Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 28 Xoves, 10 de febreiro de 2000 Páx. 1.718

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E RELACIÓNS LABORAIS

ORDE do 31 de xaneiro de 2000 pola que se anuncian medidas de apoio á Policía Local de Galicia, consistentes na cesión en propiedade de vehículos especialmente preparados para o exercicio das súas funcións.

A Lei das Cortes Xerais 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases do réxime local, modificada pola Lei 11/1999, do 21 de abril, e a Lei de Galicia 5/1997, do 22 de xullo, de Administración local de Galicia, determinan que o concello exercerá competencias, entre outras materias, na seguridade en lugares públicos.

Así mesmo, a Lei orgánica 2/1986, de forzas e corpos de seguridade do Estado, posibilitou unha ampliación de competencias en favor da Comunidade Autónoma de Galicia en materias non previstas no seu Estatuto de autonomía, entre outras, a coordinación de policías locais.

En consecuencia, e por medio da Lei de Galicia 3/1992, do 23 de marzo, a Comunidade Autónoma procedeu á coordinación das policías locais do seu territorio nos termos establecidos no artigo 39 da Lei orgánica de forzas e corpos de seguridade.

Conforme o Decreto 227/1998, do 10 de xullo, mediante o que se establece a estructura orgánica da Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais, correspóndelle a esta consellería, entre outras competencias, a coordinación das policías locais.

Preténdese, por medio desta orde, dar cumprimento ó mandato imposto polo artigo 4 da referida Lei 3/1992, do 23 de marzo, no sentido de adoptar medidas encamiñadas a logra-la homoxeneización dos medios técnicos das policías locais, regulándose, para tal efecto, o procedemento e os requisitos para a cesión en propiedade de vehículos adecuadamente preparados para o exercicio das súas funcións, nos concellos da Comunidade Autónoma galega que conten cos servicios de policía.

Por todo isto,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto.

A Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais contribuirá ó equipamento dos concellos de Galicia, co fin de aumenta-la eficacia dos servicios de policía local no desenvolvemento das funcións que lle son propias. Para tal fin, cederalles en propiedade vehículos adecuadamente preparados ós concellos que conten cos devanditos servicios, todo isto de conformidade co que establece a disposición adicional décimo primeira da Lei 11/1996, do 30 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para 1997, mediante a que se engadiu o artigo 35.bis á Lei 3/1985, do 12 de abril, do patrimonio da Comunidade Autónoma de Galicia.

Artigo 2º.-Beneficiarios.

Poderán solicita-las subvencións a que se refire esta orde aqueles concellos que cumpran cos seguintes requisitos:

a) Que conten con servicios de policía local, entendida nos termos previstos no artigo 2 da Lei 3/1992, do 23 de marzo, de coordinación das policías locais.

b) Que teñan menos de 30.000 habitantes.

c) Que nos seus orzamentos anuais dispoñan dunha cantidade destinada á materia de policía local.

Excepcionalmente, por concorreren causas motivadas debidamente xustificadas no correspondente expediente, poderán solicita-los beneficios desta orde aqueles concellos que, sen cumpri-los requisitos sinalados, precisen dun vehículo destas características.

Artigo 3º.-Crédito.

Para a consecución do obxectivo ó que se refire esta orde, a Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais destinará ata un límite de trinta millóns de pesetas (30.000.000 de ptas.), con cargo á aplicación orzamentaria 13.02.624.0, programa 123.A, dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma galega para o ano 2000, que se dedicarán á adquisición de vehículos para as policías locais de Galicia.

Artigo 4º.-Iniciación.

1. No prazo de quince días hábiles, contados a partir do seguinte ó da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia, os concellos que reúnan os requisitos ós que se refire o artigo 2º desta orde e que desexen acollerse ós seus beneficios, deberán pre

senta-la solicitude que figura como anexo I no rexistro xeral da Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais, no das delegacións provinciais desta consellería, ou por calquera outro dos medios ós que se refire o artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

2. Xunto coa solicitude presentaranse os seguintes documentos:

2.1. Certificación expedida polo secretario xeral da Corporación relativa ó acordo adoptado polo órgano competente polo que:

a) Se acorda solicita-la cesión en propiedade regulada nesta orde, aceptando integramente os termos e prescricións dela.

b) Facúltase o alcalde do concello para acepta-la cesión en propiedade, no caso de resolución favorable da consellería, nas condicións que sexan establecidas por esta.

2.2. Certificación expedida polo secretario xeral do concello solicitante, que acredite a existencia dun corpo de policía local e/ou axentes auxiliares propios do concello que teñan como función a prestación de servicios de seguridade.

2.3. Memoria na que se recolla a totalidade do material e recursos con que conta a policía local na actualidade.

2.4. Memoria sobre o cadro de persoal da policía local, actualizada ata a data de publicación desta orde, incluíndo as previsións de crecemento, as prazas vacantes existentes e a súa forma de cobertura.

2.5. Cuantificación, por unha parte, dos gastos correntes consignados nos orzamentos municipais do ano 2000 destinados ó funcionamento da policía local e, por outra banda, dos gastos do investimento dirixidos ó mesmo fin.

2.6. Relación das funcións que exerce principalmente a policía local.

2.7. Declaración de conxunto de tódalas solicitudes efectuadas ou concedidas, para un mesmo proxecto, das distintas administracións públicas competentes (acordo do Consello da Xunta de Galicia do 17 de novembro de 1999, no que se establece un mecanismo de seguimento e control da concorrencia e acumulación das axudas públicas nun mesmo proxecto e peticionario e se autoriza a Consellería de Economía e Facenda para o seu desenvolvemento (DOG nº 236, do 9 de decembro).

3. O defecto na solicitude seralles notificado ós interesados pola Dirección Xeral de Xustiza e Administración Local desta consellería, e concederáselles un prazo de dez días para corrixi-los erros ou omisións. Se transcorrido ese prazo non se producise a corrección, as peticións serán arquivadas conforme o disposto na Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Artigo 5º.-Instrucción e resolución.

1. Recibidas as solicitudes e a súa documentación, serán analizadas polos servicios competentes da Dirección Xeral de Xustiza e Administración Local da Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais, emitíndose o correspondente informe.

2. O director xeral de Xustiza e Administración Local elevará a correspondente proposta ó conselleiro de Xustiza, Interior e Relacións Laborais, quen resolverá mediante orde que se publicará no DOG, de conformidade co establecido no artigo 96 bis do Regulamento de patrimonio da Comunidade Autónoma (introducido polo Decreto 238/1998, do 24 de xullo).

Artigo 6º.-Notificación.

1. A orde da consellería seralles notificada ós solicitantes ós que se lles conceda a cesión en propiedade dun vehículo, na forma prevista no artigo 59 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común. Conforme o disposto no artigo 44.1º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificado pola Lei 4/1999, do 6 de xaneiro, de non notificarse resolución no prazo de seis meses contados desde a publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia, os interesados poderán entender desestimadas as súas solicitudes por silencio administrativo.

2. Na notificación das resolucións faranse consta-las seguintes condicións particulares que deberá cumpri-lo concello solicitante:

a) Aboar, en concepto de achega compensatoria, polos gastos derivados do procedemento da cesión, e inherentes á utilización do ben cedido, a cantidade resultante de aplica-la porcentaxe do 20% ó importe unitario de licitación dos vehículos no correspondente procedemento de contratación.

b) Comprometerse a facer fronte ós gastos de seguros, mantemento, conservación e ás indemnizacións derivadas de posibles declaracións de responsabilidade civil ou criminal polo uso dos vehículos, calquera que sexa a súa contía.

c) Acreditación de non ter pendente de pagamento ningunha débeda, por ningún concepto, coa Administración pública da Comunidade Autónoma.

d) Declaración complementaria do conxunto das axudas solicitadas, tanto as aprobadas ou concedidas como as pendentes de resolución, para un mesmo proxecto, das distintas administracións públicas competentes ou calquera dos seus organismos, entes ou sociedades (acordo da Xunta de Galicia do 17 de novembro de 1999. DOG nº 236, do 9 de decembro).

Artigo 7º.-Aceptación.

1. O alcalde do concello beneficiario disporá dun prazo de quince días hábiles, contados a partir da recepción da resolución, para comunica-la aceptación das condicións contidas no punto anterior e face-lo ingreso da cantidade correspondente na entidade financeira que lle designe a Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais.

2. Transcorrido este prazo sen que se comunique a dita aceptación e non se presente o xustificante do depósito, a Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais poderá anula-la resolución.

Artigo 8º.-Criterios de avaliación.

Na avaliación das solicitudes teranse en conta os seguintes aspectos:

a) Relación de necesidades municipais reflectidas na petición.

b) Recursos humanos con que conta a policía local do concello solicitante (postos de traballo cubertos e vacantes), así como, se é o caso, posibles previsións de aumento do cadro de persoal.

c) Recursos materiais con que conta a policía local do concello solicitante, así como, se é o caso, posibles previsións de adquisicións de material con cargo ó orzamento municipal do concello solicitante.

d) Contía da consignación orzamentaria municipal do concello solicitante destinada a gastos correntes vinculados á policía local do concello interesado.

e) Se os concellos solicitantes foron beneficiarios de cesións en anteriores convocatorias destas medidas de apoio ás policías locais de Galicia.

Artigo 9º.-Formalización da cesión.

A cesión formalizarase mediante convenio na que constará o acordo da cesión e a aceptación do cesionario.

Artigo 10º.-Control.

Se os vehículos cedidos non se aplicasen ó fin sinalado ou deixasen de estalo con posterioridade, se se descoidasen ou utilizasen con grave quebrantamento, ou se incumprisen calquera das condicións de cesión, considerarase resolta esta e os bens reverterán á Comunidade Autónoma, que terá dereito a percibir, logo de taxación pericial, o valor dos detrimentos ou das deterioracións que experimentasen.

A Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais estará dotada de facultades de vixilancia e control para comproba-lo cumprimento das obrigas que leva aparelladas a cesión e, de se-lo caso, para a resolución dos expedientes de reversión.

Disposición adicional

A achega compensatoria realizada polo beneficiario segundo o disposto no artigo 6º.2 a) poderá xerar créditos no estado de gastos do orzamento desta consellería, que poderán ser utilizados na adquisición e adxudicación de máis vehículos.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o director xeral de Xustiza e Administración Local para dictar, no ámbito das súas competencias, as resolucións precisas para o desenvolvemento desta orde.

Segunda.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 31 de xaneiro de 2000.

Antonio Pillado Montero

Conselleiro de Xustiza, Interior e Relacións Laborais