Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 34 Venres, 18 de febreiro de 2000 Páx. 2.100

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE AGRICULTURA, GANDERÍA E POLÍTICA AGROALIMENTARIA

ORDE do 2 de febreiro de 2000 pola que se modifica o Regulamento da denominación de orixe Valdeorras.

Por Orde do 24 de febreiro de 1977, o Ministerio de Agricultura aprobou o Regulamento da denominación de orixe Valdeorras e do seu consello regulador para os viños producidos nesa zona vitícola.

Desde ese momento a evolución das produccións amparadas por esta denominación de orixe foron sempre incrementándose e acadando un destacado posicionamento no mercado, que permitiu tanto a implantación dunha viticultura moderna como o desenvolvemento tecnolóxico das industrias pertencentes á denominación de orixe.

Resulta, polo tanto, necesario e imprescindible que o consello regulador e o seu regulamento se adapten á situación presente, incrementando o seu grao de autofinanciamento, para acometer futuras accións de mellora tanto técnica como promocional dos productos amparados.

En consecuencia, por petición do sector interesado e de conformidade co artigo 30.I.3º e 4º do Estatuto de autonomía de Galicia, e no uso das competencias que me confire a Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta de Galicia e do seu presidente, reformada pola Lei 11/1988, do 20 de outubro,

DISPOÑO:

Artigo único.-Modifícase o artigo 46.1 do Regulamento da denominación de orixe Valdeorras, aprobado por Orde do 24 de febreiro de 1977, que queda redactado como se expresa a continuación:

Artigo 46.1.

1. O financiamento das obrigas do consello efectuaranse cos seguintes recursos:

1.1. Co producto das exaccións parafiscais que se fixan no artigo 90 da Lei 25/1970, ás que se lle aplicarán os seguintes tipos:

a) O 1 % a exacción anual sobre plantacións.

b) O 1,5 % a exacción sobre productos amparados comercializados.

c) Pola expedición de certificados ou visados de facturas haberá que aterse ó establecido en cada caso pola normativa vixente.

d) O dobre do prezo do custo sobre os precintos ou contraetiquetas.

Os suxeitos pasivos de cada unha das exaccións son: do a) os titulares das plantacións inscritas; do b) os titulares das adegas inscritas que expidan viño

amparado por esta denominación de orixe ó mercado; do c) os titulares das adegas inscritas solicitantes de certificados ou visados de facturas; do d) os titulares das adegas inscritas solicitantes de contraetiquetas e precintos.

Disposición derradeira

A modificación da Orde do 24 de febreiro de 1977, aprobada por esta orde, entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 2 de febreiro de 2000.

Cástor Gago Álvarez

Conselleiro de Agricultura, Gandería e Política

Agroalimentaria