Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 29 Venres, 11 de febreiro de 2000 Páx. 1.767

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E RELACIÓNS LABORAIS

RESOLUCIÓN do 27 de decembro de 1999, da Delegación Provincial de Pontevedra, pola que se dispón o rexistro, depósito e publicación, no Diario Oficial de Galicia, do convenio colectivo do Concello de Moaña-persoal laboral.

Visto o expediente do convenio colectivo para o Concello de Moaña-persoal laboral, con nº de código 3601942, que tivo entrada nesta delegación provincial o día 29-11-1999, subscrito en representación da parte económica pola representación municipal, e da parte social polo comité de empresa, con data do 19-5-1999. De conformidade co disposto no artigo 90.2º e 3º do Real decreto lexislativo 1/1995, do 24 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da Lei do Estatuto dos traballadores, Real decreto 1040/1981, do 22 de maio, sobre rexistro e depósito de convenios colectivos de traballo, e Real decreto 2412/1982, do 24 de xullo, sobre traspaso de funcións e servicios da Administración do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia en materia de traballo, esta delegación provincial

ACORDA:

Primeiro.-Ordena-la súa inscrición no libro de rexistro de convenios colectivos de traballo que cons

ta nesta delegación provincial, e a notificación ás representacións económica e social da comisión negociadora.

Segundo.-Ordena-lo seu depósito no Servicio de Relacións Laborais, Sección de Mediación, Arbitraxe e Conciliación.

Terceiro.-Dispoñe-la súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Vigo, 27 de decembro de 1999.

Antonio Coello Bufill

Delegado provincial de Pontevedra

Convenio colectivo do Concello

de Moaña-persoal laboral

Fixo e eventual ano 1999

Capítulo I

Artigo 1º.-Ámbito normativo e comisión mixta de seguimento. Ámbito de aplicación física.

Este convenio colectivo afecta a todo o persoal en réxime laboral fixo que presta os seus servicios para o Concello de Moaña, incluso aqueles que en razón do seu cometido o fagan fóra do termo municipal.

Artigo 2º.-Ámbito persoal.

Este convenio afectará á totalidade do persoal laboral fixo, non suxeito á contratación en réxime de dereito administrativo, que presta os seus servicios para o Concello de Moaña no momento da súa sinatura, así como as posteriores incorporacións a ela.

Non amparará aqueles contratos subvencionados que teñen as prestacións económicas prefixadas.

A totalidade do persoal en réxime laboral fixo relacionarase en cadro anexo a este convenio.

Artigo 3º.-Ámbito temporal.

As normas estipuladas producirán efectos desde o 1 de xaneiro de 1999. A súa vixencia continuará en vigor mentres non exista un novo texto acordado polas partes que as substitúa, agás as de contido salarial e cadro de pontes, que rematará o 31 de decembro de 1999.

Artigo 4º.-Compensación e absorción de melloras.

Son melloras as positivas repercusións materiais ou de organización do traballo, salariais ou sociais, consecuencia de futuras disposicións legais, acordos libremente pactados entre as partes e que impliquen variación en canto afecten total ou parcialmente ós conceptos deste convenio.

As melloras serán de aplicación inmediata ou diferida segundo se estableza no pacto. En caso de non establecerse expresamente, entenderase que son de aplicación inmediata.

As decisións do comité de persoal serán vinculantes á hora de referenda-lo acordo.

Non se considerarán melloras económicas as horas extras que se devengarían por decisión unilateral por parte do concello e repercute negativamente no traballador. De tódolos xeitos estaríase obrigado a efectua-las horas cando concirne a servicios básicos de mantemento e reparación como auga, encanamentos,

luz, recollida de lixo e limpeza, vías públicas, consecuencia de imprevistos, fenómenos graves ou catástrofes naturais.

Artigo 5º.-Atribucións da comisión mixta de seguimento do convenio.

Á comisión mixta paritaria outórganselle as seguintes atribucións:

A) A interpretación do convenio.

B) A vixilancia e control do cumprimento do pactado.

C) A conciliación das cuestións que se someten a exame.

D) Calquera outra que as partes acorden.

Artigo 6º.-A composición da comisión mixta.

Esta comisión mixta paritaria estará composta polo presidente do comité de empresa, o secretario e, cando menos, un vocal; cumprirase igualmente a condición de que o número de representantes sindicais sexa representativo das diferentes posturas do comité de delegados, os asesores sindicais e os membros da Corporación elixidos da comisión de persoal, presididos polo delegado de persoal.

O número de membros da parte social e da parte económica será paritario, é dicir, será o mesmo número da parte social e da parte económica.

Actuarase por consenso dos presidentes. O presidente do comité de empresa atenderá o asentimento das diferentes posturas representativas que asistan como tales.

Os acordos serán vinculantes por ámbalas dúas partes e incorporaranse como anexo do convenio.

O acordo asinado exporase no taboleiro de anuncios.

Artigo 7º.-Convocatoria da comisión mixta.

A convocatoria iniciarase por requirimento dos presidentes de calquera das dúas partes.

A reunión da comisión mixta efectuarase no prazo máximo de dez días a partir da primeira xuntanza do comité e comisión de persoal e nunca máis tarde do mes da solicitude de convocatoria por unha parte.

Capítulo II

Condicións de traballo

Artigo 8º.-Relación de postos de traballo e provisión de vacantes.

O concello elaborará a relación de postos de traballo e determinará a súa estructura orgánica segundo niveis, sinalándose os postos cubertos ou para ocupar por persoal laboral ou funcionario.

Cada posto da estructura orgánica deberá especifica-lo departamento ó que se adscribe, a súa denominación, as características esenciais, o grupo profesional e o réxime xurídico aplicable, así como os requisitos para o seu desempeño.

8.l. Os postos de traballo dotados orzamentariamente e non cubertos formarán a Oferta Pública de Emprego (OPE).

8.2. A OPE designará os postos de traballo que poderán, mediante concurso de mínimos fixados pola comisión de seguimento, ser ocupados por persoal municipal debidamente cualificado que supere igualmente a fase de oposición. Cando a lexislación o permita, unicamente se terá en conta para avalia-los méritos e a capacidade do traballador que opta a unha praza da OPE a selección mediante concurso.

8.3. Nos tribunais de sistema concurso-oposición restrinxido terá presencia un traballador con cualificación suficiente designado polo comité, con voz, así como un membro do comité que terá voz e voto.

8.4. Regularase a provisión de prazas por sistema de urxencia, así como os máximos de renovación das pertencentes á OPE.

A convocatoria farase no DOG e nun diario de ampla difusión no concello, sinalando as prazas características e os requisitos dos aspirantes, e a composición do tribunal, así como os prazos para formula-la solicitude.

8.5. O tribunal de selección estará formado polo alcalde ou persoa en quen delegue, un membro por cada grupo municipal ou persoa na que deleguen, con nivel técnico igual ou superior ó posto que se vai cubrir, un traballador do concello de nivel equivalente, designado polos traballadores, e un delegado do persoal, con voz e voto.

8.6. Se por urxencia para cubrir unha vacante non fose posible acudir ó sistema anterior de selección, solicitaranse da oficina de emprego. Serán convocadas un mínimo de 7 persoas, que serán sometidas a probas de valoración obxectiva, e exame dos temarios do posto que se vai ocupar, e de conformidade co baremo de procedemento elaborado previamente.

Será imprescindible que, en todo caso, un representante legal dos traballadores asista ás probas con voz e voto.

Artigo 9º.-Organización do traballo.

A organización do traballo correspóndelle ó concello, que respectará sempre, por unha banda, a lexislación vixente e pola outra a relación contractual co traballador. Esta relación de organización do traballo será estable, sen prexuízo das posibles modificacións que se produzan.

Unha vez organizado o traballo, cada traballador poderá realizalo como mellor considere oportuno, sempre que isto non repercuta negativamente no servicio ou na súa calidade, nin tampouco entre en contradicción con este convenio.

Se como consecuencia da organización do traballo fose necesaria unha modificación contractual, esta levaría consigo a aceptación vinculante do traballador e o informe do comité de empresa.

Calquera resolución relativa ó persoal, que se remita á aprobación pola Comisión de Goberno ou polo Pleno, deberá levar incluído o informe do comité de persoal. O prazo do que dispón o comité de persoal para emiti-lo seu informe, será de tres días laborables desde o momento en que lle é requirido.

Artigo 10º.-Profesionalización do traballo.

A profesionalización do traballo será a esixida pola ordenanza laboral vixente.

Supletoriamente, nos casos notoriamente homologables pola lexislación vixente para funcionarios públicos da Administración local.

Se por causas imputables ó traballador ou ó grupo de traballadores, os servicios non fosen os normais e fose probada que a causa é neglixencia ou mala fe, poderanse deriva-las sancións correctivas pertinentes despois de procedemento administrativo sancionador e segundo a gravidade do caso.

Previamente a todo acordo ou resolución sancionadora que poña fin á vía administrativa municipal, o expediente deberá levar consigo informe de conclusións do comité de empresa.

Capítulo III

Condicións de traballo

Artigo 11º.-Réxime disciplinario.

1. A Corporación municipal comprométese a esgota-la vía do diálogo e da información reservada, logo de iniciación de expediente disciplinario a calquera traballador do concello.

2. A imposición de sancións por faltas graves e moi graves, agás as derivadas da falta de asistencia e puntualidade, requirirá a realización dun expediente disciplinario, co procedemento, tramitación e nos termos seguintes:

a) No prazo de 10 días hábiles desde que a Administración coñecese a comisión dos feitos presuntamente constitutivos de falta grave ou moi grave, acordarase a incoación, se é o caso, de expediente disciplinario polo responsable, onde o traballador preste os seus servicios ou, se é o caso, pola autoridade que normativamente en cada momento teña asignada tal competencia. O dito acto, que deberá comunicarse por escrito ó comité de empresa e á persoa interesada, interromperá os prazos legais de prescrición de faltas e infraccións.

b) No propio acto de incoación de expediente acórdase o nomeamento e a designación de instructor do procedemento, que disporá dun prazo de 10 días hábiles para ordena-la práctica das dilixencias previas que considere oportunas.

Transcorrido o dito termo e no prazo de 5 días hábiles, o instructor proporalle á autoridade competente o arquivo das actuacións ou procederá á elaboración dun prego de cargos, que será notificado respectivamente, segundo o caso, ó comité de empresa, ós delegados de persoal do centro ou á sección sindical correspondente.

c) Recibido o prego de cargos polo interesado, disporá dun prazo de 5 días hábiles para presentar pola súa vez prego de descargos, coas alegacións que considere convenientes, podendo propoñe-la práctica de proba.

O instructor, desde a recepción do escrito de descargos e proposición de proba, se é o caso, disporá dun prazo de 10 días hábiles para a práctica daqueloutras probas que coide pertinentes. O dito prazo poderá prorrogarse en 5 días hábiles máis por razóns fundadas e en supostos de presuntas faltas moi graves.

d) Transcorrido o termo anterior, o instructor elaborará en 5 días hábiles a proposta de resolución, da que se dará traslado ó comité de empresa ou delegados de persoal, así como á persoa interesada, que se así conviñese ó seu dereito, poderá formular alegacións no prazo de 5 días. Pasado este prazo o instructor elevará a proposta de resolución xunto coas alegacións do interesado, se e o caso, a quen teña atribuída a competencia sancionadora, quen adoptará no prazo máximo de 10 días hábiles a resolución que proceda.

Desta resolución darase conta ó interesado, ó comité de empresa do seu centro e á sección sindical á que pertence, de se-lo caso.

e) Da proposta de resolución e sanción, se procede, darase traslado á comisión paritaria do convenio, para os sós efectos estatísticos e de información.

f) A omisión do procedemento aquí descrito determinará a nulidade do expediente.

3. A sanción de faltas que non precisen a incoación de expediente disciplinario comunicaráselles ós representantes do persoal en cada centro, con 3 días hábiles de antelación ó da súa notificación á persoa interesada.

4. As infraccións ou faltas cometidas polos traballadores, derivadas de incumprimentos contractuais, poderán ser leves, graves ou moi graves.

a) Serán faltas leves as seguintes:

a.l. A incorrección cos superiores xerárquicos, compañeiros e público en xeral.

a.2. A neglixencia e o descoido no cumprimento de traballo.

a.3. A presentación extemporánea de partes de baixa ou confirmación en tempo superior a 2 días, desde a data da súa expedición, a non ser por causa de forza maior.

a.4. De 3 a 5 faltas de puntualidade ó mes, respectando o réxime existente para efecto de cómputo en cada centro de traballo.

a.5. A neglixencia no coidado e a conservación das pertenzas e os utensilios de traballo.

a.6. Falta de asistencia inxustificada durante un día ó mes, a non ser que se probe a imposibilidade de facelo por causa de forza maior.

b) Serán faltas graves:

b.1. A indisciplina ou desobediencia relacionada co seu traballo e o incumprimento dos seus deberes nas letras a, b e c recollidos no artigo 5 do Estatuto dos traballadores.

b.2. A desconsideración co público no desempeño das tarefas encomendadas.

b.3. A falta de asistencia ó traballo sen causa xustificada durante 2 ou 3 días ó mes, a non ser que se probe a imposibilidade de facelo por causa de forza maior.

b.4. A presentación extemporánea de partes de confirmación de baixa, en tempo superior a 7 días, desde a data da súa expedición regular, a non ser que se probe a imposibilidade de facelo por causa de forza maior.

b.5. O abandono do traballo sen causa xustificada por tempo superior a 2 días nun mes.

b.6. A simulación de enfermidade ou accidente que supoña incapacidade temporal por tempo inferior a 3 días.

b.7. A colaboración ou encubrimento de faltas doutros traballadores, en relación ós seus deberes de puntualidade, asistencia e utilización dos mecanismos de control.

b.8. Máis de 5 faltas de puntualidade nun mes, respectándose o réxime existente para efectos de cómputo, en cada centro de traballo.

b.9. A reiteración na comisión de faltas leves, agás as de puntualidade inferiores a 5 faltas leves nun prazo de 6 meses, aínda que sexan de distinta natureza, todo isto dentro dun mesmo trimestre e aínda que fosen sancionadas.

c) Faltas moi graves:

c.1. A fraude, deslealdade e o abuso de confianza nas xestións e no desempeño das funcións encomendadas, así como calquera conducta constitutiva de delicto doloso.

c.2. A indisciplina e desobediencia de carácter grave.

c.3. Os malos tratos de palabra ou de obra cos traballadores de superior e inferior categoría.

c.4. O fustrigamento sexual, máxime cando se lle xunte o abuso de autoridade ó ser efectuado por unha persoa de categoría superior a un subordinado/a.

5. As sancións que poderán impoñerse en función das cualificacións das faltas serán as seguintes:

a) Por faltas leves:

-Amoestación verbal ou por escrito.

-Suspensión de emprego e soldo ata 2 días.

b) Por faltas graves:

-Suspensión de emprego e soldo de 2 a 15 días.

-Suspensión do dereito de concorrer a probas selectivas ou concursos de ascenso por un período dun ano.

c) Por faltas moi graves:

-Suspensión de emprego e soldo de 16 días a 3 meses.

-Inhabilitación para o ascenso de ata un máximo de 2 anos.

6. Os xefes ou superiores que toleren ou encubran as faltas dos seus subordinados incorrerán en responsabilidades e sufrirán a corrección ou sanción que se considere procedente; tida en conta a que se lle impoña ó autor e da intencionalidade, perturbación para o servicio, atentado á dignidade e reiteración da reincidencia na dita tolerancia ou encubrimento.

7. Sen prexuízo do establecido no punto 2 anterior; non se considerará falta ningunha a negativa a realizar traballos de categoría distinta á específica de cada traballador.

Todo traballador poderá dar conta por escrito, a través dos seus representantes, dos actos que supoñan faltas de respecto á súa intimidade ou á consideración debida á súa dignidade. O concello, a través do órgano directivo ó que estivese adscrito o interesado, abrirá a oportuna información e instruirá, se é o caso, o expediente disciplinario que proceda.

O aquí exposto tamén será de aplicación cando se lesionen dereitos dos traballadores, recoñecidos neste convenio e na normativa vixente e se deriven prexuízos notorios para eles.

8. As faltas leves prescribirán ós 10 días, as graves ós 20 días e as moi graves, de 60 días, a partir da data en que a Administración tivo coñecemento da súa comisión; e, en todo caso, ós 6 meses de someterse, os prazos quedarán interrompidos por calquera acto propio do expediente instruído, sempre que a duración deste, no seu conxunto, non supere o prazo de 6 meses, sen mediar culpa co traballador expedientado.

9. A cancelación do expediente de faltas e sancións producirase ós tres meses para faltas leves, ó ano para as graves, e ós dous anos para as moi graves.

Artigo 12º.-Mobilidade do persoal.

Para a modificación do lugar ou posto (oficio) procurarase, no primeiro caso, acordo co traballador, debéndose ter en conta ou seu carácter de temporalidade, cando proceda estructurar unha mellora de servicio. De non ser posible un acordo pactado, observarase o disposto na lexislación vixente.

Se o traslado debe levar consigo unha modificación de oficio con cambio de nivel, deberase previamente efectuar unha oferta restrinxida e promoverse a ocupación da praza obxecto de traslado, mediante concurso dentro do persoal cualificado de cadro de persoal.

Motivada na urxencia, e mentres se prepara esta fase, a Alcaldía poderá cubrir de forma temporal a praza, 90 días non prorrogables, debendo contar co informe previo do comité de persoal.

Todo o persoal que por necesidade do servicio estea desempeñando un traballo de superior categoría, percibirá os incrementos de emolumentos correspondentes.

Todo traballador que substitúa a outro de superior categoría percibirá as retribucións correspondentes ó dito posto, mentres dure a substitución.

Artigo 13º.-Vacantes por ausencias e ampliación de xornada.

Cando se produza unha baixa temporal de calquera tipo, o concello encargarase de designa-la persoa para facer esta substitución, tendo preferencia o persoal con xornada parcial.

As prazas para cubrir co persoal existente de xornada parcial serán de xeito que non superen a xornada completa. Se as circunstancias laborais o permiten estableceranse, tendo preferencia a antigüidade, as consultas pertinentes.

Artigo 14º.-Clasificación por categorías e niveis.

Sen que represente mingua económica nin responsabilidade do traballador, no próximo convenio do

ano 2000 establecerase unha clasificación dos postos de traballo segundo as normas homologadas vixentes para a Administración local, medidas tendentes nun próximo futuro á consecución do convenio único.

Os postos de traballo existentes no cadro de persoal laboral fixo estructúranse nos seguintes niveis:

NivelEmprego

2Peóns e persoal de limpeza e xardineiros (con menos de 2 anos de antigüidade)

3Persoal de limpeza

Peóns especialistas

Xardineiros

4Oficial fontaneiro

Oficial electricista

Conserxes

Choferes

Cobrador praza

5Encargado lixo

Encargado fontaneiro

Encargado electricista

Profesor de música

Profesor de gaita

6Aux. administrativo

Delineante-Inspect. obras

Coordinador cultural

7Aparellador

Asistenta social

Responsable de contabilidade

Responsable servicios Informátic.

Calquera reclasificación na numeración dos niveis non levará aparellados incrementos ou reduccións salariais. Exceptúanse os acordos establecidos para axusta-los niveis retributivos ás funcións de traballo actual.

Artigo 15º.-Retribucións do persoal.

Para as distintas categorías e niveis establécense unhas retribucións salariais con efectos retroactivos, desde o lº de xaneiro de 1999, que será o estipulado pola Lei de orzamentos do Estado, aplicado independentemente cada un deles; en todo caso, ateranse ó cadro achegado a este documento-convenio (cadro nº l).

Artigo 16º.-Cláusula de revisión.

O concello garantirá, en todo caso, as revisións salariais, necesarias para evita-la perda do poder adquisitivo, das retribucións de todo o persoal adscrito a este convenio, ó final de cada ano. Aboaranse (no caso de habelas) as diferencias con carácter retroactivo desde primeiros de ano.

Artigo 17º.-Traballo en domingos e festivos, ou horario fóra do cadro ordinario.

O traballador con xornada laboral que tivese que traballar en sábado, domingo ou días festivos de forma extraordinaria, terá dereito a calquera das opcións que se relacionan a seguir:

* Dous días de descanso en día laboral normal.

* Acumular estes dous días de descanso, independentemente do seu número final, ás súas vacacións anuais.

* Unha compensación económica equivalente ó dobre do valor dun día laboral normal, é dicir, aqueles que van desde o luns ó venres, en concepto de horas extras.

* Se o traballo en sábado, domingo ou festivo se debese a necesidades urxentes de servicio, a compensación farase por medio de horas extras, as cales terán o valor dun 150% dunha hora extra normal.

Artigo 18º.-Antigüidade.

Para os efectos de antigüidade, o número de trienios será ilimitado.

O valor do trienio para tódolos niveis é o que figura no cadro anexo do convenio, (cadro nº 2) incrementado no tanto por cento acordado neste convenio.

Así mesmo, todo traballador existente no cadro de persoal con anterioridade ó 1-1-1980 percibirá un complemento extrasalarial que irá incrementando nas proporcións que se vaian acordando, neste e en futuros convenios.

Artigo 19º.-Premio de natalidade.

Establécese un premio de natalidade, por parto ou adopción, consistente en 15.000 ptas. por cada un dos fillos ou fillas que teña o traballador ou traballadora.

Artigo 20º.-Xornada de traballo e horas extras.

Para todo o persoal laboral haberá, basicamente, dous tipos de xornada, atendendo á súa duración:

* Xornada completa, de 35 horas semanais.

* Xornada parcial, de 20 horas semanais.

a) O horario de traballo queda fixado nos cadros anexos a este convenio.

b) Queda totalmente prohibida a realización de horas extras, salvo en casos moi cualificados ou especiais.

De realizarse estas, o valor da hora extra será do 150% dunha hora normal.

c) Se as horas extras superasen as legalmente autorizadas, é dicir, 7 ó mes ou 70 ó ano. Cando o número de horas extras supere no cómputo máximo anual das totais do concello a cantidade de 500 horas, crearase o correspondente número de postos de traballo.

d) Mensualmente pasaráselles ó comité de persoal ou ós delegados a relación de horas extras traballadas.

e) A xornada laboral semanal establécese en 35 horas, e segundo o cadro anexo. A comisión mixta do convenio estudiará, antes do 31-12-1999, un horario de traballo de acordo co texto do artigo 20º deste convenio colectivo; mentres tanto continuarase co cadro horario actualmente en vigor.

f) Ó persoal reclamado para realizar horas extras garantiráselle, como mínimo, dúas horas extras.

Artigo 21º.-Normas de pagamento e pagas extras.

O cobramento de haberes do persoal laboral afectado por este convenio efectuarase mensualmente por medio das entidades bancarias da localidade, e sempre logo de solicitude do traballador.

O día de cobramento mensual será o 30 ou 31 de cada mes.

No caso de que este día coincida en festivo, o aboamento farase o día inmediato anterior laboral.

Para os cobramentos das mensualidades que se fagan a través de transferencias bancarias, a data de ingreso da nómina no banco para a súa transmisión farase o día 25 de cada mes ou o inmediatamente anterior hábil, no caso de coincidir en festivo.

O mesmo sistema establécese para o cobramento das dúas pagas extras, de verán e Nadal, respectivamente.

A contía das pagas extras será igual ó dunha mensualidade, que se cobrará independentemente das situacións por ILT ou accidente laboral, habidas durante o ano, e que se percibirán nas seguintes datas:

Paga de verán: 1 de xuño, ou o seguinte hábil.

Paga de Nadal: 1 de decembro, ou o seguinte hábil.

Artigo 22º.-Vacacións.

As vacacións serán de 35 días naturais.

Para o persoal de recollida de lixo, limpeza do mercado, casa do concello e limpeza viaria será de 40 días naturais.

No caso de hospitalización durante o desfrute das súas vacacións, o traballador terá dereito a que lle sexan compensados os días de internamento, correspondentes ás vacacións con días de descanso.

No caso de que o internamento en centro hospitalario se prolongue ó longo de todo o ano, o desfrute do período de vacacións comezará a partir do día seguinte ó da data da alta médica e sempre que sexa dentro do ano natural.

O cadro de vacacións será elaborado polos xefes de servicio ou capataces, e sempre logo de consulta co comité de empresa.

As limpadoras dos colexios e os conserxes deixarán de asistir ó posto de traballo con ocasión das festividades colexiais, pero garantindo, en todo momento, as condicións de limpeza dos referidos centros.

Capítulo IV

Artigo 23º.-Permisos e licencias retribuídas.

Todo o persoal afectado por este convenio terá dereito ás seguintes licencias retribuídas:

Por casamento ou convivencia: 16 días naturais.

Por parto: 18 semanas.

Por parto do cónxuxe: 5 días naturais.

Por matrimonio de fillos ou irmáns: 1 día natural.

Ídem fóra da provincia: 2 días naturais.

Por falecemento de pais, cónxuxe e fillos: 5 días naturais.

Por falecemento de sogros, xenros e noras: 2 días naturais.

Por morte de netos e avós: 2 días naturais.

Por morte de tíos, sobriños e cuñados: 2 días naturais.

Ídem fóra de Galicia: 3 días naturais.

Por enfermidade grave de pai, nai, muller, home e fillos, debidamente xustificada: 2 días naturais.

Por exames: os días necesarios logo de xustificación.

Por traslado de domicilio: 2 días laborables.

Ídem fóra do termo municipal: 2 días laborables.

b) Para o caso de enlace matrimonial concederanse o número de días que solicite o traballador ata o máximo dun mes, tendo en conta que só serán retribuídos os 16 primeiros.

c) Por asuntos propios, 9 días conforme criterios obxectivos de aplicación xeral, segundo o establecido no artigo 70.3º da Lei da función pública de Galicia. O comité de persoal emitirá informe previo da solicitude.

d) Os días 24 e 31 de decembro consideraranse non-laborables para todo o persoal do concello.

O traballador que non desfrute algunha das pontes estipuladas no artigo 46º deste convenio terá dereito a outra a cambio, e aquela que lle coincida en días de descanso, compensaranse cun día.

Ós traballadores daqueles servicios que non poidan desfruta-los permisos comprendidos na letra d) e no artigo 46º, polas necesidades derivadas do funcionamento do propio servicio, compensaráselles con día e medio de descanso por día.

Non retribuídos:

e) Por causa xustificada e sempre que o permitan as necesidades do servicio, mínimo 15 días. Ata un máximo de tres meses cada dous anos.

f) No caso de permisos non retribuídos, non se poderán realizar horas extras.

g) Reducción da xornada diaria nun tercio ou en medio, para o traballador que teña ó seu cargo un fillo, desde o nacemento e ata que cumpra seis anos.

Artigo 24º.-Fondo social.

Disponse dun orzamento anual para axuda ós estudios dos fillos dos traballadores laborais.

De xeito previo, os solicitantes achegarán os xustificantes de teren ós seus fillos inscritos nos correspondentes cursos e estudios.

Para o que se establecen os seguintes baremos:

* Por cada fillo en preescolar: 10.000 ptas.

* Por cada fillo en EXB: 15.000 ptas.

* Por cada fillo en BUP, FP ou COU: 20.000 ptas.

* Por cada fillo na universidade ou en estudios superiores: o 40% do importe da matrícula cun importe mínimo de 35.000 ptas.

Seguirase o mesmo proceso para as axudas ó estudio dos propios traballadores.

b) A corporación, xunto co comité de persoal, estudiarán a creación dun fondo social por contía que se vai determinar, logo de elaboración das normas pola que se ten que regular, co obxecto da concesión de préstamos a baixo xuro, a todo o persoal do concello

para a construcción de vivenda habitual, e a súa inclusión no convenio do ano 2000.

c) O concello estudiará a posibilidade de subscribir, a partir do ano 1999, un Plan de pensión para todo o persoal, tendente a compensa-la perda adquisitiva pola diferencia retributiva entre o salario en activo e a retribución que lle corresponda por xubilación.

Artigo 25º.-Axudas extrasanitarias.

Todo o persoal adscrito a este convenio terá dereito e con cargo á partida orzamentaria de melloras sociais (asistencia extrasanitaria ó persoal laboral), non incluídas no convenio de asistencia sanitaria coa Seguridade Social e prescritas por facultativo, na contía e as condicións que se determinan a continuación:

PrestaciónContía

Empastes e endodoncias100%

Próteses bucais, parciais ou completas50% ata 70.000 ptas.

Audífonos100%

Ortopedia100%

Cristais para lentes100%

Lentes de contacto100%

Monturas para lentes50% sen exceder de

10.000 ptas.

O aboamento destas subvencións municipais faráselles efectivo ós traballadores e ós seus beneficiarios ou á persoa coa que conviva de feito, logo de presentación da correspondente factura e prescrición facultativa e documentos seguintes:

a) Fotocopia do libro de familia onde figure a persoa beneficiaria da axuda.

b) Certificado do Inem, se se atopa en situación de desempregado, no que figure o importe da prestación se a percibe.

c) Certificado da Seguridade Social, no que conste que a persoa beneficiaria non se atopa inscrita como traballador ou traballadora por conta allea ou autónomo.

d) Os fillos solteiros serán beneficiarios ata a idade de 30 anos agás os que teñan unha minusvalidez legalmente recoñecida.

e) O concello poderá concertar con varias entidades sanitarias que oferten os servicios establecidos neste artigo, acolléndose á oferta máis beneficiosa.

f) O comité de persoal será informado puntualmente de cada traballador ou traballadora que fixese uso deste dereito e poderá emiti-lo seu informe se considerase desviacións ou anomalías na aplicación desta partida orzamentaria.

Artigo 26º.-Anticipos reintegrables.

Dentro do orzamento ordinario destinarase un fondo de anticipos, cunha media por traballador de 300.000 ptas. (trescentas mil ptas.) reintegrables en 24 meses, que lle serán concedidas a todo o persoal que o solicite, e do que terán que emitir informe os delegados do persoal afectado, informe que será vinculante e preceptivo. A comisión mixta deste convenio, durante a súa vixencia, elaborará unhas normas para regula-la prioridade de concesión destes anticipos reintegrables.

Artigo 27º.-Tipos de caixa.

Todo traballador deste concello terá dereito a un anticipo da súa nómina mensual por contía non superior a 50.000 ptas. que se reintegrarán no correspondente mes.

Artigo 28º.-Roupa de traballo.

Anualmente entregaranse dúas pezas de roupa para que cada traballador realice a súa función.

As roupas serán as axeitadas para o traballo que se vai realizar. Tanto o modelo e a calidade iniciais como os cambios que poidan ocorrer con posterioridade, serán por petición dos delegados de persoal despois de consulta-los afectados.

As entregas das roupas efectuaranse no primeiro trimestre, e antes do 31 de marzo de cada ano.

Entrega de roupa por servicios.

Recollida do lixo.

-Semanalmente:

1 par de luvas de tela ou goma.

-Anualmente:

2 fundas con reflectantes.

1 par de botas de auga.

1 par de tenis.

1 par de botas de coiro (tipo coreano).

1 pantalón.

2 camisas.

-Cada dous anos:

1 roupa de augas.

Conductores.

-Anualmente:

2 camisas.

2 pantalóns.

1 funda.

1 par de botas.

Limpadoras/es colexios públicos e casa do concello.

-Anualmente:

2 batas ou 2 pantalóns e 2 camisas.

1 par de zocos.

Limpadoras/es praza de abastos e vías públicas.

-Anualmente:

2 batas ou 2 pantalóns e 2 camisas.

1 par de zocos ou botas de auga.

1 par de tenis.

Máscaras contra o po (en cantidade suficiente).

Persoal de oficios.

-Mensualmente:

1 par de luvas de goma.

1 par de luvas de tea.

-Anualmente:

2 fundas ou chaqueta pantalón.

1 par de botas.

1 par de tenis.

-Cada dous anos:

1 roupa de augas.

Conserxe de colexio.

-Anualmente:

1 funda ou 1 bata.

1 par de zapatos.

Conserxe de pavillón polideportivo.

-Anualmente:

1 chándal.

1 par de tenis.

Artigo 29º.-Traballos tóxicos.

Todo traballador municipal disporá das medidas necesarias, en materia de seguridade e hixiene, que garantan a súa integridade física e a súa saúde.

Ningún traballador poderá ser obrigado a realizar un traballo que implique grave risco físico, se este non está dotado das medidas de seguridade e hixiene adecuadas; en todo caso, estes percibirán un complemento na contía mensual polos tres conceptos destinados ó aboamento deste complemento, e segundo o cadro anexo.

Nocturnidade.

Tódolos traballadores que realicen a súa xornada laboral ordinaria en horario entre as 22 e as 6 horas percibirán un complemento de nocturnidade equivalente ó 25% do seu salario base e sempre calculado mensualmente.

No caso do persoal da recollida do lixo, seralle de aplicación a parte proporcional á xornada laboral efectuada no horario previsto neste artigo.

Artigo 30º.-Material de traballo.

As ferramentas e outro material de traballo serán facilitados polo concello, de acordo cos delegados de persoal, logo de consulta ós afectados.

Tanto as peticións como as entregas faránselle ó responsable municipal, segundo as necesidades.

Artigo 31º.-Cursos de formación e perfeccionamento profesional.

O Concello promoverá cursos de formación para os seus traballadores, e sempre en horas compatibles coa xornada laboral.

Así mesmo, subvencionará a promoción particular dos seus traballadores con bolsas económicas e o aboamento de matrículas.

De producirse incompatibilidade ou imposibilidade física de calquera tipo entre un traballador e o seu posto de traballo, facilitaranse os cursos de reciclaxe e perfeccionamento necesarios para adaptalo ó posto de traballo que lle sexa compatible.

Os traballadores suxeitos a este convenio, que o soliciten, terán dereito a asistir a cursos de perfeccionamento e ampliación de coñecementos, sendo os gastos por conta do concello, e creando para iso un fondo orzamentario destinado para tal fin.

Este fondo será xestionado polo comité de persoal, que dará a aceptación ás peticións e llo comunicarallo á corporación para que sexa tratado na primeira comisión que teña lugar.

Co obxecto de:

1º Cubri-lo posto de traballo do empregado que asista ó curso.

2º Ordena-lo libramento dos gastos necesarios.

Artigo 32º.-Prestacións sociais e fomento de emprego.

Establécese como idade de xubilación para todo persoal ó cumpri-los 65 anos.

A xubilación antes de cumpri-la dita idade dará dereito a que a corporación lle dea ó traballador unha indemnización da seguinte contía:

Se se xubila ós 60 anos: o 100% da súa retribución anual.

Se se xubila ós 61 anos: o 75% de ídem.

Se se xubila ós 62 anos: o 50% de ídem.

Se se xubila ós 63 anos: o 25% de ídem.

Se se xubila ós 64 anos: o 10% de ídem.

Artigo 33º.-Incapacidade laboral por enfermidade ou accidente.

No caso de incapacidade laboral por enfermidade común ou accidente laboral, o concello estará obrigado a completa-la diferencia do salario real ata o 100% das súas retribucións mensuais, durante os primeiros 60 días, pasando logo a percibi-lo legalmente establecido.

O persoal afectado por unha invalidez permanente parcial, determinada por resolución de organismo competente, deberá ser mantido no cadro de persoal e por petición do delegado de persoal, procurándolle un posto de traballo acorde coas súas condicións físicas.

No momento da sinatura deste convenio, o concello queda obrigado a subscribir en favor de todo o colectivo laboral do cadro de persoal un seguro colectivo de accidente e enfermidade profesional ou morte por accidente laboral, nunhas contías de 500.000 ptas. (cincocentas mil ptas.) e 1.000.000 de ptas. (un millón de ptas.) respectivamente.

Artigo 34º.-Complementos de subsidios de viuvez e orfandade.

Ó morre-lo traballador que prestou os seus servicios no concello, a marxe do período de carencia esixido polas disposicións vixentes, en materia de prestación de viuvez e orfandade, sempre que tivese fillos dentro do límite de idade que en cada momento estableza a normativa da Seguridade Social, e non existan outros ingresos familiares superiores ó salario mínimo interprofesional.

A Administración municipal aboaralle ó seu cónxuxe convivente un complemento sobre a pensión asignada pola Seguridade Social, ata o importe do salario bruto, paga que se extinguirá no caso de contraer novas nupcias.

Os fillos menores terán dereito así mesmo a este complemento, no caso de non existir pai ou nai acredores dela; esta paga extinguirase ó cumpri-la maioría de idade.

Artigo 35º.-Fomento de emprego.

Elaborarase anualmente un catálogo de postos de traballo para traballadores con minusvalidez, establecéndose probas específicas de acceso, 1 de cada 4 prazas convocadas, como mínimo, do cadro de persoal. Na relación de postos de traballo farase constar, expresamente, a dita condición para coñecemento dos interesados.

Dereitos sindicais

Artigo 36º.-Xuntanzas periódicas.

Por petición dos delegados de persoal faranse reunións periódicas entre as persoas responsables do departamento de persoal do concello e o propio delegado. A dita periodicidade queda fixada en cada dous meses, salvo casos urxentes, en que as reunións se farán por petición dunha das partes.

Artigo 37º.-Asembleas ou xuntanzas.

Tódolos traballadores afectados por este convenio disporán de 10 horas anuais retribuídas para a realización de asembleas por motivos sociolaborais.

O comité de persoal reunirase, cando menos, unha vez ó mes, ou cando por motivos urxentes o considere oportuno o presidente, ou por petición da 1/3 dos delegados.

Artigo 38º.-Asesores.

Sempre que o consideren, os delegados de persoal, poderán asistir ás reunións convocadas polo concello acompañados de asesores.

Artigo 39º.-Tempo de bocadillo.

Os traballadores que fagan a xornada continuada terán dereito a 20 minutos diarios para toma-lo bocadillo no posto de traballo.

Artigo 40º.-Afiliación e sancións.

Ningún traballador poderá ser discriminado no seu traballo por razóns de afiliación sindical.

Cando algún traballador sexa sancionado por algunha falta cometida durante o seu horario de traballo, previa e preceptivamente, serán informados os delegados de persoal, os que deberán emitir informe no prazo máximo de 5 días.

Artigo 41º.-Excedencias.

Todo traballador afectado por este convenio e cunha antigüidade superior a dous anos terá dereito a un período de excedencia voluntaria, por un período non inferior a seis meses nin superior a 5 anos, non aboándose a Seguridade Social.

A reincorporación será solicitada polo propio traballador e cun aviso previo de tres meses de antelación, tendo garantido o posto de traballo que desenvolvía anteriormente.

Cada cinco anos poderase solicita-la excedencia por un período máximo dun ano, e será aboado pola Corporación o importe total das cotas da Seguridade Social, sempre e cando a excedencia sexa por causa xustificada.

Artigo 42º.-Embarazo.

As mulleres en estado de xestación, que desenvolvan traballos en lugares perigosos, penosos ou infecciosos terán dereito a muda-lo posto de traballo de acordo co seu estado, non estando en ningún caso obrigadas a desenvolver estas funcións.

Artigo 43º.-Control médico.

Todo o persoal afectado por este convenio terá dereito a un recoñecemento médico anual por conta do concello, para o que se solicitará praza no Gabinete de Seguridade e Saúde da Xunta de Galicia en Rande. De non ser posible, concertarase cun centro privado.

Artigo 44º.-Asistencia a consultorios.

Tódolos traballadores terán dereito a dúas horas retribuídas polo concello, cada vez que teñan que asistir á consulta do médico de cabeceira.

O traballador deberá avisar cun día de antelación, se fose posible, e entregará o correspondente xustificante médico.

Para a asistencia ó especialista disporá do tempo necesario por conta do concello, logo de presentación do volante do médico de cabeceira e posterior xustificación.

Artigo 45º.-Garantías de cargos sindicais.

En canto ó relacionado con este tema, observarase o disposto no Estatuto dos traballadores.

Como xustificante, será válido o comprobante dos organismos oficiais ou do sindicato correspondente.

Para o uso e desfrute do crédito de horas sindicais, os delegados deberán comunicalo con vintecatro horas de antelación. Estas poderán ser acumuladas nun ou varios delegados.

A asistencia a reunións da comisión de seguimento e probas de selección de persoal en horas de traballo non lles computarán ós representantes sindicais no seu crédito de horas sindicais e o concello deberá indemnizalos nos gastos que lles ocasionen, no caso de habelos.

Garantía de pagamento de retencións.

O comité de persoal terá acceso á información referente ós ingresos por parte do concello das retensións, tanto IRPF como Seguridade Social, co fin de poder comproba-lo puntual cumprimento do pagamento ós organismos acredores (tanto Facenda como Tesourería Xeral da Seguridade Social).

Artigo 46º.-Cadro de pontes.

Tódolos traballadores afectados por este convenio terán dereito ó desfrute de 3 (tres) pontes ó ano,

que para este ano 1999 quedan establecidos nos seguintes días:

* 11 de outubro.

* 12 de novembro.

* 7 de decembro.

Artigo 47º.-Responsabilidade civil.

O Concello de Moaña queda obrigado á subscrición ou contratación dun seguro de responsabilidade civil, que cubrirá as responsabilidades civís dos traballadores e traballadoras que se determinan xudicialmente ou doutra índole, en que poidan verse inmersos os traballadores e traballadoras afectados por este convenio e sempre no desenvolvemento da súa actividade do traballo diario.

No caso de non subscribirse o anterior, o Concello de Moaña será o responsable civil directo e non simplemente subsidiario.

Asistencia xurídica.

O concello garantirálle-la prestación de asistencia xurídica especializada a tódolos traballadores que a precisen por razón de conflictos con terceiros, derivados da prestación do servicio.

Artigo 48º.-Utilización de vehículo propio.

A todo traballador, ó que se lle encargue algún traballo para o cal necesite usa-lo seu propio vehículo, aboaráselle a razón de 25 ptas. por quilómetro.

Créase un complemento por utilización de vehículo propio, por valor de 5.000 ptas. mensuais, para os traballadores que utilicen o seu propio vehículo para a realización diaria do seu traballo

Disposicións adicionais

Primeira.-Persoal de recollida de lixo.

A todo o persoal adscrito a este servicio seralle de aplicación todo o recollido na lexislación vixente, referente ó traballo en condicións de nocturnidade, polo que percibirá mensualmente unha contía salarial equivalente ó 25% máis do seu salario base mensual e que será engadido como complemento de nocturnidade.

Segunda.-Responsables da recollida de lixo e limpeza de colexios.

Para mellora-la xestión destes servicios, considérase a creación urxente da figura de responsables deles para a coordinación dos traballadores dependentes deles e pasarán a desempeñar estes cargos do cadro de persoal ós que se aboará un complemento de responsabilidade. O valor deste complemento será negociado entre o concello e o comité de empresa.

Terceira.-Persoal laboral eventual.

1º O persoal eventual que preste os seus servicios no Concello de Moaña terá as mesmas condicións có persoal fixo en función do tempo de duración do seu contrato de traballo.

2º Para que o persoal eventual solicite as axudas recollidas no artigo 24º e artigo 25º deste convenio deberá terse asinado un contrato de traballo dunha duración igual ou superior a doce meses.

3º O persoal eventual terá dereito a solicita-los anticipos reintegrables recollidos do artigo 26º, sempre e cando o seu prazo de devolución non supere o tempo de duración do seu contrato de traballo.

ANEXO

Cadro horario

ProfesiónDestinoLuns a venresSábados

LimpadorasColexiosXornada 20 h/s

LimpadorasColexiosXornada 35 h/s

LimpadorasCasa do concelloDas 15 ás 21 hDas 15 ás 20 h

LimpadorasPraza/mercadoXornada 35 h/sDas 15 ás 17.30 h

Persoal oficiosVariosDas 8.30 ás 14.30 hA cinco quendas das 8.30 ás 13.30 h

Mínimo 2 Trab./quenda

Conserxes colexiosXornada 35 h

Recollida do lixoXornada das 19 á 1 hDas 19 ás 24 h

OficinasXornada 8.30 a

14.30 h

A cinco quendas das 8.30 ás 13.30 h