Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 42 Mércores, 01 de marzo de 2000 Páx. 2.756

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA

ORDE do 8 de febreiro de 2000 pola que se autoriza o centro privado Pablo VI Fátima da Rúa (Ourense), como resultado da fusión dos centros privados Nuestra Señora de Fátima e Pablo VI da Rúa (Ourense), segundo os datos que figuran no anexo.

Examinado o expediente presentado polos centros privados Nuestra Señora de Fátima e Pablo VI da Rúa (Ourense), polo que pretenden a súa fusión nun único centro con nova titularidade e denominación, así como a autorización definitiva para 8 unidades de educación secundaria obrigatoria.

Tendo en conta que o expediente foi tramitado pola Delegación Provincial da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria de Ourense, que se remite cos informes correspondentes.

Vistos a Lei 1/1990, do 3 de outubro (BOE do 4), de ordenación xeral do sistema educativo, Real decreto 1004/1991, do 14 de xuño (BOE do 26), polo que se establecen os requisitos mínimos dos centros que imparten ensinanzas de réxime xeral non universitarias, Decreto 133/1995, do 10 de maio (Diario Oficial de Galicia do 22), sobre autorización de centros docentes privados para impartir ensinanzas de réxime xeral non universitarias e a Orde do 20 de setembro de 1995 (Diario Oficial de Galicia do 15 de decembro) que o desenvolve.

Tendo en conta que a documentación presentada e os correspondentes informes reúne os requisitos esixidos pola lexislación vixente.

Esta consellería, por proposta da Dirección Xeral de Centros e Inspección Educativa,

DISPÓN:

Primeiro.-Autoriza-lo centro privado Pablo VI Fátima como resultado da fusión dos centros privados Nuestra Señora de Fátima e Pablo VI da Rúa, para imparti-las ensinanzas que figuran no anexo desta orde.

Segundo.-Os centros Nuestra Señora de Fátima (código 32011767) e Pablo VI (código 32011779) suprímense como tales.

Terceiro.-Para as ensinanzas de educación secundaria obrigatoria que se autorizan, a delegación provincial da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, logo de informe da Inspección Educativa, aprobará expresamente a relación de persoal que imparte docencia no dito centro.

Cuarto.-O centro de educación secundaria obrigatoria que pola presente orde se autoriza deberá cumpri-la Norma Básica da Edificación NBE-CPI/1996, de condicións de protección contra incendios nos edificios, aprobada por Real decreto 2177/1996, do 4 de outubro (BOE do 29). Todo isto sen prexuízo de que teñan que cumprirse outros requisitos esixidos pola normativa municipal ou autonómica.

Quinto.-Queda o centro obrigado ó cumprimento da lexislación vixente e a solicita-la oportuna revisión cando teña que modificarse calquera dos datos que sinala esta orde.

Sexto.-Contra esta orde, que esgota a vía administrativa, os interesados poderán interpoñer recurso potestativo de reposición perante o conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria, no prazo dun mes, a partir do día siguiente ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, segundo o disposto nos artigos 116 e 117 da Lei 4/1999 (BOE do 14 de xaneiro), de modificación da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, ou ben directamente o recurso contencioso-administrativo no prazo do dous meses perante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia.

Disposición transitoria

O centro privado Pablo VI - Fátima poderá imparti-las ensinanzas de BUP e COU, para as que contaba coa correspondente autorización o suprimido centro privado Pablo VI, mentres non se extinguen, segundo o calendario de aplicación da Lei 1/1990, do 3 de outubro, de ordenación xeral do sistema educativo.

Santiago de Compostela, 8 de febreiro de 2000.

Celso Currás Fernández

Conselleiro de Educación e Ordenación

Universitaria

ANEXO

Provincia: Ourense.

Concello: A Rúa.

Código do centro: 32020631.

Denominación: centro privado Pablo VI Fátima.

Titular: Diócese de Astorga e Compañía de las Hijas de la Caridad de San Vicente de Paul.

Composición resultante:-Rúa Felgar, nº 13.

Centro de educación infantil: 3 unidades.

Centro de educación primaria: 6 unidades.-Avda. Pablo VI, nº 3.

Centro de educación secundaria:

8 unidades de educación secundaria obrigatoria.

4 unidades das modalidades de Ciencias da Natureza e da Saúde e Humanidades e Ciencias Sociais.