Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 31 Martes, 15 de febreiro de 2000 Páx. 1.901

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

INSTITUTO GALEGO DE PROMOCIÓN ECONÓMICA

RESOLUCIÓN do 28 de xaneiro de 2000 pola que se lle dá publicidade ó acordo do Consello de Dirección do Instituto Galego de Promoción Económica que aproba a reorganización do seu persoal directivo.

O Consello de Dirección do Igape na súa reunión, celebrada o día 27 de xaneiro de 2000, adoptou o seguinte acordo:

De acordo co previsto na Lei 5/1992, do 10 de xuño, de creación do Instituto Galego de Promoción Económica, acórdase por unanimidade dos membros asistentes ó Consello de Dirección do Instituto a reorganización do seu persoal directivo.

1. Órganos superiores de dirección do instituto.

Para o desenvolvemento das funcións que o Igape ten encomendadas e recollidas no artigo 4 da Lei 5/1992, do 10 de xuño, de creación do instituto, conta cos seguintes órganos superiores:

1.1. O presidente.

1.2. O director xeral.

1.1. Ó presidente que será, por razón do seu cargo, o conselleiro de Economía e Facenda, correspóndelle a representación do Igape en toda clase de actos ou negocios xurídicos e exercerá no seu nome accións e recursos e ademais as competencias que se lle asignan na citada Lei 5/1992 no seu artigo 11.

1.2. Ó director xeral, que será nomeado polo Consello de Dirección, por proposta do conselleiro, correspóndelle exerce-las competencias que se establecen no artigo 12 da Lei 5/1992 e aquelas que lle fosen expresamente delegadas polo presidente ou o Consello de Dirección.

2. Persoal directivo do instituto.

O Instituto Galego de Promoción Económica estructúrase nos seguintes órganos directivos:

2.1. Área de Promoción, Innovación e Información Empresarial.

2.2. Área de Financiamento.

2.3. Secretaría Xeral.

2.4. Delegacións dos Centros de Promoción de Negocios do Instituto no Exterior.

De acordo coas directrices, criterios e instruccións directas que emanen dos órganos superiores do instituto e baixo a dependencia orgánica do director xeral, ós directores de cada unha das áreas e delegacións nas que se estructura o Igape, corresponderalle o desenvolvemento das seguintes funcións:

2.1. Área de Promoción, Innovación e Información Empresarial.

Ó responsable da Área de Promoción, Innovación e Información Empresarial corresponderalle propo

ñer e desenvolve-las actividades e iniciativas que se consideren necesarias para a consecución dos obxectivos do instituto e especialmente dirixidas á potenciación no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia da actividade económica, promovendo a creación de empresas e as actividades creadoras de emprego, favorecendo a modernización e a innovación tecnolóxica e organizativa das empresas galegas, fomentando a prestación de servicios a empresas e o desenvolvemento da relación científica e tecnolóxica entre os centros universitarios, técnicos e de investigación e as empresas productivas, así como promovendo accións de divulgación dos instrumentos e fondos dos que dispoñen as administracións públicas españolas e Unión Europea para o apoio das actividades económicas.

Neste ámbito competencial, dependerán funcionalmente desta área as delegacións dos Centros de Promoción de Negocios do Instituto no Exterior, que dirixirán as súas actuacións, todo iso sen prexuízo da dependencia orgánica das mesmas do director xeral e os poderes de representación do Igape no país de que se trate, que lles sexa outorgado.

Para o desenvolvemento das súas funcións a Área de Promoción, Innovación e Información Empresarial estructúrase nas seguintes subdireccións:

2.1.1. Subdirección de Promoción Empresarial.

2.1.2. Subdirección de Difusión Tecnolóxica e Plans Estratéxicos Empresariais.

2.2.3. Subdirección de Información Especializada.

2.1.1. A Subdirección de Promoción Empresarial exercerá, baixo a dependencia directa do director de área, as seguintes funcións:

a) Estudiar, propoñer e desenvolver toda clase de actividades que, en materia de promoción de iniciativas empresariais encamiñadas á creación de novas empresas e consolidación das existentes, lle corresponden á área.

b) Buscar e propoñer posibles alternativas viables ante situacións graves de crise de empresas galegas, a partir dos correspondentes estudios de viabilidade.

c) Desenvolve-las actividades que resulten necesarias para a procura de novos proxectos de investimento en Galicia, desde o exterior.

d) Organizar tódalas actuacións que procedan encamiñadas á presentación e divulgación no exterior das oportunidades de negocio en Galicia.

e) Coordinar e controla-las actividades dos Centros de Promoción de Negocios do Instituto no Exterior.

f) Realizar un seguimento continuado da actualidade económica referente a proxectos de expansión internacional.

g) Desenvolver actividades formativas en materia do seu ámbito de actuación.

h) Efectua-lo deseño e seguimento de estudios que sobre a actividade económica teñan un interese estratéxico en materia de promoción da actividade empresarial.

i) Asegura-la coordinación e colaboración coas distintas unidades operativas do instituto en materias do seu ámbito de actuación.

2.1.2. A Subdirección de Difusión Tecnolóxica e Plans Estratéxicos Empresariais exercerá, baixo a dependencia directa do director da área, as seguintes funcións:

a) Impulsar e desenvolver toda clase de iniciativas encamiñadas a fomenta-las actividades innovadoras no ámbito da Comunidade Autónoma.

b) Analizar, emitir informes e segui-los plans estratéxicos de mellora da competitividade empresarial.

c) Coordinar e propoñe-los mecanismos de colaboración que resulten oportunos coas distintas entidades públicas ou privadas, coa finalidade de apoiar toda clase de iniciativas innovadoras.

d) Desenvolver tódalas actividades necesarias para a promoción e xestión dos programas de apoio a proxectos e iniciativas emprendedoras (Programa Lanza, Centros de Iniciativa Empresarial, entre outros).

e) Coordinar, supervisar e controla-lo desenvolvemento das actividades que en materia de xestión de programas de apoio a proxectos de iniciativas emprendedoras ou outras que en materia de impulso á innovación, se lle encarguen ó Centro Europeo de Empresas e Innovación de Galicia, S.A. ou a outras institucións públicas autonómicas a través das que puidesen desenvolverse estes programas.

f) Desenvolver e impulsa-las accións de sensibilización, formación e difusión que resulten procedentes en materia do seu ámbito de actuación e especialmente aquelas que contribúan á mellora da competitividade empresarial.

g) Promover e impulsar toda clase de iniciativas que, en materia de apoio e divulgación das novas tecnoloxías da información, contribúan tanto a facilita-lo acceso a elas das empresas galegas como, a desenvolver e impulsar actividades empresariais do sector.

h) Asegura-la coordinación e colaboración coas distintas unidades operativas do instituto en materias do seu ámbito de actuación.

2.1.3. A Subdirección de Información Especializada exercerá, baixo a dependencia directa do director da área, as seguintes funcións:

a) Promover e desenvolver tódalas actuacións necesarias para a divulgación dos fins e as actividades do instituto entre os distintos sectores económicos e axentes sociais.

b) Contribuír, coordinadamente coas distintas institucións públicas implicadas, a facilita-lo acceso ós particulares á información dos distintos programas de axudas e apoios que en materia de promoción e dinamización da actividade económica poidan resultarlles de interese.

c) Propoñer novas iniciativas que, tanto en materia de axudas, como de prestación de servicios, e no ámbito de competencias asignadas ó Igape, amplíen ou melloren o marco de actividades que desenvolve o instituto, en función do seu coñecemento das necesidades e inquietudes dos distintos axentes económicos.

d) Elaborar, impulsar, recompilar e difundir toda clase de publicacións que permitan tanto a divulgación das distintas actividades do instituto, como de toda aquela información e estudios que promovan o desenvolvemento económico de Galicia.

e) Elaborar e xestionar un fondo de documentación básica para a promoción económica.

f) Asegura-la coordinación e colaboración coas distintas unidades operativas do instituto en materias do seu ámbito de actuación.

2.2. Área de Financiamento.

Ó responsable da Área de Financiamento correspóndelle a xestión dos distintos tipos de axudas para incentiva-lo desenvolvemento e o fomento da actividade empresarial, execútanse a través do Igape, en función da normativa reguladora correspondente, e encamiñando as súas actuacións, con dilixencia e obxectividade, a garanti-lo cumprimento dos obxectivos e fins previstos tanto na normativa específica como os que con carácter xeral, se lle encomenden ó instituto.

Para o desenvolvemento das súas funcións a Área de Financiamento estructúrase nas seguintes subdireccións:

2.2.1. Subdirección de Xestión de Incentivos á Dinamización Económica.

2.2.2. Subdirección de Xestión de Axudas á Innovación, Mellora da Competitividade e Cooperación Empresarial.

2.2.1. A Subdirección de Xestión de Incentivos á Dinamización Económica exercerá, baixo a dependencia directa do director da área, as seguintes funcións:

a) Impulsar e propoñer toda clase de iniciativas de apoio e melloras na xestión do instituto que redunden no fomento e a dinamización das actividades empresariais en materia de investimento, creación de emprego, relanzamento e viabilidade de empresas, entre outras.

b) Xestionar, tramitar e elevar proposta de resolución dos expedientes administrativos presentados que lle correspondan por razón de materia.

c) Potenciar e xestionar programas de apoio doutras administracións e institucións públicas que melloren a capacidade operativa das empresas galegas en materias do seu ámbito competencial.

d) Participar e/ou supervisa-las actuacións das comisións de valoración.

e) Analiza-las propostas de modificacións, prórrogas e proposta de resolución de incidencias que se presenten na tramitación dos expedientes.

f) Controla-la fase de xustificación dos expedientes e proposta de liquidación e pagamento deles.

g) Propoñe-la resolución de recursos administrativos.

h) Elaborar informes de xestión, seguimento e valoración de resultados respecto ó impacto das liñas de axudas xestionadas e o seu grao de eficiencia e eficacia respecto ós fins propostos.

i) Xestionar, analizar e elevar proposta sobre solicitudes de préstamos, avais e outras operacións financeiras e seguimento económico-financeiro das empresas beneficiarias e do risco das operacións financeiras.

j) Elaborar periodicamente estatísticas e informes de situación de préstamos, avais e outras operacións financeiras formalizadas polo instituto.

k) Asegura-la coordinación e colaboración coas distintas unidades operativas do instituto en materias do seu ámbito de actuación.

2.2.2. A Subdirección de Xestión de Axudas á Innovación, Mellora da Competitividade e Cooperación Empresarial exercerá, baixo a dependencia directa do director da área, as seguintes funcións:

a) Impulsar e propoñer toda clase de iniciativas de apoio e melloras na xestión do instituto que redunden no fomento e a dinamización das actividades empresariais no ámbito da innovación, a mellora da competitividade, a formación e contratación de persoal especializado, a cooperación empresarial e a expansión exterior.

b) Xestionar, tramitar e elevar proposta de resolución dos expedientes administrativos presentados que lle correspondan por razón de materia.

c) Potenciar e xestionar programas de apoio doutras administracións e institucións públicas que melloren a capacidade operativa das empresas galegas en materias do seu ámbito competencial.

d) Participar e/ou supervisa-las actuacións das comisións de valoración.

e) Analiza-las propostas de modificacións, prórrogas e proposta de resolución de incidencias que se presenten na tramitación dos expedientes.

f) Controla-la fase de xustificación dos expedientes e proposta de liquidación e pagamento deles.

g) Propoñe-la resolución de recursos administrativos.

h) Elaborar informes de xestión, seguimento e valoración de resultados respecto ó impacto das liñas de axudas xestionadas e o seu grao de eficiencia e eficacia respecto ós fins propostos.

i) Asegura-la coordinación e colaboración coas distintas unidades operativas do instituto en materias do seu ámbito de actuación.

2.3. Secretaría Xeral.

Correspóndenlle a esta área o desenvolvemento de tódalas iniciativas e actuacións encamiñadas a asegura-lo funcionamento operativo dos servicios do instituto, abarcando por tanto dentro do seu ámbito de competencial o deseño, impulso, desenvolvemento, seguimento e control económico-financeiro e de procedementos internos do Igape, a xestión integral dos seus recursos humanos orientando a este respecto a súa actividade á integración do persoal nos obxectivos do instituto así como todas aquelas actuacións dirixidas á contratación dos bens e servicios necesarios para o seu funcionamento e o mantemento das súas instalacións.

Para o desenvolvemento das súas competencias, a Secretaría Xeral estructúrase nas seguintes subdireccións:

2.3.1. Subdirección de Xestión Económico-Financeira.

2.3.2. Subdirección de Servicios Xurídicos, Deseño e Control de Procedementos.

2.3.1. A Subdirección de Xestión Económico-Financeira, exercerá, baixo a dependencia do secretario xeral, as seguintes funcións:

a) Elabora-lo anteproxecto de orzamentos do instituto, e as correspondentes programacións plurianuais.

b) Emitir informes e instrumenta-las modificacións orzamentarias que resulten.

c) Desenvolver tódalas actuacións necesarias para o adecuado seguimento e control da xestión orzamentaria, propoñendo os axustes orzamentarios que resultasen necesarios para garantir unha xestión equilibrada do instituto.

d) Xestiona-la materialización dos ingresos do instituto.

e) Elaborar e xestiona-lo orzamento de tesourería.

f) Elaborar estatísticas e informes de seguimento da xestión económico-financeira do Igape.

g) Elabora-las contas anuais e toda clase de operacións contables do instituto.

h) Realiza-la xestión integral dos recursos humanos do instituto, abarcando tódalas actuacións que en materia de persoal e relacións laborais se consideren necesarias.

i) Xestiona-la subministración de material e mantemento de instalacións.

j) Asegura-la coordinación e colaboración coas distintas unidades operativas do instituto en materias do seu ámbito de actuación.

2.3.2. Á Subdirección de Servicios Xurídicos, Deseño e Control de Procedementos correspóndelle exerce-las funcións propias dun órgano de deseño, seguimento e supervisión dos procedementos internos de funcionamento do instituto e dos servicios xurídicos dirixindo as súas actuacións a dota-lo ente do marco adecuado para o desenvolvemento da súa actividade con axilidade e con tódalas garantías de obxectividade, eficacia e eficiencia que lle resultan esixibles.

Baixo a dependencia directa do secretario xeral, e entre outras, exercerá as seguintes funcións:

a) Propoñer, desenvolver e supervisa-los procedementos administrativos que, cumprindo tódolos requisitos normativos aplicables, faciliten a xestión do instituto.

b) Propoñe-la regulación interna da xestión dos procedementos administrativos e verifica-lo seu cumprimento.

c) Deseñar e implemanta-lo desenvolvemento integral dos procesos mecanizados de tódolos procedementos administrativos e actuacións do instituto.

d) Elaborar, refundir e modifica-las propostas de regulación normativa que lle correspondan ó instituto, ben por iniciativa das áreas de xestión correspondentes, ben por iniciativa propia.

e) Exerce-lo asesoramento xurídico do instituto.

f) Tramitar e elevar á Consellería de Economía e Facenda tódalas disposicións e actos que deban ser obxecto de autorización polos órganos superiores da Xunta de Galicia, así como, se é o caso, dos acordos tomados.

g) Levar a cabo a xestión patrimonial das empresas participadas polo instituto.

h) Reailiza-la tramitación administrativa dos expedientes de contratación.

i) Asisti-lo secretario na preparación dos consellos de dirección e na tramitación dos seus acordos.

j) Leva-lo rexistro de tódalas entradas e saídas de documentos do exterior.

k) Elaborar toda a información que teña que subministrárselles ós órganos de control internos e externos do ente.

l) Levar a cabo tódalas actuacións de coordinación e colaboración cos órganos de control que resulten necesarias.

m) Asegura-la coordinación e colaboración coas distintas unidades operativas do instituto en materias do seu ámbito de actuación.

2.4. Delegacións dos Centros de Promoción de Negocios do Instituto no Exterior.

Dependendo organicamente do director xeral, os delegados do instituto nos Centros de Promoción de

Negocios no Exterior dependerán funcionalmente da Dirección de Promoción, Innovación e Información Empresarial, sen prexuízo da súa coordinación coas restantes áreas e outorgaránselle-los poderes de representación do Igape nos países de que se trate, con tódalas facultades necesarias para o normal cumprimento de tódolos cometidos que lles sexan asignados.

As actividades que desenvolverán á fronte das correspondentes delegacións esténdense a todas aquelas que resulten necesarias para a promoción económica da Comunidade Autónoma de Galicia no ámbito territorial correspondente e en particular serán as seguintes:

a) A captación de investimentos estranxeiros para a súa instalación en Galicia.

b) Apoio á procura de oportunidades de negocio para a empresa galega.

c) Favorece-la expansión exterior das empresas galegas.

d) Prestar apoio loxístico e soporte físico ás empresas galegas para a negociación e subscrición de acordos empresariais.

e) En xeral, calquera outra actividade que contribúa positivamente ó desenvolvemento da economía de Galicia.

Toda a súa actividade estará sometida á normativa aplicable ó instituto e axustarase ós procedementos que se establezan, debendo contraer compromisos ou obrigas en nome do Igape unicamente cando con carácter previo estivesen asignados os recursos orzamentarios correspondentes.

Santiago de Compostela, 28 de xaneiro de 2000.

Margarita Rodríguez Rama

Directora xeral do Instituto Galego

de Promoción Económica