Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 39 Venres, 25 de febreiro de 2000 Páx. 2.476

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE POLÍTICA TERRITORIAL, OBRAS PÚBLICAS E VIVENDA

ORDE do 18 de febreiro de 2000 pola que se regula a concesión de axudas a entidades locais para formulación de planeamento urbanístico.

Como continuación do programa dirixido ás entidades locais para fomento da realización de traballos de redacción de planeamento municipal procede a publicación dunha nova convocatoria de axudas que complete os fins inicialmente establecidos.

A experiencia proporcionada por aplicación da orde precedente, aconsella mante-los mesmos criterios básicos nela contidos, se ben, incorpóranse a esta mecanismos encamiñados ó perfeccionamento do procedemento de xestión para mellora-la eficacia finalista das axudas.

Polo tanto, en uso das facultades que teño atribuídas e para a debida aplicación dos créditos orzamentarios para a finalidade para a que foron establecidos,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto e destinatarios.

1. Constitúe o obxecto da presente orde a concesión de axudas a entidades locais que o soliciten, para

a realización de traballos de redacción de planeamento urbanístico, de acordo co disposto no seguinte punto.

2. Poderán ser obxecto de axuda:

a) A redacción de plans xerais de ordenación municipal ou proxectos de ordenación do medio rural, ben sexa como figura de nova formulación ou como revisión ou adaptación dos instrumentos de planeamento vixentes ou en tramitación.

b) A redacción de plans especiais de protección de conxuntos histórico-artísticos.

c) A execución de cartografía analítica para a redacción de planeamento urbanístico, sempre que non forme parte dos programas de contratación da consellería e resulte compatible cos sistemas de execución empregados nestes programas.

d) Poderán acollerse ás axudas previstas aqueles concellos que á entrada en vigor da presente orde tiveran xa contratados traballos dos recollidos anteriormente, sempre que os procedementos seguidos se adapten ós que se establecen nesta orde.

Artigo 2º.-Financiamento.

As axudas outorgadas conforme o disposto na presente orde serán financiadas con cargo á aplicación orzamentaria: 06.02.332 A.760.0 dos orzamentos

xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2000 e cun importe máximo de douscentos cincuenta millóns oitocentas oitenta e unha mil (250.881.000) pesetas (1.507.825,18 euros).

As axudas poderán ser de carácter plurianual cos límites e porcentaxes establecidos no punto 3º do artigo 58 da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia.

Artigo 3º.-Orde de prelación.

Para establecer prioridades na selección de solicitudes que presenten os concellos, establécese a seguinte orde de prevalencia:

1º Redacción de plan xeral de ordenación municipal ou proxecto de ordenación do medio rural dos concellos que carecen de planeamento urbanístico, así como a cartografía que, se é o caso, resultase precisa.

2º Revisión e/ou adaptación á Lei 1/1997, do 24 de marzo, do solo de Galicia, de planeamento municipal vixente ou en tramitación, así como a cartografía que, se é o caso, resultase precisa.

3º Redacción de plans especiais de protección de conxuntos histórico-artísticos, así como a cartografía que, se é o caso, resultase precisa.

Artigo 4º.-Contía das axudas.

1. As subvencións que se outorguen poderán alcanzar ata o 80% do orzamento de contratación previsto.

2. O orzamento ó que fai referencia este artigo será, en calquera caso, o calculado ou aceptado pola Dirección Xeral de Urbanismo, unha vez informado pola Subdirección Xeral de Urbanismo.

3. A suma das axudas e subvencións recibidas por unha entidade local para a redacción de instrumentos de planeamento urbanístico, que proveñan de entes públicos ou privados e percibidas coa mesma finalidade, non poderán nunca supera-lo 100% do orzamento de contratación global.

Para tal fin, a entidade subvencionada deberá poñer en coñecemento da Dirección Xeral de Urbanismo o importe doutras axudas para igual fin outorgadas por outros entes públicos ou privados.

Artigo 5º.-Prazo de presentación de solicitudes e documentación.

1. No prazo de trinta días hábiles, contados a partir da entrada en vigor desta orde, as entidades locais interesadas deberán presentar no rexistro da Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda, no da súas delegaciones provinciais, ou mediante calquera das formas previstas no artigo 38 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, unha solicitude de acordo co modelo que figura como anexo I a esta orde, acompañada da seguinte documentación:

a) Memoria na que se xustifique a necesidade e oportunidade dos traballos para os que se solicita

subvención. Esta memoria conterá unha valoración dos traballos, con expresión do orzamento previsto para eles.

b) Para o caso previsto no artigo 1º.2 d) da presente orde, certificación na que se faga consta-la existencia do contrato de elaboración dos traballos e o seu importe.

Artigo 6º.-Resolución:

1. As solicitudes serán resoltas pola Dirección Xeral de Urbanismo por proposta da Subdirección Xeral de Urbanismo, nun prazo máximo de seis (6) meses.

2. Nas resolucións de concesión das subvencións indicarase o obxecto e contía da subvención, as fases en que se desenvolverán os traballos e o programa de pagamentos correspondente.

3. As solicitudes entenderanse denegadas por silencio administrativo de non recibiren resolución expresa no prazo de seis (6) meses contados a partir da data de finalización de presentación das solicitudes.

4. Contra as resolucións dictadas ó abeiro desta orde, que non esgotan a vía administrativa, poderase interpoñer recurso de alzada, ante o conselleiro de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda no prazo dun mes, contado a partir do día seguinte de aquel no que tivo lugar a notificación da resolución dictada para o efecto.

Artigo 7º.-Aceptación da subvención.

1. A entidade local beneficiaria disporá do prazo dun (1) mes, contado a partir da recepción da notificación da resolución de concesión, para comunica-la aceptación da subvención. Para tal efecto deberá xunta-la seguinte documentación:

a) Certificación do acordo do órgano competente da entidade local polo que se acepte a subvención nos termos e prescricións desta orde e da resolución de concesión, e se manifeste o compromiso de efectua-lo libramento da totalidade dos fondos correspondentes á entidade local con anterioridade ás contribucións da consellería.

b) Certificación na que se faga constar que non existen outras subvencións aplicables ós traballos obxecto da axuda ou, de existiren, que tódalas subvencións aplicables ós citados traballos non superan a totalidade do seu orzamento.

c) Certificación de que existen os fondos necesarios para facer fronte ás contribucións que deberá realiza-la entidade local.

2. Transcorrido o prazo indicado no punto anterior sen que se produza a dita comunicación, e de non xustificarse suficientemente a concorrencia de circunstancias excepcionais que impidan facelo, a Dirección Xeral de Urbanismo dictará resolución, deixando sen efecto a subvención.

Artigo 8º.-Obriga de cumprimento de prazos.

1. A entidade local vén obrigada a xustificar ante a Dirección Xeral de Urbanismo, dentro da correspondente anualidade, a execución das fases que dean lugar a libramentos parciais.

2. O incumprimento dos prazos parciais fixados na resolución de concesión da axuda determinará a reducción da súa contía polo importe correspondente ó prazo incumprido, salvo circunstancias excepcionais, debidamente acreditadas pola entidade local beneficiaria da subvención con anterioridade ó vencemento do prazo, que xustifiquen suficientemente, a xuízo da Dirección Xeral de Urbanismo, o dito incumprimento. De non concorrer tal xustificación expresa no dito prazo, isto determinará automaticamente e sen máis trámites a reducción da subvención no importe correspondente ó prazo incumprido. De todo isto, deixarase constancia no expediente con notificación á entidade local interesada.

Artigo 9º.-Pregos de prescricións técnicas.

As entidades beneficiarias das subvencións empregarán preferiblemente no proceso de contratación dos traballos os pregos de prescricións técnicas facilitados para o efecto pola Dirección Xeral de Urbanismo. No caso de que os pregos sexan elaborados directamente polos concellos, estes deberán contar co informe favorable dos servicios técnicos da dirección xeral.

Artigo 10º.-Representantes da consellería.

Nas mesas de contratación que, de se-lo caso, se constitúan para a adxudicación dos traballos obxecto da subvención deberá incluírse un representante da Dirección Xeral de Urbanismo, que será designado por esta.

Artigo 11º.-Garantías e xustificación do investimento e pagamentos.

Para garanti-lo investimento e rendemento das axudas concedidas ó amparo desta orde, establécense as seguintes regras:

a) A entidade local deberá achegar integramente a diferencia entre o importe do contrato e a axuda concedida, e acredita-la dita achega ante a Dirección Xeral de Urbanismo como requisito previo para o pagamento da axuda.

b) O pagamento da axuda efectuarase conforme o programa de contribucións parciais establecido na resolución de concesión. Para proceder a cada unha das achegas parciais, a entidade beneficiaria deberá xustificar ante a Dirección Xeral de Urbanismo a realización da correspondente fase dos traballos, conforme os requisitos establecidos nesta orde, na resolución de concesión e nos pregos de prescricións. Para tal efecto, deberá presentarse certificación detallada, expedida polo órgano municipal competente, relativa ó cumprimiento das cláusulas e prescricións do contrato subscrito.

Os libramentos correspondentes realizaranse, se é o caso, de acordo coas prescricións establecidas no artigo 37.2º da Lei 7/1999 de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2000.

Antes do derradeiro pagamento, a entidade local presentará unha declaración complementaria do conxunto das axudas solicitadas, tanto as aprobadas ou concedidas como as pendentes de resolución, para o obxecto da axuda concedida ó abeiro desta orde, das distintas administracións públicas competentes ou calquera dos seus organismos, entes ou sociedades.

c) A Dirección Xeral de Urbanismo poderá supervisa-la execución dos traballos, co obxecto de comproba-lo cumprimento dos requisitos establecidos, e para tal fin as unidades administrativas dependentes dela poderán ter acceso á información necesaria durante o desenvolvemento das distintas fases.

Disposicións adicionais

Primeira. 1. As entidades locais beneficiarias de axudas concedidas ó abeiro de ordes precedentes que quedaran sen efecto, de acordo co establecido nelas, poderán solicitar, ó abeiro desta orde, unha nova axuda polo importe correspondente ás fases non xustificadas das ditas axudas, así como, se é o caso, o custo da adaptación do instrumento de planeamento en tramitación á nova Lei 1/1997, do solo de Galicia e Lei 6/1998, sobre réxime do solo e valoracións.

2. Neste caso, quedará incorporada ó novo expediente a documentación achegada polo concello ó expediente orixinado pola subvención que quedou sen efecto.

3. As axudas concedidas ó amparo desta disposición rexeranse polo disposto na presente orde.

Segunda.-Autorízase a Dirección Xeral de Urbanismo para realizar, durante o prazo de vixencia da orde, os reaxustes das anualidades orzamentarias, que razoadamente considere oportunas, en función do cumprimento dos prazos inicialmente establecidos na resolución de adxudicación. O dito reaxuste non poderá modifica-lo importe total da subvención, nin no seu conxunto, as porcentaxes que, sobre investimento plurianual, establece o artigo 5 da Lei 8/1999, do 30 de decembro, de medidas fiscais e orzamentarias e de función pública e actuación administrativa, que modifica os puntos 1º e 3º do artigo 58, do texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro.

Destes actos darase traslado, unha vez que adquiran a condición de firmeza, ás entidades locais afectadas.

Terceira.-Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención e, en todo caso, a obtención concorrente da subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou

entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión.

Cuarta.-Autorízase a Dirección Xeral de Urbanismo para dicta-las resolucións necesarias para realizar novas convocatorias de axudas en función das dispoñibilidades orzamentarias existentes, así como para o desenvolvemento desta orde.

Quinta.-As entidades locais beneficiarias das axudas concedidas ó abeiro desta orde quedan obrigadas a facilitar toda a información que lle sexa requirida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas e o Consello de Contas, no exercicio da súa fiscalización, control e destino das axudas.

Sexta.-As entidades beneficiarias das axudas reguladas por esta orde deberán someterse, ademais de ás actuacións de comprobación que acorde a entidade concedente, ó disposto nos artigos 6 e 7 da Lei 8/1999, do 30 de decembro, de medidas fiscais e orzamentarias e de función pública e actuación administrativa, que modifican os artigos 78 e 79 respectivamente, do texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro.

Disposición derrogatoria

Queda derogada a Orde do 19 de abril de 1999, pola que se regula a concesión de axudas a entidades locais para a formulación de planeamento urbanístico.

Disposición transitoria

Os expedientes resoltos ó amparo da orde derrogada axustaranse ás súas prescricións que manterá a súa vixencia para estes únicos efectos.

Disposición derradeira

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 18 de febreiro de 2000.

P.D. (Orde 13-12-1993)

José Antonio Fernández Vázquez

Secretario xeral da Consellería de Política

Territorial, Obras Públicas e Vivenda