Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 26 Martes, 08 de febreiro de 2000 Páx. 1.627

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

ESCOLA GALEGA DE ADMINISTRACIÓN PÚBLICA

RESOLUCIÓN do 2 de febreiro de 2000 pola que se convocan unhas Xornadas de estudio sobre o acceso dos cidadáns ós arquivos e rexistros públicos.

Dentro do plan de actividades da Escola Galega de Administración Pública para o ano 2000 e de acordo coas funcións atribuídas pola Lei 4/1987, do 27 de maio, de creación da escola, e pola Lei 10/1989, do 10 de xullo, de modificación da anterior, convócanse unhas Xornadas de estudio sobre o acceso dos cidadáns ós arquivos e rexistros públicos, convocatoria que se desenvolverá conforme as seguintes bases:

1. Obxectivos:

A democracia é liberdade de opinión e, polo tanto, tamén libre acceso á información, presuposto daquela. Por isto, o Estado de dereito, que é o seu garante, precisa funcionar con transparencia. A publicidade é un dos piares sobre os que se asenta o noso sistema de convivencia.

Publicidade e segredo é o tema protagonista destas xornadas. Tratar de establece-los límites do segredo de Estado e das administracións públicas para furgar na vida dos cidadáns, e no dereito destes a se mergullar nos arquivos públicos son, entre outras, as incógnitas ás que lles pretende dar resposta a actividade convocada.

2. Contido:

Trataranse estes temas:

-Publicidade e segredo na Constitución.

-Os segredos de Estado.

-O acceso dos cidadáns ós rexistros administrativos. O dereito dos concelleiros e deputados provinciais a accederen á información e documentos de interese local.

-O acceso ós datos en poder da Administración tributaria.

-O acceso á información xudicial.

-O dereito á intimidade e os rexistros informáticos en mans da Administración.

-O control xudicial do acceso ós arquivos e rexistros administrativos.

3. Destinatarios:

Persoal ó servicio da Xunta de Galicia e da Administración local galega e interesados en xeral.

4. Desenvolvemento:

-Horario: mañá e tarde.

-Lugar e datas: as xornadas convocadas desenvolveranse no salón de actos da Delegación na Coruña da Consellería da Presidencia e Administración Pública (praza de Pontevedra, nº 22, da dita cidade) os días 22 e 23 de febreiro de 2000.

5. Inscrición:

-Prazo: remata o venres, día 18 de febreiro de 2000.

- Tramitación de solicitudes: as solicitudes irán dirixidas ó director da Escola Galega de Administración Pública, polígono das Fontiñas, rúa de Madrid, 2-4 - 15707, Santiago de Compostela, segundo o modelo que figura como anexo a esta convocatoria, e presentaranse no rexistro xeral da EGAP, ou por calquera das formas previstas no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común. Admitiranse tamén inscricións por telefax: 981 54 63 37.

-Número de prazas: limitado á capacidade do local.

-Inscrición fóra de prazo: só se admitirán, de quedaren prazas libres, coa condición de que se cumpran os requisitos xerais antes indicados.

Os peticionarios poderán obter confirmación da súa posible admisión chamando, o día 21 de febreiro, por teléfono, das 10 a 14.45 horas, ós seguintes números: 981 54 62 39/44 ou 981 54 60 40.

6. Modificacións:

A EGAP reserva para si a facultade de interpretar e de resolve-las incidencias que puidesen xurdir no desenvolvemento das xornadas, así como a de cancelalas, se o escaso número de solicitudes non xustificase a súa realización.

7. Certificación de asistencia:

Entregaráselles, ó remate destas xornadas, a aquelas persoas inscritas que concorresen asiduamente a elas, cando a súa asistencia sexa igual ou superior ó 85% das horas lectivas programadas, e expresarase, neste documento, a natureza da actividade e as datas da súa realización.

Santiago de Compostela, 2 de febreiro de 2000.

Domingo Bello Janeiro

Director da Escola Galega de Administración

Pública