Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 41 Martes, 29 de febreiro de 2000 Páx. 2.718

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA

ORDE do 22 de febreiro de 2000 sobre ampliación da delegación de competencias da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria nos delegados provinciais.

A Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, no seu artigo 13, modificado pola Lei 4/1999, establece a posibilidade de que os órganos das administracións públicas deleguen o exercicio das súas competencias noutros órganos da mesma administración.

A variedade e volume da actividade administrativa derivada das competencias que teñen atribuídas a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria aconsella -para acadar unha maior racionalidade e eficacia administrativa- levar a cabo a delegación dalgunhas das funcións do seu titular en órganos deste departamento. Desconcentración que resultará beneficiosa tanto para a actuación desta Administración educativa coma para os administrados, de acordo cos principios recollidos no artigo 103.1º da Constitución española, que informan a actividade das administracións públicas.

Por todo iso, facendo uso das facultades conferidas polo artigo 43.3º da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente, segundo a modificación introducida pola Lei 11/1988, do 20 de outubro,

DISPOÑO:

Artígo único.-Engádese ás competencias delegadas no artigo 3 da Orde do 21 de xuño do 1996, sobre delegacións de competencias en órganos da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, a facultade do recoñecemento de trienios e sexenios dos funcionarios pertencentes a corpos ou escalas adscritos a este departamento.

Disposición derradeira

Única.-Esta orde entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 22 de febreiro de 2000.

Celso Currás Fernández

Conselleiro de Educación e Ordenación

Universitaria