Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 30 Luns, 14 de febreiro de 2000 Páx. 1.815

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DA PRESIDENCIA E ADMINISTRACIÓN PÚBLICA

DECRETO 23/2000, do 28 de xaneiro, polo que se regula a cobertura con carácter temporal dos postos de traballo incluídos nas relacións de postos de traballo do corpo facultativo superior da Xunta de Galicia (grupo A), especialidade de veterinarios pertencentes á Consellería de Sanidade e Servicios Sociais mentres non se cubran con carácter definitivo, en aplicación da sentencia 486/1998, do 17 de setembro, da Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia.

O 17 de setembro de 1998 a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia dicta a sentencia nº 486/1998, pola que se declara nulo o Decreto 390/1994, do 23 de decembro, que regula a cobertura con carácter temporal dos postos de traballo pertencentes ós servicios veterinarios oficiais, mentres non se cubrisen con carácter definitivo.

Mediante resolución da Consellería da Presidencia e Administración Pública do 7 de xuño de 1999 (DOG nº 114, do 16 de xuño) dáse publicidade á decisión da dita sentencia.

Como consecuencia da anulación da lista utilizada para a cobertura temporal dos postos pertencentes á Consellería de Sanidade e Servicios Sociais e sendo necesaria a inmediata cobertura deste tipo de prazas ó ter asignada esta consellería competencias en materias que afectan a saúde pública, considérase imprescindible, para o bo funcionamento dos servicios correspondentes, a elaboración dunha nova relación de persoas interesadas na cobertura temporal destes postos, de conformidade cos criterios que se determinan neste decreto e coas matizacións sinaladas con anterioridade.

En aplicación da citada sentencia, por proposta do conselleiro da Presidencia e Administración Pública e logo de deliberación de Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día vinteoito de xaneiro de dous mil,

DISPOÑO:

Artigo 1º

Este decreto é de aplicación á cobertura temporal dos postos de traballo incluídos nas relacións de postos de traballo do corpo facultativo superior da Xunta de Galicia (grupo A), especialidade de veterinarios pertencentes á Consellería de Sanidade e Servicios Sociais. Tamén será de aplicación, se é o caso, ó procedemento de selección de persoal laboral temporal da categoría de veterinarios da Consellería de Sanidade e Servicios Sociais contratado con cargo ó capítulo VI dos seus orzamentos ou ós do Sergas.

Artigo 2º

A cobertura temporal realizarase mediante o nomeamento de persoal interino nas condicións previstas no artigo 7 da Lei 4/1988, do 26 de maio, da función pública de Galicia.

Artigo 3º

A forma de cobertura realizarase a través das listas confeccionadas para o efecto e segundo o sistema establecido no artigo 12 do Decreto 89/1997, do 10 de abril, tendo en conta que o baremo aplicable á hora de elabora-las listas será o que figura como anexo ó presente decreto.

Artigo 4º

Para facer efectivo o sistema de cobertura, por resolución da Dirección Xeral da Función Pública abrirase un prazo de 20 días para que os interesados presenten as súas instancias xunto coa documentación que acredite os requisitos e méritos que, de acordo co baremo reflectido no anexo, desexen que se lles teña en conta.

Artigo 5º

Polo que se refire ó ámbito territorial, elaborarase unha lista para servicios centrais e outra para cada provincia da Comunidade Autónoma.

Disposición adicional

En todo o non previsto no presente decreto será de aplicación supletoria o Decreto 89/1997, do 10 de abril, polo que se modifica o Decreto 252/1992, do 30 de xullo, polo que se regula a cobertura con carácter temporal de postos incluídos nas relacións de postos de traballo mentres non se cubra con carácter definitivo.

Santiago de Compostela, vinteoito de xaneiro de dous mil.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

Jaime Pita Varela

Conselleiro da Presidencia e Administración Pública

ANEXO

Sistema aplicable para a elaboración das litas.

A.1º) Incluiranse nesta alínea os aspirantes que, non superando o proceso selectivo convocado pola orde da Consellería de Sanidade e Servicios Sociais do 1 de marzo de 1993 (DOG nº 46, do 9 de marzo), aprobaron a fase de oposición e obtiveron puntuación na fase de concurso. Neste caso a prelación virá dada pola posición obtida na resolución da convocatoria, computándose a suma de ámbalas puntuacións, figurando aquela de maior a menor. No caso de empate prevalecerá a nota máis alta acadada no primeiro exame.

A.2º) Incluiranse nesta alínea aqueles aspirantes que, non superando o proceso selectivo convocado pola orde da Consellería de Sanidade e Servicios Sociais do 1 de marzo de 1993 (DOG nº 46, do 9 de marzo), aprobaron a fase de oposición, e non obtiveron puntuación na fase de concurso, fixándose a súa prelación en función da suma das cualificacións obtidas na dita fase, ordenadas estas de maior a menor.

Estas dúas alíneas utilizaranse simultánea e alternativamente, realizándose os chamamentos de forma que o primeiro aspirante chamado será o correspondente da alínea A.1º, o segundo da alínea A.2º, e así sucesivamente ata a finalización dos chamamentos correspondentes as dúas subalíneas da alínea A). Todo isto en cada ámbito territorial no que existan as listas de que se trate.

Aqueles aspirantes que aínda tendo puntos correspondentes á fase de concurso desexen inscribirse na lista A.2º renunciando ós puntos da fase de concurso e polo tanto á súa inclusión na lista A.1º poderán facelo sinalándoo na correspondente instancia, debendo permanecer na dita lista, unha vez efectuada a opción durante a súa vixencia.

B) Unha vez aplicadas as alíneas A.1º e A.2º, a orde de prelación nas correspondentes litas dos aspirantes non incluídos nestes virá dada pola puntuación obtida de acordo co seguinte baremo:

B.1. Valorarase o 50% da nota obtida en cada un dos exercicios correspondente ó proceso selectivo convocado pola orde da Consellería de Sanidade e Servicios Sociais do 1 de marzo de 1993 (DOG nº 46, do 9 de marzo).

A porcentaxe aplicarase sobre a suma, se é o caso, das notas das distintas probas.

B.2. Servicios prestados na Xunta de Galicia no corpo facultativo superior da Xunta de Galicia (grupo A), escala de veterinarios: 0,15 puntos/mes.

B.3. Por cada mes de servicios prestados noutras administracións públicas no corpo facultativo superior da Xunta de Galicia (grupo A), escala de veterinarios e referidos ós últimos 5 anos: 0,10 puntos/mes.

A suma de puntuación dos puntos B.2 e B.3 non poderá exceder de 5 puntos.

B.4. Por cada curso de formación ou perfeccionamento realizado con aproveitamento impartido polas administracións públicas, universidade, Inem ou formación ocupacional e relacionado coas funcións propias do corpo facultativo superior da Xunta de Galicia (grupo A), escala de veterinarios (máximo 2 puntos): 0,20 puntos/curso.

B.5. Por posuír unha titulación académica distinta e independente da requirida na convocatoria como requisito imprescindible para o acceso:

-Título de doutor: 2 puntos.

-Título de licenciado, arquitecto, enxeñeiro ou equivalente: 1,50 puntos.

-Título de enxeñeiro técnico, diplomado universitario, arquitecto técnico ou equivalente: 1 punto.

-Título de formación profesional de 2º grao ou equivalente: 0,50 puntos.

-Formación profesional de 1º grao ou equivalente: 0,25 puntos.

Non se computarán as titulacións imprescindibles para a obtención doutras de nivel superior.

B.6. Polo coñecemento acreditado do idioma galego (só se valorará o grao superior alegado):

-En grao de iniciación: 0,50 puntos.

-En grao de perfeccionamento: 0,75 puntos.

Só se concederá validez, polo que á acreditación do galego se refire, ós cursos ou titulacións homologadas pola Dirección Xeral de Política Lingüística da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria.

B.7. Por cada mes acreditado como demandante de emprego (máximo 1 punto): 0,01 puntos/mes.

De producirse empate na puntuación, acudirase para dirimilo á outorgada polos méritos alegados segundo a orde establecida neste anexo.

De persisti-lo empate, resolverase a favor da primeira letra do primeiro apelido, segundo a orde do alfabeto.