Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 41 Martes, 29 de febreiro de 2000 Páx. 2.714

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA

ORDE do 17 de febreiro de 2000 pola que se aproban as bases que rexerán o concurso público de dez bolsas de colaboración en proxectos de investigación que se están a desenvolver no Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades, e se anuncia a súa convocatoria.

O artigo 1 do Decreto 213/98, do 10 de xullo, en harmonía co artigo 27 do Estatuto de autonomía para Galicia, establece a competencia da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria para a promoción e ensino da lingua galega e o fomento da investigación.

Dentro do plan de actividades da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria para o 2000 figura a convocatoria pública de bolsas de investigación para realizar proxectos concretos sobre lingüística, literatura, antropoloxía e historia galegas, no Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades.

O seu outorgamento enmárcase dentro das funcións atribuídas á Consellería de Educación e Ordenación Universitaria no artigo 3 do Decreto 25/1993, do 11 de febreiro (Diario Oficial de Galicia nº 34, do 19 de febreiro) de creación e posta en funcionamento do Centro Ramón Piñeiro para a investigación en Humanidades, modificado polo Decreto 330/1997, do 13 de novembro (Diario Oficial de Galicia nº 227, do 24).

Na súa virtude, apróbanse as seguintes bases:

Primeira.-Obxecto.

O concurso ten por obxecto a adxudicación de dez bolsas de colaboración nos proxectos concretos de investigación que se están a desenvolver no Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades, e que se inclúen como anexos á presente orde, nos que se detallan os requisitos específicos que deben reuni-los solicitantes.

Segunda.-Contía das bolsas.

O importe das bolsas incluirá:

-Unha asignación mensual de 122.000 pesetas, coa retención fiscal que corresponda, que será incompatible con calquera outra axuda ou actividade remunerada.

-Seguro de asistencia médica e seguro combinado de accidentes.

Para o gasto que se proxecta existe crédito adecuado e suficiente na partida orzamentaria 07.06.353E.480.2, por unha contía máxima total de 11.940.000 ptas. (10.980.000 ptas., correspondente ó pagamento das mensualidades e de 960.000 ptas. para o pagamento da asistencia sanitaria) correspondente ós orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2000.

Terceira.-Duración.

A data de incorporación ó centro será dentro dos dez días seguintes ó da notificación da adxudicación. O bolseiro que non se incorpore no prazo establecido perderá os dereitos inherentes á bolsa concedida, salvo causa xustificada de atraso apreciada polo coordinador científico de Centro Ramón Piñeiro, quen llo comunicará á Presidencia da Comisión Rectora.

Por resolución do conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria, a concesión da bolsa será ata o día 31 de decembro de 2000, podendo prorrogarse anualmente ata un máximo total, incluídas as prórrogas,

de tres anos, á vista do traballo realizado polo bolseiro, sempre que o proxecto ó que estea vinculado requira do seu labor e así o permitan as dispoñibilidades orzamentarias. No suposto de prórroga a dotación económica poderá incrementarse de acordo co índice de prezos ó consumo que se estableza para cada ano.

Cuarta.-Requisitos xerais:

a) Posuí-la nacionalidade española ou ser nacional dun país membro da Unión Europea.

b) Estar en posesión do título de licenciado.

c) Acreditar coñecemento da lingua galega no nivel de perfeccionamento.

d) Non ter sido separado do servicio de ningunha Administración ou institución como consecuencia de expediente disciplinario.

Quinta.-Solicitudes.

As solicitudes, no modelo que se xunta como anexo, irán dirixidas ó coordinador-científico do Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades e entregaranse na sede deste (estrada Santiago-Noia, km 3 -A Barcia, 15896 Santiago de Compostela), ou ben en calquera dos centros previstos no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

O prazo de presentación de solicitudes será de vinte días naturais contados a partir do seguinte ó da publicación da presente convocatoria no Diario Oficial de Galicia, e deberán ir acompañadas da documentación seguinte:

-Certificación académica persoal completa.

-Currículum vitae, xunto con cantos documentos poidan avalalo.

-Acreditación do coñecemento de lingua galega no nivel de perfeccionamento.

-Fotocopia do DNI ou pasaporte.

-Declaración xurada comprometéndose a renunciar, se fose seleccionado, á percepción doutras remuneracións, bolsas ou axudas, e tamén de non ter sido separado do servicio de ningunha Administración nin institución pública como consecuencia de expediente disciplinario.

-Declaración xurada de non percibir outras axudas ó inicio e ó remate da bolsa.

Tódolos documentos deberán ser orixinais ou copias cotexadas con eles.

Vistas tódalas solicitudes daráselle un prazo de 10 días para emenda-la falta de documentación, transcorridos estes días sen a devandita emenda se arquirarán os devanditos expedientes.

Sexta.-Selección.

A selección dos candidatos será realizada por unha comisión presidida polo coordinador-científico do Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades e composta por tres vocais propostos por aquel e nomeados polo director xeral de Política Lingüística. Actuará como secretario o secretario do centro.

Ademais do exame da documentación presentada, a comisión poderá convoca-los solicitantes a unha entrevista persoal.

A comisión non valorará aqueles méritos alegados polos solicitantes nas súas instancias que non estean acreditados documentalmente. O presidente da comisión elevará informe sobre os candidatos e as candidatas seleccionados e suplentes, se é o caso, ó director xeral de Política Lingüística, quen transmitirá ese informe ó conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria para a súa proposta definitiva.

Sétima.-Condicións de desfrute.

Estas bolsas son incompatibles coa realización dun traballo remunerado ou o desfrute doutro tipo de bolsas ou axudas.

O Conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria poderá conceder interrupcións no desfrute da bolsa por petición razoada do interesado, logo do informe do seu director de proxecto. As interrupcións non poderán ser nunca superiores a 3 meses ó longo da duración da bolsa e as posibles renovacións e non darán lugar, en ningún caso, á posibilidade de recupera-lo período interrompido. O interesado nesta interrupción temporal da bolsa non terá dereito a percibi-las mensualidades correspondentes ó período que dure a súa renuncia.

No momento en que algún dos beneficiarios destas bolsas fose seleccionado para outras bolsas, axudas ou traballos, ou se produza algunha circunstancia que determine a incompatibilidade no desfrute da bolsa, deberá comunicarllo ó Servicio do Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades e se procederá á suspensión da bolsa correspondente e adxudicaralla a outro candidato, de acordo coa lista de suplentes se os houbese.

Oitava.-Obrigas.

Os bolseiros permanecerán no Centro Ramón Piñeiro, en horario habitual de presencia de mañá ou tarde.

Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da bolsa, e en todo caso a obtención concorrente de bolsas ou axudas outorgadas por outras administración ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión.

O incumprimento por parte do bolseiro dalgunha das condicións recollidas nas presentes bases suporá a perda da bolsa concedida e, de se-lo caso, o reintegro das cantidades xa cobradas.

A condición de bolseiro non dará lugar á relación contractual ningunha nin laboral nin administrativa coa Xunta de Galicia.

Unha vez finalizada a bolsa presentarase un informe da actividade realizada, co visto e prace do director do proxecto.

Novena.-A resolución, que esgotará a vía administrativa, poderá ser obxecto de recurso de reposición no prazo dun mes, contado a partir do día seguinte ó da publicación no Diario Oficial de Galicia, perante o conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria, segundo o disposto na Lei 4/1999 (BOE do 14 de xaneiro) de modificación da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, ou ben os interesados poderán presentar directamente recurso contencioso-administrativo, perante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados a partir do día seguinte ó da súa publicación, conforme se establece na Lei

29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdicción contencioso-administrativa.

Décima.-Pagamento da bolsa.

O pagamento da bolsa realizarase mensualmente, logo do informe do director de investigación, sempre que os traballos se desenvolvan con normalidade e de acordo coas bases establecidas.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o director xeral de Política Lingüística para dictar, no ámbito das súas competencias, as resolucións precisas para o desenvolvemento desta orde.

Segunda.-A presente orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 17 de febreiro de 2000.

Celso Currás Fernández

Conselleiro de Educación e Ordenación

Universitaria

Director Xeral de Política Lingüística

ANEXO I

Dúas bolsas para colaborar no proxecto de traducción automática.

Estas bolsas teñen como finalidade colaborar no proxecto de traducción automática castelán-galego que se realiza no Centro Ramón Piñeiro.

1. Requisitos específicos dos solicitantes:

Para solicita-las bolsas á que se refire a presente convocatoria é necesario, ademais de reuni-los requisitos xerais establecidos na base cuarta desta orde:

-Ser licenciado en filoloxía ou traducción e interpretación.

-Ter coñecementos sólidos de análise sintáctica e léxica do galego.

-Experiencia en manexo de ordenadores.

ANEXO II

Dúas bolsas para colaborar no proxecto Corpus de Referencia do Galego Actual.

Estas bolsas teñen como finalidade colaborar no proxecto Corpus de Referencia do Galego Actual que se realiza no Centro Ramón Piñeiro.

1. Requisitos específicos dos solicitantes:

Para solicitar unha das bolsas á que se refire a presente convocatoria é necesario, ademais de reuni-los requisitos xerais establecidos na base cuarta desta orde:

-Ser licenciado en filoloxía.

-Ter experiencia na introducción de textos en ordenador e no manexo de textos en formato electrónico.

-Ter experiencia en gramáticas formais e construcción de etiquetadores morfosintácticos e lematizadores.

2. Para solicita-la outra bolsa á que se refire a presente convocatoria é necesario, ademais de reuni-los requisitos xerais establecidos na base cuarta desta orde:

-Ser licenciado en informática.

-Coñecementos avanzados en procesamento da linguaxe natural, con especial atención á anotación e desambiguación automática de textos.

ANEXO III

Unha bolsa para colaborar no proxecto de terminoloxía científico-técnica.

Esta bolsa ten como finalidade colaborar no proxecto de terminoloxía científico-técnica que se está levando a cabo no Centro Ramón Piñeiro.

1. Requisitos específicos dos solicitantes:

Para solicita-la bolsa á que se refire a presente convocatoria é necesario, ademais de reuni-los requisitos xerais establecidos na base cuarta desta orde:

-Ser licenciado en filoloxía.

-Valoraranse a experiencia e coñecementos acreditados en terminoloxía e lexicografía.

-Coñecementos de informática, particularmente en procesador de textos e bases de datos.

-Valorarase ter coñecemento doutras linguas.

ANEXO IV

Unha bolsa para colaborar no proxecto de construcción dun sintetizador texto-voz en galego.

Esta bolsa ten como finalidade colaborar no proxecto de construcción dun sintetizador texto-voz en galego que se leva a cabo no Centro Ramón Piñeiro.

1. Requisitos específicos dos solicitantes:

Para solicita-la bolsa á que se refire a presente convocatoria é necesario, ademais de reuni-los requisitos xerais establecidos na base cuarta desta orde:

-Ser enxeñeiro de telecomunicacións.

-Experiencia en lingüística computacional.

-Programación en Windows e linguaxe C++.

ANEXO V

Unha bolsa para colaborar no proxecto de prosa galega medieval.

Esta bolsa ten como finalidade colaborar no proxecto de prosa galega medieval que se está desenvolvendo no Centro Ramón Piñeiro.

1. Requisitos específicos dos solicitantes:

Para solicita-la bolsa á que se refire a presente convocatoria é necesario, ademais de reuni-los requisitos xerais establecidos na base cuarta desta orde:

-Ser licenciado en filoloxía.

-Ter coñecemento de informática en calidade de usuario.

-Experiencia investigadora no ámbito da literatura románica medieval, de maneira particular en prosa literaria e historiográfica, e preferentemente nos textos galegos e portugueses.

ANEXO VI

Unha bolsa para colaborar no proxecto Cantigas de Santa María vinculado ó Arquivo Galicia Medieval.

Esta bolsa ten como finalidade colaborar no proxecto Cantigas de Santa María vinculado ó Arquivo Galicia Medieval que se vai realizar no Centro Ramón Piñeiro.

1. Requisitos específicos dos solicitantes:

Para solicita-la bolsa á que se refire a presente convocatoria é necesario, ademais de reuni-los requisitos xerais establecidos na base cuarta desta orde:

-Ser licenciado en filoloxía.

-Ter experiencia investigadora en literatura medieval románica.

-Capacidade para ler/traducir textos en diferentes linguas románicas no estado medieval.

ANEXO VII

Unha bolsa para colaborar no proxecto MUPEGA.

Esta bolsa ten como finalidade colaborar no desenvolvemento do proxecto Museo Pedagóxico de Galicia e no programa de actividades que se realicen ó seu abeiro, que se está realizando no Centro Ramón Piñeiro.

1. Requisitos específicos dos solicitantes:

Para solicita-la bolsa á que se refire a presente convocatoria é necesario, ademais de reuni-los requisitos xerais establecidos na base cuarta desta orde:

-Ser licenciado en pedagoxía, historia ou humanidades.

-Posuír coñecementos acreditados de francés, inglés e alemán (ou doutros idiomas ademais dos oficiais de Galicia).

-Ter coñecementos de informática no nivel de usuario, fotografía, museística, biblioteconomía e arquivística.

-Ter experiencia acreditada en centros de documentación, servicios museísticos e/ou actividades expositivas.

ANEXO VIII

Unha bolsa para colaborar no proxecto de base de datos cinematográfica/audiovisual de Galicia.

Esta bolsa ten como finalidade colaborar no desenvolvemento do proxecto de base de datos cinematográfica/audiovisual de Galicia que se está a realizar no Centro Ramón Piñeiro.

1. Requisitos específicos dos solicitantes:

Para solicita-la bolsas á que se refire a presente convocatoria é necesario, ademais de reuni-los requisitos xerais establecidos na base cuarta desta orde:

-Ser licenciado preferentemente en historia da arte.

-Ter experiencia en investigación histórico-cinematográfica.

-Coñecementos de informática, en calidade de usuario.