Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 31 Martes, 15 de febreiro de 2000 Páx. 1.899

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

ACADEMIA GALEGA DE SEGURIDADE

RESOLUCIÓN do 20 de xaneiro de 2000 pola que se convoca un curso superior de protección civil.

Dentro do programa de actividades que a Academia Galega de Seguridade ten previsto realizar no ano 2000, conforme as funcións atribuídas pola Lei 4/1992, do 9 de abril, de creación da Academia Galega de Seguridade, anúnciase a realización dun curso superior de protección civil, que deberá desenvolverse conforme as seguintes bases:

Obxectivos.

Os obxectivos perseguidos son: a formación, capacitación e o perfeccionamento profesional do persoal técnico en temas de protección civil, tendo en conta as súas funcións de responsabilidade na planificación, coordinación, dirección e toma de decisións en todo tipo de emerxencias.

Destinatarios.

Persoal técnico de protección civil da Administración Autónoma de Galicia.

Persoal técnico, funcionarios con responsabilidade en protección civil da Administración local (bombeiros, policía local, funcionarios municipais con responsabilidade en protección civil) e da Administración xeral do Estado.

Xefes das agrupacións de voluntarios de protección civil da Comunidade Autónoma de Galicia.

Inscrición.

A inscrición dos participantes será totalmente gratuíta.

Solicitudes.

1. As persoas que desexen participar neste curso deberán presentar, cuberta á máquina ou con letra moi clara, a instancia que figura no anexo.

2. O prazo para a presentación de instancias rematará o día 16 de marzo de 2000, ás 14 horas.

3. As instancias deberán enviarse á sede da Academia Galega de Seguridade: avenida da Cultura, s/n, 36680 A Estrada, ou ben poden entregarse en calquera dos lugares previstos no artigo 38.4º da

Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Contido.

O curso consta de doce módulos con clases técnico-prácticas:

-Módulo I: protección civil. Normativa legal.

-Módulo II:riscos naturais.

-Módulo III: riscos tecnolóxicos.

-Módulo IV: incendios.

-Módulo V: accidentes marítimos.

-Módulo VI: control das situacións de emerxencias. Gabinetes de crises. Aspectos sociolóxicos.

-Módulo VII: xestión das emerxencias.

-Módulo VIII: módulo sanitario.

-Módulo IX: seguridade vial. Tráfico.

-Módulo X: transporte de viaxeiros e mercadorías.

-Módulo XI: relacións da protección civil no caso de emerxencias.

-Módulo XII: a información en protección civil.

Duración e datas.

O curso dará comenzo o día 13 de abril de 2000, e terá unha duración de 120 horas lectivas.

O curso desenvolverase os xoves (todo o día) e venres (pola mañá).

O horario será o seguinte:

-Mañás: das 9.30 ás 14 horas.

-Tardes: das 16 ás 19.30 horas.

Relación de admitidos.

A relación de admitidos publicarase o día 30 de marzo de 2000 no taboleiro de anuncios da Academia Galega de Seguridade, ou ben poden confirma-la súa asistencia chamando ó teléfono: 986 59 00 21.

Lugar.

O curso realizarase na sede da Academia Galega de Seguridade no concello da Estrada.

Certificado de aproveitamento.

Ó remate do curso entregaráselles un certificado de asistencia e aproveitamento a aquelas persoas que acrediten a súa asistencia continuada a el e superen as correspondentes probas de coñecementos.

Modificacións.

A Academia Galega de Seguridade poderá modifica-lo desenvolvemento do curso para adaptalo ás necesidades da Administración e ás continxencias que poidan xurdir.

A Estrada, 20 de xaneiro de 2000.

Juan José Fariñas-Ferro Rodríguez

Director xeral da Academia Galega de Seguridade