Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 28 Xoves, 10 de febreiro de 2000 Páx. 1.722

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E RELACIÓNS LABORAIS

RESOLUCIÓN do 29 de decembro de 1999, da Dirección Xeral de Relacións Laborais, pola que se ordena o rexistro e publicación, no Diario Oficial de Galicia, do acordo do grupo de traballo sobre medidas para o sector productivo do complexo silvicultura-madeira e sobre medidas de consolidación de emprego estructural.

Visto o texto da acta de incorporación do acordo do grupo de traballo sobre medidas para o sector productivo do complexo silvicultura-madeira e sobre medidas de consolidación de emprego estructural, do 10 de novembro de 1999, así como o texto do acordo sobre medidas de consolidación de emprego estructural, subscritos entre os representantes da Administración autonómica e o Comité Intercentros, ó abeiro do disposto no artigo 48.6º e) do III convenio colectivo único para o persoal laboral da Xunta de Galicia, e de conformidade co disposto no artigo 90 do Estatuto dos traballadores, en relación co previsto no Real decreto 1040/1981, do 22 de maio, sobre rexistro e depósito de convenios colectivos de traballo.

Esta dirección xeral

ACORDA:

Primeiro.-Ordena-la inscrición do devandito acordo no rexistro correspondente desta dirección xeral.

Segundo.-Dispoñe-la súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 29 de decembro de 1999.

José Mª Fernández Olea

Director xeral de Relacións Laborais

Acta de incorporación do acordo do grupo de traballo sobre medidas para o sector productivo do complexo silvicultura-madeira, e sobre medidas de consolidación de emprego estructural

En Santiago de Compostela o 10 de novembro de 1999 a Administración da Xunta de Galicia, representada por Joaquín López-Rúa Soler, director xeral da Función Pública da Consellería da Presidencia e Administración Pública; Juan José Novoa Montero, director xeral de Presupostos da Consellería de Economía e Facenda, José Luis Aboal García-Tuñón, secretario xeral da Consellería de Medio Ambiente; e o Comité Intercentros representado pola súa presidenta, María del Mar Peteira Cabana, conveñen en subscribi-lo seguinte acordo:

Introducción

O artigo 1.2º do III convenio colectivo único para o persoal laboral da Xunta de Galicia para 1994, rexistrado e publicado por resolución da Dirección Xeral de Relacións Laborais do 19 de decembro (Diario Oficial de Galicia nº 249, do 28 de decembro de 1994) establece:

«Así mesmo, integrarase no presente convenio o persoal laboral que con posterioridade á súa publicación pase a depender da Xunta de Galicia ou dos seus organismos autónomos. Para iso terase en conta o disposto no artigo 48.6 e)».

engandido o artigo 48.6º e) deste:

«O Comité Intercentros negociará coa Administración as condicións de adscrición de calquera colectivo a este convenio con ocasión da súa integración por razóns de transferencia».

O día 23 de xuño de 1999 asinouse o acordo do grupo de traballo sobre medidas para o sector productivo do complexo silvicultura-madeira, e sobre medidas de consolidación de emprego estructural (anexo á presente acta)

Como consecuencia de todo iso, e visto o informe da Asesoría Xurídica Xeral do 22 de novembro de 1999, a incorporación realizarase do seguinte xeito:

1. O convenio colectivo único vixente para o persoal laboral da Xunta de Galicia será de aplicación ó persoal afectado polo devandito acordo do 23 de xuño de 1999.

2. Aplicaráselles ós ditos traballadores o réxime retributivo establecido no convenio colectivo único coas especificidades sinaladas no devandito acordo.

3. O persoal afectado polo acordo incorporarase ós grupos e categorías do anexo II do convenio colectivo único.

4. Os efectos da incorporación produciranse en todo caso con data do 1 de xaneiro de 2000, agás o persoal do Servicio de Medio Ambiente Natural e o persoal da categoría 10f do grupo V (peón forestal) do Centro de Investigación e Tecnoloxía Ambiental, que se incorporará con data de efectos do 1 de xaneiro de 2001. As diferencias retributivas aboaranse, se é o caso, e con efectos do 1 de xaneiro de 2000, ou segundo a excepción sinalada o 1 de xaneiro de 2001, unha vez que se publiquen as correspondentes relacións de postos de traballo da Consellería de Medio Ambiente.

5. Os posibles complementos retributivos que viñera percibindo o persoal laboral incorporado, consideraranse absorbidos polas condicións retributivas do vixente convenio e as especificidades do acordo, sempre que estas sexan máis beneficiosas examinadas no seu conxunto e anualmente.

E para que conste, asínase o presente acordo no lugar e data indicados.

Pola Administración autonómica:

Joaquín López-Rúa Soler, director xeral da Función Pública.

Juan José Novoa Montero, director xeral de Presupostos.

José Luis Aboal García-Tuñón, secretario xeral da Consellería de Medio Ambiente.

Polo Comité Intercentros:

Mª Mar Peteira Cabana, presidenta.

Acordo sobre medidas de consolidación

de emprego estructural

Introducción

Dentro dos acordos sobre medidas para o crecemento e o emprego en Galicia, asinados o trece de xullo de mil novecentos noventa e oito pola Xunta de Galicia, Confederación de Empresarios de Galicia, Sin

dicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia e Unión Xeral de Traballadores UGT-Galicia, estableceuse a apertura da Mesa dos sectores productivos e a Mesa de acción no medio rural, cos obxectivos e finalidades expostos nos propios acordos.

Entre outras cuestións, acordouse avanzar no desenvolvemento de fórmulas que permitan consolida-los postos de traballo temporal vinculados a servicios de carácter estructural en materia de conservación da natureza forestal e da defensa contra incendios forestais. Todo isto en consonancia co previsto no acordo do 14 de xullo de 1994 subscrito entre a Xunta de Galicia e as organizacións sindicais antes citadas, publicado no Diario Oficial de Galicia do 28 de setembro de 1994, mediante resolución da Dirección Xeral da Función Pública do 27 de setembro de 1994, acordo que no seu punto segundo establece que, entre outros obxectivos, as actuacións en materia de emprego público se dirixirán a consecución de emprego estructural estable

Así mesmo, este proceso de regularización de emprego enmárcase no previsto no artigo 7, punto 1º, da Lei 6/1998, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma para 1999.

Como consecuencia do anterior desenvolveuse un proceso negociador entre as organizacións sindicais asinantes dos acordos e a Consellería de Medio Ambiente, que culminaron coa consecución do acordo sobre consolidación de emprego estructural na Consellería de Medio Ambiente acadado o 23 de xuño de 1999 e referendado pola Mesa de Emprego o 30 de xullo de 1999, sendo ratificado polo Cómite Intercentros na súa reunión do día 10 de novembro de 1999, que a seguir se reproduce:

Acordo sobre consolidación de emprego

Froito da análise efectuada ó longo dos últimos exercicios orzamentarios, procédese a elaborar este plan de reconversión de necesidades estructurais que se enmarcan nas seguintes liñas xerais:

-Dótanse os postos de traballo permanentes dos establecementos forestais, ambientais, cinexéticos e piscícolas.

-Dótanse os postos de traballo demandados pola vixilancia e conservación dos recursos naturais renovables e os espacios naturais protexidos.

-Dótanse postos dos Servicios de Defensa contra Incendios Forestais de xeito que se configura unha estructura básica permanente.

-Dótanse postos de centros de investigación, de acordo coas dispoñibilidades económicas.

Estas dotacións comprenden necesidades de máis de nove meses de duración, sen prexuízo dos efectivos actualmente comprendidos na vixente relación de postos de traballo da Consellería de Medio Ambiente.

En consecuencia, o presente acordo establece e regula as normas que, de xeito específico, rexerán as relacións de carácter xurídico-laboral entre a Xunta de Galicia e o persoal que, suxeito a lexislación laboral, preste os seus servicios nos postos de traballo da Consellería de Medio Ambiente.

Seguidamente, detállanse os acordos que a continuación pasamos a desenvolver, conforme a orde dos servicios afectados.

A) Servicio de Montes e Industrias Forestais.

Unha parte do persoal que vén atendendo os viveiros forestais desempeña as súas funcións ó longo de períodos prolongados, polo que se considera conveniente proceder á reconversión dos seus cometidos en postos fixos, dada a súa necesidade permanente no Plan de Mellora Xenética e Producción de Material Seleccionado.

Esta configuración do cadro de persoal estable inserirase no marco do convenio colectivo único da Xunta de Galicia, coas peculiaridades específicas derivadas da natureza das súas funcións, describíndose, en todo caso, as seguintes particularidades de integración:

A.1) Sistema de acceso.

Para o acceso ás categorías a que refire o presente acordo poderá substituírse, naquelas categorías en que se considere conveniente, o requisito de nivel de titulación académica, xenérica ou específica, pola posesión dunha determinada titulación profesional expedida por órganos oficiais das administracións públicas, ou ben pola acreditación dunha determinada experiencia no desempeño das funcións propias da categoría de orixe.

A.2) Equiparación de categorías.

Serv. de Montes e I. ForestaisConvenio colectivo

Xefe brigadaCap.establecemento G.III Cat. 80

Peón forestalPeón forestal G. V, Cat. 10, f)

Os postos de traballos que configuran a relación de postos da Consellería de Medio Ambiente adaptaranse ás categorías anteriormente indicadas.

A.3) Definición de categorías.

Capataz de establecemento.

Persoal que está ó fronte dun establecemento forestal, cinéxetico, piscícola ou análogo, con responsabilidades respecto a tódolas operacións que demanda o adecuado funcionamento das instalacións de que se trate.

Será responsable directo e inmediato do persoal ó seu cargo, así como do cumprimento das medidas de prevención de riscos laborais.

Peón forestal.

Persoal encargado de efectuar labores que requiren esforzo físico e algún coñecemento práctico especial, así como aquelas outras de mantemento, conservación e limpeza que demande o seu ámbito de actuación, manexando para tal fin os medios materiais necesarios.

A.4) Postos que se van incluír na R.P.T.

En consecuencia, na relación de postos de traballo da Consellería de Medio Ambiente incluiranse os seguintes postos de traballo:

CategoríaNº efectivos

Capataz establecemento2

Peón forestal21

Total23

B) Servicio de Medio Ambiente Natural.

De igual forma, parte do persoal que realiza os seus servicios nas instalacións de recuperación da fauna salvaxe, nas granxas cinexéticas, nas piscifactorías do Plan de recuperación de ríos e noutros complexos ambientais, atópase en situación análoga.

Outras áreas que encaixan na formulación xeral correspóndense coa vixilancia en ámbitos específicos como son as cuncas fluviais incluídas no Plan de recuperación de ríos, os espacios naturais protexidos e a reserva autonómica de caza dos Ancares.

A citada vixilancia en ámbitos territoriais concretos complementa a tutela que ten encomendada, en canto á conservación da natureza en todo o territorio autonómico, a escala de axentes forestais.

Por último, a xestión dos espacios naturais protexidos esixe unha atención continuada que xustifica uns cadros de persoal mínimos estables, a partir dos contratos temporais actuais de longa duración.

Esta configuración do cadro de persoal estable inserirase no marco do convenio colectivo único da Xunta de Galicia, coas peculiaridades específicas derivadas da natureza das súas funcións, describíndose, en todo caso, as seguintes particularidades de integración:

B.1) Sistema de acceso.

Para o acceso ás categorías a que se refire o presente acordo poderá substituírse, naquelas categorías en que se considere conveniente, o requisito de nivel de titulación académica, xenérica ou específica, pola posesión dunha determinada titulación profesional expedida por órganos oficiais das administracións públicas, ou ben pola acreditación dunha determinada experiencia no desempeño das funcións propias da categoría de orixe.

B.2) Equiparación de categorías.

Serv. Medio Ambiente NaturalConvenio colectivo

Técnico de apoio superiorTitulado superior ambiental G.I, Cat. 37

Técnico de Apoio E.T.F.Técnico ambiental G.II, Cat. 41

Xefe brigadaCapataz Establec. G. III, C. 80

Garda rural Vix. e M.Cel. 2ª/Vix. R. Nat. G. V, C. 9

Peón forestalPeón forestal G. V, Cat. 10, f)

Os postos de traballo que configuran a relación de postos da Consellería de Medio Ambiente adaptaranse ás categorías anteriormente indicadas.

B.3) Definición de categorías.

Titulado superior ambiental.

Persoal que, estando en posesión da correspondente titulación expedida por unha facultade ou escola técnica superior, realiza as funcións propias desta nunha praza que require coñecementos especializados; así mesmo, realiza calquera outra actividade de similar natureza que se lle poida encomendar e que corresponda coa competencia do seu título académico.

Técnico ambiental.

Persoal que, estando en posesión da correspondente titulación expedida por unha escola técnica media, realiza as funcións propias desta nunha praza que require coñecementos técnicos especializados; así mesmo realiza calquera outra actividade de similar

natureza que se lle poida encomendar e que corresponda coa competencia do seu título académico.

Capataz de establecemento.

Persoal que está á fronte dun establecemento forestal, cinéxetico, piscícola ou análogo, con responsabilidades respecto a tódolas operacións que demanda o adecuado funcionamento das instalacións de que se trate.

Será responsable directo e inmediato do persoal ó seu cargo, así como do cumprimento das medidas de prevención de riscos laborais.

Peón forestal.

Persoal encargado de efectuar labores que requiren esforzo físico e algún coñecemento práctico especial, así como aquelas outras de mantemento, conservación e limpeza que demande o seu ámbito de actuación, manexando para tal fin os medios materiais necesarios.

Celador 2ª/vixilante de recursos naturais.

Persoal que ten ó seu cargo unha zona determinada, coa súa respectiva área de influencia, exercendo funcións de policía e custodia das súas riquezas naturais, e levando a cabo as tarefas de mantemento e conservación que se requiran; para tal fin manexará os medios materiais postos a súa disposición e conducirá vehículos, cando así o demanden as necesidades do servicio.

B.4) Postos que se van incluír na R.P.T.

En consecuencia, na relación de postos de traballo da Consellería de Medio Ambiente incluiranse os seguintes postos de traballo:

CategoríaNº efectivos

Técnicos19

Capataces establecemento8

Peón forestal29

Celadores 2ª (vixilantes recursos naturais)80

Total136

C) Servicio de Defensa contra Incendios Forestais.

A Consellería de Medio Ambiente e as centrais sindicais asinantes pretenden inserir neste acordo as medidas tendentes á consolidación de emprego público no ámbito do persoal dedicado, con carácter estructural, ás tarefas de prevención e extinción de incendios forestais. Nembargantes, esta consolidación debe facerse de maneira compatible coas particularidades destas relacións laborais, en función da especificidade das funcións que se van prestar, da imprevisibilidade dos incendios e da necesidade de urxente intervención. Por todo isto, é preciso determinar un marco específico de integración que recolla as particularidades da devandita relación laboral, dentro do ámbito do convenio colectivo único para o persoal laboral da Xunta de Galicia.

En consecuencia, acéptase o seguinte acordo específico de integración.

C.1) Réxime laboral específico.

I. Sistema de acceso e provisión de vacantes:

O acceso ás distintas categorías realizarase logo de convocatoria pública, mediante concurso oposición

con baremo propio no que se primará a experiencia previa e o coñecemento do terreo; ademais deberán de acreditarse o cumprimento dos requisitos de saúde e aptitude física que se establezan. Este baremo será de aplicación para os procesos de cobertura de vacantes.

Para o acceso ás categorías a que se refire o presente acordo poderá substituírse, naquelas categorías en que se considere conveniente, o requisito de nivel de titulación académica, xenérica ou específica, pola posesión dunha determinada titulación profesional expedida por órganos oficiais das administracións públicas, ou ben pola acreditación dunha determinada experiencia no desempeño das funcións propias da categoría de orixe.

II. Superación períodica de probas médicas:

Periodicamente este persoal será sometido a probas de recoñecemento médico acordes co seu posto de traballo.

De conformidade co establecido no convenio colectivo único para o persoal laboral da Xunta de Galicia, este persoal poderá ser trasladado a outro posto de traballo naqueles supostos nos que as características do seu posto prexudiquen ou orixinen un dano na saúde do traballador, coas seguintes particularidades:

-A solicitude poderán facela, tanto o traballador como a Consellería de Medio Ambiente.

-No caso de que a solicitude se leve a cabo por instancia do traballador, o informe médico presentado deberá ser sometido á consideración do equipo médico que efectúe os recoñecementos por instancia da Consellería de Medio Ambiente.

-En todo caso, a adscrición que se autorice será para postos doutra categoría do mesmo ou inferiores grupos en función das vacantes de persoal laboral fixo da Consellería de Medio Ambiente, sempre que reúna os requisitos para o seu desempeño.

-O persoal que se encontre nesta situación será sometido ós controis médicos que establezan os servicios médicos da empresa. De persistir esta situación, estará obrigado a concursar a tódalas vacantes da Consellería de Medio Ambiente nas condicións sinaladas no punto anterior, tendo preferencia para a súa cobertura.

-No caso de adscrición, deixarase de percibi-lo complemento convenio do posto de orixe.

III. Superación periódica das probas de aptitude física que se determinen:

A consellería establecerá sistemas permanentes que faciliten o mantemento físico, incluíndo controis periódicos acordes coa idade e co posto de traballo.

No caso de acreditarse a falta de capacidade, a este persoal, logo de autorización da Dirección Xeral da Función Pública e comunicación ó Comité Intercentros, atribuiráselle, no caso de que haxa vacantes, e mediante adscrición temporal, un posto doutras cate

gorías do mesmo ou inferior grupo, sempre que reúna os requisitos para o seu desempeño. En caso contrario, procurarase que leve a cabo tarefas compatibles coa condición física acreditada.

No prazo máximo de 6 meses, este persoal será sometido novamente ás probas de aptitude física que se determinen. Superadas as probas, volverá ocupa-lo posto orixinario, no caso de que fose adscrito temporalmente. A non superación destas complicará a remoción do seu posto orixinario, a suspensión do seu contrato e o inicio do procedemento de adscrición provisional.

O secretario xeral atribuiralle o desempeño provisional dun posto da Consellería de Medio Ambiente correspondente a outra categoría do mesmo ou inferior grupo, sempre que reúna os requisitos para o seu desempeño.

Este persoal terá preferencia para cubrir, provisional ou definitivamente a través do oportuno concurso de traslados, as vacantes correspondentes a outra/as categorías do mesmo ou inferior grupo, sempre que cumpra os requisitos para o seu desempeño.

Así mesmo o persoal que se encontre nesta situación estará obrigado a participar no devandito concurso e solicitar tódolos postos que se convoquen e se encontren nas condicións citadas. No suposto de incumpri-lo anterior serán declarados de oficio en situación de excedencia voluntaria.

O réxime de excedencia voluntaria do páragrafo anterior será o establecido no convenio único para o persoal laboral da Xunta de Galicia coa particularidade de que a solicitude e a situación de reingreso será conforme as categorías do mesmo ou inferior grupo distintos da categoría de orixe.

IV. Mobilidade xeográfica e funcional:

Este persoal, polas especiais características da actividade que debe desenvolver, considerarase que é especificamente contratado para presta-los seus servicios en lugares ou centros de traballo móbiles ou itinerantes, cando as necesidades de extinción de incendios forestais o precisen. Esta mobilidade xeográfica, para as categorías de peón conductor e non conductor, conductor de autobomba, vixilante móbil, xefe de cuadrilla e técnico forestal comprenderá todo o territorio da Comunidade Autónoma, terá a duración que esixan as citadas necesidades e os gastos que orixinen non darán dereito a ningunha indemnización por correr estes, nas condicións e cos medios fixados pola Administración. Para as categorías de vixilante fixo, emisorista, e operador/codificador de datos comprenderá, en todo caso, o territorio do distrito ou provincia onde se sitúe o lugar ou centro de traballo no que habitualmente preste os seus servicios, sen dereito ó percibo de ningunha indemnización polos

desprazamentos que deban efectuarse a outro lugar ou centro de traballo dentro deste.

Os traballos deste persoal abranguen tódolos propios da súa categoría en relación coa prevención, detección e extinción de incendios forestais así como a realización e mantemento de obras e infraestructuras rela

cionadas cos ditos labores; cando as situacións de risco o permitan, poderán realizar labores silvícolas e ambientais.

V. Xornada de traballo, horario e descansos:

A xornada de traballo deste persoal será a establecida no convenio colectivo único para o persoal laboral da Xunta de Galicia en cómputo anual, polo que poderá ser modificada ou distribuída irregularmente ó longo do ano, en función da especialidade e peculiaridades dos servicios que se van prestar e das necesidades imprevisibles destes. En consecuencia, este persoal realizará o seu traballo entre as 0 e as 24 horas en xornadas partidas ou continuadas e/ou quendas rotativas, de acordo cos horarios que fixe a Administración, nos que se determinarán os efectivos necesarios para atende-los servicios tanto os días laborables como os domingos e festivos durante todo o ano, procurando un descanso diario que permita manter un adecuado nivel físico. O seu computo comezará a contarse a partir do lugar de reunión ou centro de control establecido, tanto para a entrada como para a saída do traballo. En domingos e/ou festivos realizaranse preferentemente tarefas de mantemento, extinción e

vixilancia de incendios.

En calquera caso, este persoal desfrutará dun descanso mínimo semanal de 48 horas consecutivas, que, polo menos, deberá coincidir cun domingo ó mes e tres festivos ó ano.

VI. Vacacións e licencias:

Os períodos de vacacións e o desfrute das licencias e os permisos previstos no convenio colectivo único para o persoal laboral da Xunta de Galicia, estarán subordinadas ás necesidades do servicio.

Nos períodos e tempadas de perigo alto de incendios forestais só se poderán desfrutar aqueles permisos e licencias debidos a circunstancias que non permitan pospoñe-lo seu desfrute.

Respecto ás vacacións, por ter que desfrutarse fóra das épocas de perigo alto de incendios forestais, serán de 30 días laborables, dos que poderán desfrutarse 15 días naturais consecutivos, cun aviso previo dunha semana no caso de ter que modificarse os períodos de desfrute establecidos, e o resto segundo as necesidades do servicio. Así mesmo, poderanse establecer por parte da Administración, uns únicos períodos de desfrute delas por equipos ou grupos de traballadores ou centros de traballo.

VII. Estructura do salario:

As retribucións deste persoal son as reflectidas no punto c.3, estando constituídas polo salario base e o complemento salarial ou complemento do convenio que a continuación se definen.

a) Salario base. É a parte da retribución do traballador/a fixada para a xornada de traballo, en función da sua categoría profesional.

b) Complementos salariais:

1. Complemento de convenio. É o complemento salarial que, na contía que para cada categoría se espe

cifica no dito anexo, con carácter global, fixo e mensual retribúe a totalidade das especiais dificultades, tanto materiais e técnicas como da natureza funcional e ocasional, que esixa o desempeño ou se deriven das características especiais destes traballos, e en concreto: a especial dedicación e a dispoñibilidade polas xornadas extraordinarias e/ou a anticipación ou prolongación das ordinarias que o servicio esixa, e que serán obrigatorias no caso de ter que previr ou reparar sinistros ou outros danos de carácter extraordinario e urxentes, considerándose retribuídas ata un máximo de 55 horas mensuais; o traballo nocturno e en domingos e festivos que como consecuencia do sistema de organización do traballo deban realizarse segundo a tempada; a especial responsabilidade e a especial dirección que comportan determinados postos de traballo; a conducción de vehículos; e a perigosidade, toxicidade e penosidade pola actuación en primeira liña de lume nos labores de extinción de incendios

propiamente dita. A percepción deste complemento salarial único exclúe e impide a percepción de calquera outro complemento salarial ou compensación económica, derivada da prestación de servicios.

2. Antigüidade. Este complemento percibirase conforme o estipulado no convenio colectivo único para o persoal laboral da Xunta de Galicia.

VIII. Deberes específicos:

Ademais dos deberes laborais que teñen os traballadores suxeitos ó convenio colectivo único para o persoal laboral da Xunta de Galicia, este persoal ten especialmente a obriga de cumprir estrictamente os seguintes:

1. Observar en todo caso as específicas medidas de seguridade e hixiene que precisan estes servicios, tanto de forma individual como colectiva, e especialmente as de abstinencia de consumo de substancias que poidan altera-la súa capacidade física ou psíquica, como bebidas alcohólicas ou substancias psicotrópicas, así como a de mante-lo estado físico idóneo para o desenvolvemento do seu traballo.

2. Realiza-lo seu traballo con plena dispoñibilidade e con suxeición ós horarios e reténs establecidos. Neste sentido, deberá acudir ó lugar de reunión ou centro de control fixado para prestación dos servicios extraordinarios nun tempo máximo de 20 minutos.

3. Cumprir con dilixencia as ordes dos seus superiores.

4. Respecta-la disciplina establecida para as transmisións.

5. Conservar en bo estado os materiais e outros bens do servicio que se atopen ó seu cargo. No caso dos vehículos do servicio deberán dedicarse ó cumprimento exclusivo das funcións encomendadas e deberá coidarse do seu mantemento e conservación.

6. Colaborar con calquera outro persoal que realice funcións similares ou relacionadas co servicio encomendado.

7. Asistir a aqueles cursos que se consideren necesarios para o funcionamento do servicio.

O incumprimento destas obrigas será tido en todo caso en conta para a aplicación do réxime disciplinario do convenio colectivo único para o persoal laboral da Xunta de Galicia.

IX. Réxime sancionador:

Para a imposición de sancións por faltas cometidas por este persoal será de aplicación o réxime disciplinario previsto no convenio colectivo único para o persoal laboral da Xunta de Galicia, coas seguintes particularidades:

1. No caso de que os feitos aconsellen acordar preventivamente a suspensión provisional do expedientado, o informe previo en relación coa dita suspensión provisional será emitido polo comité de empresa correspondente no prazo improrrogable de cinco días, contados desde a recepción da petición; no caso de non emitirse neste prazo, terase por cumprido ese trámite.

2. Mediante resolución motivada, a autoridade que ordene a incoación do expediente, á vista da previsible duración do servicio activo do persoal afectado, poderá acorda-la reducción á metade dos prazos previstos no devandito convenio.

X. Xubilación forzosa:

A xubilación deste persoal terá o carácter de forzosa ó cumpri-lo traballador a idade de sesenta e cinco anos.

XI. Exercicio do dereito de folga:

O exercicio do dereito de folga por parte deste persoal estará condicionado ó mantemento dos servicios esenciais de conformidade co disposto no Decreto 155/1988. En consecuencia, de demandalo as necesidades do servicio, poderían ter que presta-los seus servicios tódolos efectivos dispoñibles.

XII. Supletoriedade:

O presente acordo será de aplicación supletoria para o non previsto no Acordo do 28 de xullo de 1995, sobre a aplicación do convenio colectivo único para o persoal laboral da Xunta de Galicia ós traballadores contratados eventualmente para a obra ou servicio determinado do Plan Infoga.

C.2. Definición de categorías.

A creación dun cadro de persoal estable para presta-los seus servicios nos S.D.C.I.F. esixe ter en conta que os postos de traballo, polas súas especificidades, deben ter definidas as súas características, recollendo as distintas tarefas que se van desenvolver, tanto no ámbito da extinción, como no da prevención, segundo as necesidades que en cada momento sexan prioritarias.

Peón de defensa contra incendios forestais.

Persoal que realiza labores que esixen predominantemente esforzo físico, vinculadas ás funcións de defensa contra incendios, ocupándose, así mesmo, de levar a cabo as obras de construcción, mellora e mantemento de infraestructuras da citada defensa. Para tal fin, utilizarán a maquinaria e apeiros de manexo

manual propio das tarefas encomendadas de defensa contra incendios.

Peón conductor de defensa contra incendios forestais.

Persoal que realiza labores que esixen predominantemente esforzo físico, vinculadas ás funcións de defensa contra incendios, ocupándose, así mesmo, de levar a cabo as obras de construcción, mellora e mantemento de infraestructuras da citada defensa. Para tal fin, utilizarán a maquinaria e apeiros de manexo manual propio das tarefas encomendadas de defensa contra incendios e ademais conducirá vehículos dedicados ó transporte das cuadrillas e materiais do servicio.

Vixilante móbil de defensa contra incendios forestais.

Persoal que se ocupa da vixilancia de incendios utilizando os medios de desprazamento postos á súa disposición, dando os oportunos avisos e iniciando as tarefas propias da extinción, no caso de detectar algún incendio. Así mesmo realiza labores que esixen predominantemente esforzo físico, vinculadas ás funcións de defensa contra incendios, ocupándose tamén de levar a cabo as obras de construcción, mellora e mantemento de infraestructuras da citada defensa. Para tal fin utilizarán a maquinaria e os apeiros de manexo manual propios das tarefas encomendadas de defensa contra incendios.

Vixilante fixo de defensa contra incendios forestais.

Persoal que se ocupa da vixilancia de incendios, desde puntos fixos predeterminados, avisando destes mediante a utilización dos medios de comunicación postos á súa disposición. Segundo as situacións de risco, poderá ser destinado a realizar labores de apoio ós emisoristas e mantemento de infraestructuras vinculadas á defensa contra incendios forestais.

Emisorista de defensa contra incendios forestais.

Persoal que está a cargo do sistema de comunicacións utilizado polo servicio, efectuando e recibindo as transmisións correspondentes, levando para o efecto un rexistro no que se farán consta-las comunicacións recibidas e emitidas. Segundo as situacións de risco, poderá ser destinado a realizar outras funcións administrativas vinculadas á defensa contra incendios forestais.

Oficial 2ª mecánico de maquinaria de incendios.

Persoal que, estando en posesión de coñecementos de mecánica, se ocupa das reparacións e mantemento dos vehículos e maquinaria que se poidan realizar cos medios dos parques de maquinaria dos servicios de Defensa contra Incendios Forestais. Así mesmo, deberá conducir vehículos cando o demanden as necesidades do servicio.

Conductor de motobomba de defensa contra incendios forestais.

Persoal que ten como misión principal conduci-los vehículos motobomba do servicio e o mantemento destes en bo estado. Así mesmo poderá levar a cabo

as obras de construcción, mellora e mantemento de infraestructuras vinculadas á defensa contra incendios forestais, manexando para tal fin a maquinaria que demanden as referidas tarefas.

Xefe de cuadrilla de defensa contra incendios forestais.

Persoal que, tendo coñecementos completos dos traballos e obras que se van realizar, ten ó seu cargo de modo persoal e directo a vixilancia e execución das tarefas de prevención e extinción de incendios, responsabilizándose dos medios materiais postos á súa disposición. Será o responsable directo e inmediato do persoal ó seu cargo. Así mesmo deberá conducir vehículos cando o demanden as necesidades do servicio.

Operador-codificador de defensa contra incendios forestais.

Persoal que manexa os medios materiais das oficinas dos servicios de Defensa contra Incendios Forestais, para o tratamento da información, interpretando e desenvolvendo as instruccións e ordes tendentes á execución dos sistemas operativos dos servicios de

Defensa contra Incendios Forestais. Cando as circunstancias o requiran, poderán ser dedicados a outras funcións administrativas vinculadas á defensa contra incendios forestais.

Técnico de defensa contra incendios forestais.

Persoal que, estando en posesión da correspondente titulación, realiza as funcións inherentes a ela, dirixindo os traballos de prevención e extinción de incendios forestais, e facéndose cargo de tódolos medios humanos e materiais postos á súa disposición. Será o responsable do cumprimento da normativa sobre prevención de riscos laborais.

Técnico superior de defensa contra incendios forestais.

Persoal que, estando en posesión da correspondente titulación expedida por unha escola técnica superior desenvolve as funcións propias dela nunha praza que require coñecementos técnicos especializados; así mesmo, realiza calquera outra actividade de similar natureza que se lle poida encomendar e corresponda coa competencia do seu título académico.

C.3. Relación de categorías e táboa salarial 1999.

Categorías e gruposRetribucións (ptas./mes)

Salario baseComplemento do

convenio

Peón de defensa contra incendios forestaisGrupo V, C.14126.43430.122

Peón conductor de defensa c/ incendios F.Grupo V, C.14 a)126.43433.349

Vixilante móbil de defensa c/ incendios F.Grupo V, C.10 a)130.24833.349

Vixilante fixo de defensa c/ incendios F.Grupo V. C.10 b)130.24821.515

Emisorista de defensa contra incendios F.Grupo V, C.10 c)130.24817.212

Oficial 2ª mecánico de maquinaria de Inc.Grupo IV, C.37145.31034.425

Conductor motobomba de defensa c/ Inc. F.Grupo IV. C.33145.31034.425

Operador/codificador datos Defen. Inc. F.Grupo IV. C.32145.3104.303

Xefe de cuadrilla de defensa contra Inc. F.Grupo III, C.100171.48933.349

Técnico forestal de defensa contra Inc. F.Grupo II, C.39213.58039.802

Téncico S.U.P. de defensa contra incendios F.Grupo I, C.38255.81339.802

C.4. Postos que se van crear na R.P.T.

En consecuencia, na relación de postos de traballo da Consellería de Medio Ambiente incluiranse os seguintes postos de traballo:

CategoríaNº efectivos

Técnico forestal Def. c/ Inc. forestais29

Operador/codificador Def. c/ Inc.37

Emisorista Def. contra incendios52

Oficial 2ª mecánico Def. c/ incendios11

Vixilante fixo Def. c/ incendios60

Conductor motobomba defensa c/ incendios82

Xefe cuadrilla Def. contra incendios forestais84

CategoríaNº efectivos

Peón conductor defensa contra incendios forestais82

Peón defensa contra incendios410

Total847

D) Centro de Investigación e Tecnoloxía Ambiental.

As dotacións económicas en materia de investimentos así como as necesidades permanentes demandadas polos centros de investigación da Consellería de Medio Ambiente permiten executar un proceso de consolidación de emprego que reforza a cobertura ordinaria de labores de investigación e desenvolvemento tecnolóxico.

En consecuencia, na relación de postos de traballo da Consellería de Medio Ambiente incluiranse os seguintes postos de traballo:

CategoríaNº efectivos

Técnicos superiores4

Auxiliares de laboratorio1

Peóns5

Total

E) Integración do persoal no ámbito do convenio colectivo único.

As partes asinantes deste acordo comprométense á súa inclusión como condicións de adscrición do persoal a que se refire, con ocasión da súa integración no ámbito do convenio colectivo único.

F) Entrada en vigor do acordo.

O presente acordo de consolidación de emprego público de natureza estructural e permanente, entrará en vigor con efectos do 1 de xaneiro do ano 2000 no que atinxe os postos de traballo pertencentes ós servicios de Montes e Industrias Forestais, servicios de Defensa contra Incendios Forestais e para os técnicos superiores e auxiliares de laboratorio do Centro de Investigación e Tecnoloxía Ambiental.

Polo que respecta ós postos de traballo dos servicios de Medio Ambiente Natural e os peóns do Centro de Investigación e Tecnoloxía Ambiental, o presente acordo entrará en vigor con efectos do 1 de xaneiro do ano 2001.

Santiago de Compostela, 23 de xuño de 1999.