Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 25 Luns, 07 de febreiro de 2000 Páx. 1.547

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA

ORDE do 31 de xaneiro de 2000 pola que se modifica a do 20 de decembro de 1999, pola que se anuncian cursos básicos e medios de linguaxe administrativa galega para o persoal das administracións públicas de Galicia.

No Diario Oficial de Galicia número 12, do 19 de xaneiro de 2000, publicouse a Orde do 20 de decembro de 1999, pola que se anunciaban cursos básicos e medios de linguaxe administrativa galega para o persoal das administracións públicas de Galicia.

Ante as dúbidas xurdidas na aplicación do artigo 4.1º, en relación coa interpretación dos parágrafos 2º e 3º do artigo 3; por mor da reestructuración dos cursos de linguaxe administrativa galega motivada polas distintas denominacións dos cursos organizados ata o de agora, e para unha mellor comprensión, cómpre modificar varios artigos da citada orde.

Por todo isto, a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria

DISPÓN:

Artigo 1º

Modifícase a redacción do parágrafo segundo do artigo 1º.1, que queda redactado da seguinte maneira:

«A distribución dos cursos e a súa tipoloxía (básico, medio) dependerá do número de solicitudes e da súa

procedencia xeográfica. O número de asistentes a cada curso oscilará entre 35 persoas como máximo e 20 como mínimo.».

Artigo 2º

Modifícase o segundo parágrafo do artigo 3º.4, que queda redactado como segue:

«-Para os cursos que comezan en outubro, desde o 1 ata o 19 de setembro.».

Artigo 3º

Modifícase o punto 1 do artigo 4º, que queda redactado como segue:

«Os criterios de selección, por analoxía co establecido na letra b) da alínea C) da resolución da Escola Galega de Administración Pública do 27 de xuño de 1994 (DOG nº 149, do 3 de agosto), serán os seguintes:

a) Para os cursos básicos de linguaxe administrativa galega:

1º. A antigüidade na finalización do curso de iniciación á lingua galega.

2º. O menor número de cursos realizados en escolas ou institutos de Administración pública.

3º. Antigüidade na Administración.

Quedarán excluídas aquelas persoas que estean en posesión do certificado de perfeccionamento de lingua galega ou de calquera dos certificados equivalentes, segundo o establecido na orde da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria do 11 de novembro de 1998, pola que se declaran as equivalencias entre distintos cursos e probas de lingua galega (DOG nº 240, do 14 de decembro).

b) Para os cursos medios de linguaxe administrativa galega:

1º. A antigüidade na finalización do curso básico de linguaxe administrativa galega ou o do perfeccionamento da lingua galega.

2º. O menor número de cursos realizados en escolas ou en institutos de Administración pública.

3º. Antigüidade na Administración.

Quedarán excluídas aquelas persoas que estean en posesión do certificado ou diploma dos cursos de linguaxe administrativa, cursos de linguaxe administrativa galega, cursos de linguaxe xurídica galega e cursos de linguaxe xurídica galega para asesores xurídicos da Xunta, expedidos pola Escola Galega de Administración Pública, ou homologados pola Dirección Xeral de Política Lingüística da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, ou de calquera dos certificados a que se refire o artigo 3 da orde da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria do 11 de novembro de 1998.».

Disposicións derradeiras

Primeira.-O prazo de presentación de solicitudes para os cursos que se inicien en abril amplíase a quince días naturais, contados a partir do seguinte ó da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

Segunda.-Esta orde entra en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 31 de xaneiro de 2000.

Celso Currás Fernández

Conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria