Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 31 Martes, 15 de febreiro de 2000 Páx. 1.914

VI. ANUNCIOS

DA ADMINISTRACIÓN AUTONÓMICA

CONSELLERÍA DE INDUSTRIA E COMERCIO

RESOLUCIÓN do 13 de xaneiro de 2000, da Dirección Xeral de Industria, pola que se autorizan as instalacións electromecánicas e se aproba o proxecto de execución da central hidroeléctrica do río Landro, no río Landro, termo municipal de Muras e Ourol, provincia de Lugo. (Expediente 5292 A.T.).

Visto o escrito presentado pola sociedade municipal Hidroeléctrica del Ourol, S.R.L., con enderezo para efectos de notificacións en Concello de Ourol, Estrada Xeral s/n de 27865 Ourol, Lugo, polo que se solicita autorización administrativa, aprobación do proxecto das novas instalacións electromecánicas do aproveitamento hidroeléctrico no río Landro, situado no río Landro, Concello de Muras e Ourol, provincia de Lugo, resultan os seguintes

Antecedentes de feito.

Primeiro.-A sociedade municipal Hidroeléctrica del Ourol, S.R.L. solicitou unha concesión para derivar un caudal de auga de ata 1.370 l/sg do río Landro, no termo municipal de Muras e Ourol (Lugo) con destino á producción de enerxía eléctrica xuntando a documentación esixida no Real decreto 916/1985, do 25 de maio, polo que se establece o procedemento abreviado de tramitación de concesións e autorizacións administrativas para a instalación, ampliación ou adaptación de aproveitamentos hidroeléctricos cunha potencia nominal que non exceda de 5.000 kVA, modificado polo Real decreto 249/1988, do 18 de marzo.

Segundo.-A solicitude de autorización administrativa da central someteuse ó trámite de información pública, para os efectos previstos no artigo 9 do Decreto 2617/1966, do 20 de outubro, sobre autorización de instalacións eléctricas, seguindo o procedemento establecido no Real decreto 916/1985, do 25 de maio, xa citado.

Terceiro.-O 4 de agosto de 1998, a Dirección Xeral de Calidade Ambiental acordou aproba-la declaración de efectos ambientais correspondente ó dito proxecto.

Cuarto.-O 24 de xuño de 1999, Augas de Galicia resolveu outorgarlle á sociedade municipal Hidroeléctrica del Ourol, S.R.L. a concesión para aproveitar 1.370 l/sg do río Landro, con destino á producción de enerxía eléctrica na central do río Landro, termo municipal de Ourol e Muras (Lugo). O tramo afectado polo aproveitamento será o comprendido entre a cota 543-280 m.

Quinto.-As instalacións electromecánicas da central hidroeléctrica do río Landro, segundo o proxecto de execución dela, asinado polo enxeñeiro de camiños, canais e portos Edmundo Pascual e polo enxeñeiro industrial Ángel Lobo Bedmar, constan dun equipo productivo, que se situará no edificio da central, constituído polos seguintes elementos:

-Unha turbina Pelton de eixo horizontal, de 3.044 kW de potencia.

-Un xerador síncrono trifásico de 3.500 kVA de potencia, tensión nominal de 6 kV e frecuencia 50 Hz.

-Un transformador de potencia trifásico de 3.500 kVA, relación de transformación 6 kV/20 kV.

-Instalacións de medida, control, protección e manobra.

Sexto.-A Delegación Provincial da Consellería de Industria e Comercio en Lugo emitiu informe favorable, polo que se propón a autorización administrativa, aprobación do proxecto de execución.

Fundamentos de dereito.

Primeiro.-A Dirección Xeral de Industria é competente para resolver este expediente con fundamento no Estatuto de autonomía de Galicia, o Real decreto 2563/1982, do 24 de xullo, o Decreto 132/1982, do 4 de novembro, e o Decreto 99/1998, do 26 de marzo, polo que se establece a estructura orgánica da Consellería de Industria e Comercio, modificado polo Decreto 181/1999, do 17 de xuño, en relación co Decreto 2617/1966, do 20 de outubro, o Real decreto 916/1985, do 25 de maio, modificado por Real decreto 249/1998, do 18 de marzo.

Segundo.-No expediente instruído para o efecto cumpríronse os trámites regulamentarios.

Esta dirección xeral, de acordo con todo o que antecede e no exercicio das competencias que ten atribuídas,

RESOLVE:

1º Autoriza-la instalación dos equipos electromecánicos reflectidos no proxecto denominado aproveitamento hidroeléctrico no río Landro, concello de Muras e Ourol, provincia de Lugo.

2º Aproba-lo proxecto de execución das instalacións electromecánicas da citada central hidroeléctrica.

Queda obrigada a empresa titular da instalación a notifica-lo comezo e remate das obras para a súa inspección e posta en marcha, podendo a Administración autonómica deixar sen efecto esta resolución, despois do oportuno expediente, no momento en que observe incumprimento dos regulamentos, condicionantes técnicos e de seguridade, medidas correctoras establecidas polos organismos e entidades que constan no expediente deste aproveitamento hidroeléctrico.

Contra esta resolución, que non é definitiva en vía administrativa, poderá interpoñer recurso de alzada, perante o conselleiro de Industria e Comercio da Xunta de Galicia, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 13 de xaneiro de 2000.

Ramón Ordás Badía

Director xeral de Industria