Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 22 Mércores, 02 de febreiro de 2000 Páx. 1.374

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE FAMILIA E PROMOCIÓN DO EMPREGO, MULLER E XUVENTUDE

ORDE do 27 de xaneiro de 2000 pola que se regulan as axudas e subvencións para o fomento do emprego a través dos programas de cooperación con órganos e organismos das administracións públicas distintas da local, universidades e entidades sen ánimo de lucro, para o exercicio do ano 2000.

Mediante o Decreto 289/1997, do 9 de outubro, esta comunidade autónoma asume as funcións e servicios transferidos pola Administración do Estado relativos á xestión realizada polo Instituto Nacional de Emprego no ámbito do traballo, o emprego e a formación e, a través do Decreto 488/1997, do 26 de decembro, polo que se establece a estructura orgánica da Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude, atribúeselle a esta o exercicio das competencias e funcións, entre outras materias, no relativo ás políticas activas de emprego.

Así, corresponde agora, a esta consellería a convocatoria, xestión e control das subvencións e axudas públicas da política de emprego xestionadas anteriormente polo Inem, entre as que están o programa de fomento do emprego no ámbito da colaboración coas entidades locais, cos órganos da Administración xeral do Estado e os seus organismos autónomos, comunidades autónomas, universidades e institucións sen ánimo de lucro, para a contratación de traballadores desempregados para a realización de obras ou servicios de interese social e xeral e o de contratación de axentes de emprego e desenvolvemento local.

Estas medidas de fomento do emprego público dirixidas ás anteditas entidades, ás outras administracións e ás entidades sen ánimo de lucro, agrúpanse,

xa no ámbito competencial da Administración autonómica, baixo a rúbrica de programas de cooperación, respectando, en todo caso, as liñas mestras dos programas estatais dos que traen causa e conceptual e orzamentariamente, os acordos sobre medidas para o crecemento e o emprego en Galicia 1998-2001, rubricados pola Xunta de Galicia, polo Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia, polo Sindicato Unión Xeral de Traballadores de Galicia e pola Confederación de Empresarios de Galicia, o 13 de xullo de 1998.

A filosofía dos denominados programas de cooperación corresponde á necesidade de dar un tratamento global e coordinado ás liñas de fomento do emprego público ou institucional, desde unha perspectiva de dinamización e de xeración de novas actividades no medio rural, con repercusión no emprego e na creación de alternativas de ocupación laboral que, inicialmente impulsadas e subvencionadas pola Administración, sexan capaces de perdurar e de seren mantidas ben por outras instancias da Administración autonómica, ben polas propias entidades afectadas ou ben, na medida do posible, pola propia iniciativa privada, a través do mantemento do emprego xerado a través do mantemento do servicio.

Nesta convocatoria recóllense aquelas liñas de axuda que, integradas nos anteditos programas, se dirixen especificamente ás administracións públicas distintas da local, universidades e entidades sen ánimo de lucro.

Por outra banda, non poden perderse de vista as directrices emanadas do Consello Europeo Extraordinario de Luxemburgo sobre o emprego, relativas á mellora da capacidade de inserción profesional, ó desenvolvemento do espírito de empresa, ó fomento da capacidade de adaptación dos traballadores e das empresas e ó reforzamento da política de igualdade de oportunidades, presentes no deseño dos programas regulados nesta orde, e que deben materializarse cando se realice a selección das entidades beneficiarias e dos desempregados participantes en cada unha das accións concretas ás que a esta dea lugar.

Noutra orde de cousas, esta convocatoria axústase ó disposto no Decreto 377/1998, do 23 de decembro, polo que se establece o réxime xeral das axudas e subvencións da Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude, en materia de medidas activas de emprego, no texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, e, en concreto, no relativo ós principios de obxectividade, concorrencia e publicidade na concesión das axudas e subvencións e ó disposto na Lei 7/1999, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2000.

De conformidade co previsto no citado texto refundido, o financiamento dos programas regulados nesta orde, entre outros, realizarase con cargo ós créditos que figuran na aplicación orzamentaria 14.04.241A.482.0. por un importe total de 767.895.000 ptas.

Os ditos créditos poderán ser obxecto de modificacións como consecuencia da asignación ou da redistribución de fondos para o financiamento dos pro-

gramas de fomento do emprego, coas limitacións que estableza a Conferencia Sectorial de Asuntos Laborais ou polas disposicións aplicables ás axudas cofinanciadas polo Fondo Social Europeo, todo iso no marco dos acordos para o crecemento e o emprego en Galicia 1998-2001.

Consecuentemente con todo o anterior, consultado o Consello Galego de Relacións Laborais, logo do informe favorable da Asesoría Xurídica e da Intervención Delegada e no exercicio das facultades que me confire o artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente,

DISPOÑO:

Capítulo I

Disposicións comúns

Artigo 1º.-Finalidade.

Esta orde ten por finalidade a definición e regulación dos distintos programas de axudas da Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude que, baixo a rúbrica xeral de programas de cooperación, están destinadas ó financiamento de accións de fomento de emprego no ámbito da colaboración con órganos e organismos das administracións públicas distintas da local, universidades e entidades sen ánimo de lucro.

Artigo 2º.-Liñas de axuda.

Dentro dos programas de cooperación, a Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude subvencionará as entidades que, estando previstas nos artigos 10º e 19º, contraten, respectivamente, traballadores desempregados para a realización de obras e servicios de interese xeral e social e axentes de emprego.

Artigo 3º.-Contía.

1. A contía da subvención equivalerá ós custos salariais totais que se especifican na alínea 3 do presente artigo, incluída a cotización empresarial á Seguridade Social por tódolos conceptos.

2. A contía máxima da subvención que percibirán as entidades beneficiarias será igual ó resultado de multiplica-lo número de traballadores desempregados contratados polo número de meses de duración do contrato e polo importe do módulo que lle corresponda en función do grupo de cotización á Seguridade Social do traballador contratado, conforme o establecido no parágrafo seguinte.

A citada contía máxima reducirase proporcionalmente en función da xornada realizada, cando os contratos se concerten a tempo parcial.

3. Os módulos correspondentes a cada grupo de cotización dos traballadores contratados serán os seguintes:

Módulo A: os custos salariais totais ascenderán ó salario mínimo interprofesional mensual, vixente cada ano, maila parte proporcional das pagas extraordinarias e a correspondente cotización empresarial á Seguridade Social por tódolos conceptos que corres

ponde ó dito salario mínimo por cada traballador contratado nos grupos de cotización da Seguridade Social 10 e 11.

Módulo B: os custos salariais totais ascenderán a dúas veces o salario mínimo interprofesional mensual vixente en cada ano, maila parte proporcional das pagas extraordinarias e a correspondente cotización empresarial á Seguridade Social por tódolos conceptos por cada traballador contratado dentro do grupo de cotización da Seguridade Social, 9 ó 5, ambos inclusive.

Módulo C: os custos salariais totais ascenderán a tres veces o salario mínimo interprofesional mensual vixente en cada ano, maila parte proporcional das pagas extraordinarias e a correspondente cotización empresarial á Seguridade Social por tódolos conceptos por cada traballador contratado dentro do grupo de cotización da Seguridade Social, 4 ó 1, ambos inclusive.

4. Se a entidade solicitante percibise algunha outra subvención para man de obra, outorgada por outras administracións ou entes públicos ou privados, a cantidade resultante non poderá superar, conxuntamente coa subvención da Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude, o custo total da contratación, incluídas as cotizacións á Seguridade Social.

5. As axudas previstas nesta orde financiaranse con cargo á aplicación orzamentaria 14.04.241A.482.0.

Artigo 4º.-Solicitudes.

1. As entidades que, estando previstas nos artigos 10º e 19º, pretendan beneficiarse destas subvencións, deberán formaliza-la correspondente solicitude nos modelos que se publican como anexos a esta orde, de acordo co disposto no artigo 70 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, que estarán ó seu dispor nas oficinas de emprego e nas delegacións provinciais da Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude, subscrita polo titular ou representante legal da entidade, debidamente acreditado. A solicitude deberá ir acompañada da documentación que para cada programa se especifica en cada un dos capítulos desta orde.

2. As solicitudes dirixiranse á Dirección Xeral de Fomento do Emprego da Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude e presentaranse por calquera das formas previstas no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro.

3. O último día hábil do prazo para a presentación de solicitudes será o día 30 de setembro do ano 2000.

Artigo 5º.-Procedemento.

1. No suposto de que a solicitude non reúna os requisitos sinalados no artigo anterior ou a documentación achegada contivese erros ou sexa insuficiente, o órgano competente para instruí-lo procedemento, requirirá o solicitante para que, nun prazo non superior a dez días, emende a falta ou achegue os documentos preceptivos, con indicación de que, se así non o fixese,

se considerará que desistiu da súa petición, logo da correspondente resolución ó abeiro do disposto no artigo 71 da Lei 30/1992, do 26 de novembro.

2. Os expedientes, unha vez completos, remitiránselle á comisión de valoración para o seu estudio e proposta de resolución.

3. Para os efectos previstos nesta orde, a comisión de valoración estará composta polo subdirector xeral de Escolas Obradoiro e Programas de Cooperación, que a presidirá, e serán vocais o xefe do Servicio de Programas de Cooperación e un funcionario adscrito ó servicio, actuando este último como secretario.

Artigo 6º.-Resolución.

1. Dentro dos seis meses seguintes á entrada da solicitude no rexistro do órgano competente para resolver, logo da acta da comisión de valoración e fiscalizada a proposta da concesión de subvención pola Intervención Delegada, o director xeral de Fomento do Emprego, por delegación da conselleira de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude dictará a resolución que proceda, que lles deberá ser notificada ós interesados. Transcorrido o devandito prazo sen que se dictase resolución expresa, as solicitudes entenderanse desestimadas.

2. As resolucións dos expedientes instruídos ó abeiro do disposto nesta orde esgotan a vía administrativa, polo que contra elas poderá interpoñerse recurso contencioso-administrativo perante o órgano xurisdiccional competente, na forma e prazos previstos no artigo 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdicción contencioso-administrativa.

Potestativamente, e con anterioridade á interposición do antedito recurso contencioso-administrativo, poderá interpoñerse o recurso de reposición ante a conselleira de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude, na forma e prazos establecidos nos artigos 116 e 117 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificado polo artigo 31 da Lei 4/1999, do 6 de xaneiro, sen prexuízo da interposición de calquera outro recurso que se considere oportuno para a defensa dos dereitos e intereses das entidades solicitantes e outros posibles interesados.

Artigo 7º.-Pagamento.

1. O aboamento da subvención farase efectivo unha vez cumprido o obxecto para o que foi concedida, o que se xustificará mediante a presentación da seguinte documentación:

a) Orixinais ou copias compulsadas dos contratos de traballo formalizados e debidamente rexistrados.

b) Orixinais ou copias compulsadas dos partes de alta na Seguridade Social.

c) Un certificado do órgano competente da entidade beneficiaria no que consten, de conformidade co previsto no convenio colectivo que sexa de aplicación, as retribucións dos traballadores, en cómputo mensual, desagregadas por conceptos, incluída a parte proporcional das pagas extraordinarias e mailas cotizacións á Seguridade Social.

d) A certificación prevista no artigo 13º.3 desta orde, relativa á selección e contratación de traballadores.

e) Así mesmo, a entidade beneficiaria da subvención deberá presentar unha declaración do conxunto de tódalas solicitudes efectuadas ou concedidas para a mesma finalidade das distintas administracións públicas competentes.

2. A documentación xustificativa deberá remitirse á Dirección Xeral de Fomento do Emprego no prazo dun mes desde o inicio da obra ou servicio, agás autorización expresa da súa ampliación por aquela.

Artigo 8º.-Obrigas dos beneficiarios das axudas e subvencións.

1. As entidades beneficiarias das axudas e subvencións previstas nesta orde estarán obrigadas a:

a) Realiza-la actividade ou adopta-lo comportamento que fundamenta a concesión da subvención.

b) Acreditar ante a Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude a realización da actividade ou a adopción do comportamento, así como o cumprimento dos requisitos ou condicións que determinan a concesión ou desfrute da axuda.

c) O sometemento ás actuacións de comprobación e control que poida efectua-la Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude e a Inspección de Traballo e Seguridade Social, ás de control financeiro que correspondan á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, ás previstas na lexislación do Tribunal de Contas e do Consello de Contas e ás que lle poidan corresponder, se é o caso, á Comisión e ó Tribunal de Contas da Unión Europea.

d) Comunicarlle á Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude a obtención doutras subvencións ou axudas para a mesma finalidade, procedentes de calquera outra Administración ou ente público nacional ou internacional, no momento da solicitude e no da xustificación previa ó pagamento.

e) Identificar convenientemente, para os efectos de difusión pública, as obras e servicios que se realicen.

f) Cumpri-las demais obrigas que se poidan derivar da normativa de desenvolvemento desta orde.

2. O incumprimento total ou parcial das obrigas, condicións ou finalidades establecidas nesta orde ou na normativa que a desenvolva, dará lugar ó reintegro total ou parcial, segundo proceda, da axuda ou subvención percibida e mailos intereses de demora nas condicións e de conformidade co establecido no texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, sen prexuízo do establecido na Lei 8/1988, do 7 de abril, sobre infraccións e sancións na orde social.

Capítulo II

Das subvencións para a contratación

de desempregados para a realización de obras

e servicios de interese xeral e social

Artigo 9º.-Obxecto.

1. Este programa ten por obxecto o fomento do empego, no ámbito da colaboración con órganos e organismos das administracións públicas distintas da local, universidades e entidades sen ánimo de lucro, a través da subvención da contratación de traballadores desempregados para a realización de obras ou servicios de interese xeral e social.

2. A contía da subvención equivalerá ós custos salariais, nos termos establecidos no artigo 3º, dos traballadores contratados ó abeiro desta orde.

Artigo 10º.-Beneficiarios das axudas e subvencións.

Poderán ser beneficiarios da subvención os órganos e organismos das administracións públicas distintas da local, universidades e entidades sen ánimo de lucro que se obriguen á contratación de traballadores desempregados para a execución de obras ou a prestación de servicios de interese xeral e social e que dispoñan de recoñecida solvencia e capacidade técnica e de xestión suficientes para a correcta execución do correspondente proxecto.

Artigo 11º.-Requisitos e criterios para a selección das obras e servicios.

1. As obras e servicios que se vaian realizar deberán cumpri-los seguintes requisitos:

a) Que sexan executados ou prestados polas entidades beneficiarias en réxime de administración directa.

b) Que na súa execución ou prestación, se favoreza a formación e práctica profesionais dos desempregados.

c) Que se executen ou presten dentro do ano natural no que se outorgue a subvención, agás que por causas debidamente xustificadas, o órgano competente para resolver autorice que poidan quedar rematadas dentro dos catro primeiros meses do exercicio orzamentario seguinte.

2. De entre as obras e servicios que cumpran os anteditos requisitos, farase unha selección dando maior preferencia a:

a) Os proxectos que, na súa realización, permitan e apoien a creación permanente de maior número de postos de traballo estables.

b) Os proxectos que acrediten un maior nivel de inserción laboral, ben mediante a incorporación directa dos traballadores á entidade beneficiaria á finalización do proxecto ou no prazo que se acorde entre a entidade beneficiaria e o órgano competente para resolver ou calquera outra fórmula de previsión para a inserción laboral que, sendo obxectivable, este considere suficiente.

c) Os proxectos que fomenten a xeración de novas actividades ligadas ó territorio e á creación de novas alternativas de emprego e ocupación laboral.

d) Os proxectos que teñan un ámbito de actuación superior ó municipal e impliquen, no seu deseño e execución, a outros organismos ou entidades do contorno, así como ós actores sociais presentes no territorio.

e) Os proxectos de maior interese xeral e social.

3. En ningún caso, serán obxecto de subvención aquelas solicitudes presentadas polas institucións sen ánimo de lucro coa finalidade de executar obras.

Artigo 12º.-Requisitos e criterios para a selección dos traballadores.

1. Os traballadores que sexan contratados para a realización das obras e servicios polos que se outorgue a subvención deberán ser desempregados inscritos no Servicio Público de Emprego de Galicia.

2. As entidades beneficiarias da subvención solicitarán os traballadores desempregados necesarios mediante a presentación de oferta de emprego no Servicio Público de Emprego de Galicia, nos modelos normalizados para o efecto, facendo referencia ós requisitos e características que deben reuni-los traballadores que se contratarán para o adecuado desempeño das funcións inherentes ós postos de traballo ofertados, debendo presentarse unha por cada categoría profesional dentro de cada ocupación.

A oferta, na súa formulación, non poderá conter elementos que poidan servir de base para calquera tipo de discriminación que non responda ós criterios preferenciais establecidos no parágrafo seguinte.

3. Recibida a oferta realizarase unha sondaxe de demandantes en función das características dela, proporcionando, de ser posible, o número de candidatos por posto de traballo que solicite a entidade beneficiaria, que en ningún caso poderá ser inferior a dous, de acordo cos seguintes criterios:

a) Maior adecuación ó posto de traballo ofertado.

b) Condición de discapacitado do demandante de emprego.

c) Nivel de protección por desemprego dos posibles beneficiarios.

d) Existencia de responsabilidades familiares, entendéndose por estas ter a cargo do traballador desempregado que se contrata o cónxuxe, fillos menores de vinteseis anos, maiores incapacitados ou menores acollidos.

e) Idade e condición de muller.

4. Cando as obras ou servicios que se vaian realizar sirvan para complementar ou remata-los traballos dunha escola obradoiro de duración inferior a 24 meses, daráselles preferencia ós traballadores desempregados que participasen naquela.

5. Os candidatos serán remitidos á entidade beneficiaria co fin de que esta realice a selección definitiva, que lle deberá ser notificada ó Servicio Público de Emprego de Galicia.

Artigo 13º .-Contratación dos traballadores.

1. Seleccionados os traballadores na forma prevista no artigo anterior, a entidade beneficiaria procederá á súa contratación nos termos expresados na solicitude en relación coa resolución de concesión das axudas.

2. Os contratos de traballo subscritos cos traballadores seleccionados rexistraranse na oficina de emprego correpondente coa indicación de programas de cooperación Xunta de Galicia-outras administracións ou entidades; deberá incluírse, en cada contrato, o código reflectido na resolución de concesión das axudas.

3. A entidade beneficiaria remitiralle á Dirección Xeral de Fomento do Emprego, no prazo e xunto coa documentación prevista no artigo 7º desta orde, unha certificación na que consten os seguintes extremos:

a) A formulación da correspondente oferta no Servicio Público de Emprego de Galicia.

b) A relación nominal de traballadores desempregados facilitados polo Servicio Público de Emprego de Galicia.

c) A relación nominal dos traballadores seleccionados e contratados.

Artigo 14º.-Documentación.

O modelo de solicitude das axudas e subvencións previstas neste capítulo, que se publica como anexo I a esta orde, deberá ir acompañado da seguinte documentación que se presentará por exemplar duplicado:

a) Acreditación da representación que desempeña a persoa que asina a solicitude e, no caso de entidades sen ánimo de lucro, ademais fotocopias compulsadas do seu documento nacional de identidade e da documentación do apoderamento.

b) Fotocopia compulsada da tarxeta de identificación fiscal da entidade solicitante.

c) Fotocopia compulsada da escritura pública e dos estatutos de constitución da entidade solicitante nos que resulte acreditada a ausencia de ánimo de lucro, para os supostos nos que tivese esa natureza.

d) Se é o caso, proxecto global do conxunto de plans de obras e servicios que se van realizar, no modelo que se publica como anexo II.

f) Unha memoria de cada obra ou servicio que se vai realizar, no modelo que se publica como anexo III, acompañada do proxecto e planos cando o tipo de obra así o esixa.

g) Así mesmo, a entidade solicitante deberá presentar unha declaración do conxunto de tódalas solicitudes efectuadas ou concedidas para a mesma finalidade das distintas administracións públicas competentes.

Artigo 15º.-Inicio das obras ou servicios.

A obra ou servicio iniciarase no prazo de trinta días naturais, contados a partir da data prevista na resolución. Non obstante, cando concorran causas debidamente xustificadas, o director xeral de Fomento do Emprego poderá autoriza-lo inicio da obra ou servicio con posterioridade ó devandito prazo.

Artigo 16º.-Contido da resolución.

A resolución administrativa que poña fin ó expediente conterá, como mínimo, os seguintes elementos:

a) Denominación da obra ou servicio aprobado.

b) Denominación do proxecto global.

c) Duración e data de inicio.

d) Contía da subvención que se vai outorgar.

e) Categoría profesional dos traballadores que se van contratar así como a modalidade contractual que se pretenda utilizar.

f) Localización xeográfica provincial da realización da obra ou servicio.

g) Código que se vai incluír nos contratos para a súa posterior mecanización e rexistro para os efectos estatísticos.

Artigo 17º.-Seguimento e publicidade.

1. No prazo dun mes desde o remate da obra ou servicio subvencionado, a entidade beneficiaria remitiralle á Dirección Xeral de Fomento do Emprego un informe pormenorizado sobre as obras ou servicios realizados, características dos contratos celebrados e práctica profesional adquirida polos traballadores contratados, así como sobre as súas perspectivas de inte

gración laboral, reintegrando, se é o caso, as cantidades non aplicadas á actividade subvencionada.

2. Para os efectos de difusión pública, no lugar onde se realicen as obras ou servicios, deberá figurar, de forma visible, cartel publicitario, no que constará o cofinanciamento pola Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude da Xunta de Galicia e polo Fondo Social Europeo.

Capítulo III

Das subvencións para a contratación

de axentes de emprego

Artigo 18º.-Obxecto.

1. Este programa ten por obxecto a subvención da contratación de axentes de emprego a tempo completo e por un período dun ano, que pode ser prorrogado por un ou dous anos máis, para a realización de funcións relacionadas coa dinamización e xeración de novas actividades, colaborando na implantación das políticas activas de emprego relacionadas coa creación de actividade empresarial, desenvolvéndose a antedita colaboración no marco de actuación conxunta e acordada da entidade contratante e a Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude.

Os axentes de emprego realizarán as seguintes funcións:

a) Prospección de recursos ociosos ou infrautilizados e de proxectos empresariais.

b) Difusión e estímulo das potenciais oportunidades de creación de actividades entre desempregados, promotores, emprendedores e institucións colaboradoras.

c) Acompañamento técnico na iniciación de proxectos empresariais para a súa consolidación en empresas xeradoras de novos empregos, asesorando e informando sobre a viabilidade técnica, económica e financeira e, en xeral, sobre os plans de lanzamento das empresas.

d) Apoio ós promotores das empresas, unha vez constituídas estas, acompañándoos tecnicamente durante as primeiras etapas de funcionamento.

2. A contía da subvención equivalerá ós custos salariais dos traballadores contratados ó abeiro desta orde, nos termos establecidos no artigo 3º.

Artigo 19º.-Beneficiarios.

Poderán ser beneficiarios da subvención os órganos e organismos das administracións públicas distintas da local, universidades e fundacións constituídas por achegas dunha Administración pública ou que esta forme parte dos seus órganos de goberno ou dirección, que se obriguen á contratación de axentes de emprego, para a realización das anteditas funcións e que dispoñan de recoñecida capacidade técnica e de xestión suficientes para a execución do correspondente proxecto.

Artigo 20º.-Selección dos axentes de emprego.

1. Para a selección dos axentes de emprego crearase un grupo mixto de traballo presidido pola persoa que designe a Dirección Xeral de Fomento do Emprego. Este grupo de traballo establecerá os criterios e o procedemento para a realización da selección procurando a maior adecuación ó posto de traballo, tendo en conta que os seleccionados deben ser desempregados.

2. Na selección dos axentes de emprego será requisito imprescindible que os candidatos teñan superado con éxito o segundo ou primeiro ciclo dalgún dos seguintes estudios universitarios: economía, administración e dirección de empresas, socioloxía, dereito, ciencias políticas e da administración, enxeñería de montes ou agrónoma, ciencias empresariais ou relacións laborais.

3. Os contratos de traballo subscritos cos traballadores seleccionados rexistraranse na oficina de emprego correspondente coa indicación de programas de cooperación Xunta de Galicia-outras administracións ou entidades.

Artigo 21º. -Documentación.

O modelo de solicitude das axudas e subvencións previstas neste capítulo, que se publica como anexo I a esta orde, deberá ir acompañado da seguinte documentación que se presentará por exemplar duplicado:

a) Certificación do órgano competente da entidade solicitante na que conste a representación que desempeña a persoa que asina a solicitude.

b) Fotocopia compulsada da tarxeta de identificación fiscal da entidade solicitante.

c) Fotocopia compulsada da escritura pública e dos estatutos de constitución da entidade solicitante.

d) Unha memoria, no modelo que se publica como anexo IV, fundamentando a solicitude, incluíndo unha descrición dos obxectivos perseguidos coa contratación e as tarefas que vai desempeña-lo axente de emprego.

e) Así mesmo, a entidade solicitante deberá presentar unha declaración do conxunto de tódalas solicitudes efectuadas ou concedidas para a mesma finalidade das distintas administracións públicas competentes.

Artigo 22º.-Prórroga da subvención.

1. As entidades beneficiarias no exercicio de 1999 dunha subvención para a contratación dun axente de emprego poderán solicitar á Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude a prórroga da subvención concedida por cada axente contratado con dous meses de antelación á finalización do contrato vixente, no modelo que se publica como anexo V, achegando coa solicitude unha memoria das actividades desenvolvidas por cada axente, valorando especialmente a xeración de iniciativas empresariais e o número de postos de traballo creados como consecuencia da súa actuación, especificando os obxectivos que se vaian levar a cabo no período para o que se solicita a prórroga e o tempo estimado da súa execución.

Así mesmo, a entidade solicitante deberá presentar unha declaración do conxunto de tódalas solicitudes efectuadas ou concedidas para a mesma finalidade das distintas administracións públicas competentes.

2. A resolución que, se é o caso, aprobe a concesión da prórroga poderá ter efectos retroactivos, sempre que non sexa interrompida a contratación e a prestación de servicios polo axente.

Artigo 23º.-Seguimento.

No mes seguinte ó da finalización dos seis primeiros meses, as entidades beneficiarias deberán remitirlle á Dirección Xeral de Fomento do Emprego unha memoria descritiva das actividades realizadas polos axentes de emprego nese período.

Disposicións adicionais

Primeira.-A concesión das axudas e subvencións previstas nesta orde estará supeditada á existencia de crédito orzamentario, tendo como límite global o crédito consignado na aplicación 14.04.241A.482.0. dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2000, fixado na exposición de motivos desta disposición.

Segunda.-Apróbase a delegación de atribucións da conselleira de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude no director xeral de Fomento do Emprego para resolve-la concesión ou denegación das axudas e subvencións previstas nesta orde, así como para autoriza-los gastos e propoñe-la ordenación dos correspondentes pagamentos.

Terceira.-Se por calquera causa, no momento no que a comisión de valoración teña que examina-las solicitudes de subvención, algún dos seus compoñentes non puidese asistir, será substituído pola persoa que para o efecto se designe, que será da mesma categoría có membro substituído.

Cuarta.-As entidades que percibisen ó abeiro da Orde do 2 de febreiro de 1999 subvención para a contratación de traballadores desempregados para a prestación de servicios relacionados coa dinamización e xeración de novas actividades con repercusión na creación de postos de traballo como consecuencia da súa actuación, poderán solicita-la correspondente prórroga para o ano 2000, no prazo establecido no artigo 4º.3 desta orde. A resolución que, se é o caso, aprobe a concesión da subvención para o ano 2000 poderá ter efecto retroactivo, sempre que non se interrompese a contratación e a prestación de servicios polos traballadores obxecto da subvención.

Quinta.-A Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude poderá asinar convenios de colaboración con órganos e organismos das administracións públicas distintas da local ou coas universidades galegas que contraten a prestación de servicios de interese xeral e social que favorezan a posta en marcha de iniciativas de emprego e de entidades de economía social.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Autorízase o director xeral de Fomento do Emprego para dictar, no ámbito das súas competencias, as disposicións necesarias para a aplicación e desenvolvemento desta orde.

Segunda.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia. Santiago de Compostela, 27 de xaneiro de 2000.

Manuela López Besteiro

Conselleira de Familia e Promoción do Emprego,

Muller e Xuventude