Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 24 Venres, 04 de febreiro de 2000 Páx. 1.476

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E RELACIÓNS LABORAIS

ORDE do 29 de decembro de 1999 pola que se anuncian axudas económicas destinadas a subvenciona-la realización de obras e equipamentos por parte das entidades locais de Galicia.

A Lei 5/1997, do 22 de xullo, de Administración local de Galicia establece a obrigatoriedade de prestación de determinados servicios públicos polas entidades locais.

Así mesmo, a devandita lei dispón que as funcións de coordinación e axuda desta Comunidade Autónoma se dirixirán preferentemente a acada-lo obxectivo da prestación homoxénea dos ditos servicios.

Por esta razón, a Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais pretende colaborar coas entidades locais na mellora da calidade de vida local, regulando por medio desta orde os requisitos e o procedemento que se seguirá para a concesión de axudas económicas destinadas á realización de obras e equipamentos locais, necesarios para a prestación dos servicios públicos ós que se refiren os artigos 80 e 81 da Lei 5/1997, do 22 de xullo, de Administración local de Galicia.

A orde da Consellería de Economía e Facenda do 11 de febreiro de 1998, pola que se regula a tramitación anticipada de expedientes de gasto, dispón no seu artigo 1 que, entre outros, os expedientes de gasto imputables ó capítulo VII poderán iniciarse

no exercicio inmediatamente anterior ó dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma, con cargo ós que se vaian imputa-los correspondentes gastos, unha vez aprobado o proxecto de orzamentos polo Consello da Xunta de Galicia.

Por todo isto,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto e beneficiarios.

Por esta orde establécense as bases para conceder subvencións ás entidades locais de Galicia, destinadas á realización das obras e equipamentos locais (bens non consumibles) que sexan necesarios para a prestación dos servicios públicos ós que se refiren os artigos 80 e 81 da Lei 5/1997, do 22 de xullo, de Administración local de Galicia.

Artigo 2º.-Crédito.

Estas subvencións faranse efectivas con cargo á aplicación orzamentaria 13.02.764.0 Programa 123.A, dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2000, ata un límite de cen millóns de pesetas (100.000.000 de ptas.), condicionándose o devandito gasto á existencia de crédito adecuado e suficiente no orzamento do exercicio do ano 2000, neste momento en trámite parlamentario.

A axuda económica que se conceda poderá financiar só ata o 70% do orzamento da obra o equipamento que se vai realizar, correspondendo o financiamento do importe restante á entidade local beneficiaria da subvención.

O importe máximo ó que poderá ascender cada solicitude de subvención será de dous millóns cincocentas mil pesetas (2.500.000 ptas).

Artigo 3º.-Iniciación.

1. Os que desexen acollerse ós beneficios desta orde elevarán petición, por medio de instancia dirixida ó conselleiro de Xustiza, Interior e Relacións Laborais, segundo modelo que figura como anexo I desta orde, e presentarana no rexistro xeral da Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais, no das delegacións provinciais, ou por calquera outro dos medios a que se refire o artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, no prazo de 30 días naturais, contados a partir do seguinte ó da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

2. A entidade local peticionaria xuntará á solicitude a seguinte documentación:

a) Certificación do acordo da entidade local pola que se aproban as obras ou equipamentos que se

van realizar e se aceptan as condicións de financiamento e demais requisitos establecidos nesta orde.

b) Memoria xustificativa da necesidade das obras ou equipamentos para as que se solicita subvención, con expresión da fase, de se-lo caso, a que corresponda.

c) Memoria da obra ou equipamento que se vai realizar. No caso de obra deberáselle xuntar un proxecto técnico e un informe de viabilidade deste asinado polo técnico municipal.

d) Orzamento detallado.

e) Declaración de conxunto de tódalas solicitudes efectuadas ou concedidas, para un mesmo proxecto, das distintas administracións públicas competentes (acordo do Consello da Xunta de Galicia do 17 de novembro de 1999, no que se establece un mecanismo de seguimento e control da concorrencia e acumulación das axudas públicas nun mesmo proxecto e peticionario e se autoriza a Consellería de Economía e Facenda para o seu desenvolvemento. Diario Oficial de Galicia nº 236, do 9 de decembro).

f) A tramitación e adxudicación das obras ou equipamentos será realizada polas entidades beneficiarias conforme a súa propia normativa, dándolle conta deste acto á Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais.

O defecto na solicitude seralles notificado ós interesados pola Dirección Xeral de Xustiza e Administración Local, e daráselles un prazo de dez días para emenda-los erros ou omisións. Transcorrido o dito prazo, se non se producise a dita emenda, as peticións serán arquivadas conforme o disposto na Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Artigo 4º.-Instrucción e resolución.

Recibidas as solicitudes de subvención e a súa documentación, serán analizadas polos servicios competentes da Dirección Xeral de Xustiza e Administración Local, e o director xeral elevaralle a correspondente proposta ó conselleiro de Xustiza, Interior e Relacións Laborais, quen resolverá.

Artigo 5º.-Notificación.

A resolución notificaráselles a tódolos beneficiarios da subvención, na forma prevista no artigo 59 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común. No caso de que, transcorridos seis meses contados desde a publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia, non se dictase

e notificase resolución, os interesados poderán entender desestimadas as súas solicitudes por silencio administrativo.

Artigo 6º.-Aceptación.

1. O presidente da entidade local beneficiaria disporá dun prazo de quince días, contados a partir da recepción da resolución, para comunica-la aceptación das condicións contidas nela.

2. Transcorrido este prazo sen que se comunique a dita aceptación, de non xustificarse suficientemente a concorrencia de circunstancias excepcionais que impidan facelo, a Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais poderá anula-la resolución.

Artigo 7º.-Criterios de avaliación.

Na valoración das solicitudes presentadas polas entidades locais teranse en conta os seguintes aspectos:

a) A necesidade das obras ou equipamentos que se van realizar, apreciadas en razón da súa urxencia.

b) A situación económica da entidade local estimada pola contía do seu orzamento e pola súa situación financeira.

c) A poboación e extensión territorial.

d) O número de núcleos de poboación existentes.

Artigo 8º.-Libramento de fondos.

1. Os beneficiarios das subvencións, unha vez aceptadas estas, quedarán obrigados a destina-los fondos percibidos ó obxecto concreto para o que foron concedidos. A Dirección Xeral de Xustiza e Administración Local da Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais poderá comprobar, cando o considere conveniente, a execución dos proxectos subvencionados.

2. Os beneficiarios da subvención presentarán facturas orixinais ou fotocopia compulsada do gasto, aprobada pola corporación, por triplicado na Dirección Xeral de Xustiza e Administración Local antes do 15 de setembro de 2000, inescusablemente. No caso de subvencionar obra nova, deberase presentar certificación de obra en modelo oficial que figura como anexo II desta orde, xunto á relación valorada, asinada polo técnico corporativo, xunto coa correspondente certificación relativa ó acordo de aprobación pola corporación, expedida polo secretario dela. A Dirección Xeral de Xustiza e Administración Local, de atopar conformes as facturas ou certificacións de obra, proporá o libramento de fondos.

3. Así mesmo, no momento da xustificación da execución total do proxecto e, en calquera caso, antes do derradeiro pagamento, o peticionario presentará unha declaración complementaria do conxunto das axudas solicitadas, tanto as aprobadas ou concedidas como as pendentes de resolución, para un mesmo proxecto, das distintas administracións públicas competentes ou calquera dos seus organismos, entes ou sociedades (acordo da Xunta de Galicia do 17 de novembro de 1999. Diario Oficial de Galicia nº 236, do 9 de decembro).

Artigo 9º.-Control.

No caso de que o beneficiario da axuda incumprise algunha das condicións ou obrigas estipuladas, a Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais anulará os beneficios concedidos e, conforme o disposto no artigo 78.5º do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, solicitará a devolución das cantidades percibidas, se as houbese, xunto cos xuros de demora debidos por eles, segundo o procedemento que establece o Regulamento xeral de recadación; poderase ademais, se procede, instruí-lo correspondente expediente sancionador, conforme o previsto no citado Decreto lexislativo 1/1999 e na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Disposición adicional

A teor do disposto na orde da Consellería de Economía e Facenda do 11 de febreiro de 1998, pola que se regula a tramitación anticipada de expedientes de gasto, os expedientes de subvención poderán tramitarse como máximo ata o momento inmediatamente anterior ó da disposición ou compromiso de gasto, mentres non resulten aprobados os créditos adecuados e suficientes que amparen o correspondente gasto con cargo ós orzamentos definitivos da Comunidade Autónoma para o ano 2000.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o director xeral de Xustiza e Administración Local para dictar, no ámbito das súas competencias, as resolucións precisas para o desenvolvemento desta orde.

Segunda.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 29 de decembro de 1999.

Antonio Pillado Montero

Conselleiro de Xustiza, Interior e Relacións

Laborais