Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 33 Xoves, 17 de febreiro de 2000 Páx. 2.004

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE FAMILIA E PROMOCIÓN DO EMPREGO, MULLER E XUVENTUDE

ORDE do 4 de febreiro de 2000 pola que se desenvolve o Decreto 344/1999, do 23 de decembro, e se establecen as bases reguladoras da concesión de axudas e subvencións ó programa de escolas obradoiro e casas de oficios.

Mediante o Decreto 289/1997, do 9 de outubro, esta Comunidade Autónoma asume as funcións e servicios transferidos pola Administración do Estado relativos á xestión realizada polo Instituto Nacional de Emprego no ámbito do traballo, o emprego e a formación e, a través do Decreto 488/1997, do 26 de decembro, polo que se establece a estructura orgánica da Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude, atribúeselle a esta, por medio da Dirección Xeral de Fomento do Emprego, o exercicio das competencias e funcións, entre outras materias, no relativo ás políticas activas de emprego.

Así, correspóndelle, agora, a esta consellería a convocatoria, xestión e control das subvencións e axudas públicas da política de emprego xestionadas anteriormente polo Inem, entre as que está o programa de escolas obradoiro e casas de oficios.

O Decreto 344/1999, do 23 de decembro, regula, no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, o programa de escolas obradoiro e casas de oficios como medida activa de fomento do emprego dirixida a mellora-las posibilidades de ocupación do colectivo de desempregados menores de vintecinco anos, a través da combinación de accións de formación en alternancia coa práctica profesional mediante o desempeño dun traballo real e productivo.

O citado decreto debuxa as grandes liñas do programa, sendo necesario agora o desenvolvemento e regulación detallada do seu contido. Así, nesta orde abórdase a convocatoria pública e o establecemento de axudas e subvencións ás entidades promotoras, obxecto, requisitos dos beneficiarios, prazo e forma da aplicación definitiva dos fondos, forma e prazo de concesión das subvencións e a concesión de anticipos.

Esta convocatoria axústase ó disposto no Decreto 377/1998, do 23 de decembro, polo que se establece o réxime xeral das axudas e subvencións da Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude en materia de medidas activas de fomento do emprego, no texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia e, en concreto, no relativo ós principios de obxectividade, concorrencia e publicidade na concesión das axudas e subvencións e ó disposto na Lei 7/1999, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2000.

De conformidade co previsto no citado texto refundido, o financiamento do programa regulado nesta orde, entre outros, realizarase con cargo ós créditos que figuran na aplicación orzamentaria 14.04.241A.480.0 por un importe total de 4.151.747.000 ptas.

Os ditos créditos poderán ser obxecto de modificacións como consecuencia da asignación ou da redistribución de fondos para o financiamento dos programas de fomento do emprego, coas limitacións que se establezan pola Conferencia Sectorial de Asuntos Laborais ou polas disposicións aplicables ás axudas cofinanciadas polo Fondo Social Europeo, todo iso no marco dos acordos para o crecemento e o emprego en Galicia 1998-2001.

Consecuentemente con todo o anterior, consultado o Consello Galego de Relacións Laborais, logo do informe favorable da Asesoría Xurídica, da Intervención Xeral da Comunidade Autónoma e en exercicio das facultades que me confire o artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente,

DISPOÑO:

Capítulo I

Disposicións xerais

Artigo 1º.-Obxecto.

Esta orde ten por obxecto o desenvolvemento da regulación contida no Decreto 344/1999, do 23 de decembro, así como o establecemento das bases para a concesión de axudas e subvencións pola Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude ó programa de escolas obradoiro e casas de oficios.

Artigo 2º.-Beneficiarios do programa.

Poderán ser beneficiarios deste programa os xoves de ámbolos sexos que, estando desempregados e inscritos no Servicio Público de Emprego de Galicia, sexan menores de vintecinco anos.

Artigo 3º.-Beneficiarios da subvención: entidades promotoras.

1. Os proxectos de escolas obradoiro e casas de oficios poderán ser promovidos por:

a) Órganos, organismos autónomos e entes públicos da Administración xeral do Estado e da Comunidade Autónoma de Galicia.

b) Entidades locais e os seus organismos autónomos.

c) Fundacións, asociacións e outras entidades sen ánimo de lucro.

2. As entidades promotoras deberán ser competentes para a execución das correspondentes obras ou servicios e dispoñer da capacidade técnica e de xestión suficientes para a realización dos proxectos.

Artigo 4º.-Etapas e duración.

1. Os proxectos de escolas obradoiro e casas de oficios constarán de dúas etapas: unha, de carácter

formativo de iniciación, e outra, de formación en alternancia co traballo ou a práctica profesional, dirixidas á aprendizaxe, cualificación e adquisición de experiencia profesional.

2. Nas escolas obradoiro a duración de ámbalas dúas etapas non será inferior a un ano, nin superior a dous, sendo a duración da primeira de seis meses.

As casas de oficios terán a duración dun ano, dividido en dúas etapas de seis meses.

Capítulo II

Formación

Artigo 5º.-Etapa formativa. Bolsas.

1. Durante a primeira etapa do proxecto, os alumnos recibirán formación profesional ocupacional, segundo o plan formativo incluído na memoria esixida no artigo 17º letra h), tendo dereito a percibir unha bolsa de 725 ptas. por día lectivo. Esta axuda será aboada mensualmente pola entidade promotora e financiada pola Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude nos termos previstos no artigo 26.5º.

As faltas de asistencia non xustificadas darán lugar ó desconto correspondente no pagamento das bolsas.

2. A percepción da bolsa será incompatible coa de prestacións ou subsidios por desemprego e coa realización de traballos por conta propia ou allea. Os alumnos perceptores de prestacións ou subsidios manterán a percepción súa e, unha vez esgotados, poderán percibir, a partir da dita data, a bolsa correspondente.

3. Os alumnos terán a obriga de asistir e seguir con aproveitamento as ensinanzas teórico prácticas que poidan recibir, sendo causa de exclusión do proxecto formativo incorrer en tres faltas de asistencia non xustificadas nun período dun mes ou non seguir con aproveitamento, a xuízo da entidade promotora, as anteditas ensinanzas.

4. No suposto de producirse as causas de exclusión previstas no parágrafo anterior, a entidade promotora porá de manifesto ó alumno os feitos que fundamenten a súa exclusión, dispoñendo este dun prazo de tres días hábiles para alegar o que estime pertinente. Transcorrido este prazo e vistas as alegacións do alumno, a entidade promotora resolverá o que estime procedente debendo notifica-la decisión adoptada á correspondente delegación provincial da consellería.

Artigo 6º.-Etapa en alternancia.

1. Durante a segunda etapa, que se subdividirá en fases ou períodos semestrais, os alumnos-traballadores complementarán a súa formación en alternancia co traballo e a práctica profesional e serán contratados pola entidade promotora na modalidade do contrato para a formación, sempre que reúnan os requisitos establecidos no artigo 11.2º do texto

refundido da Lei do Estatuto dos traballadores, aprobado por Real decreto lexislativo 1/1995, do 24 de marzo e normas de desenvolvemento. Para os que non reúnan tales requisitos, utilizarase a modalidade de contrato máis acorde coas súas circunstancias e coas características do proxecto.

2. A duración dos contratos de traballo subscritos cos alumnos-traballadores non poderá exceder da duración da escola obradoiro ou casa de oficios e, con independencia da modalidade contractual seguida, todos recibirán o mesmo tempo de formación e percibirán as retribucións salariais que lles correspondan de conformidade co previsto na normativa aplicable.

Artigo 7º.-Orientación, información profesional, formación empresarial e asistencia técnica.

1. Os alumnos-traballadores participantes en escolas obradoiro ou casas de oficios, durante todo o proceso formativo, recibirán orientación, asesoramento e información profesional e formación empresarial, para o que as escolas obradoiro e casas de oficios deberán contar co persoal e métodos axeitados.

2. Ó termo da actividade da escola obradoiro ou casa de oficios, as entidades promotoras prestaranlles asistencia técnica ós alumnos-traballadores participantes, tanto para a busca de emprego por conta allea como para o establecemento por conta propia. Para iso actuarán, se é o caso, mediante as súas propias unidades ou organismos de orientación e asesoramento, en colaboración coa Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude. No caso de existiren iniciativas emprendedoras de autoemprego, poderase promove-la súa inclusión en viveiros de empresas ou en actuacións similares. Con esta finalidade, as entidades promotoras poderanlle solicitar á antedita consellería e a outras administracións públicas as axudas establecidas para os distintos programas de apoio á creación de emprego.

Artigo 8º.-Educación básica.

1. Para os alumnos-traballadores participantes que non alcanzasen os obxectivos da educación secundaria obrigatoria, previstos na Lei orgánica 1/1990, do 3 de outubro, de ordenación xeral do sistema educativo, e de conformidade co establecido no seu artigo 23.2º, organizaranse, en colaboración coa Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, programas específicos co fin de proporcionarlles unha formación básica e profesional que lles permita incorporarse á vida activa ou prosegui-los seus estudios nas distintas ensinanzas reguladas na antedita lei orgánica e especialmente mediante as probas de acceso previstas no seu artigo 32.1º.

2. O disposto no parágrafo anterior tamén será aplicable ós que non posúan o título de graduado escolar, por ter este os mesmos efectos profesionais có de graduado en educación secundaria, segundo establece a disposición adicional cuarta da referida lei orgánica.

Artigo 9º.-Certificacións e diplomas.

1. Ó remate da súa participación na escola obradoiro ou casa de oficios, os alumnos-traballadores recibirán un certificado, expedido pola entidade promotora, no modelo que para o efecto estableza a Dirección Xeral de Fomento do Emprego, no que constará a duración en horas da súa participación no programa, así como a competencia adquirida e os módulos formativos cursados.

Este certificado poderá servir, total ou parcialmente, se é o caso, e logo dos requisitos que se determinen, para ser validado no seu momento polo certificado de profesionalidade previsto no Real decreto 797/1995, do 19 de maio, polo que se establecen directrices sobre os certificados de profesionalidade e os correspondentes contidos mínimos de formación profesional ocupacional.

2. A Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude, concederallos ós alumnos participantes diplomas nos que se recollerá a duración da súa participación no proxecto.

Capítulo III

Selección e contratación

Artigo 10º.-Normas xerais: grupo de traballo mixto.

1. A selección dos alumnos-traballadores así como a do director, docentes e persoal de apoio será realizada por un grupo de traballo mixto constituído para tal fin por persoal da delegación provincial da Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude e da entidade promotora. A presidencia do grupo de traballo mixto recaerá no representante da consellería que para o efecto sexa designado pola respectiva delegación provincial.

2. A este grupo corresponderalle establece-los criterios de selección de todo o persoal da escola obradoiro ou casa de oficios, de acordo co establecido nesta orde e normas que poidan desenvolvela, procurando a maior adaptabilidade dos seleccionados ás ocupacións e ás particulares circunstancias de dificultade destas.

3. Finalizados os procedementos de selección, o grupo de traballo mixto preparará a relación dos seleccionados como alumnos, persoal directivo, docente e de apoio, estendendo acta, por duplicado exemplar, de todo o actuado e remitiralle un exemplar á entidade promotora para o seu cumprimento e outro á delegación provincial da Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude.

Artigo 11º.-Procedemento de selección dos alumnos-traballadores.

1. Para a selección dos alumnos-traballadores, o grupo de traballo mixto determinará o perfil dos candidatos, os baremos e probas que poidan aplicarse, se é o caso, e os requisitos mínimos que aqueles deben cumprir, con suxeición ó previsto nos parágrafos seguintes.

2. En todo caso, a selección irá precedida da tramitación de oferta de actividade pola correspondente oficina de emprego, debendo esta observar, como requisitos que deben cumpri-los candidatos preseleccionados, os de:

a) Ser menores de vintecinco anos e que preferentemente non participasen noutra escola obradoiro ou casa de oficios.

b) Estar desempregados, entendéndose nesta situación ós demandantes de emprego rexistrados no Servicio Público de Emprego de Galicia, que carezan de ocupación remunerada e estean dispoñibles para o emprego

3. Ademais, tendo en consideración a adaptabilidade á oferta dos postos que se van desempeñar, consideraranse como criterios preferentes de selección o de ser persoas con discapacidade que lles permita realiza-los traballos, mulleres, o nivel de cobertura de desemprego e o tempo de permanencia na situación de desemprego.

4. O grupo de traballo mixto, practicará a selección de entre as relacións de desempregados confeccionadas pola oficina de emprego que deberán conter, no posible, tres candidatos por posto.

Artigo 12º.-Procedemento de selección do director, docentes e persoal de apoio.

1. Na selección do director, persoal docente e de apoio, o grupo de traballo mixto establecerá o procedemento selectivo, podendo utilizar oferta de emprego tramitada pola oficina de emprego, convocatoria pública ou ambas.

Así mesmo, corresponderalle ó grupo de traballo mixto:

-Determina-lo perfil, as características e os requisitos que deben cumpri-los candidatos, entre os que figurará o de estar preferentemente desempregado, tendo prioridade aquelas persoas que desempeñasen unha ocupación semellante nunha escola obradoiro, casa de oficios ou obradoiro de emprego.

-Elabora-las convocatorias.

-Establece-los baremos e, se é o caso, as probas que poidan aplicarse.

-Prepara-las ofertas de emprego que se tramitarán á oficina de emprego, se procedese.

-Difundi-las convocatorias a través dos medios de comunicación que se determinen, se é o caso.

2. A selección definitiva deberá ser realizada de entre os preseleccionados pola oficina de emprego e das solicitudes presentadas á convocatoria pública, se é o caso, debendo considerar, na medida do posible, tres candidatos por posto.

Artigo 13º.-Contratación dos alumnos-traballadores e do persoal directivo, docente e de apoio.

1. Os alumnos seleccionados incorporaranse á escola obradoiro ou casa de oficios ó inicio da primeira etapa de formación e, ó seu remate, a entidade

promotora contratará aqueles que a finalizasen con aproveitamento para comeza-la segunda etapa formativa.

2. A entidade promotora contratará ó persoal directivo, docente e de apoio que fose seleccionado e figure como tal nas actas do grupo de traballo.

3. Os contratos de traballo formalizaranse por escrito no modelo oficial correspondente, debendo facerse consta-la súa pertenza ó programa de escolas obradoiro e casas de oficios, a denominación do proxecto para o que se formaliza e, se é o caso, o número da oferta de emprego utilizada. Serán rexistrados na oficina de emprego, indicando a súa pertenza ó dito programa co indicador xenérico do grupo E. Ademais cada contrato deberá codificarse coas seguintes claves: T01 para alumno de escola obradoiro; T02 para docente e persoal de apoio da escola obradoiro; 001 para alumno de casa de oficios e 002 para docente e persoal de apoio de casa de oficios.

Artigo 14º.-Baixas.

1. De producirse a baixa dalgún alumno-traballador, poderá ser substituído por outro sempre que este teña unha base formativa suficiente para continua-lo proceso formativo no que consiste o proxecto, non podendo excede-la data de finalización do novo contrato da de remate da escola obradoiro ou casa de oficios.

2. A selección dos alumnos-traballadores para a cobertura das vacantes que se produzan, ó igual cá do persoal directivo, docente e de apoio que se contrate unha vez iniciado o proxecto, efectuarase polo procedemento que determine o grupo de traballo mixto para cubrir baixas.

Artigo 15º.-Incidencias e reclamacións.

1. As incidencias e reclamacións que se puideran suscitar derivadas dos procesos de selección serán resoltas polo grupo de traballo mixto.

2. Calquera que sexa o sistema de selección utilizado, seguiranse os criterios e procedementos establecidos polo Servicio Público de Emprego para a cobertura de ofertas de emprego, polo que non será de aplicación a normativa establecida para os procedementos de selección do persoal das distintas administracións públicas aínda cando a entidade promotora sexa un organismo público. Neste último caso, o persoal e alumnos seleccionados non se considerarán incluídos nos correspondentes cadros de persoal ou relacións de postos de traballo, polo que non será precisa oferta de emprego público previa.

Capítulo IV

Procedemento para a concesión de subvencións

Artigo 16º.-Solicitudes.

1. As entidades que, estando previstas no artigo 3º, desexen promover un proxecto de escola obradoiro ou casa de oficios e obte-las axudas e subvencións establecidas nesta orde, deberán formaliza-la corres

pondente solicitude, por duplicado exemplar, de conformidade co disposto no artigo 70 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, no modelo que se publica como anexo I, que estará ó seu dispor nas oficinas de emprego e nas delegacións provinciais e servicios centrais da Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude, subscrita polo seu representante legal, xunto coa documentación sinalada no artigo seguinte.

2. As solicitudes dirixiranse ás delegacións provinciais da Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude e presentaranse por calquera das formas previstas no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro.

Artigo 17º.-Documentación.

Xunto á solicitude, a documentación que se presentará, sempre por duplicado exemplar e en orixinais ou en copias compulsadas, será a seguinte:

a) A que acredite a personalidade xurídica da entidade solicitante, tendo en conta que:

-Se é un órgano da Administración xeral do Estado, un ente público desta ou da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia, un organismo autónomo estatal, autonómico ou local, unha mancomunidade ou un consorcio, deberá achegarse, segundo proceda, norma ou acordo de creación ou estatutos publicados no boletín oficial correspondente, podendo substituírse por unha certificación expedida para tal efecto.

-Se é unha fundación, asociación ou outra entidade sen ánimo de lucro, achegaranse escritura pública de constitución e estatutos debidamente inscritos no rexistro correspondente que acrediten a súa condición de entidade sen ánimo de lucro.

b) Tarxeta de identificación fiscal.

c) A que acredite a personalidade e o apoderamento suficiente de quen actúa en nome e representación da entidade solicitante. Esta circunstancia farase constar mediante copia da norma ou acordo de nomeamento publicada no correspondente boletín oficial ou mediante certificación expedida para o efecto.

d) As entidades locais e os seus organismos autónomos, deberán achegar certificación expedida polo secretario, na que se recolla o acordo de aprobación do proxecto de escola obradoiro ou casa de oficios e de solicitude de subvención á Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude, adoptado polo órgano competente.

e) A que acredite a titularidade xurídica do obxecto de actuación e a súa dispoñibilidade para realiza-las obras ou a prestación dos servicios previstos no proxecto. No caso de titularidade privada, documento de cesión para o seu uso público por un período de tempo non inferior a vintecinco anos.

f) As autorizacións administrativas que sexan esixibles atendendo a natureza xurídica e ó réxime de protección dos obxectos sobre os que se pretende actuar con ocasión do desenvolvemento da escola obradoiro ou casa de oficios. De non ser necesarias, achegarase certificación en tal sentido.

g) Declaración na que se recolla o conxunto de tódalas axudas ou subvencións que teña solicitadas ou concedidas para a mesma finalidade polas distintas administracións públicas competentes.

h) Proxecto para o que se solicita a subvención e que, como mínimo, constará dunha memoria, segundo o modelo que se publica como anexo II, na que se recollerán os seguintes aspectos:

-Descrición detallada da obra ou servicio que se vai realizar ou prestar, indicando o destino previsto para a súa utilización posterior. No caso de que a obra que se vai executar o requira, achegarase proxecto básico asinado por técnico competente. O dito proxecto básico constará, cando menos, de memoria descritiva, planos xerais e orzamento con estimación global por capítulos.

-Plan formativo da escola obradoiro ou casa de oficios por especialidades en relación co proxecto de obra ou servicio que se vai desenvolver, de xeito que se estableza a correspondencia entre o plan formativo por especialidades e as unidades de obra ou servicios. Os itinerarios formativos adecuaranse, na medida do posible, ó establecido nos reais decretos dos correspondentes certificados de profesionalidade ou, no seu defecto, especificaranse os módulos formativos da ocupación, indicando o número de horas e es seus contidos teórico-prácticos.

Cada itinerario formativo deberá incluí-la denominación dos módulos que o integran e a súa duración, o obxectivo xeral do módulo e os contidos teórico-prácticos.

-Orzamento e financiamento do proxecto, detallado segundo o disposto no artigo seguinte.

-Datas previstas de comezo e finalización da actividade da escola obradoiro ou casa de oficios.

-Informe sobre as estratexias de desenvolvemento e perspectivas de emprego, coa inclusión das previsións, o máis concretas posibles, de inserción laboral dos alumnos-traballadores, ó remate do proxecto.

i) Certificado no que consten as fontes de financiamento da parte do custo do proxecto que non sexa subvencionado pola Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude.

Artigo 18º.-Contido do orzamento.

Para os efectos do previsto na alínea h) do artigo anterior, o orzamento presentarase subdividido en:

1. Orzamento de gastos, periodificado por fases ou períodos semestrais, segundo o seguinte detalle:

a) Custos máximos totais derivados da contratación do persoal directivo, docente, administrativo e de apoio e dos alumnos-traballadores.

b) Custos máximos derivados do aboamento das bolsas ós alumnos durante a primeira fase do proxecto.

c) Custos máximos totais derivados do funcionamento e da xestión da escola obradoiro ou casa de oficios:

-Medios e materiais didácticos e de consumo.

-Material de oficina.

-Viaxes dos alumnos-traballadores para a súa formación.

-Amortización de equipos e instalacións. Cando a entidade promotora achegue, para o desenvolvemento do proxecto, bens (equipos e instalacións) amortizables, xuntarase relación valorada destes, incluíndo a cota de amortización no orzamento de gastos.

-Primas de seguro de accidentes dos alumnos durante a primeira fase, así como, se é o caso, o importe da póliza de responsabilidade civil para facer fronte ós riscos que para os bens e as persoas poidan derivarse da actuación profesional do persoal da escola obradoiro ou casa de oficios.

-Gastos xerais.

-Aluguer de instalacións, maquinaria e equipos.

-Outros gastos de funcionamento necesarios para o desenvolvemento do proxecto.

2. Orzamento de ingresos, expresando a parte financiada pola entidade promotora ou outras fontes de financiamento achegadas por entidades colaboradoras e a parte para a que se solicita financiamento á Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude. De se-lo caso, tamén se farán consta-los ingresos previstos como consecuencia, e sempre que se cumpra o establecido no artigo 29, do alleamento de bens producidos ou servicios prestados pola escola obradoiro ou casa de oficios.

Artigo 19º.-Emenda.

No suposto de que a solicitude non cumpra os requisitos esixidos ou a documentación achegada, contivera erros ou fora insuficiente, a delegación provincial da Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude competente por razón do territorio para a instrucción do expediente, requirirá a solicitante para que, no prazo de dez días hábiles, emende a falta ou achegue os documentos preceptivos, con indicación de que, se así non o fixese, considerarase que desistiu da súa petición, logo da correspondente resolución, de conformidade co previsto no artigo 71 da Lei 30/1992, do 26 de novembro.

Artigo 20º.-Comisión Central de Valoración.

1. Os expedientes, unha vez completos, remitiranse xunto co informe técnico emitido pola delegación provincial, no modelo que para o efecto estableza a Dirección Xeral de Fomento do Emprego, á Comisión Central de Valoración no prazo de quince días, para o seu estudio e proposta de resolución.

2. A dita Comisión Central de Valoración estará composta polo director xeral de Fomento do Emprego, que a presidirá; e serán vocais os catro delegados provinciais da Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude, actuando como secretario, con voz pero sen voto, o subdirector xeral de Escolas Obradoiro e Programas de Cooperación.

3. Cando por medio da proposta de resolución da Comisión Central de Valoración, se altere o número de alumnos ou o tempo de duración solicitados, a entidade promotora, no prazo de quince días, deberá realiza-los axustes e modificacións pertinentes no proxecto, para os efectos da súa aprobación segundo o previsto no artigo 22º.1.

Artigo 21º.-Criterios de valoración dos proxectos.

Na valoración dos proxectos teranse en consideración, entre outros, os seguintes criterios:

-Número de desempregados menores de 25 anos existente no ámbito territorial no que se desenvolva o proxecto.

-Perspectivas de emprego do colectivo participante.

-Adaptabilidade do proxecto para a participación de colectivos con especiais dificultades de inserción no mercado de traballo (persoas con discapacidade que lles permita realiza-los traballos, mulleres, nivel de cobertura de desemprego e tempo de permanencia na situación de desemprego).

-Carácter innovador do proxecto, tendo en conta a súa incidencia en novos viveiros de emprego, como:

a) Servicios de utilidade colectiva: rehabilitación do patrimonio artístico, histórico, cultural ou natural, revalorización de espacios públicos e urbanos, xestión de residuos, xestión de augas, protección e mantemento de zonas naturais e aqueles que incidan directa ou indirectamente no control da enerxía.

b) Servicios de ocio e culturais: promoción do turismo, desenvolvemento cultural e local.

c) Servicios personalizados de carácter cotián: coidado de nenos, prestación de servicios a domicilio a persoas discapacitadas ou maiores, axuda a xoves en dificultades e/ou con desarraigamento social.

-Calidade do proxecto, atendendo as actuacións que se van realizar e a súa adecuación para a cualificación e adquisición de experiencia profesional dos alumnos-traballadores e dos beneficios sociais que se prevexa xerar.

-Calidade do plan formativo e adecuación entre as especialidades propostas e as ocupacións máis ofertadas no mercado de traballo.

-Achegas da entidade promotora ou doutras entidades colaboradoras, especialmente cando estas achegas diminúan a subvención que poida concede-la Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude. Para tal efecto, terase en conta o esforzo investidor en cada caso.

-Resultados cualitativos e cuantitativos de anteriores proxectos de escolas obradoiros, casas de oficios ou obradoiros de emprego promovidos pola entidade solicitante e, en concreto:

a) Inserción dos participantes no mercado laboral.

b) Formación e experiencia profesional adquirida.

c) Resultado socioeconómico derivado da realización de proxectos de utilidade pública e social acollidos a esta orde e á reguladora do programa de obradoiros de emprego.

Artigo 22º.-Resolución.

1. Dentro dos seis meses seguintes á entrada da solicitude no rexistro do órgano competente para a súa tramitación, cumpridos os trámites previstos no artigo 20º e fiscalizada a proposta de resolución pola respectiva Intervención, o/a delegado/a provincial por delegación da conselleira de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude dictará a resolución outorgando ou denegando a concesión de subvención que será notificada de maneira que faga fe á entidade solicitante.

2. A resolución favorable conterá, como mínimo, os seguintes extremos:

a) Obxectivos básicos do proxecto, especialidades que se impartirán, número e, se é o caso, características dos beneficiarios.

b) Subvención outorgada con cargo ós orzamentos da Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude para o financiamento dos custos sinalados no artigo 24º, debendo facerse constar que o seu importe ten o carácter de estimado e que o seu aboamento quedará condicionado á existencia de crédito para tal fin nos futuros exercicios orzamentarios.

c) Duración da escola obradoiro ou casa de oficios e datas previstas para o seu comezo e para cada unha das súas fases.

d) Calquera outra especificación que se considere oportuna en cada caso concreto.

3. Transcorrido o prazo de seis meses sen que se notificase a resolución expresa, as entidades solicitantes deberán entender desestimada a súa solicitude.

4. Sen prexuízo do previsto no artigo 37º, toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención, e en todo caso a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión.

5. As resolucións dos expedientes instruídos ó abeiro do disposto nesta orde esgotan a vía administrativa, polo que, de conformidade co previsto no artigo 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdicción contencioso-administrativa, contra elas poderá interpoñerse recurso contencioso-administrativo perante o órgano xurisdiccional

competente, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ó da súa notificación, se fose expresa; se non o fose, o prazo será de seis meses e contarase, para a solicitante e outros posibles interesados, a partir do día seguinte a aquel no que se produza o acto presunto.

Potestativamente, e con anterioridade á interposición do antedito recurso contencioso-administrativo, de conformidade co previsto nos artigos 116 e 117 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, poderá interpoñerse o recurso de reposición ante a conselleira de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude, no prazo dun mes, se o acto fose expreso; se non o fose, o prazo será de tres meses e contarase, para a solicitante e outros posibles interesados, a partir do día seguinte a aquel no que se produza o acto presunto.

Todo isto sen prexuízo da interposición de calquera outro recurso que se considere oportuno para a defensa dos dereitos e intereses das entidades solicitantes e outros posibles interesados.

Artigo 23º.-Modificacións do proxecto.

1. Calquera modificación que implique un cambio de titularidade da entidade promotora, de obxecto de actuación ou de especialidades do proxecto formativo será considerada como esencial e deberá ser solicitada segundo o procedemento indicado anteriormente.

As delegacións provinciais remitirán as solicitudes, cando o informe técnico sexa favorable, á Dirección Xeral de Fomento do Emprego para que por parte desta se dictamine sobre a procedencia da modificación pretendida. A súa autorización correspóndelles ás delegacións provinciais, por delegación da conselleira de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude.

2. Os mencionados cambios deberán responder a causas excepcionais debidamente xustificadas que así o esixan.

3. Para a tramitación do cambio de titularidade, a entidade promotora titular deberá presentar ante a correspondente delegación provincial a seguinte documentación:

a) Solicitude de aceptación da súa renuncia e de cambio de titularidade do proxecto, debidamente xustificada.

b) Escrito de aceptación do cambio de titularidade pola nova entidade, xunto coa documentación esixible a teor do previsto no artigo 17º.

c) Balances dos dereitos e obrigas que se transfiren e de situación e xustificación das subvencións recibidas da Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude.

d) Acta conxunta pola que se acepta a liquidación e transferencia dos dereitos e obrigas co visto e prace

do delegado provincial da Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude.

4. As solicitudes de modificacións non esenciais non precisarán do dictame de procedencia da Dirección Xeral de Fomento do Emprego para ser resoltas pola delegación provincial. Da resolución que se dicte enviaráselle copia á dita dirección xeral.

Capítulo V

Financiamento e xustificación de subvencións

Artigo 24º.-Financiamento e obxecto da subvención.

1. O programa de escolas obradoiro e casas de oficios, financiarase con cargo os orzamentos xerais da Comunidade Autónoma a través das axudas e subvencións que conceda a Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude ou ben directamente con cargo ás partidas orzamentarias correspondentes.

2. No caso das axudas e subvencións da Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude para cada escola obradoiro e casa de oficios, que se determinará na resolución que aprobe o proxecto, destinarase exclusivamente a sufraga-los seguintes custos:

a) Os de formación profesional ocupacional e, se é o caso, educación básica durante tódalas etapas do proxecto.

b) As bolsas dos alumnos durante toda a 1º etapa formativa.

c) Os salariais derivados dos contratos que se subscriban cos alumnos-traballadores da escola obradoiro ou casa de oficios.

3. O importe da subvención concedida pola Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude, en ningún caso poderá ser de tal contía que, illadamente ou en concorrencia con subvencións ou axudas doutras administracións públicas ou doutros entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, supere o custo do proxecto.

Artigo 25º.-Subvención para custos de formación profesional ou ocupacional e educación básica. Bolsas.

1. Consideraranse como custos de formación ocupacional e, se é o caso, de educación básica, susceptibles de seren subvencionados:

-Os custos derivados da contratación do director, docentes e persoal de apoio.

-Medios e materiais didácticos e de consumo para a formación.

-Amortización de instalacións e equipos. Para o seu cálculo utilizaranse as táboas de coeficientes anuais de amortización oficialmente establecidas.

-Viaxes para a formación dos alumnos.

-Materiais de oficina.

-Aluguer de equipos e maquinaria, excluído o leasing.

-Gastos xerais.

-Outros gastos de funcionamento que sexan necesarios para o desenvolvemento do proxecto formativo.

-Durante a primeira etapa formativa, e nos casos en que, durante a etapa de contratación, se imparta formación fóra do contrato de traballo, compensarase o custo do seguro de accidentes dos alumnos, así como, se é o caso, o importe da póliza de responsabilidade civil para facer fronte ós riscos que para os bens e as persoas poidan derivarse da actuación profesional do persoal da escola obradoiro ou casa de oficios.

-As bolsas dos alumnos durante a primeira etapa formativa.

2. Non serán susceptibles de financiarse con cargo á subvención concedida:

-Os gastos de investimento tales como a adquisición de inmobles, instalacións, maquinarias e equipos.

-Os alugueres de edificios, locais, naves, aulas e o seu acondicionamento, sempre que non sexan resultado da práctica profesional dos traballadores participantes.

-Os gastos financeiros xerados por avais, anticipos bancarios ou análogos.

Artigo 26º.-Cálculo da subvención para custos de formación ocupacional e educación básica e bolsas.

1. Para os efectos do previsto no artigo anterior, o cálculo da subvención efectuarase por hora/alumno de formación e por módulos e fases:

-Mediante o módulo A, compensaranse os custos salariais do director e docentes que fosen seleccionados e contratados para a escola obradoiro ou casa de oficios, incluídos os orixinados polas cotas a cargo do empregador derivados de continxencias comúns e profesionais, Fondo de Garantía Salarial, desemprego e formación profesional.

-Mediante o módulo B, compensarase dos demais gastos enumerados no paragrafo 1 do artigo anterior, incluídos os do persoal de apoio contratado. Dado que os alumnos reciben formación, ben sexa teórica ou teórico-práctica, durante toda a xornada consideraranse horas formativas, as correspondentes á súa totalidade, tanto na primeira fase como nas demais fases de formación en alternancia.

2. Para o ano 2000 establécense os seguintes importes:

a) Primeira fase ou etapa de formación inicial:

-Módulo A: 312 pesetas/hora alumno.

-Módulo B: 222 pesetas/hora alumno.

b) Segunda etapa de formación en alternancia:

-Módulo A: 312 pesetas/hora alumno.

-Módulo B: 111 pesetas/hora alumno.

O incremento destes módulos para anos sucesivos será do 2% anual, mentres non se dicte disposición modificativa da dita porcentaxe.

3. A contía dos anteditos módulos é única para cada fase, aínda que se desenvolva en dous exercicios anuais distintos e será a que corresponda á data de inicio da fase.

4. O importe do módulo A ten en consideración a relación dun docente a xornada completa por cada oito alumnos.

O importe da subvención prevista para gastos de formación e funcionamento en cada fase será o equivalente ó resultado de multiplica-lo valor dos módulos A e B polo número de alumnos e polo total de horas considerando a xornada completa.

5. A subvención correspondente ás bolsas será o resultado de multiplicar 725 ptas. por 125, número de días lectivos estimados como correspondentes á primeira fase, e polo número de alumnos participantes previstos no proxecto.

Artigo 27º.-Subvención para custos salariais dos alumnos-traballadores.

O financiamento dos custos salariais dos alumnos-traballadores a través da subvención da Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude levarase a cabo de acordo cos seguintes criterios:

-Nos contratos para a formación, a Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude subvencionará o 75% do salario mínimo interprofesional anualmente establecido. Así mesmo, subvencionaranse a totalidade das cotas a cargo do empregador correspondentes a continxencias comúns e profesionais, Fondo de Garantía Salarial e formación profesional previstas nos artigos 13 e 14 do Real decreto 488/1998, do 27 de marzo, polo que se desenvolve o artigo 11 do Estatuto dos traballadores en materia de contratos formativos e normas de desenvolvemento.

-Nos contratos distintos ó de para a formación que se subscriban, a subvención da Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude será equivalente á establecida no punto anterior para os contratos para a formación, por salarios do traballador, máis as cotas á Seguridade Social e de recadación conxunta a cargo do empregador que correspondan, referidas a unha retribución do 75% do salario mínimo interprofesional anualmente establecido.

Artigo 28º.-Actualización da subvención.

O importe das cantidades efectivas que se aboarán en cada fase estará en función do incremento anual do valor dos módulos, do salario mínimo interprofesional e das cotizacións á Seguridade Social vixentes, do número de traballadores participantes en cada fase e da xustificación dos gastos subvencionados na fase anterior.

A actualización prevista no parágrafo anterior non será de aplicación ás cantidades correspondentes ás bolsas.

Artigo 29º.-Producción de bens e servicios.

Cando as escolas obradoiro e as casas de oficios, no desenvolvemento da súa actividade, produzan bens que, polo seu deseño e innovación, sexan susceptibles de comercialización, poderán allearse, sempre que non se incorra en competencia desleal. Os ingresos procedentes de tales alleamentos rexistraranse nos correspondentes libros de contabilidade e aplicaranse ás actividades da escola obradoiro ou casa de oficios.

Artigo 30º.-Convenios de colaboración.

As entidades promotoras poderán subscribir convenios de colaboración con outras entidades públicas ou privadas, mediante os cales se comprometan a achegar parte ou a totalidade do custo do proxecto, descontándose estas achegas da subvención que poida conceder a Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude. Esta circunstancia farase constar na memoria prevista no artigo 17º letra h).

Artigo 31º.-Pagamento.

1. O pagamento das subvencións farásellelo as delegacións provinciais da Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude ás entidades promotoras, logo de solicitude destas, no modelo que para o efecto estableza a Dirección Xeral de Fomento do Emprego, por períodos semestrais e en función das fases do proxecto que se expresen na resolución de concesión.

2. Unha vez iniciada a primeira fase, e logo da xustificación do comezo mediante a oportuna certificación emitida en tal sentido pola entidade promotora, aboaráselle a esta, en concepto de anticipo, unha cantidade equivalente ó custo subvencionado para ese período.

Rematada a fase anterior e logo da xustificación de gastos, no prazo dun mes contado desde a data da súa solicitude, aboaráselle ó promotor, en concepto de pagamento a conta da liquidación definitiva e a medida que o beneficiario xustifique os gastos, unha cantidade equivalente ó custo subvencionado correspondente á nova fase, sen que en ningún caso se exceda o límite do 80% do importe total da subvención para o conxunto do proxecto. Na segunda e sucesivas fases, para a determinación deste límite do 80% descontarase da base de cálculo o importe dos libramentos anteriores debidamente xustificados pola entidade promotora de acordo co establecido no artigo 33º.

3. O 20% restante aboaráselles ás entidades promotoras unha vez rematado o proxecto, xustificados tódolos gastos e presentada acta de liquidación do expediente nos termos dispostos nos artigos 33º e 35º.

4. Con carácter previo ós libramentos, a entidade beneficiaria deberá achegar unha declaración na que

se recolla o conxunto de tódalas axudas e subvencións que teña solicitadas ou concedidas para a mesma finalidade polas distintas administracións públicas competentes.

Artigo 32º.-Garantías.

1. No suposto de que as entidades promotoras teñan a condición xurídica de entes de dereito privado, con carácter previo á recepción dos libramentos previstos no artigo anterior, deberán depositar na Caixa Xeral de Depósitos avais ou garantías de calquera das clases admitidas en dereito, en favor da Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude, e suficientes en cantidade e calidade para responder da correcta aplicación da subvención concedida.

2. A garantía será librada cando sexa acreditado que a subvención concedida se aplicou á finalidade prevista e que foron xustificadas correctamente as cantidades percibidas en tal concepto.

Artigo 33º.-Forma de xustificación.

1. A entidade promotora, dentro do mes seguinte ó remate de cada fase, remitiralle á delegación provincial da Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude os xustificantes dos pagamentos efectuados con cargo ós fondos recibidos. A xustificación presentarase segundo o detalle indicado no modelo que para o efecto estableza a Dirección Xeral de Fomento do Emprego, non podendo efectuarse compensacións entre os distintos conceptos (bolsas, módulos A e B e salarios). Así mesmo, xuntarase a relación de pagamentos realizados con identificación dos perceptores e detalle das cantidades aboadas.

Unha vez verificada a xustificación por gastos efectuados, e no caso de ser inferior á cantidade establecida como subvención máxima xustificable no artigo seguinte, axustarase o correspondente saldo na próxima transferencia que se vaia efectuar.

2. A xustificación por horas realizadas deberá efectuarse mediante unha relación dos alumnos-traballadores participantes no período que se xustifica, con expresión das súas datas de alta e baixa, xunto coas copias dos seus contratos de traballo, prórrogas e partes de baixa na Seguridade Social.

Para a xustificación dos custos salariais dos alumnos-traballadores participantes, que se efectuará en función dos contratos efectivamente formalizados e pola duración correspondente en cada fase, será necesario achega-la documentación indicada no parágrafo anterior.

A antedita documentación deberá xuntarse á solicitude de transferencia de fondos correspondentes á seguinte fase, segundo o modelo que para o efecto estableza a Dirección Xeral de Fomento do Emprego.

3. Cando as entidades promotoras sexan organismos públicos, consideraranse documentos xustificativos dos pagamentos efectuados as certificacións expedidas para o efecto polos órganos competentes,

nas que consten detallados os pagamentos correspondentes a cada unha das partidas subvencionadas. Igualmente deberán achegar relación de xustificantes de gastos e pagamentos realizados con cargo ó módulo B.

En calquera caso, os documentos xustificativos individualizados deberán quedar dispoñibles para as actuacións de comprobación e control.

4. As asociacións, fundacións e entidades sen ánimo de lucro ás que se refire o artigo 3º.1 letra c), presentarán documentos xustificativos individualizados dos pagamentos efectuados.

5. No caso de que non se xustifique segundo o previsto nos parágrafos anteriores, non se realizarán novas provisións de fondos, e procederase á reclamación das cantidades non xustificadas de conformidade co procedemento establecido para o efecto.

6. Sen prexuízo do disposto nos parágrafos anteriores e da ulterior xustificación ó final da fase, a entidade promotora, antes do día 15 do mes en que aboe as bolsas, deberalle remitir á delegación provincial unha relación dos perceptores delas indicando as cantidades que lles serán aboadas en tal concepto e o número de días lectivos asistidos.

Artigo 34º.-Subvención máxima xustificable.

A subvención máxima que en cada fase se pode admitir como xustificada, por gastos de formación e funcionamento e para cada un dos módulos A e B, sen prexuízo das bolsas previstas no artigo 5º, non poderá exceder do que resulte de multiplica-lo número de horas realizadas por cada módulo. Para estes efectos, tamén serán consideradas como horas efectivas as dos alumnos que abandonen o proxecto e polo período de tempo comprendido entre a data da súa baixa e o remate da fase ou, se é o caso, a data de alta do alumno traballador que substitúa a dita baixa, e as correspondentes ós días lectivos non asistidos.

Igualmente, asimilaranse a horas de formación efectivamente impartidas as correspondentes ós períodos vacacionais anuais retribuídos desfrutados polos alumnos, establecidos legal ou convencionalmente.

Artigo 35º.-Liquidación.

1. Dentro do mes seguinte ó remate do proxecto, a entidade promotora remitirá á delegación provincial da Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude, nos modelos que para o efecto estableza a Dirección Xeral de Fomento do Emprego a seguinte documentación:

a) Xustificación dos pagamentos efectuados con cargo ós fondos correspondentes á segunda ou sucesivas fases, segundo proceda.

b) Relación de gastos realizados e os correspondentes xustificantes de pagamento.

c) Acta de liquidación e cadro resumo de xustificantes de gastos.

2. Unha vez verificada a xustificación presentada, e no caso de acordo, a delegación provincial da consellería daralle-la súa conformidade ós documentos antes sinalados, ó mesmo tempo que procede ó aboamento das cantidades previstas no artigo 31º.3 e, se é o caso, expide o certificado necesario para a liberación da garantía depositada na Caixa Xeral de Depósitos.

No suposto de desconformidade ou discrepancia, a delegación provincial descontará do pagamento do 20% restante as cantidades non xustificadas.

3. Revisada a xustificación e de existir un saldo positivo a favor da Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude, a delegación provincial iniciará o procedemento establecido para o reintegro das cantidades non xustificadas.

4. En todo caso, no prazo de tres meses posteriores á finalización da actividade do proxecto, a delegación provincial da Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude remitiralle á Dirección Xeral de Fomento do Emprego a documentación sinalada na alínea c) do parágrafo primeiro.

Capítulo VI

Obrigas, seguimento e control

Artigo 36º.-Obrigas.

Os beneficiarios das subvencións previstas nesta orde, estarán obrigados a:

a) Realiza-la actividade para a que se concede a subvención.

b) Acondicionar e dota-las instalacións de xeito que reúnan as condicións mínimas de seguridade que permitan o normal desenvolvemento das actividades formativas desde o inicio da actividade dos proxectos.

c) Contrata-los alumnos participantes, rematada a primeira fase do proxecto, e formalos nos aspectos teóricos e prácticos das actividades profesionais ou oficios obxecto do programa.

d) Acreditar ante a Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude a realización da actividade e o cumprimento dos requisitos esixidos para a concesión da subvención, achegando a documentación que lles sexa requirida co fin de comproba-lo cumprimento das obrigas que derivan da dita concesión.

e) Someterse ás actuacións de comprobación efectuadas pola Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude e ás da Inspección de Traballo e Seguridade Social, ás de control financeiro que corresponden á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, ás previstas na lexislación do Consello de Contas e ás que poidan corresponder, se é o caso, á Comisión e Tribunal de Contas da Unión Europea.

f) Comunicarlle á Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude a obtención doutras subvencións ou axudas para a mesma finalidade, procedentes de calquera outra Administración ou ente público nacional ou internacional, no momento de presenta-la solicitude e con carácter previo ós pagamentos.

g) Identificar convenientemente, para os efectos de difusión pública, as actividades e as obras e servicios que se realicen, tendo en conta que as actividades de publicidade e divulgación do proxecto se adecuarán á normativa correspondente.

h) Satisfacer, ó seu vencemento, as obrigas económicas que se deriven do funcionamento do proxecto subvencionado, especialmente as bolsas e as de carácter salarial, con independencia de que se percibise con anterioridade a subvención concedida.

i) Cumpri-las demais que se deriven da normativa aplicable ás subvencións previstas nesta orde.

Artigo 37º.-Incumprimento de obrigas.

O incumprimento total ou parcial por parte da entidade beneficiaria do establecido na normativa aplicable ó programa de escolas obradoiro e casas de oficios orixinará, á vista da natureza e causas do incumprimento e tendo en conta a súa incidencia na formación e cualificación profesional dos alumnos-traballadores participantes, o reintegro total ou parcial das cantidades que se recibisen xunto cos xuros de demora, nas condicións e de conformidade co establecido no texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia e nas súas normas de desenvolvemento.

Artigo 38º.-Asistencia, seguimento e avaliación.

1. As delegacións provinciais da Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude son os órganos encargados de realiza-la tarefas de supervisión, coordinación, asistencia técnica, seguimento e control da xestión das escolas obradoiros, casas de oficios así como das subvencións concedidas.

2. Ademais de tramita-lo expediente de solicitude, resolver esta, se é o caso, e transferi-los fondos correspondentes, deben realiza-las seguintes actuacións, na forma e cos procedementos que para o efecto estableza a Dirección Xeral de Fomento do Emprego:

-Asistencia, apoio e asesoramento técnico e administrativo á entidade promotora e á propia escola obradoiro ou casa de oficios, tanto na preparación do proxecto como na realización das actividades para as que se concede a subvención, para consegui-lo éxito do proxecto: creación de emprego, cualificación, adquisición de experiencia e inserción laboral, así como a correcta realización do traballo e actividades previstas.

-Seguimento da xestión, obtendo das escolas obradoiro e casas de oficios, a información referente a alumnos-traballadores, persoal directivo, docente e

de apoio e calquera outro dato que se considere de interese para o seguimento puntual da xestión, especialmente daqueles que serviron de base para a concesión da subvención.

-Control das subvencións recibidas e liquidación do expediente.

-Control dos resultados da escola obradoiro e casa de oficios para o que a entidade promotora, ós seis e doce meses da súa finalización lle remitirá, debidamente cuberto, o cuestionario de inserción laboral, ademais de estar obrigada a proporcionar calquera outra información que se considere pertinente con tal finalidade.

Disposicións adicionais

Primeira.-A concesión de axudas e subvencións previstas nesta orde estará supeditada á existencia de crédito orzamentario, sendo o seu límite global o crédito asignado na aplicación 14.04.241A.480.0 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2000 e fixado na exposición de motivos desta orde.

Segunda.-Apróbase a delegación de atribucións da conselleira de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude nos delegados/as provinciais, no ámbito das súas respectivas provincias, para resolve-la concesión ou denegación das axudas e subvencións previstas nesta orde, aprobación ou denegación das modificacións dos proxectos, así como para autoriza-los gastos e propoñe-la ordenación dos correspondentes pagamentos.

Terceira.-Se por calquera causa, no momento que a Comisión Central de Valoración teña que examina-las solicitudes, algún dos seus compoñentes non puidese asistir, será substituído pola persoa que para o efecto sexa designada pola conselleira de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude.

Disposicións transitorias

Primeira.-Os proxectos de escolas obradoiro e casas de oficios, aprobados con anterioridade á entrada en vigor desta orde, continuarán rexéndose pola normativa vixente no momento da súa aprobación.

Segunda.-As solicitudes presentadas ó abeiro da Orde do 5 de febreiro de 1999 e que non se resolvesen dentro do 1999, poderán resolverse no exercicio do ano 2000.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Autorízase o director xeral de Fomento do Emprego a dictar, no ámbito das súas competencias, as resolucións e instruccións necesarias para o desenvolvemento e a execución desta orde.

Segunda.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 4 de febreiro de 2000.

Manuela López Besteiro

Conselleira de Familia e Promoción do Emprego,

Muller e Xuventude