Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 28 Xoves, 10 de febreiro de 2000 Páx. 1.717

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE CULTURA, COMUNICACIÓN SOCIAL E TURISMO

ORDE do 24 de xaneiro de 2000 pola que se declara de interese galego a Fundación Instituto de Estudios Políticos y Sociales e se inscribe no Rexistro de Fundacións deste protectorado.

Visto o expediente de recoñecemento de interese galego e a inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego da Fundación Instituto de Estudios Políticos y Sociales, con domicilio na Coruña.

Supostos de feito:

Primeiro.-Antonio Campos Romay, na súa calidade de presidente da fundación, en escrito do 27 de xullo de 1999, formulou solicitude de clasificación para efectos da súa inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego.

Segundo.-A fundación constitúese en escritura pública outorgada na Coruña, o día un de xullo de mil novecentos noventa e nove, ante o notario do Colexio da Coruña José Miguel Sánchez-Andrade Fernández, co número mil douscentos noventa e nove do seu protocolo por José Manuel Álvarez Campana Gallo, Antonio Campos Romay, María Paloma Díaz Andina, José Luis Lorenzo Fernández Nogueira, Antonia María Fraguela Rodríguez, Rufino González Fernández, Laura María Pilar López Marentes, Aurelia Mariño Blanco, José Luis Martín Palacín, Ernesto Pérez Barja, Margarita Ruibal Fontenla, José Raúl Seoane Prieto, José Luis Suárez Cotelo, Carlos Torres Barallobre, José Manuel Trasancos Crespo, Francisco Javier Blanco Rodríguez-Moret, Miguel José Martínez Losada, Carmen López Olmedo, José David Dacosta Herrero, Manuel González Espeso, Carlos Andrés Núñez Tomé y Manuel Regueiro Díaz, que interveñen no seu propio nome e dereito, e Antonio Campos Romay, ademais, en nome e representación da Asociación

Instituto de Estudios Políticos y Sociales. Esta escritura foi emendada por outra posterior con data do 19 de novembro de 1999, outorgada ante o mesmo notario e co número de protocolo dous mil seiscentos vinteoito.

Terceiro.-A comisión integrada polos secretarios xerais de tódalas consellerías elevoulle ó conselleiro da Presidencia e Administración Pública proposta de clasificación como de interese cultural da Fundación Instituto de Estudios Políticos y Sociales, dado o seu obxecto e finalidade, polo que, cumpríndose os requisitos esixidos na Lei 7/1983, do 22 de xuño, e na Lei 11/1991, do 8 de novembro, de reforma da lei anterior, de réxime das fundacións de interese galego, e segundo establece o artigo 32.1º e 2º do Decreto 248/1992, do 18 de xuño, polo que se aproba o Regulamento de organización e funcionamento do protectorado das fundacións de interese galego, procede a súa clasificación como de interese cultural e a súa adscrición á Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo.

Cuarto.-Á vista da proposta da comisión de secretarios xerais pola orde da Consellería da Presidencia e Administración Pública, do 13 de decembro de 1999 (DOG nº 2, do 4 de xaneiro de 2000) clasificouse como de interese cultural a Fundación Instituto de Estudios Políticos y Sociales, tendo en conta o disposto no artigo 32.3º a) do Regulamento de organización e funcionamento do protectorado das fundacións de interese galego.

Quinto.-Segundo consta no artigo 6 dos seus estatutos, o obxecto da fundación é ser foro de debate, reflexión e proposta, contribuíndo a vertebrar unha conciencia colectiva galega e universal capaz de recuperar e promover desde unha actitude ética, todos e cada un dos valores que informan unha sociedade socialmente avanzada e solidamente democrática, baseada no máis profundo respecto á Declaración Universal dos Dereitos Humanos. Fomentará tódalas actividades que sirvan para desenvolver dentro do ámbito da Comunidade de Galicia, os principios de tolerancia, solidariedade e convivencia.

Estas premisas de traballo desenvolveranse a través de conferencias, seminarios, mesas redondas, debates, etc.

Así mesmo, promoverase a publicación de monografías sobre os traballos realizados, así como unha publicación periódica, baixo a denominación Res-Publica Fulget.

Sexto.-Na escritura pública pola que se constitúe a fundación, constan, entre outros, os seguintes puntos: acreditación da personalidade dos fundadores, dotación inicial da fundación, estatutos nos que consta a denominación da fundación como Fundación Instituto de Estudios Políticos y Sociales, capacidade xurídica, enderezo e obxecto.

O padroado da fundación estará constituído polos membros que se designan no artigo 9º dos estatutos da fundación.

Fundamentos de dereito:

Primeiro.-O artigo 34 da Constitución española recoñece o dereito de fundación para fins de interese xeral de acordo coa lei, e o artigo 27.26º do Estatuto de autonomía para Galicia outórgalle competencia exclusiva sobre o réxime das fundacións de interese galego.

Segundo.-Conforme o artigo 32.3º a) do Regulamento de organización e funcionamento do protectorado das fundacións de interese galego, así como o artigo 1 do Decreto 12/1990, é competencia desta consellería a declaración de interese galego e inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego da Fundación Instituto de Estudios Políticos y Sociales, dado o seu obxecto, coincidente coas competencias desenvolvidas pola Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo, asumindo as funcións que en canto a protectorado lle corresponden á Xunta de Galicia.

Terceiro.-Ó abeiro do disposto no artigo 7.5º da Lei 7/1983, do 22 de xuño, á realización da finalidade fundacional débense destinar, cando menos, o oitenta por cento das rendas que obteña a fundación e dos outros ingresos que non formen parte da dotación desta.

Cuarto.-A Lei 11/1991, do 8 de novembro, dá nova redacción ó artigo 21.2º da Lei 7/1983, establecendo a obriga de, por unha banda, formular e presenta-lo orzamento de ingresos e gastos ó protectorado con anterioridade ó inicio do excercicio económico e, por outra, a de efectuar un inventario-balance, pechado na data da finalización do exercicio, unha memoria das actividades realizadas ó longo do ano e de xestión económica do patrimonio, así como a liquidación do orzamento de ingresos e gastos do ano anterior, que deberán presentárselle ó protectorado no prazo de seis meses desde a data do peche do exercicio.

Este conxunto de obrigas débense entender asumidas pola fundación, aínda que non se recollan expresamente nos seus estatutos.

Quinto.-Á vista do exposto pódense entender substancialmente cumpridos os requisitos legais e regulamentarios para a declaración de interese galego e a súa inscrición no Rexistro de Fundacións, Sección de Fundacións da Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo segundo se despren

de dos artigos 5, 6, 7, 8, 11.1º e 18 da Lei 7/1983, en relación cos artigos 2, 3, 4, 5 e 33 do Decreto 248/1992. Por todo isto

DISPOÑO:

Primeiro.-Recoñecer e declarar de interese galego a Fundación Instituto de Estudios Políticos y Sociales.

Segundo.-Ordena-la súa inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego, Sección de Fundacións da Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo.

Terceiro.-Aproba-los seus estatutos e a formación do seu órgano de goberno.

Cuarto.-A dita fundación queda sometida ó disposto no resto da normativa de xeral aplicación, en especial á obriga de da-la publicidade suficiente ás súas actividades e á ausencia de ánimo de lucro na prestación dos seus servicios, quedando obrigada a rende-las contas anualmente ó protectorado e a xustificar, a través dunha memoria anual, o cumprimento das cargas fundacionais, así como a presenta-lo proxecto de orzamento antes do último mes do exercicio económico anterior a aquel para o que se formula, debendo solicita-las preceptivas autorizacións do protectorado cando sexan necesarias.

Santiago de Compostela, 24 de xaneiro de 2000.

Jesús Pérez Varela

Conselleiro de Cultura, Comunicación Social

e Turismo