Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 30 Luns, 14 de febreiro de 2000 Páx. 1.830

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

ACADEMIA GALEGA DE SEGURIDADE

RESOLUCIÓN do 20 de xaneiro de 2000 pola que se convocan 8 cursos de segundo nivel de protección civil sobre accidentes na estrada.

Dentro do programa de actividades que a Academia Galega de Seguridade ten previsto realizar no ano 2000, conforme as funcións que ten encomendadas por Orde do 22 de abril de 1994, pola que se regula a formación do persoal voluntario de protección civil, anúnciase a realización de 8 cursos de protección civil de 2º nivel sobre accidentes na estrada, que deberán desenvolverse conforme as seguintes bases:

Obxectivos.

Dota-lo persoal voluntario de protección civil que asiste ós cursos dunha formación teórico-práctica que lle permita realizar satisfactoriamente as tarefas que ten encomendadas.

Destinatarios.

Os cursos van dirixidos ós membros das agrupacións de voluntarios de protección civil da Comunidade Autónoma de Galicia, que previamente superasen o curso básico.

Inscrición.

A inscrición dos participantes será totalmente gratuíta.

Solicitudes.

1. As persoas que desexen participar nestes cursos deberán presentar, cuberta á máquina ou con letra moi clara, a instancia que figura no anexo.

2. O prazo para a presentación de instancias rematará o día 10 de marzo de 2000, ás 14 horas.

3. As instancias serán enviadas polo presidente da agrupación correspondente á sede da Academia Galega de Seguridade: Avenida da Cultura, 36680 A Estrada, ou ben poden entregarse en calquera dos lugares previstos no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Contido.

O contido dos cursos de 2º nivel sobre accidentes na estrada divídese en tres partes:

a) Conceptos xerais.

b) Accidentes en vehículos pesados.

c) Primeiros auxilios.

Duración e datas.

Os cursos realizaranse durante o ano 2000, e terán unha duración de 30 horas lectivas.

As datas de realización serán en función das solicitudes feitas para cada curso.

Relación de admitidos.

A relación de admitidos publicarase o día 31 de marzo de 2000 no taboleiro de anuncios da Academia Galega de Seguridade e no da Dirección Xeral de Proteción Civil, ou ben poden confirma-la súa asistencia chamando ós teléfonos: 986 59 00 21 ou ben 981 54 60 00.

Lugar.

Determinarase en función das solicitudes recibidas.

Certificado de aproveitamento.

Ó remate dos cursos entregaráselles un certificado de asistencia e aproveitamento a aquelas persoas que acrediten a súa asistencia continuada, e que superen as correspondentes probas de coñecementos.

Modificacións.

A Academia Galega de Seguridade poderá modifica-lo desenvolvemento dos cursos para adaptalos ás necesidades da Administración e ás continxencias que poidan xurdir.

A Estrada, 20 de xaneiro de 2000.

Juan José Fariñas-Ferro Rodríguez

Director xeral da Academia Galega de Seguridade