Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 31 Martes, 15 de febreiro de 2000 Páx. 1.915

VI. ANUNCIOS

DA ADMINISTRACIÓN AUTONÓMICA

CONSELLERÍA DE INDUSTRIA E COMERCIO

RESOLUCIÓN do 17 de xaneiro de 2000, da Dirección Xeral de Industria, pola que se autorizan as instalacións electromecánicas e se aproba o proxecto de execución da central hidroeléctrica do río Xanceda, no río Xanceda, termo municipal de Ourol, provincia de Lugo. (Expediente 5293 A.T.).

Visto o escrito presentado pola sociedade municipal Hidroeléctrica del Ourol, S.R.L, con enderezo para efectos de notificacións no Concello de Ourol, estrada xeral s/n de 27865 Ourol (Lugo), polo que se solicita a autorización administrativa, aprobación do proxecto das novas instalacións electromecánicas do aproveitamento hidroeléctrico no río Xanceda, situado no río Xanceda, concello de Ourol, provincia de Lugo, resultan os seguintes

Antecedentes de feito.

Primeiro.-A sociedade municipal Hidroeléctrica del Ourol, S.R.L solicitou unha concesión para derivar un caudal de auga de ata 1.800 l/sg do río Xanceda, no termo municipal de Ourol (Lugo) con destino á producción de enerxía eléctrica acompañando a documentación esixida no Real decreto 916/1985, do 25 de maio, polo que se establece o procedemento abreviado de tramitación de concesións e autorizacións administrativas para a instalación, ampliación ou adaptación de aproveitamentos hidroeléctricos cunha potencia nominal que non exceda de 5.000 kVA, modificado polo Real decreto 249/1988, do 18 de marzo.

Segundo.-A solicitude de autorización administrativa da central someteuse a trámite de información pública para os efectos previstos no artigo 9 do Decreto 2617/1966, do 20 de outubro, sobre autorización de instalacións eléctricas, seguindo o procedemento establecido no Real decreto 916/1985, do 25 de maio, xa citado.

Terceiro.-O 11 de agosto de 1998, a Dirección Xeral de Calidade Ambiental acordou aproba-la declaración de efectos ambientais correspondente o dito proxecto.

Cuarto.-O 6 de xullo de 1999, Augas de Galicia resolveu outorgarlle á sociedade municipal Hidroeléctrica del Ourol, S.R.L. a concesión para aproveitar 1.800 l/s do río Xanceda, con destino á producción de enerxía eléctrica na central do río Xanceda, termo municipal de Ourol (Lugo). O tramo afectado polo aproveitamento será o comprendido entre a cota 393-230 m.

Quinto.-As instalacións electromecánicas da central hidroeléctrica do río Xanceda, segundo o proxecto de execución dela, asinado polo enxeñeiro de camiños, canais e portos Edmundo Pascual e polo enxeñeiro industrial Ángel Lobo Bedmar, constan dun equipo productivo, que se situarán no edificio da central, constituído polos seguintes elementos:

-Unha turbina Pelton de eixo vertical, de 2.410 kW de potencia.

-Un xerador síncrono trifásico de 2.500 kVA de potencia, tensión nominal de 6 kV e frecuencia 50 Hz.

-Un transformador de potencia trifásico de 2.500 kVA, relación de transformación 6 kV/20 kV.

-Instalacións de medida, control, protección e manobra.

Sexto.-A Delegación Provincial da Consellería de Industria e Comercio de Lugo emitiu informe favorable, no que propón a autorización administrativa, aprobación do proxecto de execución.

Fundamentos de dereito.

Primeiro.-A Dirección Xeral de Industria é competente para resolver este expediente con fundamento no Estatuto de autonomía de Galicia, o Real decreto 2563/1982, do 24 de xullo, o Decreto 132/1982, do 4 de novembro, e o Decreto 99/1998, do 26 de marzo, polo que se establece a estructura orgánica da Consellería de Industria e Comercio, modificado polo Decreto 181/1999, do 17 de xuño, en relación co Decreto 2617/1966, do 20 de outubro, o Real decreto 916/1985, do 25 de maio, modificado por Real decreto 249/1998, do 18 de marzo.

Segundo.-No expediente instruído para o efecto cumpríronse os trámites regulamentarios.

Esta dirección xeral, de acordo con todo o que antecede e no exercicio das competencias que ten atribuídas,

RESOLVE:

1º Autoriza-la instalación dos equipos electromecánicos reflectidos no proxecto denominado aproveitamento hidroeléctrico no río Xanceda, concello de Ourol, provincia de Lugo.

2º Aproba-lo proxecto de execución das instalacións electromecánicas da citada central hidroeléctrica.

Queda obrigada a empresa titular da instalación, a notifica-lo comezo e remate das obras para a súa inspección e posta en marcha, podendo a Administración autonómica deixar sen efecto esta resolución, despois do oportuno expediente, no momento que observe incumprimento dos regulamentos, condicionantes técnicos e de seguridade, medidas correctoras establecidas polos organismos e entidades que constan no expediente deste aproveitamento hidroeléctrico.

Contra esta resolución, que non é definitiva en vía administrativa, poderá interpoñer recurso de alzada, perante o conselleiro de Industria e Comercio da Xunta de Galicia, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 17 de xaneiro de 2000.

Ramón Ordás Badía

Director xeral de Industria