Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 25 Luns, 07 de febreiro de 2000 Páx. 1.548

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E RELACIÓNS LABORAIS

ORDE do 29 de decembro de 1999 pola que se regula o réxime de concesión de subvencións ás agrupacións e asociacións de voluntarios de protección civil.

A Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais, a través da Dirección Xeral de Protección Civil, co obxecto de que as asociacións e agrupacións de voluntarios de protección civil poidan levar adiante o seu labor, regula o réxime de concesión de subvencións a estas para o ano 2000, e para tal efecto, no proxecto de Lei dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o 2000 con cargo á aplicación orzamentaria 13.05.231A.480.0 existe partida orzamentaria para as axudas que se establecen na orde, reservándose para tal efecto un crédito de noventa millóns (90.000.000) de pesetas.

Na súa virtude, en uso das facultades que teño atribuídas

DISPOÑO:

Artigo 1º

Serán beneficiarias destas subvencións as asociacións e agrupacións de voluntarios de protección civil de Galicia legalmente constituídas, sen fins de lucro, que no día da publicación desta orde cumpran os seguintes requisitos:

a) Estar inscritas no Rexistro de Agrupacións de Voluntarios de Protección Civil segundo se establece na normativa vixente da Xunta de Galicia en materia de protección civil.

b) Teña dependencia co seu concello respectivo ou mancomunidade de concellos.

Artigo 2º

Aquelas que recibisen subvencións en anos anteriores, para accederen a estas axudas, deberán xustifica-lo seu investimento e liquidación, segundo o que dispón o artigo 78 do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, de tal forma que a non-xustificación do dito investimento e liquidación leva consigo non poder optar ás subvencións nos seguintes exercicios.

Artigo 3º

As axudas que se van outorgar de acordo co indicado nesta orde poderán ser investidas na adquisición de:

1. Vestimenta de protección civil, de acordo co regulamentado nesta materia pola Xunta de Galicia.

2. Material de intervención inmediata e outro que estea relacionado con protección civil (tele-comunicación, mergullo, incendios urbanos, excarceración, busca e rescate de persoas, primeiros auxilios).

3. Equipos persoais de prevención e protección.

4. Equipo, material e caixas de urxencias de primeiros auxilios.

5. Gastos ocasionados durante as actuacións levadas a cabo pola agrupación/asociación en materia de pro

tección civil, así como os ocasionados pola conservación e mantemento da súa base.

6. Pagamento de seguros do voluntariado de protección civil ou outro tipo de seguros relacionados co desenvolvemento do traballo e das tarefas da agrupación de voluntarios de protección civil.

7. Gastos ocasionados pola formación dos seus compoñentes.

Os gastos para xustificar nos puntos 5, 6 e 7 non poderán supera-lo 60% do total da subvención concedida.

Artigo 4º

Os beneficiarios que se indican no artigo 1º que queiran acollerse a esta orde deberán presenta-la solicitude de subvención, segundo o modelo que se indica no seu anexo I, no rexistro das delegacións provinciais da Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais, directamente, ou ben por calquera dos procedementos previstos no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

A correspondente solicitude, dirixida ó director xeral de Protección Civil, presentarase dentro do prazo de trinta días a partir da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia, á que se lle xuntará, necesariamente, a seguinte documentación:

a) Memoria das actuacións levadas a cabo pola agrupación/asociación no ano 1999, integradas no sistema de Protección Civil de Galicia, segundo o anexo III.

b) Relación dos medios que se van adquirir, coa súa orde de prioridades e os seus custos.

c) Fotocopia do NIF ou CIF para as agrupacións ou asociacións de nova creación.

d) Xustificante da entidade bancaria do número de conta que teña aberta esa agrupación.

e) Unha declaración do conxunto de tódalas solicitudes efectuadas ou concedidas, para un mesmo proxecto, das distintas administracións públicas competentes.

Artigo 5º

Unha vez recibida a documentación nas delegacións provinciais, procederase ó seu exame polos Servicios de Protección Civil da provincia correspondente e, no caso de que non se axuste ó que se establece no artigo 4º desta orde, comunicaráselle ó peticionario para que no prazo de dez días, segundo o disposto no artigo 71 da Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, repare os erros ou omisións. De non facelo así, terase por desistido da súa petición, o que se lle comunicará segundo se establece o artigo 42 da Lei 30/1992, do 26 de novembro.

Artigo 6º

1. Cumpridos os requisitos solicitados, os respectivos servicios das provincias remitirán a documentación á que se refire o artigo anterior, xunto co correspondente informe técnico, á Dirección Xeral de Protección Civil.

2. A avaliación da documentación presentada será realizada pola comisión avaliadora, que estará presidida polo director xeral de Protección Civil e formada

polos catro delegados provinciais da Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais e a subdirectora xeral de Protección Civil, actuando como secretario un funcionario proposto polo director xeral de Protección Civil.

Artigo 7º

Estudiada pola devandita comisión a documentación presentada, procederase a redacta-la proposta de concesión de axudas, para o que se valorarán de acordo co establecido nesta orde:

a) Accións de colaboración e información prestada en emerxencias ou urxencias de protección civil requiridas a través da Central de Emerxencias 112 SOS-Galicia ou directamente polos servicios da Dirección Xeral de Protección Civil.

b) Actividades realizadas pola agrupación/asociación, durante o ano 1999, no sistema autonómico de Protección Civil, indicadas na memoria que presenten conforme se establece no artigo 4º.

c) Índices de risco nas zonas de actuación da agrupación/asociación, conforme o establecido no Plan Territorial de Protección Civil de Galicia (Platerga), ou, se é o caso, no Plan de Emerxencia Municipal (Pemu).

d) Ter creada a Xunta Local de Protección Civil, ter elaborado o Plan de Emerxencia Municipal (Pemu) ou telo en elaboración.

e) Participar en plans de protección civil da Comunidade Autónoma de Galicia.

f) Ser de nova creación.

Artigo 8º

A resolución será adoptada polo conselleiro de Xustiza, Interior e Relacións Laborais, conforme a proposta que faga a comisión avaliadora.

Artigo 9º

Os resultados das concesións seranlles comunicados a cada unha das agrupacións e asociacións de voluntarios de protección civil, a través das delegacións provinciais da Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais.

Artigo 10º

Recibida polos beneficiarios a comunicación de concesión de axudas, deberán:

a) Comunicar por escrito a súa aceptación ou renuncia no prazo de 15 días; de non facelo así arquivarase o seu expediente sen máis trámites.

b) Xustifica-lo emprego da subvención mediante o envío das facturas (orixinal e copia, podendo esta última ser copia compulsada) das casas subministradoras de material, conformadas polo presidente da agrupación ou asociación, así como os gastos dos epígrafes 5, 6 e 7 do artigo 3º desta orde, debidamente conformados polo presidente da agrupación ou asociación no prazo de trinta días.

c) Presentar unha declaración complementaria do conxunto das axudas solicitadas, aprobadas ou concedidas pendentes de resolución, para un mesmo proxecto, das distintas administracións públicas competentes ou de calquera dos seus organismos, entes ou sociedades.

Artigo 11º

Posteriormente, unha vez percibido o importe da subvención pola devandita agrupación ou asociación, esta deberá enviar ó Servicio de Protección Civil da provincia que corresponda, no prazo de trinta días, os xustificantes de pagamento ás mencionadas casas subministradoras de acordo coas anteriores facturas, segundo o modelo do anexo II desta orde. Se os pagamentos non se aboan directamente, deberán enviar xustificantes da entidade financeira a través da que se fixo a correspondente transferencia bancaria.

A continuación, o Servicio de Protección Civil da provincia correspondente, unha vez examinada e comprobada toda a documentación requirida e que cumpre co indicado nesta orde, emitirá unha certificación de conformidade da documentación que será remitida, xunto con toda a documentación, á Dirección Xeral de Protección Civil.

Artigo 12º

No caso de incumprimento da obriga de xustificación á que se refire o artigo anterior, ou da finalidade para a que foi concedida, así como no suposto de que resultase que a agrupación non reúne os requisitos esixidos nesta orde e demais disposicións aplicables, procederá ó reintegro a esta Comunidade Autónoma das axudas percibidas e dos xuros.

Artigo 13º

A resolución das solicitudes de subvención notificaráselles a tódolos peticionarios na forma prevista no artigo 59 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das adminsitracións públicas e do prodecemento administrativo común. No caso de que, transcorridos seis meses contados desde a publicación desta orde non se dictase e notificase resolución expresa, os interesados poderán entender desestimadas as súas solicitudes por silencio administrativo.

Disposición adicional

A teor do disposto na orde da Consellería de Economía e Facenda do 11 de febreiro de 1998, pola que se regula a tramitación anticipada de expedientes de gasto, os expedientes de subvención poderán tramitarse como máximo ata o momento inmediatamente anterior ó da disposición ou compromiso de gasto, mentres non resulten aprobados os créditos adecuados e suficientes que amparen o correspondente gasto con cargo ós orzamentos definitivos da Comunidade Autónoma para o ano 2000.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o director xeral de Protección Civil para dictar, no ámbito das súas competencias, as resolucións precisas para o desenvolvemento desta orde.

Segunda.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 29 de decembro de 1999.

Antonio Pillado Montero

Conselleiro de Xustiza, Interior e Relacións

Laborais