Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 32 Mércores, 16 de febreiro de 2000 Páx. 1.949

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE FAMILIA E PROMOCIÓN DO EMPREGO, MULLER E XUVENTUDE

ORDE do 3 de febreiro de 2000 pola que se desenvolve o Decreto 171/1999, do 27 de maio, e se establecen as bases reguladoras da concesión de axudas e subvencións ó programa de obradoiros de emprego.

O Decreto 171/1999, do 27 de maio, regula, no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, o programa de obradoiros de emprego como medida activa de emprego dirixida a mellora-las posibilidades de ocupación do colectivo de desempregados de vintecinco ou máis anos, especialmente daqueles grupos con especiais dificultades de inserción laboral, a través da combinación de accións de formación en alternancia coa práctica profesional mediante o desempeño dun traballo real e productivo. O que se trata, en definitiva, é de posibilitar, de facilita-la inserción laboral de determinados colectivos que se atopan en dificultades para conseguila: parados de longa duración maiores de corenta e cinco anos, mulleres e persoas con discapacidade.

O precitado decreto debuxa as grandes liñas do programa, sendo necesario agora o desenvolvemento e regulación detallada do seu contido. Así, nesta orde abórdase a convocatoria pública e o establecemento de axudas e subvencións ás entidades promotoras, obxecto, requisitos dos beneficiarios, prazo e forma da aplicación definitiva dos fondos, forma e prazo de concesión das subvencións e a concesión de anticipos.

Esta convocatoria axústase ó disposto no Decreto 377/1998, do 23 de decembro, polo que se establece o réxime xeral das axudas e subvencións da Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude, en materia de medidas activas de emprego, no texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia e, en concreto, no relativo ós principios de obxectividade, concorrencia e publicidade na concesión das axudas e subvencións e ó disposto na Lei 7/1999, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2000.

De conformidade co previsto no citado texto refundido, o financiamento do programa regulado nesta orde, entre outros, realizarase con cargo ós créditos que figuran na aplicación orzamentaria 14.04.241A.480.0 por un importe total de 4.151.747.000 ptas.

Estes créditos poderán ser obxecto de modificacións como consecuencia da asignación ou da redistribución de fondos para o financiamento dos programas de fomento do emprego, coas limitacións que estableza a Conferencia Sectorial de Asuntos Laborais ou as disposicións aplicables ás axudas cofinanciadas polo Fondo Social Europeo, todo iso no marco dos acordos para o crecemento e o emprego en Galicia 1998-2001.

Consecuentemente con todo o anterior, consultado o Consello Galego de Relacións Laborais, logo do informe favorable da Asesoría Xurídica Xeral da Xunta de Galicia e en exercicio das facultades que me confire o artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, da Xunta e do seu presidente en relación coa disposición derradeira primeira do Decreto 171/1999, do 27 de maio,

DISPOÑO:

Capítulo I

Disposicións xerais

Artigo 1º.-Obxecto.

Esta orde ten por obxecto o desenvolvemento da regulación contida no Decreto 171/1999, do 27 de maio, así como o establecemento das bases para a concesión de axudas e subvencións pola Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude ó programa de obradoiros de emprego.

Artigo 2º.-Beneficiarios do programa.

Poderán ser beneficiario deste programa os desempregados de ambos sexos que, estando inscritos no Servicio Público de Emprego de Galicia, teñan vintecinco ou máis anos, tendo prioridade aqueles que teñan especiais dificultades de inserción no mercado de traballo, tales como parados de longa duración, maiores de corenta e cinco anos, mulleres e persoas con discapacidade que lles permita realiza-los traballos.

Artigo 3º.-Beneficiarios da subvención: entidades promotoras.

1. Os proxectos de obradoiros de emprego poderán ser promovidos por:

a) Órganos, organismos autónomos e entes públicos da Administración Xeral do Estado e da Comunidade Autónoma de Galicia.

b) Entidades locais e os seus organismos autónomos.

c) Fundacións, asociacións e outras entidades sen ánimo de lucro.

2. As entidades promotoras deberán ser competentes para a execución das correspondentes obras ou servicios e dispoñer da capacidade técnica e de xestión suficientes para a realización dos proxectos.

Artigo 4º.-Duración.

Os obradoiros de emprego terán unha duración máxima dun ano.

Artigo 5º.-Contratación.

Os traballadores participantes serán contratados a tempo completo pola entidade promotora desde o inicio da actividade do obradoiro de emprego, seguindo a modalidade contractual máis adecuada, e percibirán as retribucións que lles correspondan de conformidade coa normativa aplicable.

Capítulo II

Formación

Artigo 6º.-Formación ocupacional.

1. Durante o desenvolvemento do proxecto, os traballadores participantes recibirán formación profesional ocupacional, segundo o plan formativo incluído na memoria esixida no artigo 17º letra h), en alternancia coa práctica profesional. A formación adecuarase, se é o caso, ós contidos mínimos establecidos no real decreto que regule o certificado de profesionalidade da ocupación relacionada co oficio ou posto de traballo que se desempeñe, de acordo co establecido nos números 1º e 2º do artigo 3 do Real decreto 797/1995, do 19 de maio, polo que se establecen directrices sobre os certificados de profesionalidade e os correspondentes contidos mínimos de formación profesional ocupacional.

2. O tempo dedicado a formación teórica, que se computará para tódolos efectos como xornada efectiva de traballo, determinarase no contrato en atención ás características do oficio ou posto de traballo que se desempeñe, do número de horas establecido para o módulo formativo adecuado ó posto e á duración do contrato. En ningún caso o antedito tempo de formación será inferior ó 25% da xornada máxima prevista no convenio colectivo ou, no seu defecto, da xornada máxima legal.

Artigo 7º.-Orientación, información profesional, formación empresarial e asistencia técnica.

1. Os traballadores participantes en obradoiros de emprego, durante todo o proceso formativo, recibirán orientación, asesoramento e información profesional e formación empresarial, para o que os obradoiros de emprego deberán contar co persoal e métodos axeitados.

2. Ó termo da actividade do obradoiro de emprego, as entidades promotoras prestarán asistencia técnica ós traballadores participantes, tanto para a busca de emprego por conta allea como para o establecemento por conta propia. Para iso actuarán, se é o caso, mediante as súas propias unidades ou organismos de orientación e asesoramento, en colaboración coa Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude. No caso de existir iniciativas emprendedoras de autoemprego, poderase promove-la súa inclusión en viveiros de empresas ou en actuacións similares. Con esta finalidade, as entidades promotoras poderán solicitar á antedita consellería e a outras administracións públicas as axudas establecidas para os distintos programas de apoio á creación de emprego.

Artigo 8º.-Educación básica.

1. Para os traballadores participantes que non alcanzasen os obxectivos da educación secundaria obrigatoria previstos na Lei orgánica 1/1990, do 3 de outubro, de ordenación xeral do sistema educativo e de conformidade co disposto no seu artigo 23.2º, poderán organizarse, en colaboración coa Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, programas específicos co fin de proporcionarlles unha formación básica e profesional que lles permita incorporarse á vida activa ou prosegui-los seus estudios nas distintas ensinanzas reguladas na dita lei orgánica e, especialmente, mediante as probas de acceso previstas no seu artigo 32.1º.

2. O disposto no parágrafo anterior, tamén será aplicable ós que non posúan o título de graduado escolar, por ter este os mesmos efectos profesionais que o de graduado en educación secundaria, segundo establece a disposición adicional cuarta da referida lei orgánica.

Artigo 9º.-Certificacións e diplomas.

1. Ó remate da súa participación no obradoiro de emprego os traballadores recibirán un certificado, expedido pola entidade promotora, no modelo que para o efecto estableza a Dirección Xeral de Fomento do Emprego, no que constará a duración en horas da súa participación no programa, así como a competencia adquirida e os módulos formativos cursados.

Este certificado poderá servir, total ou parcialmente, se é o caso, e logo dos requisitos que se determinen, para ser validado no seu momento polo certificado de profesionalidade previsto no Real decreto 797/1995, do 19 de maio, polo que se establecen directrices sobre os certificados de profesionalidade e os correspondentes contidos mínimos de formación profesional ocupacional.

2. A Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude concederalle ós traballadores participantes diplomas nos que se recollerá a duración da súa participación no proxecto.

Capítulo III

Selección e contratación do persoal

Artigo 10º.-Normas xerais: grupo de traballo mixto.

1. A selección dos traballadores desempregados así como a do director, docentes e persoal de apoio, será realizada por un grupo de traballo mixto constituído para tal fin por persoal da delegación provincial da Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude e da entidade promotora. A presidencia do grupo de traballo mixto recaerá no representante da consellería que para o efecto sexa designado pola respectiva delegación provincial.

2. A este grupo corresponderalle establece-los criterios de selección de todo o persoal do obradoiro de emprego, de acordo co establecido nesta orde

e normas que poidan desenvolvela, procurando a maior adaptabilidade dos seleccionados ás ocupacións e ás particulares circunstancias de dificultade destas.

3. Finalizados os procedementos de selección, o grupo de traballo mixto preparará a relación dos seleccionados como traballadores participantes, persoal directivo, docente e de apoio, redactando acta, por exemplar duplicado, de todo o actuado e remitiralle un exemplar á entidade promotora para o seu cumprimento e outro á delegación provincial da Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude.

Artigo 11º.-Procedemento de selección dos traballadores desempregados.

1. Para a selección dos traballadores desempregados, o grupo de traballo mixto determinará o perfil dos candidatos, os baremos e probas que poidan aplicarse, se é o caso, e os requisitos mínimos que aqueles deben cumprir, con suxeición ó previsto nos parágrafos seguintes.

2. En todo caso, a selección irá precedida da tramitación da oferta de emprego pola correspondente oficina de emprego, debendo esta observar, como requisitos mínimos que deben cumpri-los candidatos preseleccionados, os de:

a) Ter vintecinco ou máis anos.

b) Estar desempregados, entendéndose nesta situación os demandantes de emprego rexistrados no Servicio Público de Emprego de Galicia, que carezan de ocupación remunerada e estean dispoñibles para o emprego.

3. Ademais, tendo en consideración a adaptabilidade á oferta dos postos que se van desempeñar, consideraranse como criterios preferentes de selección:

-Ter especiais dificultades de inserción no mercado de traballo, tales como parados de longa duración, maiores de corenta e cinco anos, mulleres e persoas con discapacidade que lles permita realiza-los traballos.

-Non ter participado anteriormente noutro obradoiro de emprego, escola obradoiro ou casa de oficios.

-Existencia de responsabilidades familiares, entendéndose por estas ter a cargo do traballador o cónxuxe, fillos menores de vinteseis anos, maiores incapacitados ou menores acollidos.

-Nivel de protección por desemprego dos posibles beneficiarios, tendo preferencia aqueles desempregados con menor nivel de protección, sendo prioritarios os non perceptores do subsidio por desemprego.

4. O grupo de traballo mixto, practicará a selección de entre as relacións de desempregados confeccionadas pola oficina de emprego que deberán conter, no posible, tres candidatos por posto.

Artigo 12º.-Procedemento de selección do director, docentes e persoal de apoio.

1. Na selección do director, persoal docente e de apoio, o grupo de traballo mixto establecerá o procedemento selectivo, podendo utilizar oferta de emprego tramitada pola oficina de emprego, convocatoria pública ou ambas.

Así mesmo, corresponderalle ó grupo de traballo mixto:

-Determina-lo perfil, as características e os requisitos que deben cumpri-los candidatos, entre os que figurará o de estar preferentemente desempregado, tendo prioridade aquelas persoas que desempeñasen unha ocupación semellante nunha escola obradoiro, casa de oficios ou obradoiro de emprego.

-Elabora-las convocatorias.

-Establece-los baremos e, se é o caso, as probas que poidan aplicarse.

-Prepara-las ofertas de emprego que se tramitarán á oficina de emprego, se procedese.

-Difundi-las convocatorias a través dos medios de comunicación que se determinen, se é o caso.

2. A selección definitiva deberá ser realizada de entre os preseleccionadas pola oficina de emprego e das solicitudes presentadas á convocatoria pública, se é o caso, debendo considerar, na medida do posible, tres candidatos por posto.

Artigo 13º.-Contratación dos traballadores participantes e do persoal directivo, docente e de apoio.

1. Desde o comezo do obradoiro de emprego, os seleccionados como traballadores participantes, segundo as actas do grupo de traballo mixto, serán contratados pola entidade promotora, utilizando a modalidade contractual máis acorde coas circunstancias do traballador e do proxecto e percibirán as retribucións que lles correspondan de conformidade co previsto na normativa aplicable. A contratación será a tempo completo e a duración máxima do contrato non poderá supera-la duración do obradoiro de emprego.

2. Así mesmo, a entidade promotora contratará o persoal directivo, docente e de apoio que fose seleccionado e figure como tal nas actas do grupo de traballo.

3. Os contratos de traballo formalizaranse por escrito no modelo oficial correspondente, debendo facerse consta-la súa pertenza ó programa de obradoiros de emprego, a denominación do obradoiro de emprego para o que se formaliza e, se é o caso, o número da oferta de emprego utilizada. Serán rexistrados na oficina de emprego, indicando a súa pertenza ó dito programa co indicador xenérico do grupo «E». Ademais cada contrato deberá codificarse coa clave EO1, para traballador participante, e EO2 para persoal directivo, docente e de apoio.

Artigo 14º.-Baixas.

1. De producirse a baixa dalgún traballador participante, poderá ser substituído por outro sempre

que este teña unha base formativa suficiente para continua-lo proceso formativo no que consiste o proxecto, non podendo excede-la data de finalización do novo contrato da de remate do obradoiro de emprego.

2. A selección dos traballadores para a cobertura das vacantes que se produzan ó igual ca do persoal directivo, docente e de apoio que se contrate unha vez iniciado o proxecto, efectuarase polo procedemento que determine o grupo de traballo mixto para cubrir baixas.

Artigo 15º.-Incidencias e reclamacións.

1. As incidencias e reclamacións que se puideran suscitar derivadas dos procesos de selección serán resoltas polo grupo de traballo mixto.

2. Calquera que sexa o sistema de selección utilizado, seguiranse os criterios e procedementos establecidos polo Servicio Público de Emprego, para a cobertura de ofertas de emprego, polo que non será de aplicación a normativa establecida para os procedementos de selección do persoal das distintas administracións públicas aínda cando a entidade promotora sexa un organismo público. Neste último caso, o persoal e os traballadores seleccionados non se considerarán incluídos nos correspondentes cadros de persoal ou relacións de postos de traballo, polo que non será precisa oferta de emprego público previa.

Capítulo IV

Procedemento para a concesión de subvencións

Artigo 16º.-Solicitudes.

1. As entidades que, estando previstas no artigo 3, desexen promover un proxecto de obradoiro de emprego e obte-las axudas e subvencións establecidas nesta orde, deberán formaliza-la correspondente solicitude, de conformidade co disposto no artigo 70 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, no modelo que se publica como anexo I, que estará ó seu dispor nas oficinas de emprego e nas delegacións provinciais e servicios centrais da Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude, subscrita polo seu representante legal xunto coa documentación sinalada no artigo seguinte.

2. As solicitudes dirixiranse ás delegacións provinciais da Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude e presentaranse por calquera da formas previstas no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro.

Artigo 17º.-Documentación.

Xunto á solicitude, a documentación que se presentará, sempre por duplicado exemplar e en orixinais ou en copias compulsadas, será a seguinte:

a) A que acredite a personalidade xurídica da entidade solicitante tendo en conta que:

-Se é un órgano da Administración xeral do Estado, un ente público desta ou da Administración da

Comunidade Autónoma de Galicia, un organismo autónomo estatal, autonómico ou local, unha mancomunidade ou un consorcio, deberá achegarse, segundo proceda, norma ou acordo de creación ou estatutos publicados no boletín oficial correspondente, podendo substituirse por unha certificación expedida para tal efecto.

-Se é unha fundación, asociación ou outra entidade sen ánimo de lucro, achegarase escritura pública de constitución e estatutos debidamente inscritos no rexistro correspondente, que acrediten a súa condición de entidade sen ánimo de lucro.

b) Tarxeta de identificación fiscal.

c) A que acredite a personalidade e o apoderamento suficiente de quen actúa en nome e representación da entidade solicitante. Esta circunstancia farase constar mediante copia da norma ou acordo de nomeamento publicada no correspondente boletín oficial ou mediante certificación expedida para o efecto.

d) As entidades locais e os seus organismos autónomos, deberán achegar certificación expedida polo secretario, na que se recolla o acordo de aprobación do proxecto de obradoiro de emprego e de solicitude de subvención á Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude, adoptado polo órgano competente.

e) A que acredite a titularidade xurídica do obxecto de actuación e a súa dispoñibilidade para realiza-las obras ou a prestación dos servicios previstos no proxecto. No caso de titularidade privada, documento de cesión para o seu uso público por un período de tempo non inferior a vintecinco anos.

f) As autorizacións administrativas que sexan esixibles atendendo á natureza xurídica e ó réxime de protección dos obxectos sobre os que se pretende actuar con ocasión do desenvolvemento do obradoiro de emprego. De non ser necesarias, achegarase certificación en tal sentido.

g) Declaración na que se recolla o conxunto de tódalas axudas ou subvencións que teña solicitadas ou concedidas para a mesma finalidade polas distintas administracións públicas competentes.

h) Proxecto para o que se solicita a subvención e que, como mínimo, constará dunha memoria, segundo o modelo que se publica como anexo II, na que se recollerán os seguintes aspectos:

-Descrición detallada da obra ou servicio que se vai realizar ou prestar, indicando o destino previsto para a súa utilización posterior. No caso de que a obra que se vai executar o requira, achegarase proxecto básico asinado por técnico competente. O dito proxecto básico constará, cando menos, de memoria descritiva, planos xerais e orzamento con estimación global por capítulos.

-Plan formativo do obradoiro de emprego por especialidades e en relación co proxecto de obra ou servicio que se vai desenvolver, de xeito que se estableza a correspondencia entre o plan formativo por especialidades e as unidades de obra ou servicio. Os itinerarios formativos adecuaranse, na medida do posible, ós establecido nos reais decretos dos correspondentes certificados de profesionalidade ou, no seu defecto, especificaranse os módulos formativos da ocupación, indicando o número de horas e os seus contidos teórico-prácticos.

Cada itinerario formativo deberá incluí-la denominación dos módulos que o integran e a súa duración, o obxectivo xeral do módulo e os contidos teórico-prácticos.

-Orzamento e financiamento do proxecto, detallado segundo o previsto no artigo seguinte.

-Datas previstas de comezo e finalización da actividade do obradoiro de emprego.

-Informe sobre as estratexias de desenvolvemento e perspectivas de emprego, con inclusión de previsións, o máis concretas posible, de inserción laboral dos traballadores participantes, ó remate do obradoiro de emprego.

i) Certificado no que consten as fontes de financiamento da parte do custo do proxecto que non sexa subvencionado pola Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude.

Artigo 18º.-Contido do orzamento.

Para os efectos do previsto na alínea h) do artigo anterior, o orzamento do proxecto presentarase subdividido en:

1. Orzamento de gastos, periodificado por fases ou períodos non superiores a seis meses, tendo en consideración que no caso de obradoiros de emprego que teñan unha duración superior a seis meses e inferior a doce, a primeira fase será de seis meses e a segunda do resto. O orzamento presentarase segundo o seguinte detalle:

a) Custos máximos totais derivados da contratación do persoal directivo, docente, administrativo e de apoio e dos traballadores participantes.

b) Custos máximos totais derivados do funcionamento e da xestión do proxecto:

-Medios e materiais didácticos e de consumo.

-Material de oficina.

-Viaxes dos traballadores participantes para a súa formación.

-Amortización de equipos e instalacións. Cando a entidade promotora achegue, para o desenvolvemento do proxecto, bens (equipos e instalacións) amortizables, presentarase relación valorada de bens, incluíndo a cota de amortización no orzamento de gastos.

-Se é o caso, o importe da póliza de responsabilidade civil para facer fronte ós riscos que para os bens e as persoas poidan derivarse da actuación profesional do persoal do obradoiro de emprego.

-Gastos xerais.

-Aluguer de instalacións, maquinaria e equipos.

-Outros gastos de funcionamento necesarios para o desenvolvemento do proxecto.

2. Orzamento de ingresos, expresando a parte financiada pola entidade promotora ou outras fontes de financiamento achegadas por entidades colaboradoras e a parte para a que se solicita financiamento á Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude. De se-lo caso, tamén se farán consta-los ingresos previstos como consecuencia, e sempre que se cumpra o establecido no artigo 29º, do alleamento de bens producidos ou servicios prestados polo obradoiro de emprego.

Artigo 19º.-Emenda.

No suposto de que a solicitude non cumpra os requisitos esixidos ou a documentación achegada contivera erros ou fora insuficiente, a delegación provincial da Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude, competente por razón do territorio para a instrucción do expediente, requirirá a solicitante para que, no prazo de dez días hábiles, emende a falta ou achegue os documentos preceptivos, con indicación de que se así non o fixese se considerará desistida da súa petición, logo da correspondente resolución de conformidade co disposto no artigo 71 da Lei 30/1992, do 26 de novembro.

Artigo 20º.-Comisión Central de Valoración.

1. Os expedientes, unha vez completos, remitiranse xunto co informe técnico emitido pola delegación provincial, no modelo que para o efecto estableza a Dirección Xeral de Fomento do Emprego, á Comisión Central de Valoración no prazo de quince días, para o seu estudio e proposta de resolución.

2. A dita Comisión Central de Valoración estará composta polo director xeral de Fomento do Emprego, que a presidirá; e serán vocais os catro delegados provinciais da Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude, actuando como secretario, con voz pero sen voto, o subdirector xeral de Escolas Obradoiro e Programas de Cooperación.

3. Cando por medio da proposta de resolución da Comisión Central de Valoración, se altere o número de alumnos ou o tempo de duración solicitados, a entidade promotora, no prazo de quince días, deberá realiza-los axustes e modificacións pertinentes no proxecto, para os efectos da súa aprobación segundo o previsto no artigo 22º.1.

Artigo 21º.- Criterios de valoración dos proxectos.

Na valoración dos proxectos teranse en consideración, entre outros, os seguintes criterios:

-Adaptabilidade do proxecto para a participación dos colectivos sinalados como preferentes de actuación.

-Número de desempregados maiores de vintecinco ou máis anos existentes no ámbito territorial no que se desenvolva o proxecto.

-Perspectivas de emprego do colectivo participante.

-Carácter innovador do proxecto, tendo en consideración a súa incidencia en novos viveiros de emprego como:

a) Servicios de utilidade colectiva: revalorización de espacios públicos e urbanos, xestión de residuos, xestión de augas, protección e mantemento de zonas naturais e aqueles que incidan directa ou indirectamente no control da enerxía.

b) Servicios de ocio e culturais: promoción do turismo, desenvolvemento cultural e local.

c) Servicios personalizados de carácter cotián: coidado de nenos, prestación de servicios a domicilio a persoas discapacitadas ou maiores, axuda a xoves en dificultades e con desarraigamento social.

-Calidade do proxecto, atendendo ás actuacións que se van realizar e á súa adecuación para a cualificación e adquisición de experiencia profesional dos traballadores participantes e dos beneficios sociais que se prevexa xerar.

-Calidade do plan formativo e adecuación entre as especialidades propostas e ocupacións máis ofertadas no mercado de traballo.

-Achegas da entidade promotora ou doutras entidades colaboradoras, especialmente cando as ditas achegas diminúan a subvención que poida concede-la Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude. Para tal efecto, terase en conta o esforzo investidor en cada caso.

-Resultados cualitativos e cuantitativos de anteriores proxectos de obradoiros de emprego, escolas obradoiro ou casas de oficios promovidos pola entidade solicitante e, en concreto:

a) Inserción dos participantes no mercado laboral.

b) Formación e experiencia profesional adquirida.

c) Resultado socioeconómico derivado da realización de proxectos de utilidade pública e social acollidos a esta orde e á reguladora do programa de escolas obradoiro e casas de oficios.

Artigo 22º.-Resolución.

1. Dentro dos seis meses seguintes á entrada da solicitude no rexistro do órgano competente para a súa tramitación, cumpridos os trámites previstos no artigo 20 e fiscalizada a proposta de resolución pola respectiva Intervención, o/a delegado/a provincial por delegación da conselleira de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude dictará resolución pola que outorgue ou denegue a concesión de subvención que será notificada de maneira que faga fe á entidade solicitante.

2. A resolución favorable conterá, como mínimo, os seguintes extremos:

a) Obxectivos básicos do proxecto, especialidades que se impartirán, número e, se é o caso, características dos beneficiarios.

b) Subvención outorgada con cargo ós orzamentos da Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude para o financiamento dos custos sinalados no artigo 24º, debendo facerse constar que o seu importe ten o carácter de estimado e que o seu aboamento quedará condicionado á existencia de crédito para tal fin nos futuros exercicios orzamentarios.

c) Duración do obradoiro de emprego e datas previstas para o seu comezo e para cada unha das súas fases.

d) Calquera outra especificación que se estime oportuna en cada caso concreto.

3. Transcorrido o prazo de seis meses sen que se notificase a resolución expresa, as entidades solicitantes deberán entender desestimada a súa solicitude.

4. Sen prexuízo do previsto no artigo 37º, toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención, e en todo caso a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión.

5. As resolucións dos expedientes instruídos ó abeiro do disposto nesta orde esgotan a vía administrativa, polo que, de conformidade co previsto no artigo 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdicción contencioso-administrativa, contra elas poderá interpoñerse recurso contencioso-administrativo perante o órgano xurisdiccional competente, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ó da súa notificación, se fose expresa; se non o fose o prazo será de seis meses e contarase, para a solicitante e outros posibles interesados, a partir do día seguinte a aquel no que se produza o acto presunto.

Potestativamente, e con anterioridade á interposición do antedito recurso contencioso-administrativo, de conformidade co previsto nos artigos 116 e 117 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, poderá interpoñerse o recurso de reposición ante a conselleira de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude, no prazo dun mes, se o acto fose expreso; se non o fose, o prazo será de tres meses e contarase, para a solicitante e outros posibles interesados, a partir do día seguinte a aquel no que se produza o acto presunto.

Todo isto sen prexuízo da interposición de calquera outro recurso que se considere oportuno para a defensa dos dereitos e intereses das entidades solicitantes e outros posibles interesados.

Artigo 23º.-Modificacións do proxecto.

1. Calquera modificación que implique un cambio de titularidade da entidade promotora, de obxecto de actuación ou de especialidades do proxecto formativo será considerada como esencial e deberá ser solicitada segundo o procedemento indicado anteriormente.

As delegacións provinciais remitirán as solicitudes, cando o informe técnico sexa favorable, á Dirección Xeral de Fomento do Emprego para que por parte desta se dictamine sobre a procedencia da modificación pretendida. A súa autorización correspóndelles ás delegacións provinciais, por delegación da conselleira de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude.

2. Os mencionados cambios deberán responder a causas excepcionais debidamente xustificadas que así o esixan.

3. Para a tramitación do cambio de titularidade, a entidade promotora titular deberá presentar ante a correspondente delegación provincial a seguinte documentación:

a) Solicitude de aceptación da súa renuncia e de cambio de titularidade do proxecto, debidamente xustificada.

b) Escrito de aceptación do cambio de titularidade pola nova entidade, xunto coa documentación esixible a teor do previsto no artigo 17º.

c) Balances dos dereitos e obrigas que se transfiren e de situación e xustificación das subvencións recibidas da Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude.

d) Acta conxunta aceptando a liquidación e transferencia dos dereitos e obrigas co visto e prace do delegado provincial da Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude.

4. As solicitudes de modificacións non esenciais non precisarán do dictame de procedencia da Dirección Xeral de Fomento do Emprego para ser resoltas pola delegación provincial. Da resolución que se dicte enviarase copia á dita dirección xeral.

Capítulo V

Financiamento e xustificación de subvencións

Artigo 24º.- Financiamento e obxecto da subvención.

1. O programa de obradoiros de emprego financiarase con cargo ós orzamentos xerais da Comunidade Autónoma a través das axudas e subvencións que conceda a Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude ou ben directamente con cargo ás partidas orzamentarias correspondentes.

2. No caso das axudas e subvencións da Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude para cada obradoiro de emprego, que se determinará na resolución que aprobe o proxecto,

destinarase exclusivamente a sufraga-los seguintes custos:

-Os de formación profesional ocupacional e, se é o caso, educación básica durante as etapas do proxecto.

-Os salariais derivados dos contratos que se subscriban cos traballadores participantes no obradoiro de emprego.

3. O importe da subvención concedida pola Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude en ningún caso poderá ser de tal contía que, illadamente ou en concorrencia con subvencións ou axudas doutras administracións públicas ou doutros entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, supere o custo do proxecto.

Artigo 25º.-Subvención para custos de formación ocupacional e educación básica.

1. Consideraranse como custos de formación ocupacional e, se é o caso, de educación básica, susceptibles de seren subvencionados:

-Os custos derivados da contratación do director, docentes e persoal de apoio.

-Medios e materiais didácticos e de consumo para a formación.

-Amortización de instalacións e equipos. Para o seu cálculo, utilizaranse as táboas de coeficientes anuais de amortización oficialmente establecidas.

-Viaxes para a formación dos traballadores participantes.

-Materiais de oficina.

-Aluguer de equipos e maquinaria, excluído o leasing.

-Gastos xerais.

-Outros gastos de funcionamento que sexan necesarios para o desenvolvemento do proxecto formativo.

-Se é o caso, o importe da póliza de responsabilidade civil para facer fronte ós riscos que para os bens e as persoas poidan derivarse da actuación profesional do persoal do obradoiro de emprego.

2. Non serán susceptibles de financiarse con cargo á subvención concedida:

-Os gastos de investimento, tales como adquisición de inmobles, instalacións, maquinarias e equipos.

-Os alugueres de edificios, locais, naves, aulas e o seu acondicionamento, sempre que non sexan resultado da práctica profesional dos traballadores participantes.

-Os gastos financeiros xerados por avais, anticipos bancarios ou análogos.

Artigo 26º.-Cálculo da subvención para custos de formación ocupacional e educación básica.

1. Para efectos do previsto no artigo anterior, o cálculo da subvención efectuarase por hora/traba

llador participante de formación e por módulos e fases:

-Mediante o módulo A, compensaranse os custos salariais do director e docentes que fosen seleccionados e contratados para o obradoiro de emprego, incluídos os orixinados polas cotas a cargo do empregador derivados de continxencias comúns e profesionais, Fondo de Garantía Salarial, desemprego e formación profesional.

-Mediante o módulo B, compensarase dos demais gastos enumerados no parágrafo 1º do artigo anterior, incluídos os de persoal de apoio contratado. Dado que os participantes reciben formación, sexa teórica ou teórico-práctica, durante toda a xornada, consideraranse horas formativas as correspondentes á súa totalidade.

2. Para o ano 2000 establécense os seguintes importes:

-Módulo A: 312 pesetas/hora traballador participante.

-Módulo B: 111 pesetas/hora traballador participante.

O incremento destes módulos para anos sucesivos será do 2% anual, mentres non se dicte disposición modificativa da dita porcentaxe.

3. A contía dos anteditos módulos é única para cada fase, aínda que se desenvolva en dous exercicios anuais distintos e será a que corresponda á data de inicio da fase.

4. O importe do módulo A ten en consideración a relación dun docente a xornada completa por cada oito traballadores.

O importe da subvención prevista para gastos de formación e funcionamento en cada fase será o equivalente ó resultado de mutiplica-lo valor dos módulos A e B polo número de traballadores participantes e polo total de horas considerando a xornada completa.

Artigo 27º.-Subvención para custos salariais dos traballadores participantes.

A subvención para o financiamento dos custos salariais dos traballadores participantes consistirá nunha cantidade equivalente ó 150% do salario mínimo interprofesional anualmente establecido, incluída a parte proporcional de dúas pagas extraordinarias, ou a contía prevista no convenio colectivo de aplicación, de ser esta inferior, máis as correspondentes cotas á Seguridade Social por tódolos conceptos con cargo ó empregador.

Artigo 28º.-Actualización da subvención.

O importe das cantidades efectivas que se aboarán en cada fase estará en función do incremento anual do valor dos módulos, do salario mínimo interprofesional e das cotizacións á Seguridade Social vixentes, do número de traballadores participantes en cada fase e da xustificación dos gastos subvencionados na fase anterior.

Artigo 29º.-Producción de bens e servicios.

Cando os obradoiros de emprego, no desenvolvemento da súa actividade produzan bens que, polo seu deseño e innovación, sexan susceptibles de comercialización, poderán allearse, sempre que non se incorra en competencia desleal. Os ingresos procedentes de tales alleamentos rexistraranse nos correspondentes libros de contabilidade e aplicaranse ás actividades do obradoiro de emprego.

Artigo 30º.-Convenios de colaboración.

As entidades promotoras poderán subscribir convenios de colaboración con outras entidades públicas ou privadas, mediante os cales se comprometan a achegar parte ou a totalidade do custo do proxecto, descontándose estas achegas da subvención que poida conceder a Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude. Esta circunstancia farase constar na memoria que acompaña a solicitude recollida no artigo 17º, letra h).

Artigo 31º.-Pagamento.

1. O pagamento das subvencións farano as delegacións provinciais da Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude ás entidades promotoras, logo de solicitude destas, por períodos non superiores a seis meses, no modelo que para o efecto estableza a Dirección Xeral de Fomento do Emprego, e en función das fases ou períodos do proxecto que se expresen na resolución de concesión.

2. Con carácter xeral, acreditado o inicio do primeiro período pola entidade promotora, mediante a oportuna certificación, aboaráselle a esta, en concepto de anticipo, unha cantidade equivalente ó custo subvencionado correspondente a ese período.

Rematada a fase anterior e logo de xustificación de gastos, no prazo dun mes contado desde a data da súa solicitude, aboaráselle ó promotor, en concepto de pagamento a conta da liquidación definitiva e a medida que o beneficiario xustifique os gastos, unha cantidade equivalente ó custo subvencionado correspondente ó segundo período, sen que en ningún caso se supere o límite do 80% do importe total da subvención para o conxunto do proxecto. Para a determinación deste límite do 80% descontarase do cálculo o importe do libramento anterior debidamente xustificado pola entidade promotora, de acordo co establecido no artigo 33º.

3. Cando o obradoiro de emprego conste dunha fase e unha vez acreditado o seu inicio na forma prevista no parágrafo segundo, aboaráselle á entidade promotora, en concepto de anticipo, unha cantidade equivalente ó 50% do importe total da subvención para o conxunto do proxecto.

Neste caso, despois de recibida a súa solicitude, poderá aboarse ó promotor, en concepto de pagamento a conta e a medida que o beneficiario xustifique os gastos, unha cantidade equivalente ó 30% do importe total da subvención para o conxunto do proxecto.

4. O 20% ou, se é o caso, o 50% restante aboaráselles ás entidades promotoras unha vez rematado o obradoiro de emprego, xustificados tódolos gastos e presentada a acta de liquidación do expediente nos termos dispostos nos artigos 33º e 35º.

5. Con carácter previo ós libramentos, a entidade beneficiaria deberá achegar unha declaración na que se recolla o conxunto de tódalas axudas e subvencións que teña solicitadas ou concedidas para a mesma finalidade polas distintas administracións públicas competentes.

Artigo 32º.-Garantías.

1. No suposto de que as entidades promotoras teñan a condición xurídica de entes de dereito privado, con carácter previo á recepción dos libramentos previstos no artigo anterior, deberán depositar na Caixa Xeral de Depósitos avais ou garantías, de calquera das clases admitidas en dereito, en favor da Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude, e suficientes en cantidade e calidade para responder da correcta aplicación da subvención concedida.

2. A garantía será liberada cando sexa acreditado que a subvención concedida se aplicou á finalidade prevista e que foron xustificadas correctamente as cantidades percibidas en tal concepto.

Artigo 33º.-Forma de xustificación.

1. A entidade promotora, dentro do mes seguinte ó final de cada fase ou período considerado, remitirá á delegación provincial da Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude os xustificantes dos pagamentos efectuados con cargo ós fondos recibidos. A xustificación presentarase segundo o detalle indicado no modelo que para o efecto estableza a Dirección Xeral de Fomento do Emprego, non podendo efectuarse compensacións entre os distintos conceptos (módulo A, módulo B e salarios dos traballadores participantes). Así mesmo, xuntarase relación dos pagamentos realizados con identificación dos perceptores e detalle das cantidades aboadas.

Unha vez verificada a xustificación por gastos efectuados, e no caso de ser inferior á cantidade establecida como subvención máxima xustificable no artigo seguinte, axustarase o correspondente saldo na próxima transferencia que se vaia efectuar.

2. A xustificación por horas realizadas deberá efectuarse mediante unha relación dos traballadores participantes no período que se xustifica, con expresión das súas datas de alta e baixa, xunto coas copias dos seus contratos de traballo, prórrogas e partes de baixa na Seguridade Social.

Para a xustificación dos custos salariais dos traballadores participantes, que se efectuará en función dos contratos efectivamente formalizados e pola duración correspondente en cada fase, será necesario achegar a documentación indicada no parágrafo anterior.

A antedita documentación deberá xuntarse á solicitude de transferencia de fondos correspondentes á seguinte fase, segundo o modelo que para o efecto estableza a Dirección Xeral de Fomento do Emprego.

3. Cando as entidades promotoras sexan organismos públicos, consideraranse documentos xustificativos dos pagamentos efectuados as certificacións expedidas para o efecto polos órganos competentes, nas que consten detallados os pagamentos correspondentes a cada unha das partidas subvencionadas. Igualmente deberán presentar relación de xustificantes de gastos e pagamentos realizados con cargo ó módulo B.

En calquera caso, os documentos xustificativos individualizados deberán quedar dispoñibles para as actuacións de comprobación e control.

4. As asociacións, fundacións e entidades sen fins de lucro ás que se refire o artigo 3º.1, letra c), presentarán documentos xustificativos individualizados dos pagamentos efectuados.

5. No caso de que non se xustifique segundo o previsto nos parágrafos anteriores, non se realizarán novas provisións de fondos e procederase á reclamación das cantidades non xustificadas de conformidade co procedemento establecido para o efecto.

Artigo 34º.-Subvención máxima xustificable.

A subvención máxima que se poderá admitir como xustificada en cada período, por gastos de formación e funcionamento, para cada un dos módulos A e B, non poderá exceder do que resulte de multiplica-lo número de horas realizadas por cada módulo. Para estes efectos, tamén serán consideradas como horas efectivas as correspondentes ós participantes que abandonen o proxecto e polo tempo comprendido entre a data da súa baixa e o remate do período ou, se é o caso, a data de alta do traballador participante que substitúa a dita baixa e as correspondentes ós días lectivos non asistidos.

Igualmente asimilaranse a horas de formación efectivamente impartidas as correspondentes ós períodos de vacacións anuais retribuídos, desfrutados polos traballadores participantes, establecidos legal ou convencionalmente.

Artigo 35º.-Liquidación do expediente.

1. Dentro do mes seguinte ó remate do obradoiro de emprego, a entidade promotora remitirá á delegación provincial da Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude, nos modelos que para o efecto estableza a Dirección Xeral de Fomento do Emprego, a seguinte documentación:

a) Xustificación dos pagamentos efectuados con cargo ós fondos correspondentes á segunda ou única fase, segundo proceda.

b) Relación de gastos realizados e os correspondentes xustificantes de pagamento.

c) Acta de liquidación e cadro resumo de xustificacións de gastos.

2. Unha vez verificada a xustificación presentada, e no caso de acordo, a delegación provincial da Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude dará a súa conformidade ós documentos antes sinalados, ó mesmo tempo que procede ó aboamento das cantidades previstas no artigo 31º.4 e, se é o caso, expide o certificado necesario para a liberación da garantía depositada na Caixa Xeral de Depósitos.

No suposto de desconformidade ou discrepancia, a delegación provincial descontará do pagamento do 20% restante as cantidades non xustificadas.

3. Revisada a xustificación e de existir un saldo positivo a favor da Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude, a delegación provincial iniciará o procedemento establecido para o reintegro das cantidades non xustificadas.

4. En todo caso, no prazo de tres meses posteriores á finalización da actividade do obradoiro de emprego, a delegación provincial da Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude remitirá á Dirección Xeral de Fomento do Emprego a documentación sinalada na alínea c) do parágrafo primeiro.

Capítulo VI

Obrigas, seguimento e control

Artigo 36º.-Obrigas.

Os beneficiarios das subvencións previstas nesta orde estarán obrigados a:

a) Realiza-la actividade para a que se conceda a subvención.

b) Acondicionar e dota-las instalacións de xeito que reúnan as condicións mínimas de seguridade que permitan o normal desenvolvemento das actividades formativas desde o inicio da actividade do proxecto.

c) Contrata-los traballadores participantes desde o inicio do obradoiro de emprego e formalos nos aspectos teóricos e prácticos das actividades profesionais ou oficios obxecto do programa.

d) Acreditar ante a Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude a realización da actividade e o cumprimento dos requisitos esixidos para a concesión da subvención, achegando a documentación que lles sexa requirida co fin de comproba-lo cumprimento das obrigas que derivan da dita concesión.

e) Someterse ás actuacións de comprobación efectuadas pola Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude e ás da Inspección de Traballo e Seguridade Social, ás de control financeiro que corresponden á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, ás previstas na lexislación do Consello de Contas e ás que poidan corresponder, se é o caso, á Comisión e ó Tribunal de Contas da Unión Europea.

f) Comunicarlle á Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude a obtención doutras subvencións ou axudas para a mesma finalidade, procedentes de calquera outra Administración ou ente público nacional ou internacional, no momento de presenta-la solicitude e con carácter previo ós pagamentos.

g) Identificar convenientemente, para os efectos de difusión pública, as actividades e as obras e servicios que se realicen, tendo en conta que as actividades de publicidade e divulgación do proxecto adecuaranse á normativa correspondente.

h) Satisfacer, ó seu vencemento, as obrigas económicas que se deriven do funcionamento do proxecto subvencionado, especialmente as de carácter salarial, con independencia de que se percibise con anterioridade a subvención concedida.

i) Cumpri-las demais obrigas que se deriven da normativa aplicable ás axudas e subvencións previstas nesta orde.

Artigo 37º.-Incumprimento de obrigas.

O incumprimento total ou parcial por parte da entidade beneficiaria do establecido na normativa aplicable ó programa de obradoiros de emprego orixinará, á vista da natureza e causas do incumprimento e tendo en conta a súa incidencia na formación e cualificación profesional dos traballadores participantes, o reintegro total ou parcial das cantidades que se recibisen xunto cos xuros de demora, nas condicións e de conformidade co establecido no texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia e nas súas normas de desenvolvemento.

Artigo 38º.-Asistencia, seguimento e avaliación.

1. As delegacións provinciais da Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude son os órganos encargados de realiza-las tarefas de supervisión, coordinación, asistencia técnica, seguimento e control da xestión dos obradoiros de emprego así como das subvencións concedidas.

2. Ademais de tramita-lo expediente de solicitude, resolver esta, se é o caso, e transferi-los fondos correspondentes, deben realiza-las seguintes actuacións, na forma e cos procedementos que para o efecto estableza a Dirección Xeral de Fomento do Emprego:

-Asistencia, apoio e asesoramento técnico e administrativo á entidade promotora e ó propio obradoiro de emprego, tanto na preparación do proxecto como na realización das actividades para as que se concede a subvención, para consegui-lo éxito do proxecto: creación de emprego, cualificación, adquisición de experiencia e inserción laboral, así como a correcta realización e desenvolvemento do traballo e actividades previstas.

-Seguimento da xestión, obtendo dos obradoiros de emprego a información referente a traballadores participantes, persoal directivo, docente e de apoio e calquera outro dato que se considere de interese

para o seguimento puntual da xestión, especialmente daqueles que serviron de base para a concesión da subvención.

-Control das subvencións recibidas e liquidación do expediente.

-Control dos resultados do obradoiro de emprego, para o que a entidade promotora, ós seis e doce meses da súa finalización, lle remitirá, debidamente cuberto, o cuestionario de inserción laboral, ademais de estar obrigada a proporcionar calquera outra información que se estime pertinente con tal finalidade.

Disposicións adicionais

Primeira.-A concesión das axudas e subvencións previstas nesta orde estará supeditada á existencia de crédito orzamentario, sendo o seu límite global o crédito asignado na aplicación 14.04.241A.480.0 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2000 fixado na exposición de motivos desta orde.

Segunda.-Apróbase a delegación de atribucións da conselleira de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude nos delegados/as provinciais, no ámbito das súas respectivas provincias, para resolve-la concesión ou denegación das axudas e subvencións previstas nesta orde, aprobación ou denegación das modificacións dos proxectos, así como para autoriza-los gastos e propoñe-la ordenación dos correspondentes pagamentos.

Terceira.-Se por calquera causa no momento no que a Comisión Central de Valoración teña que examina-las solicitudes, algún dos seus compoñentes non puidese asistir, será substituído pola persoa que para o efecto sexa designada pola conselleira de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude.

Disposicións transitorias

Primeira.-Os proxectos de obradoiros de emprego, aprobados con anterioridade á entrada en vigor desta orde, continuarán rexéndose pola normativa vixente no momento da súa aprobación.

Segunda.-As solicitudes presentadas ó abeiro da Orde do 16 de xullo de 1999 e que non se resolvesen dentro do 1999, poderán resolverse no exercicio do ano 2000.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Autorízase o director xeral de Fomento do Emprego a dictar, no ámbito das súas competencias, as resolucións e instruccións necesarias para o desenvolvemento e execución desta orde.

Segunda.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 3 de febreiro de 2000.

Manuela López Besteiro

Conselleira de Familia e Promoción do Emprego,

Muller e Xuventude