigor do presente convenio non se xerarán dereitos por este concepto. Os traballadores que nese momento estivesen percibindo algunha cantidade en concepto de antigüidade, conservarana conxelada para anos sucesivos, como complemento de antigüidade consolidado (CAC), que se fará figurar en columna á parte na nómina.

Artigo 25º.-Complemento de productividade.

Cada traballador, independentemente da categoría á que pertenza, percibirá a cantidade de 3.000 ptas. ó mes en concepto de complemento por productividade.

Artigo 26º.-Gratificación por productividade.

Unha vez que a empresa concesionaria supere os 7.000 expedientes anuais de retirada de vehículos, imputará 300 ptas. por vehículo a unha masa de productividade común, o montante total da cal a final do ano será repartido por partes iguais entre tódolos traballadores que permaneceran na empresa de modo ininterrompido entre o 1 de xaneiro e o 31 de decembro dese ano, aboándoselle a cada traballador a correspondente cantidade no mes de xaneiro do seguinte ano

Para o segundo e terceiro ano de vixencia do presente convenio, a cantidade para imputar á masa de productividade común será de 350 e de 400 ptas. por cada vehículo, unha vez superados os 7.000 expedientes anuais de retirada, respectivamente.

Artigo 27º.-Incentivo.

Os traballadores percibirán mensualmente, en concepto de incentivo ó traballo, as seguintes cantidades, segundo o grupo en que se encadre o traballador:

-Para os traballadores do grupo I, 28.140 ptas.

-Para os traballadores do grupo II, 21.146 ptas.

-Para os traballadores do grupo III, 14.152 ptas.

-Para os traballadores do grupo IV, 7.200 ptas.

Artigo 28º.-Complemento de actividade.

As empresas aboarán mensualmente como complemento de actividade o seguinte complemento salarial:

-Ós traballadores do grupo I, 19.000 ptas.

-Ós traballadores do grupo II, 11.278 ptas.

-Ós traballadores do grupo III, 3.721 ptas.

-Ós traballadores do grupo IV, 825 ptas.

Artigo 29º.-Complemento de nocturnidade.

Os traballadores que presten os seus servicios entre as dez da noite e as seis da mañá do día seguinte, percibirán un complemento de 1.000 ptas. por día traballado neste horario.

Artigo 30º.-Complemento de festivo.

Os traballadores que realicen o seu traballo en día festivo cobrarán un complemento de 1.850 ptas. por día traballado.

Artigo 31º.-Quebranto de moeda.

Como compensación para resarcir ó traballador dos desaxustes de saldo derivados do manexo miúdo e abundante de numerario, as empresas aboarán mensualmente polo quebranto de moeda a cantidade de 1.200 ptas. ós traballadores do grupo I, 2.800 ptas. ós traballadores do grupo II, 5.000 ptas. ós traballadores incluídos no grupo III, e 6.000 ptas. ós traballadores do grupo IV.

Artigo 32º.-Complemento de transporte.

Establécese un complemento de transporte para tódolos traballadores incluídos dentro do ámbito de aplicación do presente convenio, que ascenderá cada mes a 11.200 ptas. para os traballadores do grupo I, a 12.687 ptas. para os do grupo II, a 13.000 ptas. para os traballadores do grupo III, e a 13.850 ptas. para os traballadores do grupo IV.

Artigo 33º.-Cláusula de desvinculación.

O réxime salarial contido no presente convenio non será de aplicación para aquelas empresas que acrediten descensos, en termos reais, da facturación ou dos resultados dos tres últimos exercicios.

Trasladaráselles ás partes a decisión da aplicación da cláusula de desvinculación, valorando a situación a través do estudio da documentación acreditativa que faga fe que xustifique un tratamento salarial diferenciado, documentación que poderá comprende-lo balance, a conta de perdas e ganancias e a memoria dos correspondentes exercicios.

Os traballadores e os seus representantes legais estarán obrigados a tratar e mante-la maior reserva e confidencialidade sobre as informacións recibidas e sobre os datos ós que tiveran acceso como consecuencia do establecido nos parágrafos anteriores.

Capítulo V

Prestacións non salariais

Artigo 34º.-Incapacidade temporal.

As empresas aboaranlles ós traballadores que estean en situación de incapacidade temporal derivada de accidente de traballo ou enfermidade laboral e ós traballadores que estean hospitalizados en todo caso, un complemento das prestacións a cargo da Seguridade Social ata o 100% do salario real que estivesen percibindo, durante todo o tempo que dure a dita situación.

Igualmente, durante as dúas primeiras baixas do ano e logo de recoñecemento do facultativo que a empresa designe, aqueles traballadores que estean en situación de incapacidade temporal derivada de baixa por enfermidade común ou accidente non laboral percibirán o complemento ata o 100% do salario real que estivesen percibindo, sempre e cando o traballador non estivera en situación de IT máis de 90 días nese ano. A partir da terceira baixa, a empresa unicamente aboará esta compensación despois do décimo primeiro día de incapacidade temporal.

Artigo 35º.-Seguro colectivo.

As empresas deberán concertar coa entidade aseguradora da súa elección unha póliza a favor de tódolos traballadores do seu cadro de persoal, en virtude da cal se lles garantan as seguintes indemnizacións:

-Por accidente laboral ou común con resultado de incapacidade permanente, 3.500.000 pesetas.

-Por accidente laboral ou común con resultado de morte, 3.500.000 pesetas.

No suposto de que a compañía aseguradora non aceptase incluír a algún dos traballadores, a empresa comunicarallo ó interesado e á representación legal dos traballadores, e aboaralle a aquel unha cantidade igual ó importe da correspondente prima anual.

A empresa terá á disposición dos representantes dos traballadores copia das pólizas do seguro.

Artigo 36º.-Indemnizacións por falecemento.

En caso de falecemento dun traballador, a empresa aboaralles ós seus herdeiros legais, unha cantidade equivalente a tres mensualidades de salario base.

Así mesmo, a empresa aboaralles ós herdeiros, en concepto de loito, unha cantidade única de 50.000 ptas.

As empresas incluídas dentro do ámbito de aplicación do presente convenio poderán cumprir estas obrigas exteriorizándoas a través dun contrato de seguro ou ben segundo calquera das demais formas descritas na lexislación vixente.

Artigo 37º.-Xubilación anticipada.

Os traballadores poderán xubilarse á idade de 64 anos sempre que reúnan os requisitos xerais para causar dereito á pensión por xubilación, sen aplicación de coeficiente reductor e cos beneficios que terían de ter cumpridos os 65 anos. Para tal efecto, e conforme o previsto no R.D. 1194/1985, as empresas obríganse á súa substitución simultánea por un traballador desempregado inscrito na oficina de emprego.

As empresas aboaranlles ós traballadores que se xubilen anticipadamente unha gratificación en concepto de premio de xubilación, conforme a seguinte escala:

-Ós 63 anos: 346.000 pesetas.

-Ós 62 anos, 403.000 pesetas.

-Ós 61 anos, 432.500 pesetas.

-Ós 60 anos, 461.000 pesetas.

Os traballadores contratados con posterioridade á entrada en vigor do presente convenio deberán permanecer un mínimo de 15 anos ininterrompidos na empresa para poder desfrutar deste premio de xubilación.

As empresas incluídas dentro do ámbito de aplicación do presente convenio poderán cumprir estas obrigas exteriorizándoas a través dun contrato de seguro ou ben segundo calquera das demais formas descritas na lexislación vixente.

Artigo 38º.-Asistencia xurídica.

As empresas afectadas polo presente convenio asumirán a asistencia legal daqueles traballadores que, en calidade de parte, se vexan incursos en procesos xudiciais instruídos con ocasión de actuacións realizadas no cumprimento das funcións encomendadas pola empresa, sempre que o traballador non incorrese nun comportamento doloso, culposo ou neglixente.

Capítulo VI

Seguridade e hixiene no traballo

Artigo 39º.-Normas xerais.

Observaranse as normas sobre seguridade e hixiene no traballo contidas na Lei 31/1995, do 8 de novembro, de prevención de riscos laborais, e demais disposicións de desenvolvemento que a complementen, así como as que puideran promulgarse en substitución delas.

Artigo 40º.-Roupa de traballo.

As empresas adoptarán as medidas necesarias para que os equipos de traballo sexan adecuados para o traballo que deba realizarse e convenientemente adaptados para tal efecto, de modo que garantan a seguridade e saúde dos traballadores ó utilizalos.

As empresas facilitaranlles ós seus traballadores como roupa de traballo as seguintes pezas:

-Unha peza para a auga.

-Un xersei de inverno.

-Dúas camisas ou polos de manga longa para o inverno.

-Un chaleco con reflector para o inverno.

-Dos pantalóns de entretempo, con reflectores.

-Un par de botas con protección para o inverno.

-Dous polos de manga curta para o verán.

-Un chaleco con reflector para o verán.

-Un par de zapatos con protección para o verán.

-Guantes e guantes de auga segundo as necesidades.

As roupas e calzado de traballo serán renovables cada ano excepto a peza de auga e os chalecos, que serán renovables cada dous anos.

Serán a cargo da empresa as modificacións na roupa de traballo impostas por necesidades físicas do traballador, tras prescrición facultativa.

Artigo 41º.-Protección do embarazo.

A traballadora xestante terá dereito a ocupar durante o seu embarazo, sempre que sexa posible, un posto de traballo e/ou unha quenda distinta á súa, con garantía do seu soldo e os seus dereitos, se a prescrición do facultativo que atenda o embarazo así o aconsellase. Finalizada a causa que motivou o cambio, procederase á reincorporación ó seu destino orixinal. Todo isto de acordo co disposto para os riscos durante o embarazo pola Lei 39/1999, do 5 de novembro, para a conciliación da vida profesional e familiar das persoas traballadoras.

A traballadora embarazada terá dereito a ausentarse do traballo, con dereito a remuneración, para a realización de exames prenatais e técnicas de preparación ó parto, logo de aviso ó empresario e xustificación de que é imposible a súa realización fóra da xornada de traballo. Así mesmo, terá un dereito preferente na elección da data de desfrute das vacacións que lle correspondan.

Capítulo VII

Dereitos sindicais

Artigo 42º.-Competencias da representación legal dos traballadores.

Os representantes dos traballadores, delegados de persoal ou membros do comité de empresa, terán as competencias de información, participación, vixilancia e control, recoñecidas no artigo 64 do vixente Estatuto dos traballadores.

Artigo 43º.-Garantías dos representantes legais dos traballadores.

Os representantes dos traballadores verán garantidas as súas actuacións nos termos previstos no artigo 68 do Real decreto lexislativo 1/1995, polo que se aproba o texto refundido da Lei do ET.

Artigo 44º.-Modificación substancial das condicións de traballo.

A modificación substancial das condicións de traballo recoñecidas en virtude do presente convenio será consultada pola empresa coa representación legal dos traballadores. A empresa non terá esta obriga cando se trate da modificación substancial de condicións de traballo recoñecidas a un traballador a título individual, ou cando se trate de modificacións substanciais das condicións funcionais e de horario de traballo recoñecidas en virtude do convenio, sempre que nun período de noventa días afecten a un número de traballadores inferiores a: 10 traballadores nas empresas que ocupen menos de 100 traballadores, o 10% de traballadores nas empresas que ocupen entre 100 e 300 traballadores,

30 traballadores en empresas con 300 ó máis traballadores.

Capítulo VIII

Réxime disciplinario

Artigo 45º.-Principios de ordenación.

As presentes normas de réxime disciplinario perseguen o mantemento da disciplina laboral, que é un aspecto fundamental para a normal convivencia, ordenación técnica e organización da empresa, así como a garantía e defensa dos dereitos e intereses lexítimos de traballadores e empresarios.

As faltas, sempre que sexan constitutivas de incumprimentos contractuais e culpa do traballador, poderán ser sancionadas pola dirección da empresa de acordo coa graduación que se establece no presente capítulo.

Toda falta cometida polos traballadores clasificarase en leve, grave ou moi grave.

As faltas, sexa cal sexa a súa cualificación, requirirán comunicación escrita e motivada da empresa ó traballador, e a imposición de sancións por estas faltas seralles notificada ós representantes legais dos traballadores, se os houbese.

Artigo 46º.-Faltas leves.

Consideraranse como faltas leves as seguintes:

a) Dúas faltas de puntualidade, sen xustificación, no período dun mes.

b) O incumprimento dos horarios de chegada ou saída do traballo.

c) Efectuar un cambio de quenda, de servicio, día de traballo ou día de descanso, sen previa autorización expresa da empresa.

d) A falta de notificación con carácter previo da razón da ausencia ó traballo, a non ser que se probe a imposibilidade de facelo.

e) O abandono do servicio sen causa xustificada, aínda por un espacio breve de tempo. Se como consecuencia disto se lle ocasionase prexuízo á empresa aínda que fose mínimo, ou se o dito abandono fora causa de accidente dos compañeiros de traballo, esta falta poderá ser considerada como grave ou moi grave segundo a entidade do dano causado.

f) Os descoidos na conservación do material que se tivera a cargo ou do que se fora responsable que produzan deterioracións leves a este.

g) A falta dalgún dos utensilios accesorios para desenvolve-lo cometido asignado, así como a utilización de utensilios que non sexan os asignados polo encargado do servicio.

h) A falta de aseo ou limpeza persoal.

i) Non atende-lo público coa corrección e dilixencia debida, cando non prexudique a imaxe da empresa.

j) Discutir violentamente cos compañeiros dentro da xornada de traballo.

k) A falta de comunicación á empresa dos cambios de residencia ou domicilio.

l) O uso de pezas de roupa distintas ás que compoñen o uniforme ou non levar uniforme regulamentario na súa totalidade estando de servicio.

m) Non usa-la roupa con reflectores nas quendas necesarias.

n) Non atende-las chamadas que se produzan pola emisora.

o) Non cubri-los partes de servicio correctamente, omitindo datos. A omisión dalgún dano en vehículo propio ou alleo será considerada como falta grave ou moi grave.

p) Non cubri-lo parte de servicio ó termina-la quenda ou deixalo fóra da carpeta correspondente.

q) Introducir dentro do depósito vehículos alleos á empresa e ó servicio. Neste caso cometerá falta o que introduza o vehículo e o recepcionista-vixilante do depósito que o autorice.

r) Non usa-lo tacógrafo nos casos indicados, ou facer un deliberado mal uso del.

s) Mante-los vehículos guindastre acendidos dentro do depósito sen necesidade.

t) Non repostar combustible segundo directrices de traballo.

u) Non revisa-lo material e os niveis do vehículo guindastre antes de cada quenda.

v) Non realiza-las tarefas de limpeza (externa-interna) e comprobación de niveis, segundo directrices de traballo.

w) Saír co guindastre fóra do depósito se non é por necesidade do servicio.

x) A conducción de vehículos da empresa fóra da xornada de traballo, e o transporte do persoal fóra de servicio ou de persoas alleas a el.

y) Permanecer no recinto do depósito fóra da quenda de servicio.

Artigo 47º.-Faltas graves.

Consideraranse como faltas graves:

a) Máis de dúas faltas inxustificadas de puntualidade na entrada ou saída do traballo cometidas nun período de trinta días.

b) A inasistencia por un día ó traballo, nun período de trinta días, sen causa que o xustifique.

c) Non comunicar coa puntualidade debida os cambios experimentados na situación familiar que poidan afectar á correspondente retención fiscal ou á Seguridade Social. Falsear ou subministrar estes datos incorrectamente considerarase como falta moi grave.

d) Entregarse a xogos durante a xornada de traballo, se perturbasen o servicio.

e) A desobediencia ós superiores en calquera materia de traballo, incluída a resistencia e/ou obstrucción a novos métodos de racionalización do traballo. Se implicase quebranto manifesto da disciplina ou dela se derivase prexuízo notorio para a empresa, poderá ser considerada como falta moi grave.

f) Encubri-la ausencia ó traballo dun compañeiro, asinando ou fichando por el.

g) A desidia ou neglixencia no traballo que afecte á boa marcha del.

h) A imprudencia en acto de traballo. Se implicase risco de accidente para o traballador, para os seus compañeiros ou perigo de dano para as instalacións poderá ser considerada como moi grave.

En todo caso, considerarase imprudencia en acto de servicio a falta de utilización da roupa, equipamentos e aparellos de seguridade de carácter obrigatorio.

i) Realizar sen o oportuno permiso traballos particulares durante a xornada, así como o emprego para usos propios ou alleos dos utensilios da empresa.

j) Manipular nas pertenzas dos compañeiros de traballo sen a debida autorización.

k) Causar dano tanto nas pertenzas da empresa, como nos vehículos dos usuarios públicos.

l) A manipulación do equipamento de traballo destinado a evita-lo control dos superiores.

m) A entrada en establecementos de hostalería por motivo e prazo de duración distinto ós seguintes:

-Para tomar café, cun tempo máximo de dez minutos.

-Por necesidades fisiolóxicas, polo tempo imprescindible.

n) Non garda-la discreción debida respecto ós asuntos que se coñezan por razóns de traballo cando isto poida causarlle prexuízos á empresa, ó servicio, ós demais traballadores ou cando se empreguen en proveito propio.

o) A simulación de enfermidade ou accidente.

p) A falta de comunicación á empresa dos desperfectos ou anormalidades observados nos utensilios, ferramentas e vehículos, cando disto se lle derivase un prexuízo grave á empresa.

q) A embriaguez no traballo.

r) Durmir en horas de traballo.

s) A falta de aseo e limpeza persoal cando lle poida afectar ó proceso productivo ou á prestación do servicio e sempre que, previamente, mediase a oportuna advertencia da empresa.

t) As ofensas de palabras proferidas, ou de obras cometidas, contra as persoas, dentro da xornada laboral, cando revistan gravidade.

u) Non recoller na ficha de cada quenda de traballo as incidencias no horario correspondente, tales como atrasos, abandonos de servicio e saídas antes da hora.

v) Deixa-lo servicio sen que chegase o relevo

w) Non cubrir na ficha a hora de saída, en todo caso.

x) Negarse a efectua-la retirada dun vehículo da vía pública, cando sexa ordenado polos axentes da policía local ou outras autoridades con competencia na materia, sen que exista motivo xustificado para isto.

y) A reincidencia na comisión de catro faltas leves, aínda que sexa de distinta natureza dentro do trimestre, e mediando sanción que non sexa a amoestación verbal.

Artigo 48º.-Faltas moi graves.

Consideraranse como faltas moi graves as seguintes:

a) A comisión de máis de cinco faltas non xustificadas de puntualidade, cometidas nun período de seis meses, ou de dez nun ano

b) As faltas inxustificadas ó traballo durante dos días consecutivos ou tres alternos, nun período dun mes.

c) A fraude, deslealdade ou abuso de confianza nas xestións encomendadas, e o furto ou roubo, tanto ós compañeiros de traballo como á empresa ou a calquera outra persoa dentro das dependencias da empresa, ou durante o traballo en calquera outro lugar.

d) A simulación de enfermidade ou accidente ou a prolongación da baixa por enfermidade ou accidente. Tamén se comprenderá nesta letra toda manipulación feita para prolonga-la baixa por accidente ou enfermidade.

e)A habitual falta de aseo e limpeza que produza queixas dos compañeiros de traballo.

f) A embriaguez ou o consumo de substancias tóxicas, estupefacientes ou psicotrópicos durante o servicio ou fóra del, con habitualidade e de forma que afecte o desempeño do seu posto de traballo.

g) Viola-lo segredo de correspondencias ou documentos reservados da empresa, ou revelarlle terceiros datos dela que sexan de reserva obrigada.

h) Realización de actividades que impliquen competencia desleal á empresa.

i) Os malos tratos de palabra ou obra, abuso de autoridade ou falta grave de respecto e consideración a xefes, compañeiros e subordinados, familiares destes, ou usuarios do servicio.

j) Causar accidentes graves por imprudencia, neglixencia ou dolo.

k) Abandona-lo traballo sen previo aviso.

l) A reiterada negativa a utiliza-los elementos de protección fronte a posibles riscos en materia de seguridade e hixiene.

m) Diminución non xustificada no rendemento no traballo que supoña inhibición no cumprimento das tarefas asignadas

n) Non acudir á prestación dun servicio reclamado pola policía local ou autoridade competente dentro do horario de traballo.

o) A reincidencia ou reiteración na comisión de falas graves, considerando como tal aquela situación na que, con anterioridade ó momento da comisión do feito, o traballador fose sancionado dúas ou máis veces por faltas graves, aínda de distinta natureza, durante o período de seis meses.

Artigo 49º.-Prescrición.

Respecto dos traballadores, as faltas leves prescribirán ós dez días, as graves ós vinte días e as moi graves ós sesenta días, a partir da data en que a empresa tivo coñecemento da súa comisión e, en todo caso, ós seis meses de cometerse.

Artigo 50º.-Sancións.

As sancións máximas que poderán impoñerse pola comisión de faltas enumeradas nos artigos anteriores son as seguintes:

a) Por falta leve, amoestación escrita e suspensión de emprego e soldo de ata dous días.

b) Por falta grave, amoestación escrita, e suspensión de emprego e soldo de dous a vinte días.

c) Por falta moi grave, traslado a centro de traballo de localidade distinta durante un período de ata un ano, suspensión de emprego e soldo de vinte a sesenta días e despedimento disciplinario.

En caso de sancións de trinta ou máis días de suspensión de emprego e soldo, o interesado poderá solicita-lo fraccionamento en dous ou tres prazos, cun intervalo entre eles de quince días, para cumpri-la sanción.

As anotacións desfavorables que como consecuencia das sancións impostas puideran facerse constar nos expedientes persoais quedarán canceladas ó cumprirse os prazos de un, tres ou cinco anos, segundo se trate de falta leve, grave ou moi grave.

Artigo 51º.-Graduación das sancións.

Á hora da imposición das sancións teranse en conta as seguintes circunstancias:

a) Como circunstancias atenuantes:

-Non ter sido obxecto de sancións, durante os últimos tres meses.

-Non ter tido intención de causar mal, dano o prexuízo.

-Ter tratado por tódolos medios de evita-las consecuencias da falta cometida.

-A espontánea confesión da falta.

-A retractación, reconciliación e presentación de explicacións sobre malos tratos fronte a superiores, compañeiros ou usuarios.

b) Como circunstancias agravantes:

-A utilización de armas ou outros utensilios nas agresións ou discusións.

-A reincidencia.

-A premeditación.

Capítulo IX

Disposicións varias

Artigo 52º.-Retirada do carné de conducir.

Todo conductor ó que, por causa dalgunha diminución física, lle fose denegada a renovación do carné de conducir, pasará a prestar servicios noutra categoría, sempre que existan vacantes dispoñibles na empresa. O seu salario será determinado pola categoría e posto de traballo que lle sexan asignados na súa nova situación.

Todo conductor ó que lle fose retirado o permiso de conducir como consecuencia de levar un vehículo da empresa por orde e conta dela, seguirá percibindo o salario que tivera asignado na súa categoría no momento da retirada do carné de conducir, e poderá ser asignado á realización doutro tipo de servicios

en tanto non poida volver a conducir. Non obstante o anteriormente exposto, non será de aplicación nos casos nos que medie un comportamento imprudente ou embriaguez.

Artigo 53º.-Partes asinantes.

O presente convenio foi concertado pola Confederación de Empresarios de Ourense (CEO) e pola Central Sindical Unión Sindical Obrera (USO).

Artigo 54º.-Submisión ó AGA.

As partes asinantes deste convenio acordan durante a súa vixencia someterse ás disposicións contidas no Acordo Interprofesional Galego sobre procedementos extraxudiciais de solución de conflictos colectivos de traballo (AGA) nos propios termos nos que está formulado, para resolver de modo pacífico os conflictos laborais que poidan xurdir da aplicación do presente convenio.

Artigo 55º.-Dereito supletorio.

Para o non previsto no presente convenio as partes remítense ó disposto no Real decreto lexislativo 1/1995, polo que se aproba o texto refundido da Lei do Estatuto dos traballadores.

ANEXO I

Táboas salariais

Táboa salarial para o servicio en municipios de máis de 80.000 habitantes

GrupoSalario

base

Complemento de

productividade

IncentivoComplemento de

actividade

Quebranto de

moeda

Complemento de

transporte

Salario anual

(incluídas pagas extra e bolsa de vacacións)

Grupo I

Xefe de servicio

Técnico

97.7503.00028.14019.0001.20011.2002.159.980 ptas.

Grupo II

Conductor-mecánico

Conductor

Mecánico

92.6483.00021.14611.2782.80012.6871.949.004 ptas.

Grupo III

Recepcionista de depósito

Oficial administrativo

87.5463.00014.152 3.7215.00013.0001.733.120 ptas.

Grupo IV

Auxiliar administrativo

Operario de limpeza

Peón

82.0003.000 7.200 8256.00013.8501.559.500 ptas.

Táboa salarial para o servicio en municipios de menos de 80.000 habitantes

GrupoSalario

base

Complemento de

productividade

IncentivoComplemento de

actividade

Quebranto de

moeda

Complemento de

transporte

Salario anual

(incluídas pagas extra e bolsa de vacacións)

Grupo I

Xefe de servicio

Técnico

80.0003.00028.14019.0001.20011.2001.911.480 ptas.

Grupo II

Conductor-mecánico

Conductor

Mecánico

75.0003.00021.14611.2782.80012.6871.701.932 ptas.

Grupo III

Recepcionista de depósito

Oficial administrativo

72.5003.00014.152 3.7215.00013.0001.552.476 ptas.

GrupoSalario

base

Complemento de

productividade

IncentivoComplemento de

actividade

Quebranto de

moeda

Complemento de

transporte

Salario anual

(incluídas pagas extra e bolsa de vacacións)

Grupo IV

Auxiliar administrativo

Operario de limpeza

Peón

70.0003.000 7.200 8256.00013.8501.391.500 ptas.