A formación continuada dos profesionais sanitarios concibida como o conxunto de actividades formativas destinadas a manter ou mellora-la competencia profesional, unha vez obtida a titulación básica ou a especialidade correspondente, pode ser acreditada a través dun sistema único e válido para todo o Sistema Nacional de Saúde, que se coordina eficazmente entre tódalas administracións públicas.
O Decreto 8/2000, do 7 de xaneiro, que regula a organización do sistema acreditador da formación continuada dos profesionais sanitarios na Comunidade Autónoma de Galicia dispón a creación da Comisión Autonómica de Formación Continuada, do Comité de Acreditación e dunha Secretaría Técnica que dea soporte técnico-administrativo a ámbalas dúas.
A disposición derradeira segunda do antedito decreto establece que no prazo dun mes desde a súa publicación debe constituírse a Comisión Autonómica de Formación Continuada. Para tal fin, de acordo coas atribucións que me confire o artigo 38 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente, reformada pola Lei 11/1998, do 20 de outubro,
DISPOÑO:
Artigo 1º
Os nomeamentos e cesamentos dos membros da Comisión Autonómica faranse mediante orde comunicada dirixida ás persoas que no seu momento desempeñen os cargos que se relacionan no artigo 2 do Decreto 8/2000, do 7 de xaneiro.
Co fin de nomea-lo representante dos directores de escolas de enfermería, fisioterapia e podoloxía, o representante dos colexios oficiais de farmacéuticos de Galicia e o representante da Mesa Sectorial de Sanidade, convocaranse os interesados para que propoñan o nomeamento da persoa electa, o que se lle notificará mediante orde comunicada. A elección farase segundo os criterios que os propios interesados consideren máis oportunos.
O representante do Consello Universitario de Galicia será proposto polo conselleiro de Educación e Ordenación Univeristaria.
Artigo 2º
O responsable da Secretaría Técnica nomearase por proposta do director xeral da División de Asis
tencia Sanitaria, onde se situará funcionalmente esta unidade tecnico-administrativa.
Santiago de Compostela, 10 de febreiro de 2000.
José María Hernández Cochón
Conselleiro de Sanidade e Servicios Sociais